O Centro Ramón Piñeiro acolle un Seminario/Workshop internacional centrado na literatura infantil e xuvenil do Século XXI

Nel participarán, entre hoxe e mañá, expertos dos ámbitos galego, portugués, brasileiro, catalán, éuscaro, castelán e mexicano

A primeira xornada de traballo contou coa asistencia dos secretarios xerais de Política Lingüística e de Cultura

Lun, 08/07/2013 - 19:36
Valentín García e Anxo Lorenzo no seminario sobre migracións e literatura
Valentín García e Anxo Lorenzo no seminario sobre migracións e literatura

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acolle entre hoxe e mañá o “Seminario/Workshop internacional: inmigración/emigración e identidade na literatura infantil e xuvenil. Século XXI”. Faino no marco da participación deste centro de investigación adscrito á Secretaría Xeral de Política Lingüística na Rede Temática de Literaturas Infantís e Xuvenís do Ámbito Ibérico e Iberoamericano, ao abeiro do proxecto “Literatura Infantil e Xuvenil”, que coordina a profesora e investigadora do CRPIH Ana Blanca Roig Rechou.

Á primeira xornada de traballo, que se desenvolveu na sede do CRPIH, asistiron os secretarios xerais de Política Lingüística e de Cultura, Valentín García e Anxo Lorenzo, respectivamente. No encontro científico anual participan expertos en literatura infantil e xuvenil dos ámbitos galego, portugués, brasileiro, catalán, éuscaro, castelán e mexicano.

Canda á mencionada Rede Temática de Literaturas Infantís e Xuvenís do Ámbito Ibérico e Iberoamericano e o CRPIH, tamén participa nel o Grupo de Investigación LITER21 da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O programa completo do Seminario/Workshop pódese ver no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/arquivos/IIworkshop2013.pdf.

Influencia das literaturas na formación lectora e premios

A Consellería de Cultura e Educación, por medio do CRPIH, tamén organiza esta semana -en colaboración co Grupo de Investigación LITER21 e mais coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega- a X edición do curso de literaturas infantís e xuvenís que ofrece a USC dentro da súa oferta de formación continua. Desta volta, o curso conta con sesións virtuais e presenciais que teñen como fin afondar na potencialidade destas literaturas na educación lectora e mais nos certames literarios e de ilustración no marco ibérico e iberoamericano.

Durante as sesións presenciais, que se desenvolverán en Santiago de Compostela desde mañá ata o venres -na Biblioteca Novacaixagalicia- os membros da Rede Temática de Literaturas Infantís e Xuvenís do Ámbito Ibérico e Iberoamericano ofrecerán cadansúa panorámica en relación a estes aspectos nos seus respectivos sistemas literarios, así como reflexións arredor das estratexias e perspectivas de futuro.

O programa completo deste X curso de perfeccionamento “As literaturas infantís e xuvenís ibéricas e iberoamericanas. A súa influencia na formación lectora. Os premios literarios e de ilustración”, no hai máis de 60 persoas matriculadas, está accesible no enlace web www.xunta.es/linguagalega/arquivos/X%20CursoFormacionXullo2013.pdf.

Proxectos de investigación literaria do Centro Ramón Piñeiro

A Rede Temática de Literaturas Infantís e Xuvenís do Ámbito Ibérico e Iberoamericano intégraa un grupo de investigación interdisciplinar (formado por docentes de dez universidades de España, catro de Portugal e catro de Iberoamérica) que estuda a produción, recepción e mediación das lecturas textuais e visuais destinadas á infancia e á xuventude, aínda que non exclusivamente. Creouse no ano 2004 a raíz do primeiro encontro de investigadores do marco ibérico, que organizou o CRPIH.

O centro de investigación adscrito á Secretaría Xeral de Política Lingüística desenvolve actualmente varios proxectos centrados na literatura, entre os que cabe destacar o de Informes de literatura (un observatorio da literatura galega que acolle a produción anual de e sobre narrativa, poesía, teatro, celebración das Letras Galegas, ensaio, literatura infantil e xuvenil, literatura de transmisión oral etc), Dicionarios de literatura (no marco do que se está a elaborar un gran dicionario xeral de termos literarios, do que sairán outros máis especializados de cada unha das disciplinas ou áreas deste campo) ou Literatura Infantil e Xuvenil.

Menús News node R

Departamento

Colectivo

Ensinanza