En busca de nuevas narraciones: la mirada de los medios de comunicación ante la adolescencia

(Novidade)
Autoría: AA. VV. Revista Estudios de Juventud, núm. 101. “En busca de nuevas narraciones: la mirada de los medios de comunicación ante la adolescencia” [en liña; trimestral], Laia Falcón (coord.), Inxuve (Instituto da Xuventude), Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. Ano: 2013.

Marta Valderrama Botana
Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI)
marta.valderrama.botana@edu.xunta.es
 


Este monográfico estrutúrase en tres bloques temáticos: o retrato no que os adolescentes se ven nos medios de comunicación, as representacións mediáticas desde a historia colectiva e, finalmente, a reflexión sobre como os media poden dar resposta á necesidade de aprendizaxe emocional e intelectual dos adolescentes.

A lectura lanza o chamamento de tomar a alfabetización mediática como tarefa esencial na educación, sen equívocos á hora de manexarse co concepto e todos os seus eidos.

A reflexión comunicativa que afecta a construción da identidade e a realidade contemporánea vaise debuxando como enfoque subxacente arredor de distintas propostas.

Atópase un abano delas para levar o cine á aula. 1) Cine sobre ou con adolescentes (Merchán). 2) Adaptacións de relatos tradicionais orientadas polos meganarradores do hoxe (Falcón). 3) O Holocausto no cine (Thiele) e a crítica da industria cultural, incluíndo tamén a reclamación a toda arte da función de viabilizar a autonomía das persoas (Gómez Romero). 4) Literatura que nos conecta co cine de ciencia ficción, poeta do futuro no presente, para traballar o consumismo ou ata a importancia dos soños, chegando a validar o nihilismo punk desde a mitoloxía clásica (Paniagua).

A proposta didáctica de reflexión e debate de Díaz-Aguado e Falcón (bloque III) para obras cinematográficas pode aplicarse nos casos anteriores, mais o tratado dá pé a senllas iniciativas.

Á parte do cine, estúdanse dispositivos coma os blogs, as redes sociais, a TV, as webs e os videoxogos.

Gertrudix propón incluír os mundos inmersivos abertos coma os sandbox (véxase http://minecraftedu.com/page/) ou a simulación social na educación xa que, ben levados, achegan beneficios propios do construtivismo.

Rodríguez Tranche, pola súa banda, fai unha lectura crítica diacrónica sobre os relatos de identidade e actualidade a partir dos novos dispositivos mediáticos (anos oitenta). A partir desta lectura, dúas propostas temáticas para proxectos poderían ser: 1) Gran Hermano e Baudrillard: non deixa de resultar visceralmente irónico que a CNN, que introduciu as primeiras emisións informativas 24 horas, dese paso na súa canle española en 2010, cando deixou de se emitir, a GH24h. 2) A perversión do debate e da reportaxe nos medios desde a revisión do capítulo sobre Alemaña de Callejeros viajeros (2013) que, agora, si busca reflectir as dificultades de atopar traballo na emigración.

O novo e a acción pasan pola xuventude, portadora do discurso utópico. Ao comezo do monográfico, Pequignot volve a Mallarmé tornando o paradoxo do novo de Baudelaire nunha casa cero da que talvez se poida saír cando a codificación mesma, a sociedade, se revolucione. Con todo, un discurso sen acción estáncase na eterna adolescencia. Busquemos preservar a vontade de xuventude. Unha proposta lectora: Roberto Bolaño.

Os estudos de Ferrés et al. [p. 100] apuntan cara ao traballo da competencia mediática sen reducila ao tecnolóxico, xa que é o sistema límbico do noso alumnado o que nos debe ocupar máis dedicación. Só así conseguiremos prosumidores competentes.

Sección: