As escolas da emigración

Un proxecto educativo de valorización do patrimonio

Vicente Peña Saavedra
Director científico do proxecto As escolas da emigración
Arquivo da Emigración Galega – Consello da Cultura Galega
Universidade de Santiago de Compostela

 

Fai agora cen anos, en Galicia asistíase á floración e ao desenvolvemento dunha das experiencias de escolarización popular máis xenuínas e senlleiras de cantas se teñen rexistrado na súa historia. Esta iniciativa agromaba nos escenarios da emigración transoceánica, impulsada polas sociedades de instrución que comezaran a tomar corpo en varios daqueles espazos case ao mesmo tempo, á altura de 1904. Desde entón e ata o alborexar da década dos trinta, ano a ano e mes a mes foron constituíndose moreas de pequenas agrupacións locais nos territorios de alén mar que tiñan por obxectivo en común contribuír á difusión do ensino nos lugares aos que proclamaban representar. Débenselles a elas as máis de trescentas aulas coas que axudaron a encher de luces o país, favorecendo a transición dunha sociedade na que prevalecía a cultura oral a unha nova xeira na que se ía ir abrindo paso a cultura escrita, sobre todo mercé á difusión e penetración da escola nos contextos rurais. Tres séculos antes xa, da man dos filántropos indianos, a intervención dos galegos do exterior no ámbito educativo fixera a súa aparición. As dúas variantes coexistirán durante boa parte da primeira metade do pasado século, aínda que con intensidades e perfís ben distintos ao longo do seu percorrido.

O proxecto As escolas da emigración, do Consello da Cultura Galega (CCG), concibiuse desde as súas orixes como unha proposta orientada a recuperar e poñer en valor, cunha dobre finalidade histórica e educativa, as achegas materiais e inmateriais dos galegos radicados fóra do país á área do ensino nas súas localidades de procedencia. O proxecto enmarcouse dentro das actividades asignadas ao Arquivo da Emigración Galega (AEG) en canto sección encargada destas tarefas no CCG. Tomando como referencia e sustentándose nos resultados das investigacións sobre a intervención escolar dos emigrantes transoceánicos que se levaron a cabo na Universidade de Santiago de Compostela nas décadas dos oitenta e dos noventa, en 1998 emprendeuse no AEG, baixo a nosa dirección, un estudo piloto sobre o terreo que tiña por obxecto inventariar e catalogar as construcións escolares dos emigrantes da provincia de Pontevedra. Para acometer o traballo de campo deseñamos entón unha extensa ficha de recollida de información, composta por dez bloques temáticos que se desagregaron en arredor de setenta descritores de contido. Nesta fase propedéutica contamos co asesoramento e o apoio do arquitecto e profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña Plácido Lizancos Mora. Na aplicación do instrumento, que logo se alixeirou e simplificou nunha folla de rexistro máis funcional e reducida, colaboraron os bolseiros de investigación adscritos ao arquivo: Jesús Blanco Rosas e Moisés Janeiro Novo.

Naquel momento o estudo programado quedou inconcluso, aínda que se fixeron algúns avances significativos na recompilación de datos que permitiron actualizar e ampliar o caudal de coñecementos verbo do tema dispoñibles ata entón. Esta fase inicial do proxecto discorreu en simultaneidade co alborecer doutro arredor do asociacionismo galego no mundo, que tamén se abordou desde o AEG e que cristalizou máis tarde na exposición “Nós mesmos. Asociacionismo galego na emigración”, que acaba de rematar a súa itinerancia en Cuba, tras un periplo de seis anos por Europa e América. Ambos os proxectos acabaron por confluíren e reforzárense reciprocamente en diferentes etapas, debido a que, como acreditaremos máis adiante, moitas das realizacións educativas dos emigrantes obedeceron a iniciativas de carácter societario e numerosas sociedades fundadas na emigración focalizaron cara ao ensino as súas actuacións. Os dous proxectos anteriores beneficiáronse, ademais, das sinerxías cun terceiro, igualmente adscrito ao AEG, que rematamos cando estes dous deron comezo e cuxos resultados se compilaron na edición en formato impreso e electrónico do Repertorio da prensa galega da emigración (Peña Saavedra, dir., 1998).

Ao cabo dunha década destes aurorais ensaios, sen abandonar no seu decurso o proxecto que permanecía aberto (véxase: http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=5743), a sinatura dun convenio de colaboración entre o CCG e a Secretaría Xeral da Emigración (SXE) da Xunta de Galicia, en maio de 2008, permitiu retomar a iniciativa e imprimirlle un pulo decisivo a prol da súa materialización. Ao abeiro daquel convenio decidiuse afrontar nunha primeira etapa o inventario e a catalogación das edificacións escolares auspiciadas polos emigrantes nas provincias de Lugo e Ourense. A renovación do convenio ao ano seguinte posibilitou ampliar o estudo á Coruña e Pontevedra, unha tarefa algo máis doada ao termos boa parte do camiño xa andado nesta última circunscrición. No protocolo subscrito na primeira anualidade estipulábase tamén como acordo compartido que, con toda a información recollida, se procedería á elaboración dun espazo virtual formativo sobre o tema que lle ofrecese un achegamento a el sobre todo ao alumnado de ensinanza secundaria, co cal se subliñaba de maneira expresa a dimensión educativa que se lles pretendía conferir aos resultados derivados do proxecto. Para lle dar cumprimento a ese obxectivo engadíase que se deseñaría e activaría unha páxina web, accesible desde os portais electrónicos do CCG e da SXE, na que se ofrecería unha descrición pormenorizada de cada un dos centros escolares catalogados. O traballo de campo nestas dúas etapas foille encomendado á empresa dehistoria; a coordinación técnica recaeu en M.ª Teresa García Domínguez e contouse coa colaboración de Carolina García Borrazás e Emilia García López, as tres documentalistas do AEG; e participaron durante algún tempo en calidade de bolseiras Rocío Botana Iglesias e Ana Fresco Santalla, e foinos renovada a confianza para continuar dirixindo o proxecto nas súas sucesivas etapas.

En setembro de 2010 déronse a coñecer os primeiros avances dos resultados da investigación acometida no bienio anterior, que se presentaron mediante unha aplicación informática que, baixo a denominación do proxecto As escolas da emigración, se atopa a partir de entón accesible ao público en código aberto no portal electrónico do CCG (http://mapas.consellodacultura.org/escolas/). Para chegar a este punto houbo que elaborar previamente as fichas que integran a aplicación, que se foron aquilatando, enchendo de contido e sometendo a probas de verificación, logo do procesamento de todos os datos dispoñibles. A coordinación técnica do deseño do sitio web encargóuselle a Manuel Gago, con quen colaboraron os bolseiros Lucía Rilo e Luís Miguel Alonso Estévez. Á empresa compostelá Sixtema encomendóuselle o desenvolvemento da aplicación informática.

En correspondencia coa periodización do proxecto, os datos de catalogación dixital que se ofreceron nun primeiro momento atinxían as provincias de Lugo e Ourense. Daquela ultimárase a catalogación dun total de 113 centros docentes, dos cales 99 pertencían a Lugo e 14 a Ourense, que foron patrocinados por 32 promotores individuais (adoito comunmente coñecidos como filántropos indianos) e 45 societarios (os xeralmente nomeados americanos, que integraban as sociedades de instrución microterritoriais ou de cobertura local, constituídas nos países de asentamento da emigración galega no Novo Mundo). Na provincia de Lugo identificáranse vinte promotores individuais e 38 societarios. E na de Ourense doce da primeira modalidade e sete da segunda. Desde entón proseguiron as tarefas de procesamento da información dispoñible, non só proveniente do estudo de campo senón tamén, con carácter complementario e por veces exclusivo, das revisións documentais, bibliográficas e hemerográficas tanto dos fondos custodiados no propio AEG –boa parte deles recuperados, dixitalizados e traídos directamente desde América en  xeiras de investigación previas ao longo de máis de dúas décadas– coma noutros repositorios externos, de Galicia e de fóra da comunidade autónoma.

Conforme ía avanzando o estudo de campo e a teor tanto dos datos compilados en investigacións precedentes coma das novas informacións recadadas, realizouse unha selección daqueles inmobles máis significativos –por razón de criterios pedagóxicos, arquitectónicos, históricos e de representatividade territorial–, para proceder a deseñar os xogos de fichas técnicas dunha ampla mostra dos edificios catalogados, que se incorporarían como extras á aplicación web. Este xogo quedou composto finalmente por:

a) Unha ficha arquitectónica de cada edificio escolar escollido, coa información gráfica e narrativa indispensable, na que se fixeron notar os seus aspectos máis salientables.

b) Unha ficha planimétrica do propio edificio con trazados de, cando menos, a fachada principal e as plantas dedicadas no seu día a actividades docentes.

A elaboración destas fichas técnicas foi responsabilidade das arquitectas Luz Paz Agras, Marta Marcos Maroño e Almudena Sánchez. Estas especialistas tentaron reconstruír de maneira sucinta o percorrido de cada un dos inmobles, ao tempo que os contextualizaron no seu territorio; deron conta do seu estilo construtivo; identificaron os autores dos proxectos cando as fontes manexadas llelo permitiron; escrutaron as variacións experimentadas polas edificacións na súa andaina histórica, e axudaron a poñer de relevo e visibilizar os aspectos e detalles máis notorios ou peculiares de cada centro. Ademais, como xa dixemos, levantaron bosquexos sectoriais das fachadas principais e de planta dos colexios, procurando reflectir ou recrear o seu hipotético estado orixinal nos casos en que se carecía dos planos coetáneos da época en que os edificios se erixiron. As fichas levan inseridos os códigos das coordenadas de latitude e lonxitude das escolas para a súa doada xeolocalización. Todas elas se atopan aloxadas en formato pdf no sitio web do proxecto, desde onde o usuario interesado pode descargalas de forma doada.

En  paralelo coas tarefas anteriores, no marco tamén dun convenio de colaboración entre o CCG e a SXE, organizouse a exposición “Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia” co gallo do centenario fundacional das sociedades de instrución radicadas en América e dos centros de ensinanza que estas implantaron e sostiveron nos seu lugares de referencia. Contouse para ela, ademais de cos datos derivados do desenvolvemento do proxecto, cos fondos gráficos, xornalísticos e documentais que posúe o propio arquivo. Despois de dúas preestreas en Santiago de Compostela e en Ortigueira, no verán de 2012, a mostra completa inaugurouse no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) o 6 de febreiro de 2013. A partir de xuño do mesmo ano principiou a súa itinerancia por outras localidades da comunidade autónoma e ata o presente recalou nunha ducia delas. Desde a súa apertura, “Luces de alén mar” incorporouse como unha actividade complementaria e unha peza primordial do proxecto As escolas da emigración –consonte estaba previsto xa na fase de planeamento desta–, e dispón na súa páxina web dunha ligazón que permite descargar libremente a edición ampliada do catálogo da mostra. Neste recóllense a totalidade dos paneis que conforman a exposición (41), precedidos de tres limiares aos que acompañan tamén unha escolma de textos de distintas épocas relacionados co tema obxecto de tratamento e unha extensa bibliografía destinada a aqueles lectores que queiran afondar nalgunhas das súas múltiples vertentes. A segunda edición do catálogo configurouse así, principalmente, para que puidese servir de instrumento de traballo do profesorado e do alumnado de todos os niveis do sistema educativo, coas indispensables acomodacións e concrecións que en cada caso, ámbito e nivel cumpra facer. Desde comezos deste ano (2014) disponse dunha versión en formato reducido, pero íntegra en canto a contidos, desta mostra para facilitar a súa mobilidade e instalación nos centros de ensinanza e demais espazos culturais de pequeno aforo. E desde mediados do mes de maio atópase tamén dispoñible ao público en acceso aberto nunha nova presentación, creada coas ferramentas que ofrece a plataforma Google Cultural Institute, e permanece aloxada no repositorio expositivo do Consello da Cultura Galega, onde ademais se pode acceder, entre outras, a dúas mostras estreitamente ligadas á temática que aquí nos ocupa: “Nós mesmos. Asociacionismo galego na emigración” e “Os adeuses”.

Precisamente coincidindo coa apertura de “Luces de alén mar” no Mupega, activouse a segunda parte da aplicación cos datos correspondentes ás provincias da Coruña e Pontevedra. Suman en conxunto 204 escolas, das que 112 pertencen á primeira circunscrición e 92 á segunda. Na provincia da Coruña rexístranse 28 promotores individuais e 71 societarios. Na provincia de Pontevedra, 43 individuais e 46 societarios. Arestora, pois, a base almacena e xestiona información de 317 establecementos escolares en Galicia debidos á iniciativa dos emigrantes. Esta cantidade global de centros docentes foi auspiciado por 265 promotores, dos cales 103 actuaron a título individual e 162 operaron de consún.

Cómpre puntualizar que, por suposto, o reconto fundacional permanece aínda aberto e todo fai prever que se verá incrementado de maneira sensible nos vindeiros meses, conforme avance o escrutinio dos datos que actualmente se están a procesar. Como adianto podemos indicar xa que, segundo as cifras que figuran nas láminas de “Luces de alén mar”, a esta altura se ten constancia de 134 doadores individuais e 546 entidades instrutivas. Malia non ser certo que nin todos aqueles nin moito menos todas estas chegaron a implantar e soster por conta propia centros educativos en Galicia, tamén é verdade que a maioría daqueles puxeron os medios para que así fose e arredor da metade destas conseguiu, en distinta medida, fomentar o ensino nas súas localidades galegas de referencia. En apoio desta liña argumental cabe cuantificar xa, con suficientes evidencias empíricas, as realizacións académicas das sociedades galegas de instrución en 252 escolas con máis de 350 aulas, que se aloxaron en 200 edificios erixidos para darlles acubillo de seu a estes centros docentes. Ás cifras precedentes habería que sumar non menos doutros 150 establecementos académicos de diversa tipoloxía patrocinados polos indianos. Así pois, de acordo cos cómputos anteriores, aínda provisorios, resulta verosímil admitir que o catálogo das achegas educativas dos ausentes experimentará notables variacións á alza nun futuro inmediato. E canda el a base de datos do noso estudo. Na tarefa de ultimar e cotexar rigorosamente os recontos xa efectuados e plasmar os informes nos formularios pertinentes está a traballar o equipo de investigación nestes momentos, polo  que agradece todas as novas e suxestións que os interesados no tema lle fagan chegar para levar a bo termo a culminación deste proxecto de memoria compartida.

Pasaremos xa deseguido a comentar a estrutura e compoñentes da aplicación electrónica que contén no esencial a síntese resultante da pescuda efectuada. Ao entrar na páxina de inicio da web As escolas da emigración, o usuario atopa a pantalla dividida en dous sectores: o da esquerda, con diferentes epígrafes configuradas como hipervínculos que dan acceso a outras fiestras; e o da dereita, abranguido todo el por un mapa de Galicia no que se aprecia a distribución cartografada dos centros educativos dos emigrantes no conxunto do territorio da comunidade autónoma.

Desde o sector da esquerda da páxina de inicio, premendo no menú “O proxecto”, ofrécese información sobre a súa finalidade e obxectivos, así como do equipo de investigación que nel estivo traballando. Nos hiperenunciados que aparecen debaixo dáse conta do sentido e obxecto da intervención escolar dos ausentes e das súas variantes ao longo do tempo; das sociedades de instrución e das súas propostas educativas; das edificacións que os emigrados erixían nas parroquias de onde proviñan para aloxar os centros de ensino e do enxoval con que adoito os fornecían. Ofrécese logo unha crónica sumaria do que foron ou se desexaba que fosen as escolas de americanos a través dos testemuños dos seus propios promotores, da programática educativa societaria, e do latexar e o trasfego do profesorado e o alumnado, no día a día, dentro e fóra das aulas. Para pechar, o apartado contextualizador cunha sucinta sondaxe da resposta social que a experiencia recibiu por parte dos seus coetáneos. Este bloque introdutorio complétase coa información e o catálogo descargable da mostra “Luces de alén mar” e unha selección bibliográfica para afondar no tema do labor educativo da emigración en Galicia. Como colofón facilítanse indicacións para manter comunicación cos xestores do proxecto, punto este no que convén reparar, na mesma medida en que se queren alentar procesos de retroalimentación discursiva cos usuarios.

As fichas catalográficas elaboradas a partir da memoria final do proxecto, polas que se pode navegar na aplicación, agrúpanse en dous bloques, con entrada específica cada un deles desde a pantalla principal. O primeiro bloque atinxe os promotores das realizacións educativas. Estes desagréganse en dúas categorías: individuais e societarios, reflíctense así as dúas variantes de intervención escolar dos emigrantes galegos, sen excluír unha terceira de carácter mixto na que conflúen as outras dúas. O segundo bloque de fichas céntrase nos centros educativos (escolas) que baixo unha ou outra variante se promoveron ou sufragaron en Galicia e que aparecen distribuídos por concellos e comarcas de localización. Desde a columna da esquerda da páxina principal da interface amósase tamén a distribución das escolas por provincias de pertenza. O rótulo de cada unha das provincias e comarcas contén, unha vez despregado, os  seus respectivos municipios.

As fichas dos promotores, que se abren na columna na dereita ao calcar sobre o seu nome na columna da esquerda, compóñense dos seguintes campos:

1.Datos básicos
Identificación e localización:
- Nome e apelidos do doador individual ou denominación da entidade patrocinadora, segundo a variante da que se trate.
- Datas de nacemento e pasamento do doador ou de constitución da sociedade (día, mes e ano, cando se ten noticia).
- Concello e provincia de nacemento e data de pasamento, no caso de doadores individuais, con hipervínculos desde os topónimos para acceder ao mapa de xeolocalización dos equipamentos educativos e desde el, por medio de novas ligazóns, ás fichas dos centros escolares.
- Localidade e país de emigración (doadores individuais) ou localidade e país de fundación (doadores corporativos).
Biografía (doadores individuais). Historia (doadores corporativos):
Descrición da traxectoria vital do persoeiro glosado, con referencia particular ao seu percorrido na emigración, actividades desempeñadas, postos de representación ocupados e labor filantrópico realizado. No caso das sociedades, singradura histórica destas, indicando os fitos máis salientables nos seus itinerarios, persoeiros relevantes que as integraron, finalidades e cometidos que se propoñían levar a cabo, publicacións periódicas propias sostidas, integración ou fusión con outras entidades e obra efectuada nas localidades galegas de referencia, sinaladamente no dominio educativo.
2. Escolas relacionadas
Mención dos centros educativos atribuídos a cada promotor. De acordo coas dispoñibilidades informativas, pormenorízanse os tipos de contribucións que fixeron (compra do terreo, construción de nova feitura da escola, reforma e adaptación dun edificio para colexio, dotación de recursos educativos, equipamento en xeral, doazóns diversas etc.). Desde cada un dos establecementos inventariados accédese mediante un hipervínculo á súa ficha específica.
3. Imaxes
Na maioría das fichas dos promotores incorpóranse varias imaxes históricas deles ou de persoeiros vinculados ás agrupacións de América e ás delegacións que estas estableceron en Galicia, así como referentes testemuñais que na súa honra lles dedicaron nas localidades beneficiarias, selos e emblemas de identidade corporativa, cadros sociais, portadas ou cabeceiras de publicacións propias e impresos diversos (regulamentos, memorias sociais, recibos de cotas, diplomas etc.).
4. Extras
Moitas das fichas conteñen tamén recursos adicionais en formato pdf para facilitar a súa descarga, como, por exemplo: actas fundacionais ou de sesións ordinarias das entidades instrutivas, estatutos ou regulamentos sociais, emblemas institucionais, informes varios, memorias corporativas, recortes de informacións xornalísticas, cartas, documentación notarial etc. Coa reprodución destas fontes, case sempre primarias, preténdese posibilitar un achegamento de proximidade aos filántropos e ás agrupacións dos americanos, propiciando un coñecemento directo dalgunhas das súas producións e axudando a fomentar a localización de novos vestixios. Tarefas ambas que cumprirá acometer de maneira territorializada contando sempre coa participación directa das comunidades educativas e da veciñanza en xeral.
5. Documentación no AEG
En varias das fichas engádese un apartado no que se relacionan os recursos documentais (ben sexan orixinais ou réplicas, en calquera das súas variantes, soportes e formatos) que se conservan no AEG referidos á entidade ou ao doador correspondente. Esta información constitúe polo momento só un adianto de futuras incorporacións de rexistros heurísticos e documentais de toda clase, que se irán actualizando sucesivamente e que poden ser de utilidade tanto para os investigadores coma para o alumnado e o profesorado que traballe con esta ferramenta; tamén, de seguro, para outros usuarios de perfís diversos que estean interesados en profundar no coñecemento dalgún doador ou asociación en particular. Entre a documentación rexistrada ata este momento figuran protocolos fundacionais, libros de actas, libros de inscrición de socios, regulamentos corporativos, epistolarios, contratos, recibos, poderes, folletos, informes etc. Sería desexable que este bloque se fose enriquecendo con novas achegas trasladadas polos propios internautas, como fórmula idónea para incrementar e socializar o coñecemento sobre o tema.

Toda a información verbal e iconográfica que conteñen as fichas pódese imprimir nun formato de doada lectura. Así mesmo, desde a páxina principal facilítase establecer unha ligazón permanente con cada unha das fichas consultadas.

A aplicación prové tres tipos de presentación visual da información tocante aos promotores (menú superior da columna da dereita): mapa, mosaico e ficha. Na variante mapa, xeolocaliza ou sitúa cartograficamente a realización escolar do doador inquirido. Na variante mosaico, ofrece as fotografías dos promotores individuais ou societarios que o proxecto leva catalogados en Galicia ou na circunscrición de inferior alcance escollida, desde as cales, mediante hiperenlaces, se pode acceder á ficha catalográfica de cada un deles. E na variante ficha desprega a información detallada que acubilla o rexistro individualizado dos diferentes promotores.

O programa ofrece a alternativa, ademais, de realizar buscas abertas por palabras ou cadeas de texto, co que se incentivan as interaccións dos usuarios coa aplicación.

A segunda serie de fichas céntrase nas escolas. A elas accédese por localidades desde o menú principal da columna da esquerda da web. Aparecen distribuídas nos seguintes bloques:

1. Datos básicos
Nome actual:
Denominación no presente do equipamento do que se trate, coa súa localización, pormenorizando: lugar, parroquia, concello, comarca e provincia de pertenza. Desde os tres últimos indicadores topográficos pódese acceder, por medio dunha ligazón, á xeolocalización da escola no mapa de Galicia, integrándoa na súa área territorial e, mediante un visor, visualizala na súa contorna cartográfica. Isto faculta obter unha información precisa, xeorreferenciada e en liña dentro do portal electrónico, e posibilita o trazado de rutas tanto para a realización de visitas aos centros coma para a organización dos datos cartografados.
Coordenadas (da situación territorial do centro):
Desde elas, por medio dun hipervínculo, accédese á localización das escolas no mapa, onde se pode visualizar unha fotografía do edificio, asentado xeograficamente no seu enclave.
Uso no pasado e uso na actualidade:
Nestes dous ítems dáse conta de maneira concisa das funcións que veu desempeñando o edificio ao longo do tempo.
2. Máis información
Inauguración:
Data na que foi rematado ou entrou en funcionamento o inmoble, no suposto de que unha ou a outra sexan coñecidas.
Descrición e historia:
Información relativa aos antecedentes e vicisitudes polos que pasou o equipamento, usos e destinos que cumpriu no devir temporal. Examínanse tamén aquí a configuración, composición e traza do edificio; a distribución dos seus espazos; a súa estilística, e todos aqueles compoñentes estruturais, simbólicos e ornamentais que salientan en cada establecemento, coas variacións que, de ser o caso, este puido experimentar ao longo dos anos. Faise igualmente mención dentro desta epígrafe dos programas académicos implantados ou previstos para desenvolver nalgúns dos centros máis innovadores, á evolución da matrícula, ás actividades escolares e extraescolares, ao profesorado, aos persoeiros que tiveron relación cos colexios e coas súas entidades patrocinadoras etc., para rematar dando conta da utilización que se fai do inmoble actualmente, do seu estado de conservación e da súa titularidade.
3. Promotor
Indícase o nome ou nomes das persoas e/ou das entidades que fixeron posible a realización académica referida, e especifícase en que se concretou a intervención de cada un deles, no suposto de que sexan varios (compra do terreo, construción de nova feitura, rehabilitación ou reforma do edificio, equipamento en xeral, doazóns varias etc.). Desde os nomes dos promotores, mediante hipervínculos, accédese ás súas fichas, e facilítase así a navegación interna dentro da propia aplicación.
4. Extras
De numerosas escolas ofrécense materiais complementarios. Entre os máis frecuentes cabe mencionar os planos orixinais dos edificios. Tamén varias das entradas dispoñen, en documentos pdf, das fichas arquitectónicas e planimétricas das que xa demos conta máis arriba. Realizáronse ata o momento expresamente para a memoria do proxecto e a súa aplicación informática 50 exemplares de cada unha das dúas variantes.
5. Imaxes
A maioría das fichas incorporan varias fotografías históricas e recentes, tanto dos exteriores coma das dependencias interiores dos colexios. A web alberga nestes momentos un álbum iconográfico de máis de dous milleiros de imaxes. Sempre que foi posible incluíronse instantáneas das actividades realizadas nos centros docentes, do seu alumnado e profesorado, dos recursos e dotacións con que contaron e dos fitos salientables na súa traxectoria, como, por exemplo, os actos de colocación da primeira pedra dos edificios, a súa inauguración, distintas solemnidades e festividades académicas, visitas de persoeiros etc. A aposta que se fai con mirada prospectiva por unha aplicación multimedia  conducirá no futuro a garantir a ligazón a diversos arquivos audiovisuais relacionados coa temática do proxecto e derivados do seu propio desenvolvemento.

 

Como ocorría coas fichas dos promotores, tamén as das escolas se poden imprimir nun formato acaído para a súa consulta e traballo ulterior con elas.

A aplicación subministra, igualmente, tres tipos de presentación visual da información: mapa, mosaico e ficha. Na opción da interface mapa, xeolocaliza ou sitúa cartograficamente no territorio galego a realización escolar da que se trate. Na variante da  pantalla mosaico, amosa as fotografías das escolas que o proxecto leva catalogadas, ben sexa no conxunto de Galicia, ben na provincia, na comarca ou no concello correspondentes; desde as distintas iconas, mediante un hipervínculo, pódese acceder á ficha de cada unha das institucións. E na modalidade de presentación ficha recobra a descrición detallada que posúe o rexistro de cada escola.

Dentro do mapa interactivo onde se xeolocalizan os centros escolares, o usuario pode desprazarse no contorno cartográfico achegándose ou arredándose da zona visitada, mediante o emprego do zoom; aumentar ou diminuír o tamaño do visor ou da zona visualizada e seleccionar áreas concretas de traballo.

Unha das prestacións máis útiles da aplicación consiste na posibilidade de exportar toda a información dispoñible á plataforma Google Earth para poder realizar visitas virtuais aos enclaves onde se atopan situados os colexios previamente xeolocalizados, así como para trazar rutas de itinerarios intercentros. Co emprego desta ferramenta, o navegante terá ocasión de  abeirarse á maioría dos equipamentos escolares e situarse visualmente a carón deles, co apoio tecnolóxico da realidade aumentada, podendo contemplar o estado no que se atopaban no momento da gravación das imaxes, as cales polo regular proveñen de datas moi recentes. O paso seguinte, non desbotable no futuro, cando menos de forma selectiva e contando sempre coa colaboración dos afectados, consistiría en acceder ao interior dos centros para ver as súas instalacións e transitar polas súas dependencias. Nalgúns establecementos, que se atopan na actualidade parcial ou totalmente musealizados (antiga escola de nenas da Fundación Fernando Blanco de Lema [Cee], escola da Liga Santaballesa [Vilalba], escolar de San Claudio [Ortigueira]) sería moi interesante e encerraría unha extraordinaria potencialidade educativa e cultural poder percorrer virtualmente as súas dependencias e observar algunhas das pezas expostas –no caso do Museo Fernando Blanco de Lema isto último xa é posible– como tarefa previa e actividade preparatoria das visitas presenciais e tamén como prolongación destas.

Neste momento está pendente aínda a incorporación da aplicación a outras plataformas de localización cartográfica (Bing Maps, Yahoo Maps, GeoNames etc.) e a novos terminais xeobuscadores (GPS/GPX), servizos que conviría non adiar. Igualmente, agardamos que non se demore a súa integración nas principais redes sociais para potenciar a interactividade, sobre todo dos máis novos e –con certeza, por outras vías– destes cos maiores, no marco dunha experiencia colectiva e interxeracional de aprendizaxe e de valorización do patrimonio escolar. A medio prazo, mesmo habería que pensar en abrir o abano comunicativo a escala interterritorial e logo en perspectiva transoceánica, co propósito de trabar relación cos membros dalgunhas das sucesoras daquelas primeiras sociedades de instrución que hogano permanecen constituídas en América.

En liña de continuidade co anterior, e atendendo aos avances tecnolóxicos actuais, haberá que iniciar a xeración de códigos QR asociados a cada unha das fichas, tanto das escolas coma dos promotores, para conseguir a etiquetaxe de todas elas e a súa translación aos espazos correspondentes. Deste modo axudarase a espallar a información convenientemente, contribuíndo a dar a coñecer a escala planetaria os bens inventariados e fornecéndoos dun valor engadido no seu propio predio de localización. No afán de optimizar a utilidade da propia aplicación insírese, así mesmo, a idea –pendente de estudo por parte do equipo– de posibilitar a apertura de rexistros persoais na web para engadir comentarios e incrementar ou matizar os seus contidos, dar a oportunidade de enviar as fichas a outros usuarios ou coñecidos e procurar a súa adaptación a diferentes dispositivos móbiles (teléfonos, PDA, tabletas…).

Como preludio de todo isto, o pasado ano (xuño de 2013), o CCG presentou a aplicación LEME, ferramenta aberta para móbiles que permite explorar dun xeito amigable todos os recursos culturais xeolocalizados que se viñeron producindo desde este organismo. A esta aplicación electrónica incorporouse a base de datos do proxecto As escolas da emigración e canda ela o Mapa de equipamentos culturais e os Roteiros da cultura galega [http://culturagalega.org/opinion/leme], proporcionando o acceso, xa no momento da súa activación, a máis de 6.000 enclaves que, a día de hoxe (20 de xuño de 2014), superan os 18.000 bens culturais. Desta maneira, os contidos propios logran unha maior contextualización ao cohabitaren e seren aloxados con outros referentes culturais, circulando e interaccionando con eles e canda eles na rede.

Desde outra óptica, aínda que en sintonía con todo a anterior, enmárcase tamén a proposta que redactamos en marzo de 2013 para a “salvagarda e protección do patrimonio escolar da emigración por parte da Xunta de Galicia e das administracións locais”. Esta proposta serviu logo de documento base para formular unha suxestión que se elevou desde o CCG ao Parlamento de Galicia, onde foi tomada en consideración e debatida no seo da Comisión Cuarta de Educación e Cultura e posteriormente aprobada por unanimidade de todos os grupos políticos, na sesión do 7 de maio de 2013; isto deu lugar a unha iniciativa na que se instaba a Xunta de Galicia a impulsar o recoñecemento e a homenaxe ás sociedades galegas da emigración, singularmente da área americana, pola súa contribución ao avance educativo e ao progreso cultural de Galicia. Na iniciativa parlamentaria sinalábase, ademais, que para levar a efecto o acordo, o executivo galego fomentaría a realización de distintas actividades e a difusión de declaracións de recoñecemento institucional tanto nos centros educativos coma na sociedade en xeral. O propósito que nos animaba cando formulamos a proposta non era outro que tratar de darlle maior visibilidade e axudar a enxalzar a obra comunitaria dos emigrados no ámbito do ensino. Nesa dirección encamiñábase a mostra “Luces de alén mar”, á que antes nos referimos, a resultas da cal abrollou a citada proposta.

Por máis que conte xa cun dilatado percorrido, entendemos que As escolas da emigración  continúa a se configurar como un proxecto aberto e en construción que agarda no porvir novos desenvolvementos. Para iso cómpre contar coa colaboración de toda a comunidade educativa. En tanto en canto esta faga da aplicación del derivada un espazo virtual de traballo cooperativo e unha ferramenta de aprendizaxe que estimule novas experiencias de indagación autónoma ou tutelada, dentro e fóra das aulas, o seu futuro como recurso pedagóxico ao servizo da xeración de coñecementos compartidos estará asegurado.  Esa podería ser de agora en diante a idea forza que guíe a súa implantación didáctica. Cabe reiterar finalmente que, para facilitar a comunicación cos responsables do proxecto, na súa web ofrécense os enderezos e números de contacto aos que recorrer. Grazas a todos pola axuda prestada e o interese amosado.

 

 

Bibliografía: 

 

 

PARA COÑECER MÁIS:

- Álbum da emigración [AEG-CCG]: http://www.culturagalega.org/albumdaemigracion/

- As escolas da emigración. Un proxecto do Arquivo da Emigración Galega [CCG]: http://mapas.consellodacultura.org/escolas/

- Catálogo da exposición “Luces de alén mar. As  escolas de americanos en Galicia” (edición revisada e ampliada) [AEG-CCG]: http://consellodacultura.org/mediateca/extras/cat_luces_alen_mar.pdf

- Catálogo da exposición “Nós mesmos. Asociacionismo galego na emigración” (edición en galego e castelán) [AEG-CCG]: http://consellodacultura.org/mediateca/documento.php?id=14

- LEME [CCG]: http://culturagalega.org/opinion/leme/

- Luces de alén mar – Google Cultural Institute: http://consello-da-cultura-galega.culturalspot.org/exhibit/luces-de-al%C3%A9n-mar-luces-de-m%C3%A1s-all%C3%A1-del-mar/SwKywbPWPedoIQ

- PEÑA SAAVEDRA, V. (dir.) (1998): Repertorio da prensa galega da emigración. Santiago de Compostela: AEG-CCC [edición en CD-Rom e impresa].

 

 

Sección: