A educación emocional como materia obrigatoria

As nosas propias emocións son fundamentais para coñecernos mellor e xestionar os problemas da vida cotiá. Se desde nenos nos aprendesen a facelo desde a casa e/ou desde a escola, evitariamos moitos problemas de saúde física e mental na vida adulta. Formariamos persoas sas e equilibradas e, polo tanto, máis felices.

Susana Freire Aneiros
Mestra especialista de Pedagoxía Terapéutica
susana.freire@edu.xunta.es

 

 

Contextualización

A educación emocional é unha capacidade que se aprende e ten por finalidade aumentar o benestar persoal e social. O Informe Delors (UNESCO, 1998) afirma que a educación emocional é un complemento indispensable no desenvolvemento cognitivo e unha ferramenta fundamental de prevención, xa que moitos problemas teñen a súa orixe no ámbito emocional.

As habilidades que pon en xogo a educación emocional poden agruparse en catro bloques:

- A conciencia dun mesmo: é a capacidade de recoñecer un sentimento no mesmo momento en que aparece. Require estar atentos aos nosos estados de ánimo e reaccións (pensamento, respostas fisiolóxicas, condutas manifestas...) e relacionalas cos estímulos que as provocan. A expresión voluntaria de diferentes emocións, a súa dramatización, é unha forma de aprendelas.

- A autorregulación: cando temos conciencia das nosas emocións, temos que aprender a controlalas. Non se trata de reprimilas, xa que teñen unha función, senón de equilibralas. Non temos que controlar que non aparezan, senón controlar o tempo que estamos baixo o seu dominio. A capacidade de tranquilizarse un mesmo é unha habilidade vital fundamental e adquírese como resultado da acción mediadora dos demais.

- A motivación: é a forza do optimismo, imprescindible para conseguir metas importantes. Está relacionada con diversos conceptos psicolóxicos, como o control de impulsos (capacidade de resistencia á frustración, de aprazar a gratificación), a inhibición de pensamentos negativos (para afrontar con éxito retos vitais), o estilo atribucional de éxito e fracaso, a autoestima (expectativas de autoeficacia)...

- A empatía: é a experimentación do estado emocional doutra persoa; a capacidade de captar os estados emocionais dos demais e reaccionar de forma apropiada socialmente. Ten dous compoñentes: o afectivo e o cognitivo. O compoñente afectivo pode ser suficiente, os nenos pequenos son un exemplo diso. En cambio, o cognitivo unicamente non é suficiente.

Fomentar unha afectividade positiva e unha actitude moral respectuosa e xusta entre compañeiros é posible se a convivencia se xestiona de forma democrática, se traballa en grupos cooperativos e se introduce no currículo a educación emocional, a educación en valores, a xestión dos conflitos.

Neste artigo poderás ler algunhas ideas importantes da educación emocional e coñecer actividades e ferramentas para traballalas nas aulas, adecuándoas ás distintas idades e etapas dos nenos.

Obxectivos

  • Adquirir un mellor coñecemento das propias emocións. 
  • Identificar as emocións dos demais.
  • Desenvolver a habilidade de controlar as propias emocións.
  • Previr os efectos prexudiciais das emocións negativas.
  • Desenvolver a habilidade para xerar emocións positivas.
  • Desenvolver unha maior competencia emocional.
  • Desenvolver a habilidade de automotivarse.
  • Adoptar unha actitude positiva ante a vida

Recursos empregados

- Libros de contos (véxase o apartado de bibliografía ao final do artigo)

- Cedés de meditación para nenos, música de relaxación

- Colchóns para tombarse no chan

- Láminas de sentimentos, de debuxos, de resolución de conflitos, de autoinstrucións etc.

- Mandalas infantís

Descrición da actividade

Para traballar a educación emocional cos nenos hai varios bloques de contidos importantes, recursos e actividades para cada un deles:

Autocoñecemento emocional (Que sinto?)

Trátase de que os nenos aprendan a recoñecer e identificar os seus propios sentimentos. Para iso temos que darlles suficiente vocabulario e explicarlles a súa diferenza: “estou aburrido”, “estou triste”, “son tímido”, “son simpático” etc. Unha vez identificadas esas emocións, teñen que aprender a aceptalas, aínda que sexan negativas.

PROPOSTA DE ACTIVIDADE: mostrarlle aos alumnos unha ampla listaxe de palabras para que poidan expresar os seus sentimentos ou se aproximen o máis posible. Posibles preguntas para que falen sobre isto: Como te sentes? En que parte do corpo o sentes? Sempre é no mesmo sitio? Por que cres que estás así? Cando che ocorre isto?

 

Autoestima (Acéptome e quérome?)

A autoestima é a valoración que facemos de nós mesmos; é o grao de satisfacción que posuímos coa nosa persoa en todas as facetas que nos conforman. É a forma de avaliarnos a nós mesmos.

A imaxe que un ten de si mesmo (autoconcepto) é un paso necesario para o desenvolvemento da autoestima. Unha vez que coñecemos e sabemos como somos, podemos aprender a aceptarnos e querernos (autoestima). É a partir dos 5-6 anos cando os nenos comezan a formar o seu autoconcepto mediante a información que lles chega dos adultos do seu ámbito máis próximo, principalmente dos seus pais.

PROPOSTA DE ACTIVIDADE: lerlle na clase ao alumnado o libro de literatura infantil El elefante encadenado, de J. Bucay, sobre a importancia de coñecer as nosas capacidades e posibilidades.

Autocontrol ou xestión emocional (Levo as rendas das miñas emocións?)

O autocontrol é a capacidade necesaria para sobrelevar as frustracións inherentes á vida. Algunhas técnicas e actividades que podemos empregar para regular as emocións dos nenos son:

  • As autoinstrucións: é unha técnica cognitiva deseñada por D. Meichenbaum. Consiste en modificar o diálogo interno da persoa para facilitar o afrontamento dunha determinada tarefa, situación ou acontecemento. Estas verbalizacións ou diálogo interno axúdalles aos nenos tamén a centrar a súa  atención.

  • A relaxación a través de xogos:

- O globo: explicámoslles aos nenos que imos imaxinar que somos un globo que se incha pouco a pouco polo nariz, xesticulando cos brazos que nos inchamos, e se desinfla expulsando o aire pola boca.

- A pelota de praia: imaxinámonos, mentres estamos tombados, que temos unha pelota de praia no van que se vai inchando pouco a pouco, collendo aire polo nariz, e que se desinfla pola boca.

- A tartaruga: neste xogo explicámoslles que somos unha tartaruga que se esconde na súa coiraza. Tombados boca abaixo, cos brazos e as pernas estiradas, encollémonos lentamente ata quedar sentados. O segundo paso é ir estirándose lentamente ata a posición inicial.

- Espremer un limón: imaxinamos que temos un limón na man e que queremos facer un zume. Apertamos forte para que vaia saíndo o líquido. Cando xa non se poida sacar máis, imos soltando a man pouco a pouco. Logo probamos coa outra man.

- O boneco: imaxinamos que somos un boneco de ferro, simulando os andares dun robot. Notamos todo o corpo firme. Despois de trinta segundos, convertémonos nun boneco de plastilina, comezamos a movernos, a sentir todo o corpo brando e caemos ao chan.

  • Colorear mandalas para nenos, en silencio ou escoitando música de relaxación.

 

  • Meditacións: Facer pequenas meditacións diarias (nada mais chegar á escola, polas mañás) cos nenos seguindo, por exemplo, o libro Tranquilos y atentos como una rana, coa axuda do cedé. Exemplos: o exercicio do espaguete (6 min.), o botón de pausa (4 min.), primeiros auxilios para sentimentos desagradables (4 min.) a fábrica das preocupacións (6 min.) etc. (acceder ao botón pausa no arquivo adxunto).
  • Conto da tartaruga (adaptación):

Esta é a historia dunha pequena tartaruga á cal lle gustaba xogar soa e cos seus amigos. Tamén lle gustaba moito ver a televisión e xogar na rúa, pero non parecía que o pasase ben na escola. A esa tartaruga resultáballe moi difícil permanecer sentada escoitando o mestre. Cando os seus compañeiros de clase lle sacaban o lapis ou a empurraban, a nosa tartaruga anoxábase tanto que non tardaba en pelexar con eles ou en insultalos, ata o punto de que logo a excluían dos seus xogos. A tartaruga estaba moi molesta. Estaba anoxada, confundida e triste porque non podía controlarse e non sabía como resolver o problema. Certo día atopouse cunha vella tartaruga moi sabia que tiña trescentos anos e vivía ao outro lado da aldea. Entón preguntoulle:
—Que podo facer? A escola non me gusta. Non sei portarme ben e, cando o intento, nunca o consigo.
A anciá tartaruga respondeulle:
—A solución a este problema está en ti mesma. Cando te sintas contrariada ou anoxada e non poidas controlarte, métete dentro da túa coiraza (péchase unha man no puño da outra e ocúltase o polgar como se fose a cabeza dunha tartaruga repregándose na súa coiraza). Aí dentro poderás calmarte. Cando eu me escondo na miña coiraza, fago tres cousas: en primeiro lugar, dígome a min mesma: “Alto!”. Logo, respiro profundamente unha ou máis veces se o preciso e, por último, dígome a min mesma cal é o problema.
Deseguido as dúas practicaron xuntas varias veces ata que a nosa tartaruga dixo que estaba desexando que chegara o momento de volver á clase para probar a súa eficacia. Ao día seguinte, a tartaruguiña estaba na clase cando outro neno comezou a molestala e, cando comezou a sentir a súa propia ira no seu interior, as súas mans comezaron a quentarse e acelerouse o ritmo do corazón, recordou o que lle dixera a súa vella amiga; repregouse no seu interior, onde podía estar tranquila sen que ninguén a molestase e pensou no que tiña que facer. Despois de respirar profundamente varias veces, saíu novamente da súa coiraza e viu que o mestre lle estaba sorrindo. A nosa tartaruga practicou unha e outra vez. Ás veces conseguíao e outras non pero, pouco a pouco, o feito de repregarse dentro da súa coiraza foi axudándolle a controlarse. Agora que xa aprendeu, ten máis amigos e goza moito indo á escola.

Empatía (Póñome na pel da outra persoa?)

A empatía é a habilidade, a sensibilidade para ter presentes as emocións, os sentimentos e as necesidades dos demais. Para a formación da empatía é importante a conciencia dun mesmo. Canto máis consciente e coñecedor dos meus propios sentimentos e emocións sexa, máis hábil serei para comprender os sentimentos e emocións dos demais.

PROPOSTA DE ACTIVIDADES:

  • Facer dramatizacións cos nenos, aproveitando momentos de calma emocional. Isto é sobre todo para nenos de educación infantil e educación primaria. Exemplos:

- O espello: por parellas, un neno imitará os movementos que fai o outro (coa cara, as mans ou con todo o corpo).

- Poñer caras: poñer un exemplo dunha situación de ledicia e eles teñen que manifestala de distintas maneiras (saltar, levantar os brazos, aplaudir, rir, abrazarse etc.).

- Aire, auga e terra: camiñan pola clase ao son da música. Cando digamos “aire”, todos simularán que van polo aire coma un paxaro ou un avión. Cando digamos “terra”, simularán que son vermes que se arrastran polo chan. E cando digamos “auga”, simularán que nadan coma peixes.

  • Animalos a falar dos seus propios sentimentos e dos demais. Exemplo: ao ver unha película, debuxos animados ou ler un conto, preguntaráselles que cren que están sentindo os personaxes.

Habilidades sociais (Cómo escollo relacionarme cos demais?)

Ensinámoslles aos nenos a ser asertivos empregando a técnica do golfiño extraída do libro Qué me dices. Cómo mejorar mi comportamiento, de M. Carrillo.

O mar é moi grande e está cheo de peixes. Á hora de relacionarte cos demais, que che gustaría ser? Unha lura, unha quenlla ou un golfiño?
A lura é un becho moi simpático, ten patas na cabeza! Pero é tímido e asústase facilmente. Cando ten que falar con alguén, se pode, prefire evitalo.
A quenlla ten mal xenio. Cando fala, berra, enfádase e saca os dentes. Todo o mundo lle ten medo.
O golfiño é amable e sincero. Cando ten que falar con alguén, aínda que sexa para ter unha conversa difícil, faino directamente, sen darlle voltas. Os demais animais confían nel e respéctano.
Entón preguntámoslles: “Ti que queres ser? Por que?”

PROPOSTA DE ACTIVIDADES: ler contos como os seguintes e reflexionar sobre eles:

- El conejo Bermejo (para nenos moi faladores)

- El día del silencio (para traballar a integración e a empatía)

- Yito, el caballito de mar (para a resolución de conflitos)

- Me gusta como soy (para a autoestima)

- La osa Rosa (para a automotivación; nenos que non queren traballar)

Resolución de conflitos (Quero solucionar os meus problemas cos demais?)

A formulación inicial é que, cando dúas persoas teñen un problema ou conflito, dúas persoas teñen a oportunidade de rectificar e solucionar o seu problema. Eliximos esta formulación porque así os dous gañan sempre: toman conciencia dos seus erros, aprenden deles, practican empatía, saen da súa zona de confort, abandonan o seu vitimismo, enfróntanse aos seus medos, aumenta a súa autoestima por conseguir solucións, aumenta a súa tolerancia á frustración...

Ensinámoslles a seguinte técnica de solución de problemas (para alumnado da ESO):

1. Identifico os meus sentimentos: son consciente dos meus sentimentos e identifícoos para atopar vías de acción axeitadas.

2. Defino o meu problema: recoñezo e admito que teño un problema, acepto a responsabilidade de resolver o problema e exprésoo con palabras, formulando os obxectivos que desexo conseguir.

3. Busco solucións: busco alternativas posibles; cantas máis, mellor.

4. Avalío as solucións: penso nas posibles consecuencias, obstáculos ou dificultades que derivarían de adoptar cada unha das solucións propostas.

5. Selecciono alternativas: elixo a opción ou opcións óptimas.

6. Poño en práctica: poño en práctica a solución elixida, comprobo se se cumpren os obxectivos marcados, compenso os danos emocionais e/ou materiais ocasionados coa conduta frustrada.

Metodoloxía

Será unha metodoloxía globalizada e activa que permita a construción de aprendizaxes emocionais e funcionais. Para iso terase en conta o principio de atención á diversidade, procurando adaptar a axuda pedagóxica ás características individuais do alumnado. É preciso crear experiencias emocionais a partir dos coñecementos previos do alumnado, dos seus intereses e necesidades persoais. Estas experiencias xeneralizaranse a outros contextos.

Avaliación

Cada actividade e cada conto terá a súa propia avaliación e reflexión, xa que cada un deles ten a súa propia ensinanza en función dos contidos e recursos empregados en cada unha.

Ao remate de cada actividade podemos formularlles aos nenos preguntas como: Gustouche o conto? Cal é a súa mensaxe? Identifícaste con el? Por que? Recórdache algunha situación pasada ou a alguén coñecido? Por que? Podes cambiar algo a partir de agora noutra situación parecida? Que emocións che producen? En que parte do corpo a sentes?

Conclusións

  • É imprescindible ensinarlles educación emocional aos nenos xa que así estaremos formando adultos equilibrados e sans nas súas emocións. Debe formar parte do currículo desde a educación infantil, pasando pola educación primaria e secundaria. Cada etapa debe ter os seus propios contidos e as súas propias actividades, correspondente coa idade e necesidades do alumnado.
  • Canto máis contacto teñan coa materia, antes saberán resolver os problemas e ser máis independentes.
  • Rabia, medo, ledicia, tristeza... non deben ser so palabras que se inclúan no dicionario, senón emocións normais da vida en distintas situacións.
  • Canto máis se coñezan os nenos a si mesmos, mellor asimilarán os erros e resolverán problemas cotiáns. Así formaremos adultos responsables e seguros de si mesmos.
  • Debe incluírse toda a comunidade educativa (equipos directivos, profesores, alumnos, pais, asociacións...) para que, entre todos, formemos un mundo máis “real” e, se cabe, máis feliz.

 

 

 
00:00
Bibliografía: 

 

 

GOLEMAN, D. (1996). Inteligencia emocional. Editorial Kairós

BUCAY, J. (2002). Cuentos para pensar. Barcelona: Editorial RBA Integral. 13.ª ed. (inclúe cedé)

BUCAY, J. (2002 ). Déjame que te cuente. Barcelona. Editorial RBA Integral. 22.ª ed.

SAINT-EXUPÉRY, A. (1998). El principito. México: Editorial Latinoamericana, SA.

FISHER, R. (2005). El caballero de la armadura oxidada. Barcelona: Editorial Obelisco

JOHNSON, S. (2009). ¿Quién se ha llevado mi queso? España: Editorial Empresa Activa. 29.ª ed.

SNEL, E. (2013). Tranquilos y atentos como una rana. Barcelona: Editorial Kairós (inclúe cedé)

MÉNDEZ CARRILLO, F. X. (2005). Qué me dices. Cómo mejorar mi comportamiento. Editorial Nova Galicia Edicións.

BUCAY, J. (2008). El elefante encadenado. RBA Libros.

Sección: