Proxecto Italia

Proxecto Italia nace coa intención de dotar de recursos a plataforma do espazo Abalar da Xunta de Galicia, e quere ofrecerlle ao usuario-alumno unha ferramenta multimedia de carácter lúdico que contribúa a complementar a súa aprendizaxe e, sobre todo, a suscitar a súa curiosidade sobre un país tan próximo como descoñecido.

José Antonio Ramos Escudero
Profesor e xefe do Departamento de Italiano na EOI de Vigo
jramos@edu.xunta.es

Desde o punto de vista do usuario-docente, aínda tratando temas circunscritos á península alpina non recollidos especificamente nos currículos do ensino obrigatorio do noso país, Proxecto Italia pretende ser unha ferramenta de axuda para presentar e reflexionar sobre numerosos argumentos que si teñen espazo nas clases da ESO e bacharelato. Trátase dun proxecto de cultura xeral –tan deostada neste mundo especializado– que recolle, nun mesmo espazo, aspectos relacionados coa historia antiga e moderna, a lingüística, as linguas estranxeiras, o coñecemento do medio, a arte en todas as súas disciplinas, a música, o cine, o teatro etc.

Proxecto Italia quere contribuír a desenvolver os novos modelos pedagóxicos que incorporan a tecnoloxía nas aulas. Está deseñado para que participen un mínimo de dúas persoas ou toda unha clase dividida en grupos, fomentando deste xeito o espírito colaborador e participativo. Pon en xogo un repertorio de información multidisciplinar para que os xogadores poidan competir, demostrar os seus coñecementos e, ao mesmo tempo, aprender, reflexionar, asociar, comparar, discutir, aprender… facendo que a competición que suscita o proxecto non sexa un fin en si mesmo.

Ligazóns no repositorio de contidos do espazo Abalar:

- Italia: What do you know about Italy?
- Italia: Roma
- Italia: geografía e storia
- Italia: Italia está no mundo!

 

 OBXECTIVOS

Proxecto Italia é ante todo un xogo, unha ferramenta informática que intenta ampliar coñecementos de xeito lúdico.

Pretende achegar Italia a docentes e alumnos a través de catro xogos independentes, distribuídos da seguinte forma:

  1. Italia: Roma: trata aspectos relacionados coa Roma clásica.

  2. Italia: geografia e storia: trata aspectos relacionados coa xeografía e a historia moderna do país transalpino.

  3. What do you know about Italy?: trata aspectos relacionados coa cultura italiana no sentido máis amplo.

  4. Italia está no mundo: trata aspectos relacionados coa contribución de Italia á cultura universal.

A partir da realidade italiana, docentes e alumnos poden establecer comparacións e asociacións coa realidade do noso país.

Proxecto Italia está deseñado para a interacción en catro linguas: normalmente as ferramentas informáticas permiten a selección dunha lingua entre varias dispoñibles. Non é o caso deste proxecto. Os contidos están deseñados aleatoriamente en inglés, español, galego e italiano, de maneira que o usuario deba conxugar obrigatoriamente o uso das catro linguas.

Proxecto Italia é unha ferramenta informática multidisciplinar que pode ser usada para desenvolver e presentar contidos fundamentais e transversais do currículo do ensino obrigatorio.

 

DESCRICIÓN DO PROXECTO

O proxecto está composto por catro xogos multimedia independentes con preguntas de resposta con opción múltiple.

  1. Italia: Roma

  2. Italia: geografia e storia

  3. What do you know about Italy?

Estes tres xogos constan de 40 preguntas con catro posibilidades de resposta cada unha. Só unha resposta é correcta, 10 das preguntas e as súas respostas están en italiano, 10 en español, 10 en galego e 10 en inglés.

  1. Italia está non mundo

Este xogo consta de 120 preguntas con catro posibilidades de resposta cada unha. Só unha resposta é correcta, 30 das preguntas e as súas respostas están en italiano, 30 en español, 30 en galego e 30 en inglés.

Poden participar 2 xogadores (ou dous equipos de xogadores), que deberán identificarse ao comezo do xogo. O nome dado ao xogador ou grupo de xogadores aparecerá por quendas na pantalla para indicar quen debe responder a pregunta formulada.


 

A interface do xogo presenta as seguintes características:

  1. Logo do xogo e título.

  2. Marcador: informa do número de preguntas realizadas a cada xogador (domande) e do número de respostas correctas (OK).

  3. Cronómetro: indica os segundos á disposición do xogador para responder.

  4. Botón de preguntas: o xogador debe facer clic neste espazo para lanzar a pregunta que aparecerá no rectángulo marcado xunto coas catro opcións de resposta. A aparición da pregunta activa o cronómetro. O feito de que sexa o xogador quen lanza as preguntas, e non a aplicación de xeito automático, permite que se poida reflexionar ou traballar sobre preguntas concretas facendo unha pausa no xogo.

  5. Botón de son: activa ou desactiva o son.

  6. Taboleiro de xogadores: a cada resposta correcta, o peón de cada xogador avanza polo taboleiro ata chegar á resposta 10.

Gaña o xogador que primeiro responde correctamente 10 preguntas.


 

 A interface das preguntas:

Unha vez que o xogador fai clic no botón de preguntas (imaxe 4 da ilustración anterior), no espazo superior do taboleiro aparecerá a pregunta cos seguintes elementos:

  1. Nome do xogador ou grupo de xogadores que debe responder.

  2. Pregunta: redactada aleatoriamente en inglés, italiano, español ou galego.

  3. Imaxe de contextualización da pregunta. Nos xogos nos que se pregunta sobre arte, a imaxe está directamente relacionada coa pregunta e  representa o cadro, escultura etc. ao que fai referencia a pregunta.

  4. Opcións de resposta: o xogador debe facer clic sobre o número da resposta correcta.

Nos xogos: Italia: Roma; Italia: geografia e storia e What do you know about Italy? se a resposta é correcta, o xogo anúnciao e o peón avanza un posto no taboleiro. Se a resposta é incorrecta, o xogo lanza automaticamente un audio, na mesma lingua na que está suscitada a pregunta, ofrecendo unha explicación sobre a pregunta e a resposta correcta.

Se o xogador o desexa, pode escoitar ese mesmo audio facendo clic na ligazón www (núm. 5 na imaxe) que aparece na parte superior esquerda do cadro de preguntas.

No xogo Italia está no mundo, que presenta a mesma mecánica, o audio ofrece pistas musicais ou documentos sonoros que axudan a responder as preguntas.

 

ORIENTACIÓNS DIDÁCTICAS

A ferramenta Italia: Roma está particularmente deseñada para introducir contidos das disciplinas de Historia e Latín. Presenta contidos sobre a organización do estado ou sobre episodios da historia de Roma que poden ser tratados transversalmente nas clases de Literatura, Filosofía ou Ética.

A ferramenta Italia: geografia e storia está particularmente deseñada para introducir contidos das disciplinas de Xeografía e Historia. Presenta unha serie de preguntas sobre a historia e a xeografía de Italia, país cofundador da Comunidade Europea e protagonista en primeira persoa dos episodios máis sobresalientes da historia universal do século XX. A aplicación contén preguntas relacionadas con institucións internacionais e disciplinas transversais como a demografía, a socioloxía ou a economía.

A ferramenta What do you know about Italy? é a máis heteroxénea das que compoñen o proxecto. Neste xogo trátanse estereotipos sobre Italia e os italianos, non sempre coñecidos ou ben interpretados. É unha aplicación adecuada para tratar na aula temas de grande amplitude como a identidade nacional, a proxección internacional dos países, os mitos e estereotipos. Teñen tamén espazo temas máis concretos relacionados coa lingua e os comportamentos lingüísticos.

A ferramenta Italia está no mundo está particularmente deseñada para introducir contidos das disciplinas relacionadas coa arte, a literatura e a educación musical. Pretende concienciar o xogador da importancia da contribución de Italia á cultura universal ao longo dos tempos séculos.

Proxecto Italia é unha aplicación deseñada con dous software de uso libre relativamente fáciles de usar: DEX e Xoga. A posibilidade de que os alumnos, sobre os exemplos desenvolvidos neste proxecto, creen os seus propios xogos de preguntas e opcións de respostas (usando o software ou en simples cartolinas) pode converterse nunha ferramenta de estudo atractiva e moi interesante.
 

CONCLUSIÓNS

Proxecto Italia é un xogo pensado para aprender e reflexionar sobre gran cantidade de temas relacionados con outras tantas materias do currículo do ensino obrigatorio. É unha ferramenta informática cun deseño atractivo, moi fácil de usar e deseñada para contribuír a difundir e promover a cultura italiana no ámbito da Unión Europea. Polo seu deseño, é unha ferramenta pensada para a práctica real das linguas nun ambiente de competición e colaboración entre os xogadores dun mesmo equipo.