Unha experiencia poética, na aula e máis alá da aula

EnREDando Versos
Na escasa atención á poesía actual nas aulas, a experiencia Enredando Versos vén cubrir unha necesidade de documentación e posta en práctica con actividades arredor das creacións dos poetas contemporáneos e da súa presenza en internet.

Ricardo de la Torre Rodríguez
Paz Fernández Pereiro
 Xosé Manuel Iglesias Diz
José María Lores Pérez
Anxos Rial Vidal
María Dolores Tobío Iglesias

enredandoversos@gmail.com

Que as aulas permitan o contacto coa linguaxe poética pode serpara moitos nenos e mozos condenados á frustración íntima e ao fracaso social un xeito de eludir o abismo, unha oportunidade para o asombro e a ledicia, unha fuga, aínda que sexa transitoria, da súa desesperanzada experiencia cotiá. -Palabras de Juan Mata en cita de García Teijeiro (2009, p. 17)-.

As orixes

O título elixido de Enredando Versos encerra a intención de xuntarse para compartir, enaltecer e soster a poesía como alicerce no día a día. Nese sentido, a colaboración entre os centros e bibliotecas escolares resulta fundamental para conseguir un hábito de lectura e escritura e visibilizar a “normalidade” do feito poético, e por extensión das actividades culturais, non como un luxo, senón como actos necesarios para o desenvolvemento persoal e social.

No mes de abril de 2012 tiveron lugar unhas xornadas sobre lectura e familias en Sanxenxo, nas que coincidimos os que organizamos aqueles actos con outros compañeiros da profesión asistentes e procedentes doutras localidades -veciñas unhas e máis afastadas outras-; logo, rematado aquel encontro, pensamos que poderiamos facer algo en común. Daquel Lemos Xuntos chegamos a este Enredando Versos.

Xorde así un proxecto que se inclúe dentro das actividades establecidas na programación da biblioteca e dos clubs de lectura dos cinco centros participantes, coa finalidade específica de achegarse á poesía actual. O ideario materialízase no curso 2012/13, como grupo de traballo con actividades que se comparten e que se desenvolven a partir da programación da materia para ir máis alá da aula. Sabido é, dunha banda, o pracer que ofrecen as lecturas que non obrigan máis alá do gozo de ler; doutra, que ao achegar a literatura -e a poesía en particular- ao alumnado, a sospeita que a eséxese literaria e toda explicación poden chegar a estragar (Mainer, 2010, p. 9)  ten de ser mudada na aula, como ben di o escritor e profesor García Teijeiro:

É o momento en que pensamos que se deben ler textos poéticos na escola e que teremos que provocar o desexo de escribir nos nosos rapaces e rapazas, porque necesitan do feito poético para mirar cunha ollada intelixente o mundo que os rodea e, sen dúbida ningunha, para que se internen nese mundo de seu que necesitan coñecer (García Teijeiro, 2009, p. 11).

O campo de traballo establecido enmárcase na primeira década do século XXI sobre a obra dos poetas vivos con presenza na rede, como experiencia intercentros que nace de profesorado responsable das bibliotecas escolares, do ámbito das linguas galega e castelá e de novas tecnoloxías, de centros da provincia de Pontevedra: IES de Poio, IES Ribeira de Louro, IES San Paio, IES de Sanxenxo e, no seu primeiro ano de traballo, o CEIP A Lama.

A aplicación das actividades do proxecto está orientada para o  alumnado de ensino secundario obrigatorio e bacharelato dentro da programación das áreas de lingua e literatura galega e castelá, en relación cos eixes transversais que abranguen coñecementos lingüísticos e literarios, cultura clásica,  xeografía e historia, arte, novas tecnoloxías, e o manexo na busca e recuperación das fontes da información, así como o uso e aproveitamento da biblioteca escolar.

Desenvolvemento do currículo e das competencias básicas en Enredando Versos

As actividades de Enredando Versos buscan achegar os textos literarios ao alumnado desvelando o seu sentido de maneira compartida, favorecendo as tarefas de recreación ou recontextualización destes e impulsando a creatividade e a expresión dos sentimentos.

Traballar cos textos literarios nesta etapa só ten sentido para crear lectores, para lle facer sentir ao alumnado a emoción da literatura e achegalo para que poida afondar se posteriormente de xeito autónomo.

O proxecto céntrase na competencia en comunicación lingüística, a través da adquisición de destrezas que permitan o uso pleno da lingua no contexto literario, ademais da competencia no tratamento da información dixital ao utilizar ferramentas en soportes variados para a mellora das habilidades de obtención de información: dicionarios, correctores ortográficos, enciclopedias, xornais dixitais, bibliotecas virtuais, catálogos de publicacións... e coa adquisición dos coñecementos axeitados para seleccionar, analizar criticamente, organizar, relacionar e sintetizar a información co fin de transformala en coñecemento.

Obxectivos do proxecto

  1. Promover o gusto pola poesía entre o alumnado.
  2. Coñecer as diversas manifestacións poéticas actuais e os seus autores a través da rede.
  3. Empregar a metodoloxía de proxectos para a busca de documentación co uso das TIC.
  4. Favorecer a participación do alumnado na súa autonomía persoal en proxectos de investigación e nas súas propias creacións literarias.
  5. Fomentar o traballo do profesorado nos equipos de centro e intercentros, cun tratamento instrumental e integrado das linguas.
  6. Compartir nas aulas os materiais elaborados en cada centro como fonte de enriquecemento global.
  7. Propiciar o hábito lector e un maior nivel de lectura entre o alumnado.
  8. Impulsar o uso autónomo da biblioteca escolar.
  9. Lograr un compromiso por parte da comunidade educativa cara á educación literaria e o seu desenvolvemento.
  10. Formar cidadáns comprometidos e responsables no seu interese pola cultura, partindo da actividade lectoescritora como un medio que lles posibilite ampliar a súa visión do mundo.

Conectados coa realidade: traballo colaborador, ferramentas TIC e poesía

O proxecto Enredando Versos non tería sentido sen o uso das novas tecnoloxías, xa que un dos seus obxectivos principais é vincular rede e poesía. O traballo coas TIC posibilita a oportunidade de educar o alumnado no bo uso das ferramentas dixitais.  A modo de exemplo, citar Audacity para a gravación e edición de podcast; Openshot e Videopad para a edición de vídeos; o uso dun paquete ofimático para a recollida de datos, edición de textos e presentacións. Aplicacións como Issuu, Prezzi, Diggo e Dropbox permítenos traballar na rede co alumnado e o profesorado.

Ter unha boa base de documentación fotográfica e videográfica é fundamental dentro deste proxecto, por iso se abriu unha canle de Youtube para  aloxar os vídeos de produción propia que se van publicando no blog. Tamén dispoñemos dunha extensa galería fotográfica ancorada en Google Plus como arquivo visual das actividades desenvolvidas dentro do proxecto.

Coa finalidade de compartir o traballo que se vai realizando coa comunidade educativa galega, mantense un grupo aberto dentro de Redeiras. Twitter, Facebook e Pinterest son tres fiestras abertas máis alá das nosas fronteiras, o cal posibilita unha retroalimentación con outras voces e creadores do mundo literario, o que constitúe un banco de textos, imaxes e eventos arredor do mundo da poesía actual.

Enredando nas aulas: descrición dos contidos e actividades

Dinamizar a poesía nas aulas, dar a coñecer as diversas manifestacións poéticas actuais e os seus autores ten como finalidade última a de promover o gusto por este xénero entre o alumnado.

As actividades que se veñen realizando con este fin podémolas agrupar nos seguintes bloques de contidos:

  1. Un proxecto de documentación sobre a poesía na rede
    1. As páxinas electrónicas dos poetas vivos
      Actividade baseada na pescuda na rede da relación de poetas actuais que posúen blog ou páxina web propia. Os datos resultantes das buscas son recollidos nunha folla de cálculo coa finalidade de ter unha primeira aproximación da canteira de poetas novos que están escribindo nas dúas linguas cooficiais.
  2. Talleres de lectura e creación poética

    1. Unha constelación poética
      Actividade que parte do concepto de constelación literaria de Guadalupe Jover (2007) aplicada á narrativa. Facilitóuselle ao alumnado unha listaxe ampla, aínda que pechada, de páxinas web nas que debían seleccionar as creacións dos poetas e clasificalas segundo as etiquetas proporcionadas relativas ao tema central da constelación “Fronte á adversidade”. Como exemplo, pódese ver a constelación poética de Cantares Gallegos co gallo da celebración dos 150 anos da publicación do poemario rosaliano.

    2. O laboratorio poético
      Cada trimestre selecciónanse prácticas de creación poética que se vinculan ao currículo dos discentes e ás datas do calendario de celebracións do libro e da lectura: acrósticos, poesía visual, haikus, caligramas, colaxes, videopoesía…

    3. O poeta do mes/O poema da semana
      No blog creouse unha sección fixa, O poeta do mes, na que, segundo o título indica, se selecciona un poeta en cada lingua oficial con presenza na rede do que se escollen catro poemas para ler e comentar nas clases.

  3. Proxecto Etwinning
    No presente curso académico, aproveitando as posibilidades que nos ofrece a plataforma virtual Etwinning, incluímos o portugués no número de linguas coas que traballar, o que implica tamén abrir o círculo a novos socios colabores. O programa céntrase fundamentalmente na creación poética propia do alumnado participante a partir de modelos e estratexias dadas.

  4. I Edición de e-Poesía
    Co lema “A cidade con ollos de poeta” sacáronse as bases do I Certame e-Poesía a través de Twitter para a creación de tuitpoemas e poemas visuais, convocatoria cuxo premio será o recoñecemento de ser seleccionado/a por unha comisión de poetas profesionais e a posibilidade de ver publicado o #tuitpoema ou o #poemavisual presentado, así como a invitación para poder asistir ao II Encontro Enredando Versos.

Más alá da aula

  1. Roteiros literarios
    Salamanca e Zamora foron as cidades elixidas para facer as andainas a través dos versos dos poetas que viviron nelas. Coñecer Salamanca verso a verso, ler poemas nas prazas, nas rúas, xunto á estatua de Frei Luis, nos xardíns de Calixto e Melibea… buscar a ra, o astronauta, o touro de Lázaro, pasear pola ponte romana e que te salpiquen as augas do Tormes, visitar a Biblioteca Torrente Ballester e participar no obradoiro Entre ojos y hojas con Raúl Vacas, asistir ao recital poético musical con Fernando Maés e Raúl Vacas na librería Hydria… son algunhas das actividades realizadas.

     

Verso a verso, Salamanca

  1. Encontros poéticos: crónica dun encontro
    Cada vez que buscabamos na rede a páxina web ou o blog dunha poeta, dun poeta, o enlace a un festival de poesía ou uns versos cos que tiñamos que traballar, cada vez que estabamos enredados coa poesía en rede experimentabamos novas experiencias bastante diferentes das que as obrigas curriculares nos impoñen no noso día a día escolar. Mais unha certa inquedanza mantíñanos en estado de alerta: será verdade? Se con Safo ou Rosalía, con Pimentel ou Bécquer só podemos comunicarnos a través das súas creacións, que pasará coas e cos poetas obxecto das nosas buscas, do noso traballo: terán realidade física ou só serán entelequias virtuais, sombra e soño das novas tecnoloxías? E a poesía: será un agasallo das musas para uns poucos elixidos ou estará ao alcance da inmensa maioría dos mortais?
  2. A resposta chegounos nun magnífico día primaveral (un 2 de maio) en Sanxenxo. Alí realizamos o noso primeiro encontro poético; por primeira vez iamos ver se, en verdade, había poesía alén dos libros, dos exames e da rede de redes, alén das sinalefas e da rima asonante, da cesura e do hendecasílabo e se os poetas eran seres de carne e óso coma nós.
  3. Pronto puidemos comprobar a face máis festiva e amena da poesía, sen conservantes nin edulcorantes, da man de poetas amables e agasalleiros. Foi nos distintos obradoiros (Hip hop con García Mc,  Ligero de equipaje: palabras de ida y vuelta con Raúl Vacas,  A poesía é unha onza de chocolate con Carlos Negro, O cadáver exquisito con Ledicia Costas, Pouca poesía, moita diversión con María Lado e Lucía Aldao e Poetomarea do proxecto Linguas no ensino da USC) onde xogamos coa poesía, descubrimos orixinais formas de ler poesía, creamos poesía, vivimos a poesía, atopamos os elos que constrúen a poesía da vida ou a vida da poesía porque poesía e vida van da man.
  4. Despois chegou o recital con participación de enredantes (poetas) e alumnos (enredados). Silencio e respecto; quen dixo que a poesía é soporífera?, quen acusa o alumnado de falta de interese? Se Orfeo amansou as feras coa súa lira, nós fomos engaiolados pola poesía e polos poetas. E para rematar,  a recitación a coro do “Eu cantar, cantei” rosaliano, poesía e sentimentos a flor de pel.
  5. Era tempo de baixar do Parnaso poético ás rúas. Era tempo de encher de poesía os espazos abertos, de compartir a poesía coa cidadanía. Había que manifestarse pola poesía e coa poesía. Guiados polos poetas percorremos as rúas e prazas coreando versos, repartindo poemas e xaropes e pílulas... a poesía é terapéutica, a poesía é saúde.
  6. Pero non só de poesía vivimos, os estómagos impoñen a súa prosaica lei e fixemos un alto para xantar á beira do mar.
  7. Con renovados folgos continuamos a nosa acción poética. Hora do tendal. A cidade coa poesía ao sol e á brisa mariña. De árbore a árbore ducias de poemas multicolores que o vento mexía, testemuños dunha inesquecible xornada que pronto remataría coas últimas palabras e sensacións dos poetas recluídas nunha botella e lanzadas ao mar de Sanxenxo para que as ondas as leven cara a novos horizontes, para que a poesía siga enredando outras paraxes e a outras xentes.
  8. E a botella andou mares, remontou ríos e chegou a Tui onde realizaremos a segunda edición do encontro poético. A cidade fronteiriza, que o 24 de xuño de 1891 acolleu os primeiros xogos florais desenvolvidos de xeito íntegro en galego, será o próximo 8 de maio a anfitrioa de poetas consagrados e noveis, de aspirantes e simpatizantes da poesía, de enredantes ou enredados coa poesía. E volverán os obradoiros, as recitacións, as intervencións ao pé de rúa e á  beira do pai Miño e a poesía seguirá entusiasmándonos este maio e mil maios máis. Tempo de primavera, tempo de poesía.

Obradoiro proxecto Linguas. Universidade Santiago Compostela

Obradoiro con Carlos Negro

Tendal poético: versos na rúa

Manifesto poético nunha botella ao mar. María Lado

Unha botella ao mar

Querid@ poeta do futuro:

Se o que che gusta é o fácil, que sexa o fácil algo ao que volver despois de ter traballado en cousas máis difíciles. O facilón non convence nin a ti nin a ninguén, así que pensa se querer escribir ou se querer proxectar unha falsa imaxe transgresora. Bicos, e escribe. E dálle duro. Lucía Aldao.

Tratar de definir a poesía é como querer medir a intensidade do mar. Membros do proxecto Linguas da USC

Deseo con la fuerza y la profundidad del mar que la poesía nos ayude a sentir, a pensar, a conocernos por dentro y a explorar y compartir nuestras palabras y sueños más preciados. Sólo así conseguiremos hacer personas libres y entrenadas en esta travesía maravillosa que es la vida. Sólo así conseguiremos hacer personas libres. Raúl Vacas

Así é que desexas saber como se fan os poemas? Curioso pequeno que cada vez te fas máis grande. Os poemas son fráxiles e difíciles de coller coma os chopos listos e un ten que sentar á beira do peirao e pasar varias noites observando os movementos das mareas e os costumes dos bancos. María Lado

E manifesto que estou aquí porque creo na capacidade do poema de facernos libres e facernos grandes e facernos de verdade como só se fan as cousas que importan. Ledicia Costas

(Do manifesto poético dos poetas participantes no I Encontro de  Enredando Versos en Sanxenxo o 2 de maio de 2013)

 

Bibliografía: 

 

  • GARCÍA TEIJEIRO, A. (2009): A poesía necesaria. Vigo: Galaxia.
  • JOVER, G. (2007): Un mundo por leer. Barcelona: Octaedro.
  • MAINER, J. C. (2010): “Prólogo (sobre el oscuro placer de comentarlo)”. En NAVAL, M. A. (Ed.):  Poesía española Posmoderna. Madrid: Visor.
Sección: