Tranki pap@as. Cómo evitar que tus hijos corran riesgos en Internet

(Imprescindible para hoxe)
Autoría: Oliver Tauste / Pere Cervantes. Ediciones: Oniro. Barcelona. Ano: 2012

Javier Pintor Elizalde
CFR da Coruña
jjpinel@edu.xunta.es

 

As tecnoloxías da información e da comunicación convertéronse nun elemento imprescindible no noso mundo. Nestes intres xa se afirma que un alumno que non utiliza internet non existe. Os rapaces crecen rodeados de tecnoloxía por todas as partes e desde moi novos invisten unha parte considerable do seu tempo en transitar pola rede. Pais e educadores deben concienciarse da necesidade de formarse nestas tecnoloxías da información e da comunicación para actuar con coñecemento sobre o que a rede supón na sociedade dixital de hoxe en día.

Internet ten unha cara amigable que presenta un universo infinito de oportunidades de relacións, información e coñecemento. Pero este libro estuda a outra cara de internet, aquela na que cabe a banalidade e mais o exhibicionismo e, asemade, non agacha os perigos reais para aqueles que utilizan internet dun xeito inocente ou irresponsable.

No libro podemos atopar a definición dalgúns conceptos básicos de navegación pola rede, a descrición das principais ferramentas de navegación en internet utilizadas polos máis novos e a aclaración de cales son os principais delitos informáticos cometidos neste ámbito. Este manual tamén ofrece unha análise esmiuzada das condutas dos adolescentes na rede e unha explicación sobre o fenómeno das redes sociais.

O libro subliña a necesidade de exercer no ámbito doméstico un control parental sobre a navegación dos fillos en internet e proporciona unha selección de ferramentas e webs temáticas para que os educadores coñezan o contido ao que acceden os adolescentes. En cada capítulo ofrécense orientacións prácticas para a titorización e actividades dos rapaces en internet e tamén se achegan medidas de prevención básicas para que os educadores controlen a actividade dos menores na rede.

Este libro pode resultar unha guía útil para as familias ou o profesorado interesado en afondar nos riscos que supón a navegación pola rede. A finalidade desta guía é que o educador poida detectar os problemas intrínsecos da rede antes de que estes se manifesten de xeito prexudicial para os rapaces.

Sección: