A arte que nos rodea

A privilexiada situación do Colexio de Cervo, pretiño do emblemático complexo artístico de Sargadelos, foi fundamental para que xurdira a inquietude de aproveitar os recursos que a biblioteca e o contorno nos ofrecía, co fin de espertar nos nenos e nenas o gusto pola arte con sentimento e sentido crítico.

María Fernández García
Mestra coordinadora da biblioteca do CEIP de Cervo
maria.fernandez@edu.xunta.es

PRESENTÁMONOS

O Colexio de Cervo está situado na vila do mesmo nome, na Mariña de Lugo. O complexo artístico e industrial de Sargadelos está a dous quilómetros de distancia. Somos un colexio pequeno, cunha matrícula de cento quince alumnos e alumnas procedentes da cabeceira do concello e das súas aldeas. Conta con tres unidades de infantil e seis de primaria. O claustro está formado por dezaoito mestras e mestres, a maioría definitivos, o que facilita a continuidade no traballo da biblioteca e a coordinación entre o profesorado.

Sempre participamos en proxectos de formación e de innovación, para mellorar a nosa práctica docente. Realizamos obradoiros de fotografía e de radio escolar, así como de cerámica no complexo de Sargadelos, que posteriormente tiveron continuidade no propio centro co proxecto A cerámica na escola, tras conseguir dous tornos e un forno.

Cando hai exposicións artísticas na sala do Concello ou no Museo de Sargadelos, realizamos visitas e procuramos que sexan os propios artistas os que nos expliquen a súa obra. Por outra banda, contamos coa colaboración de papás e mamás creadores, artistas, pintores, monicrequeiros, músicos… que non teñen inconveniente en vir ao colexio para mostrarnos as súas obras ou axudarnos na realización dalgún obradoiro.

Fachada do CEIP cos mosaicos deseño Sargadelos)

 

Ademais, a pegada de Sargadelos está por todo o colexio: nos rótulos das aulas, nos mosaicos da fachada, nos carteis, na decoración, nas actividades que facemos… Con este enclave e estes antecedentes tan artísticos, xorde no profesorado a inquietude de mellorar a metodoloxía da clase de Educación Plástica e de lle achegar a arte ao alumnado, aproveitando os recursos que o contorno nos ofrecía. Decidimos, pois, que o proxecto anual da biblioteca sería sobre a arte e nel participaría todo o centro.

PAPEL DA BIBLIOTECA NESTE PROXECTO

A nosa biblioteca forma parte do PLAMBE desde a terceira convocatoria, pero xa antes de formar parte deste Plan de mellora contabamos cun grupo de traballo arredor deste centro de recursos e cada curso escolar elaboramos e levamos á práctica proxectos de centro, relacionados co contorno e cos intereses do alumnado e do profesorado, buscando a mellora da práctica docente e a implicación das familias. Neste senso, a biblioteca intenta dar resposta ás demandas do claustro, ofrecéndolle –entre outras oportunidades– a posibilidade de formarse no propio colexio case á medida das súas necesidades.

O papel da biblioteca é fundamental, pois constitúe o eixe arredor do que xira todo o colexio, porque, entre outras iniciativas, coordina os grupos de traballo de formación e os proxectos globais nos que participa todo o colexio, varios deles –Lendo e pintando, Lendo e creando e A arte que nos rodea– teñen relación coa arte.

A biblioteca encárgase de mercar e ampliar os fondos bibliográficos para o desenvolvemento destes proxectos, busca recursos dixitais na rede e centralízaos no blog Bibliocervo (1), nun sitio creado para este fin. Participa e administra outras páxinas web de arte como “Pequenos artistas, grandes obras”. Propón as docencias dos grupos de traballo e busca aquelas persoas que mellor nos poidan axudar no traballo coa arte na escola, de acordo co obxectivo que tiñamos de espertar os sentimentos e o sentido crítico no alumnado.

COMEZAMOS CO PRIMEIRO PROXECTO

Unha vez que tiñamos claro o que queriamos traballar, o seguinte paso era formarnos para poder levalo á práctica nas aulas. Para iso tiñamos o grupo de traballo da biblioteca: podiamos autoformarnos e ademais contar con docencias externas. Comezamos consensuando e elaborando un esquema que nos servise para traballar calquera obra de arte, baseado no desenvolvemento de habilidades e na percepción da arte a través dos sentidos, seguindo a filosofía do proxecto Noria, grazas á docencia que tivemos con Carmen Loureiro (2) que nos orientou neste senso.

Cada clase/ciclo elixiu un autor para traballar: Picasso, Miró, Paul Klee… Tamén estudamos cadros baixo o punto de vista matemático, coma os de Escher, Mondrián ou Sonia Delaunay. A Educación Plástica estendeuse ás outras áreas e traballouse de forma globalizada e interdisciplinaria.

As celebracións, festas, conmemoracións e o colexio en xeral imprégnanse de arte: a biblioteca decórase con láminas de pinturas, no Día da Paz traballamos o cadro Guernica de Picasso, elaboramos un folleto con cadros de temática paz-guerra que se enviou ás familias; polo Entroido cada neno ou nena pintou un cadro do artista que se traballou na clase, co que desfilaron nesa festa, mentres que o profesorado representou un dos mosaicos do colexio a xeito de gran crebacabezas.

Expuxéronse os fondos bibliográficos na biblioteca e no corredor da entrada do colexio. Tratamos de implicar as familias informándoas (nas reunións colectivas) do que estabamos facendo, enviámoslles folletos polo Día da Paz e pedímoslles colaboración polo Entroido. Usamos as tecnoloxías ao noso alcance para buscar e transmitir a información ao alumnado: creación de libros interactivos, utilización de ferramentas LIM sobre Picasso e Miró e unha webquest sobre Paul Klee. Recompilamos os recursos nun sitio con enlace no blog da biblioteca e publicamos os traballos do alumnado neste blog.

A este primeiro proxecto sobre a arte na escola chamámoslle Lendo e pintando. Logo virían máis…

CONSOLIDACIÓN DO PROXECTO

O tema da arte espertou grande interese no alumnado e profesorado e moita implicación da comunidade educativa. Por esta razón decidiuse seguir avanzando nesta liña de traballo. No curso seguinte, e a través do PLAMBE VII, levamos á práctica as actividades que nos quedaron pendentes e fixemos novas propostas. O proxecto chamámolo Lendo e creando porque agora queriamos potenciar a creatividade e orixinalidade do alumnado, entre outros obxectivos.

Comezamos o curso cunha xincana o Día das Bibliotecas, sobre Paul Klee e o seu cadro 1914, na que participou todo o colexio. Durante unha mañá todo o alumnado de infantil e primaria, mesturado en dez grupos, tivo que superar unhas probas relacionadas co pintor e o cadro elixido. O obxectivo era coñecer a este pintor e a súa obra, ao mesmo tempo que fomentabamos a cooperación e o traballo en grupo.

Pouco a pouco, a arte intégrase na práctica docente diaria, porque para cada proxecto ou unidade didáctica búscase unha obra axeitada; a serie Mali de Barceló para os medios de transporte, A noite estrelada de Van Gogh para a Terra e o Universo, O berro de Munch para traballar o medo, varios cadros de Paul Klee para as figuras xeométricas, a aplicación da arte ás matemáticas a través das obras de Escher…

Trabállanse diversas formas de expresión co alumnado: narracións, descricións, poesías, pinturas, enquisas… a partir do estudo das pinturas    e dos artistas. Tamén se usan diversas técnicas e materiais plásticos: ceras, xices, resgado de papel, témperas, acuarelas… Elabóranse e envíanse ás familias folletos con recomendacións de lecturas sobre arte para as vacacións de verán e realízase o libro viaxeiro Cóntame un cadro, con láminas de obras de autores locais, galegos, nacionais e internacionais. Cada familia podía elixir os que lle gustaban e escribir as opinións e as sensacións que a obra lle producía. Foi todo un éxito de participación!

Con respecto aos artistas, pasamos de estudar os internacionais a coñecer aos do noso contorno e, ante a dificultade de documentarnos en fontes escritas sobre eles, pensamos en traelos ao colexio para coñecelos mellor. Deste xeito, organizamos obradoiros con Aina Noguera (nai de dúas alumnas do centro) e Adriana Pardo. Con estas artistas, o alumnado realizou coloridos murais; fabricou pinturas con ovos, fariña ou pigmentos; descubriu o corpo e sobre todo os pés, a través da música…

Como produto final do proxecto organizouse unha exposición coas obras que nos cederon nove artistas da comarca da Mariña e que titulamos “A pintura que nos rodea”. Os artistas foron Mauro Leivas, Celso Dourado, Xoán Guerreiro, Hipólito Xeada, Aina Noguera, Adriana Pardo, Xosé Blanco, Francisco Amat e Xosé Vizoso. Estes creadores viñeron ao colexio para traballar co alumnado. As nenas e nenos prepararon enquisas para obter as respostas que non atopaban nos fondos documentais.

Convocamos un concurso de carteis coa finalidade de buscar a imaxe para o folleto da exposición que enviariamos á comunidade educativa e aos medios de comunicación. A exposición estivo aberta durante os meses de maio e xuño, e os visitantes e artistas poideron deixar ás súas opinións nun libro de visitas que agora está na biblioteca.

Pouco a pouco a iniciativa de perpetuar o traballo da arte dentro da escola faise máis forte. Ao tempo, houbo unha idea que sempre mantivemos presente: a arte de Sargadelos e a súa influencia. Por iso, coincidindo coa exposición, queriamos renderlle unha homenaxe a Isaac Díaz Pardo, a través da celebración do Día da Arte Galega na Escola. Revisamos o calendario para estudar unha data na que fixar esa conmemoración, pero os días sinalados en relación con este creador coincidían con vacacións e, despois de barallar varias propostas, de buscar información, consultar diversas fontes…, decidiuse o día 1 de xuño, aniversario de Seoane, o outro impulsor de Sargadelos, para esta efeméride. Lanzamos a proposta aos demais centros de ensino da zona da Mariña para que se sumasen a esta celebración e aos centros do PLAMBE a través da Asesoría de Bibliotecas, que sempre nos animou e apoiou.

Para celebrar este día organizamos unha xornada de portas abertas coa asistencia dalgún artista da exposición. Asistiron catro pintores: Aina Noguera, Xoán Guerreiro, Mauro Leivas e Hipólito Xeada. Entre os catro fixeron dúas obras colectivas: un gaiteiro e unha paisaxe. Ademais do alumnado e do profesorado, asistiron moitos pais, nais e veciños da vila, polo que o nivel de satisfacción foi moi positivo, tanto por parte das familias coma dos artistas, ao comprobar o traballo que con respecto á arte se facía na escola. Resultou unha xornada das máis fermosas que recordamos no centro!

 

Traballo conxunto dos pintores o primeiro Día da Arte Galega na Escola)

 

PRESENTE E FUTURO

Ao proxecto do curso 2012/13 chamámoslle A arte que nos rodea. Xa tiñamos claro que queriamos seguir na mesma líña de traballo, pero como o da arte é un campo moi amplo, acordamos variar as temáticas e eliximos a escultura como manifestación artística. A metodoloxía que seguimos foi a que xa tiñamos consensuada nos proxectos anteriores, continuamos o mesmo proceso co alumnado: observar, manipular, analizar, crear… pero esta vez con diferentes materiais e co volume. Coñecemos a variso artistas da zona e traballamos con eles: Caxigueiro, Gudín, Miranda e Neira Brosch. Visitamos o obradoiro de Caxigueiro en San Martiño de Mondoñedo e viñeron polo colexio Gudín, Miranda e Neira Brosch.

Como era un proxecto de centro, nas festas e celebracións tívose en conta esta temática. Polo Entroido fixéronse obradoiros con todos os cursos de primaria mesturados, para elaborar esculturas que serían os disfraces do desfile, e deuse a elixir entre varios modelos de estatuas: humanas, tótems, tétrix, estatuíñas... O profesorado elixiu ir disfrazado da figura da Menina de Sargadelos.

 

Variedade de esculturas no Entroido 2013)

 

Buscamos a colaboración das familias coa realización da actividade “Un amigo no camiño”. Nós mandámoslles un modelo para que nel pegasen unha foto do seu neno ao pé dunha escultura, aproveitando algunha viaxe, observando as obras que están ao noso arredor etc. Tamén debían poñer o nome da escultura, o seu autor, o material do que estaba feita, o lugar onde estaba situada e a razón pola que elixiron esa obra. Con todos os traballos recibidos fíxose un exposición e un gran libro, que se mostra na biblioteca. A participación nesta actividade superou as anteriores, porque as familias xa tiñan a dinámica de colaborar co colexio nestas iniciativas.

En maio puxemos en marcha a proposta Pezas únicas, coincidindo co Día das Letras Galegas. Os alumnos e alumnas elaboraron marcadores de lectura que se repartiron en tendas e galerías de Sargadelos da Mariña, de Lugo e de Santiago de Compostela. Serían un agasallo aos clientes que mercasen algún produto o Día das Letras Galegas. Nesa postal ou marcador de lectura aparece un poema orixinal en galego, caligrafado e ilustrado polos propios nenos. Como queriamos saber ata onde viaxaran os nosos poemas, na parte posterior do marcador explicamos que quen tivese a sorte de ter nas súas mans unha das nosas pezas únicas podía enviar unha mensaxe electrónica ao colexio contándonos ata onde chegara e que sentira ao recibir o agasallo. Recibimos catro contestacións: unha desde Bangladesh (un enxeñeiro de Foz levara o que mercara ata alá), outras das escritoras Elena Gallego Abad e Lola Arxóns Álvarez e a última desde a Arxentina, dos familiares dunha veciña de Mondoñedo.

 

Pezas únicas que chegan ata a India e Arxentina)

 

Ao longo do curso realizáronse varias reunións coas coordinadoras de bibliotecas do PLAMBE da Mariña, profesorado de Educación Artística dos centros de secundaria e artistas da zona, para organizar a celebración do segundo Día da Arte Galega na Escola que se levou a cabo esta vez o 3 de xuño, xa que o 1 cadraba en domingo.

Na xuntanza de coordinadores de bibliotecas do PLAMBE da Mariña realizada en Santiago de Compostela xurdiu a proposta de lle pedir colaboración ao IES Monte Castelo de Burela por impartirse nel o bacharelato artístico. Feita a petición, un grupo de alumnos con dous profesores viñeron ao colexio para facer obradoiros de baleirado de escaiola e carautas de barro.

 

 

Obradoiro co alumnado do bacharelato de Artes de IES Monte Castelo de Burela. Exposición de esculturas e cerámica no corredor do colexio)

 

Os centros participantes no proxecto organizaron actividades relacionadas coa arte e no de Cervo fixemos unha exposición de obras escultóricas de artistas da zona: Hipolito Xeada, Neira Brosch, Pilar Rey, Kike Guerra, Xosé Blanco, Otero Regal, Juan Puchades, Torterolo, Lucía Catuxo, Estéfano Gudín e Ferreira Otero.

O segundo Día da Arte na Escola estiveron no colexio Neira Brosch, Miranda e Gudín traballando co alumnado e realizando esculturas conxuntas.

Na actualidade, esta práctica xa se estendeu máis alá do colexio de Cervo e está espallada polos centros de ensino, asociacións culturais, concellos e artistas da zona… Creouse unha plataforma integrada por membros destas institucións que se reúnen periodicamente para coordinar a celebración do terceiro Día da Arte Galega na Escola. Está previsto facer unha exposición global no Cenima de Foz (3), en maio, con trinta artistas interesados en participar, polo de agora. Na maioría dos centros de ensino da Mariña estase traballando a arte e realizando obradoiros en colaboración cos artistas da zona.

No Colexio de Cervo, este curso, decidimos cambiar a temática do proxecto, pero sen esquecer a arte. O proxecto global de centro que coordina a biblioteca trata sobre a cociña e os alimentos, pero incorporamos a fotografía para a realización de fotos artísticas de pratos, alimentos, menús etc. As familias colaboran mandándonos a súa receita: aquela que cociñan para as festas, días especiais, comidas familiares… cos ingredientes, elaboración e foto, o máis artística posible. Todas elas pasarán a formar o Libro de receitas especiais do Colexio de Cervo.

Tamén coñeceremos fotógrafos galegos de todos os tempos e realizaremos diversos obradoiros de fotografía, en colaboración co bacharelato de Artes do IES Monte Castelo de Burela.

CONCLUSIÓNS

Despois de traballar a arte na escola durante os últimos cursos, valoramos moi positivamente a súa incidencia no aspecto creativo e crítico do alumnado, xa que incrementa a súa sensibilidade, faino consciente das súas posibilidades artísticas, valora as creacións dos demais, aprecia a arte do seu contorno e sobre todo axúdalle a vela como algo próximo grazas ao contacto cos artistas e as súas obras.

NOTAS

(1) Bibliocervo: http://bibliocervo.blogspot.com.es

(2) Carmen Loureiro López, psicóloga e especialista en intelixencia emocional. Profesora no IES de Arousa. Colaboradora do proxecto Noria da rede Crearmundos.

(3) Cenima. Centro de Interpretación da Mariña.

 

Bibliografía: 

 

  • BARBE-GALL, F. (2009): Cómo hablar de arte a los niños. Donostia-San Sebastián: Ed. Nerea (1.ª ed.)
  • DESNOËTTES, C. (2008): Descubrir a arte a través do mundo. Vigo: Factoría K de Libros (1.ª ed.)
  • NEWALL, D. (2009): Apreciar el arte. Barcelona (1.ª ed.)
  • PUIG, I.(2003): Persensar. Barcelona: Ed. Octaedro-Eumo (1.ª ed.)
  • RIVERA FERNER, M. (2009): Colección El sueño de…. Valencia. Ed. Brosquil (1.ª ed.)
Sección: