Planeta Auga

Alberto Abadin Cid
IES Plurilingüe Aquis Celenis
albertoabadin@edu.xunta.es

CONTEXTUALIZACIÓN

Planeta Auga é un curso desenvolvido durante unha licenza de formación que abrangue en 12 temas o currículo da materia de Ciencias da Natureza de primeiro da ESO. Está desenvolvido na plataforma Moodle, con licenza creativecommons, para a súa utilización en aulas Abalar, pero podería empregarse en calquera aula que dispoña dun mínimo de recursos técnicos (ordenador e proxector). O profesorado só precisaría uns coñecementos básicos de Moodle de nivel de profesor editor.

A elección de Moodle debeuse, entre outros motivos, a que:

  • É software libre

  • Está dispoñible en todos os centros docentes dependentes da Consellería de Educación.

  • É un LMS (Learning Management System), polo que facilita as tarefas docentes de seguimento e avaliación, cun libro de cualificacións moi flexible (desde a versión 1.9) que pode adaptarse a case calquera necesidade.

  • Contén recursos e actividades diversas altamente configurables.

  • É accesible desde calquera ordenador conectado a internet utilizando un navegador (non é preciso un CD, DVD ou lapis de memoria).

Planeta Auga non pretende ser un libro dixital ao estilo dos das editoriais que, coa necesidade de salvagardar os seus dereitos, os fan pouco flexibles, moi completos, pero dificilmente adaptables ao que odocente e o discente precisan en cada momento. É máis ben un punto de partida que facilita a reflexión e a revisión permanente do proceso educativo.

Tampouco está orientado á educación a distancia, que precisaría dunha metodoloxía máis estruturada e fundamentada, como a denominada PACIE, aínda que se inspira nela.

 

OBXECTIVOS

O obxectivo principal deste curso é contar cunha serie de recursos e actividades básicas, en soporte dixital, que faciliten desenvolver o currículo da materia de Ciencias da Natureza de primeiro da ESO empregando as TIC que as aulas Abalar ofrecen. Así mesmo, contar cun procedemento avaliativo automático baseado no libro de cualificación de Moodle, adaptado aos criterios establecidos na programación anual do departamento.

Un obxectivo secundario, aínda que non menos importante, é facilitar o proceso de avaliación da propia tarefa docente.

 

RECURSOS EMPREGADOS

Para a súa elaboración, utilizouse a aula virtual do centro (IES AquisCelenis), con Moodle 1.7 e en Linux (Ubuntu 12.04), con LAMP baixo un servidor local, Moodle 1.9 coa configuración do libro de cualificacións, que é a achega máis significativa desta versión.

Os recursos e actividades utilizados de Moodle e a súa configuración descríbense a continuación.

 

DESCRICIÓN DA ACTIVIDADE

O curso está organizado en 12 temas con contidos da materia e mais un tema de contidos xerais, guía didáctica e instrucións (o tema 0). Cada tema consta de:

  • Unha introdución, que pretende mergullar o alumnado no que serán os contidos e mostra unha idea básica que induza a reflexión e sexa motivadora, para o cal se acompaña de imaxes, vídeos ou animacións. Ademais facilita a localización e/ou situación do tema que, pola uniformidade do deseño, se vería dificultada.

  • Un cuestionario de ideas previas non avaliativo (configurado para que non forme parte das cualificacións) con diversas finalidades:

    • Explorar os preconceptos. En función da experiencia de cada profesor ou profesora, deberíase modificar este cuestionario e substituír, modificar ou engadir cuestións.

    • Medir o nivel de coñecementos de que parte o alumnado. Neste sentido o cuestionario está pensado para ser realizado na aula e nun único intento; porén, está configurado con dúas tentativas para solucionar problemas técnicos que puidesen aparecer na primeira (equipos que se reinician ou se apagan por falta de batería, erros do alumnado etc.). Por este mesmo motivo, a segunda tentativa

    • Constatar, por parte do propio alumnado, o grao de mellora na adquisición de coñecementos, sobre todo para aquel que presenta dificultades, coa finalidade de reforzar a súa autoestima. É por isto que a configuración ten o modo adaptable inactivo e pode ser necesario habilitar unha tentativa máis en caso de esgotar as anteriores.

  • Contidos desenvolvidos en temas con texto moi sintético que facilita o seu estudo, obxectos multimedia que axudan á súa comprensión e cuestións avaliativas que reforzan a adquisición de conceptos. Preséntanse en dous formatos:

    • Documento multimedia en pdf. Elixiuse este formato por ser un estándar e pola súa facilidade de descarga e impresión. As animacións e vídeos evidentemente non se imprimirán, polo que eses contidos non serán accesibles. As ligazóns ás cuestións avaliativas non funcionarán se o documento non se emprega embebido, de aí que, se o alumnado o descarga e consulta cun visor de documentos pdf, non poderá acceder ás cuestións. Porén, ás cuestións pódese acceder directamente desde a sección actividades do tema.

    • Documento web. A súa elección débese a que está perfectamente integrado na plataforma Moodle, polo que certas actividades, como os glosarios, ven reflectidos os seus efectos inmediatamente.

  • Actividades avaliativas de diverso tipo:

    • Preguntas do tema. A finalidade é o reforzo dos contidos desenvolvidos, polo que están configuradas como cuestionarios con tentativas ilimitadas; cada tentativa comeza de novo en modo adaptable con penalizacións. Puntúan 10 en relación cos exames, que puntúan 60.

    • Tarefas. Están propostas unicamente tarefas para realizar en liña, que precisarán da axuda do profesorado para un correcto desenvolvemento. Puntúan un 20 %. Calquera tarefa nova que se propoña na aula debería incluírse como actividade fóra de liña, por exemplo, as actividades prácticas ou de laboratorio.

    • Glosario. Cada tema ten un para que o alumnado traballe na procura da comprensión daqueles conceptos descoñecidos ou complexos. A idea é que cada alumno/a faga as súas propias entradas segundo os conceptos que descoñeza, polo que poden repetirse. Tamén poden facer comentarios das entradas para facilitar a interacción entre eles e a valoración por parte do profesor (escala cualitativa). A ligazón automática dos conceptos está desactivado nestes glosarios de tema. O profesor será o encargado de escoller a mellor entrada de cada concepto e incorporala ao glosario xeral; a partir dese momento o concepto quedará ligado (ten que ser habilitada esta opción polo administrador Moodle) en calquera documento do curso que apareza (páxinas web, preguntas, cuestionarios etc.).

    • Base de datos de biodiversidade. Consiste basicamente na elaboración de fichas sobre organismos vivos, que deben ser creadas polo propio alumnado. Cada rexistro ou ficha constará dunha fotografía e de certa información como nome común, nome científico, data etc. É conveniente que se explique todo o relacionado cos dereitos de autor, que as fotografías deben ser de seu, que non deben aparecer persoas nelas etc. Esta actividade é moi formativa e motivadora, segundo a miña experiencia, e non presenta grandes dificultades xa que a maioría do alumnado dispón de cámaras dixitais ou de dispositivos que as incorporan.

    • Exames do tema. Probas obxectivas configuradas como cuestionarios de diversas preguntas, con dúas tentativas (a segunda por se existen problemas técnicos), modo adaptable desactivado e cualificación sobre 100. É conveniente activar e poñer datas de inicio e peche para evitar accesos previos intencionados ou accidentais. Tamén é oportuno configurar un tempo para a resolución do cuestionario, que debe estar en función das habilidades técnicas e das capacidades da maioría do alumnado, polo que non se fixo previamente.

    • Outras actividades tipo Javaclic ou Hotpotatoes. Hai algunhas actividades deste tipo para que o profesorado afeito a estas ferramentas ou que xa teña material elaborado e queira incorporalo vexa unha posible forma de configuralo e integralo no curso.

    • Ligazóns externas. No curso evítanse as ligazóns externas para non dar a impresión de ser pouco fiable ou estar inacabado cando as ligazóns rompan. Porén, hai recursos moi bos que non puideron ser incorporados por teren licenza propietaria e que se inclúen neste apartado. Inicialmente están ocultos para o alumnado xa que é conveniente que o profesorado revise que a ligazón funciona correctamente e valore a súa utilidade.

 

METODOLOXÍA

Nas aulas Abalar temos ao noso dispor un taboleiro interactivo, un proxector, o ordenador do profesor e os ordenadores do alumnado, todos eles con conexión a internet sen fíos. O alumnado, unha vez rexistrado, accede ao curso onde atopa os recursos e actividades anteriormente descritos. Iníciase cada tema coa lectura da introdución e visión do vídeo, se é o caso, de forma conxunta. O profesor aclara conceptos e responde as cuestións que se puidesen suscitar. Seguidamente, o alumnado fai o cuestionario de conceptos previos. Logo de comentar os resultados na clase, o profesor realiza un breve esquema ou mapa conceptual do tema que oriente o alumnado sobre o que debe traballar del. A partir de aquí o profesor toma o papel de guía e cooperador no traballo do alumnado: lectura comprensiva, aclaración de conceptos (elaboración de entradas no glosario), contestación ás preguntas, elaboración das tarefas e memoria das prácticas de laboratorio. En caso de ser necesario, recoméndanselle ao alumnado recursos complementarios. Chegado o momento, faise o exame, con revisión posterior persoal e comentario dos resultados. Ao alumnado coas cualificacións máis baixas recoméndaselle revisar o tema e facer de novo o cuestionario de ideas previas. Repítese o proceso en cada tema.

Ademais do glosario principal que se nutre dos glosarios de cada tema, hai outra actividade que se desenvolve ao longo do curso, a base de datos de biodiversidade. Con ela todos colaboramos na construción dunha pequena guía de seres vivos da nosa contorna. Esta guía servirá para facer unha proba final de identificación visual.

Tamén se traballan algúns temas transversais mediante discusión no foro xeral.

Todas as actividades se desenvolven en horario lectivo utilizando os recursos do centro (aulas Abalar) para que todos teñan oportunidade de dedicarlle o tempo suficiente ás actividades propostas. Porén, a maioría do alumnado dispón na súa casa de ordenador e conexión a internet, polo que pode profundar no traballo, consultar cualificacións etc. É moi recomendable utilizar desdobres nas sesións de laboratorio, de xeito que o alumnado que queda na clase teña tempo para revisar cuestións e mellorar cualificacións, facer entradas do glosario etc.

 

AVALIACIÓN

Establécense dous tipos de avaliación ou aspectos que se van avaliar:

  1. Unha avaliación xeral do propio curso como conxunto de recursos que pretende facilitar o desenvolvemento do currículo de Ciencias da Natureza de primeiro da ESO. Esta avaliación farase a longo prazo observando a evolución da utilización mediante o número de veces que é visitado no repositorio Abalar e a valoración que fagan os usuarios e usuarias.

  2. Unha avaliación máis concreta baseada nos seguintes indicadores:

    1. Cualificacións do alumnado. Analizando as variacións entre as cualificacións das tarefas, cuestións (preguntas) e exames poderemos determinar se o curso tende a profundar nas diferenzas entre o alumnado ou é máis homoxeneizador. Analizando as diferenzas entre os resultados dos cuestionarios previos, antes e despois de desenvolver o tema, e os exames, que permitirá ter unha idea do axeitado dos contidos e recursos e explorar onde se debe intervir, modificar ou completar os distintos apartados do tema.

  1. Dificultades que o alumnado ten no día a día, tanto tecnolóxicas (netbooks que non arrancan, non conectan coa wifi ou non cargaron as baterías) coma procedimentais (ampliar/reducir a lapela do navegador, edición de texto, inserción de imaxes etc.) e de comprensión (non entenden o que se lle pide en tal ou cal tarefa, enunciado de tal ou cal pregunta que dá lugar a confusión etc.).

  2. Valoración que o alumnado faga do propio curso mediante unha enquisa para tal efecto.

A avaliación planeada deste xeito permite unha intervención inmediata e pódese actuar no ámbito do alumnado (axuda por parte do profesor, disposición do alumnado con máis dificultades cos compañeiros colaboradores que os axuden etc.), do deseño global do propio curso (cambio da interface ou tema Moodle, inclusión de esquema de sección, inclusión ou non de calendario, acceso ou non a pais e nais á plataforma), das actividades (conveniencia, grao de dificultade, incluír outras, substituír algunhas etc.) e dos propios contidos (mellora na redación, inclusión substitución de imaxes, animacións, vídeos etc.). Un proceso incesante que require de grande esforzo e dedicación por parte do profesorado, pero que a plataforma Moodle e o curso alivian notablemente.

 

CONCLUSIÓNS

A metodoloxía proposta para a posta en práctica do curso non é en absoluto a única posible e viable. Planeta Auga está concibido como unha semente que pode xerminar e dar froitos diversos. Pode utilizarse como un libro dixital básico que o profesorado utilice da forma tradicional, con clases expositivas e actividades de reforzo e avaliación. Aproveitariamos entón unicamente o aspecto motivador da utilización dos recursos TIC en relación co alumnado e a axuda na xestión docente (administración de recursos e avaliación). Isto non sería un mal punto de partida, pero a idea coa que se creou vai un pouco máis aló. Moodle vaise facendo cada vez máis flexible e posibilita a súa adecuación á metodoloxía que o docente queira aplicar aínda que cunha orientación construtivista-social. Tampouco se trataría de guiar o alumnado por unha senda prefixada (máis ou menos modelada segundo as preferencias do docente) á que todos deban someterse para acadar unha avaliación positiva. Os recursos colaborativos como a base de datos sobre a diversidade ou o glosario fan que o alumnado sexa un elemento activo na construción do propio curso. Se a isto lle sumamos a posibilidade de incorporar novos recursos colaborativos, como os foros ou wikis en función do que o alumnado demande, ou de adaptar os cuestionarios ao alumnado con dificultades utilizando os agrupamentos, teremos moitas posibilidades de abrir camiños ou variantes suficientes para que cada alumno ou alumna vaia construíndo e progresando ao seu ritmo.

Outro aspecto que hai que ter en conta na valoración do curso é a adaptación do alumnado a esta nova metodoloxía e se os posibles problemas da utilización de recursos TIC poden obstaculizar o normal desenvolvemento do curso. Neste senso podo dicir que o alumnado acolle a novidade con entusiasmo e se esforza moitísimo en aprender a utilizar a plataforma, de xeito que nunha semana se desenvolve con soltura. Só constatei que teñen dificultades en entender as cualificacións dos cuestionarios que fai Moodle. Ademais, os pais e nais poden facer un seguimento día a día dos progresos dos seus fillos e fillas e axudarlles nas actividades desde as casas, cousa que valoran moi positivamente. No aspecto técnico, hai que mencionar que os problemas máis frecuentes son que algún equipo non se conecta á wifi (cousa que eles aprenden enseguida a solucionar) ou que os seus netbook non arrancan. Isto último é pouco frecuente, pero para non ter algún alumno ou alumna sen equipo é conveniente ter algún de reposto mentres se restaura a imaxe do que queda bloqueado.

Tendo todo isto en conta, xunto coa experiencia da súa posta en práctica, podo concluír que Planeta Auga responde con solvencia aos obxectivos propostos sempre e cando se dea o contexto axeitado:

  • Que o profesorado teña un certo grao de competencia en TIC e coñecementos básicos de Moodle.

  • Que haxa unha aula Abalar ou recursos tecnolóxicos similares.

  • Que se dea un mantemento áxil deses recursos tecnolóxicos.