Estadías formativas

Experiencia no Distrito XII, Servizo de Incendios da Consellería do Medio Rural e do Mar

Autor: Rubén Garrido Rivero
Enderezo-e: rubengarrido@edu.xunta.es
Centro: IES Cidade de Antioquía, Xinzo de Limia (Ourense)



No curso 2012/13 desenvolveuse unha estadía formativa ao longo dos meses de abril, maio, xuño e xullo no Distrito Forestal XII do Servizo de Incendios da Consellería do Medio Rural e do Mar, na que se realizaron diferentes activades orientadas á prevención e extinción do lume.



Dentro da oferta de actividades formativas para o profesorado, as estadías formativas son unha vía a través da cal os docentes temos a posibilidade de tomar un contacto directo co mundo empresarial, administrativo etc., desde a perspectiva de postos de traballo nos que o noso alumnado nun futuro inmediato terá que desenvolver o seu traballo. Non cabe dúbida ningunha sobre a importancia que para un profesor ten este contacto, especialmente para aqueles para os que o traballo xira arredor da formación profesional.

No novo currículo do ciclo superior de Xestión Forestal e do Medio Natural (CSAGA01) inclúese o módulo Defensa Contra Incendios Forestais (MP0816) que, como o seu nome indica, desenvolve todas as actividades relacionadas coa prevención e extinción dos lumes nos nosos montes. En xeral, en España, e máis concretamente en Galicia, os lumes forestais son un gran problema ambiental e social, pero a súa incidencia resulta especialmente grave na provincia de Ourense no seu conxunto, e é no concello de Xinzo de Limia, no IES Cidade de Antioquía, onde se imparte tanto o ciclo medio Aproveitamento e Conservación do Medio Natural (CMAGA04) como o ciclo superior mencionado nas liñas anteriores. Resulta necesario realizar esta contextualización, xa que o IES Cidade de Antioquía resulta ser o único centro de toda a provincia ourensá onde se poden formar os futuros axentes forestais, xefes de brigada e persoal de prevención e extinción de lumes.

A toma de contacto coa complexa infraestrutura organizativa do Servizo de Incendios da Consellería do Medio Rural resulta fundamental, co fin de mellorar a docencia neste ámbito. Debemos ter en conta que a loita contra o lume supón a xestión de recursos humanos (miles de empregados na época de máximo risco, a estival) e materiais (medios aéreos, motobombas, maquinaria pesada etc.).

Derivado do anteriormente exposto, a estadía formativa propicia todos os aspectos que resultan imprescindibles á hora de coñecer o funcionamento da loita contra o lume. Ademais, resulta necesario mencionar que o Servizo de Incendios é xestionado pola Administración, polo tanto, a única vía para poder formarse neste ámbito resulta ser a das estadías.

 


Os obxectivos que coa estadía formativa se lograron relaciónanse directamente cos obxectivos que no currículo se describen: planificar e organizar os traballos de prevención, vixilancia, detección, control e extinción de incendios forestais (Decreto 170/2012, que desenvolve o título do ciclo superior Xestión Forestal e do MN).

Por unha banda, permitiu ter unha visión global da xestión dos recursos humanos e materiais dispoñibles e, por outra, facilitou a toma de contacto cos diferentes postos involucrados na prevención e loita contra os incendios (peóns, peóns condutores, emisoristas, brigadas helitransportadas, director de incendios, xefatura de distrito etc.), así como do modo en que cada un desenvolve o seu traballo.

A organización do Servizo de Incendios da Consellería do Medio Rural está totalmente xerarquizada: desde o Centro de Coordinación Central xestiónanse as catro xefaturas provinciais que, polo súa vez, organizan os distritos forestais nos que se subdivide cada provincia. É en cada un destes distritos onde o noso alumnado desenvolverá o seu traballo. Polo tanto, os principios didácticos nos que se sustentou a experiencia fundamentáronse, ademais de no previsto no propio currículo, nunha aproximación á xerarquización dos diferentes mandos que interveñen na loita contra o lume.
 
A estadía formativa fundamentouse no inicio dos novos ciclos LOE mencionados anteriormente, nos que se encadran os módulo relativos á prevención e loita contra o lume. Polo tanto, corresponde aos niveis educativos de FP de grao medio e superior.

O principio de obxectividade debe ser fundamental á hora de redactar un artigo. Tendo este principio presente, considero que é realista expor que a seguridade con que un  profesor realiza a súa docencia depende, en gran medida, dos coñecementos teóricos e prácticos do tema que trata. Hoxe en día obter información pormenorizada da loita contra o lume resulta sinxelo, pero a práctica, a xestión do persoal e da maquinaria, a loita directa contra os incendios só se pode conseguir introducíndose dentro do sistema. A loita contra incendios implica pór en marcha moitas técnicas que, á hora de desenvolver a programación didáctica, resultan altamente enriquecedoras, podendo deseñar actividades que permitan unha óptima formación do alumnado.

Asemade, debo destacar que a estadía me permitiu, e isto ten máis relevancia do que a priori poida parecer, xerar unha serie de contactos (xefes de distrito, axentes, emisoristas etc.) cos que contar á hora de realizar prácticas (por exemplo, que as motobombas acudan ao centro) e á hora de realizar visitas educativas (bases de helicópteros das brigadas helitransportadas).
 

Entre o noso alumnado podemos atopar traballadores do Servizo de Incendios e, por suposto, unha gran maioría de alumnos que nunca tiveron contacto cos incendios. Independentemente dos seus coñecementos previos, a estadía permitiume obter unha visión xeral da xestión integral do lume, desde o que podemos chamar “despachos”, cos seus ordenadores con mapas dixitalizados e programas que permiten modelizar a evolución dun incendio, ata os peóns, que a pé de lume, sufocan as lapas. Esta visión globalizadora resulta motivadora para o alumnado.

Pero desta estadía aflorou algo co que non contaba: o carácter recíproco que produciu. Con isto quero dicir que desde o Servizo de Incendios me comentaban que esperaban do noso alumnado ao rematar o ciclo formativo e poñerse a traballar ao seu mando (gran parte do noso alumnado é contratado na campaña estival como xefe de brigada), o que me permitiu informar o alumnado nos puntos clave que deben ter en conta. Ademais, curiosamente, desde o Servizo de Incendios, cando xorde algunha dúbida sobre as titulacións requiridas para os diferentes postos, infórmanse poñéndose en contacto con nós.

Para o desenvolvemento desta estadía formativa, realizouse unha temporización previa dela, pero fixéronse pequenas modificacións co fin de poder tomar contacto cos diferentes traballos asociados á prevención e loita contra o lume (modificacións derivadas da climatoloxía adversa).

Tal como apuntei en apartados anteriores, os obxectivos propostos e acadados durante a estadía formativa, tomando como referencia os resultados de aprendizaxe do módulo que se vai impartir (Defensa Contra Incendios Forestais), foron desenvoltos durante este período de formación.

A valoración final da experiencia ao longo do desenvolvemento desta estadía fágoa tendo en conta que anteriormente participei en varios cursos de formación, seminarios permanentes, grupos de traballo e proxectos de formación, que sempre permitiron mellorar a actividade docente. Pero a estadía formativa, desde o meu punto de vista, superou sobradamente as miñas expectativas por varias razóns:

  • É personalizada, polo que se axusta ás túas necesidades concretas de formación.
  • É elástica, pódese adaptar, en certa medida, aos teus horarios.
  • É práctica, saes dos manuais e libros e traballas, vives experiencias.
  • É totalmente aplicable á práctica docente.

Sen medo a equivocarme, as estadías formativas son unha das mellores vías de formación para o profesorado, especialmente para os docentes de FP.

A xestión do lume resulta complexa pola gran variedade de medios dos que dispón a Consellería do Medio Rural e pola heteroxeneidade do territorio galego, polo que resultaría interesante darlle continuidade á presente estadía.

Por último, quero agradecerlles aos membros do CFR de Ourense a atención e o ánimo que me transmitiron para pór en marcha este proxecto.

Sección: