Ramaxes lectoras

A posta en valor das bibliotecas escolares a través das colaboracións na promoción da lectura no concello de Porto do Son
Dentro das actividades de promoción e dinamización da lectura, a Biblioteca Fraga de Novio do IES de Porto do Son estende as súas ramaxes á comunidade educativa do concello. Coordina as actividades que se transformaron en esteos dunha rede de proxectos e obxectivos compartidos que pretenden ampliar os espazos estritamente docentes: as guías de lectura de Nadal e de verán, a Festa da Lectura, as exposicións do Mes do Libro na casa de cultura e as Contadas.

Sonia Ces García e Rut Losada Soto
Coordinadoras da Biblioteca Fraga de Novio do IES de Porto do Son
sces@edu.xunta.es, rutlosada@edu.xunta.es

Contextualización

Desde que no 2009 entramos a formar parte do PLAMBE (Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares), a Biblioteca Fraga de Novio asentou o seu proxecto nun obxectivo básico: a transformación da biblioteca nun centro de recursos interdisciplinar. Porén, na base de todas as iniciativas levadas a cabo desde entón, atópase tamén a necesidade de acadar a “paulatina capacitación do alumnado nas competencias básicas que se pretenden de cara á súa formación como cidadáns activos e solidarios” (Decreto 133/2007, artigo 5). Calquera acción promovida vai encamiñada a este fin.

O Marco de referencia para as bibliotecas escolares feito público polo Ministerio de Educación en 2011 sinala que estas apoian “o profesorado no exercicio das súas prácticas de ensinanza e lle facilitan ao alumnado a aprendizaxe dos contidos curriculares, así como a adquisición das competencias e hábitos de lectura, nunha dinámica aberta á comunidade educativa”. O plan LÍA 2010/2015 (lectura, información, aprendizaxe) recolle como un dos seus obxectivos xerais o de “estimular a experiencia lectora entre os distintos sectores da comunidade educativa”. Partimos deste ámbito legal, pero os integrantes do noso equipo de biblioteca tivemos sempre claro que as responsabilidades deben ser compartidas. Malia a capacitación do alumnado nas competencias acadarse basicamente nas áreas curriculares –e na súa interdisciplinariedade–, non menos importantes son as medidas non curriculares que atinxen centros, familias e sociedade. É aquí onde as bibliotecas escolares estenden as súas ramaxes, onde se transforman en motores de cambios en hábitos e aprendizaxes.

Neste sentido, tal e como se vén incidindo nas diferentes xornadas de formación de Bibliotecas Escolares, a rede de centros incluídos no PLAMBE ofrece un servizo público. Nós iriamos máis alá: podemos e debemos ser un factor de compensación social, principalmente nestes tempos en que nos vemos obrigados a optimizar uns recursos cada vez máis exiguos en cultura e educación, o que se fai notar de xeito especial no ámbito rural.

Se afondamos na contextualización, insistimos na posta en valor das bibliotecas escolares. Móvenos unha visión “renacentista” do saber, humanística no seu sentido amplo. Deseñamos actuacións que procuran capacitar o alumnado na competencia de aprender a aprender a través da lectura, nun sentido transversal, que unifica o ámbito das letras e o das ciencias. Con todo, sabemos que a lectura adoita englobarse nas humanidades e é por iso que compartimos as reflexións da filósofa Adela Cortina, quen incide na necesidade de que estas se fagan presentes nas políticas de investimento en I+D+I (investigación, desenvolvemento, innovación). A «tarefa prioritaria» destas «consiste en reforzar os vínculos humanos, en xerar cultura, en potenciar as raíces valiosas sen as que as sociedades fican desarraigadas». Pois ben, as bibliotecas escolares reforzamos estes vínculos con proxectos innovadores que resolven problemas concretos da comunidade.

Enténdese, pois, que no proxecto inicial de biblioteca, no plan lector e nos distintos plans anuais que elaboramos, un dos campos que hai que traballar fose a relación coas entidades externas: centros escolares e as súas bibliotecas, o concello, as bibliotecas municipais, as librerías e a sociedade en xeral. Esta articúlase arredor da elaboración compartida de guías de lectura de Nadal e verán, a celebración da Festa da Lectura, as exposicións con motivo do Mes do Libro e as Contadas.

Obxectivos

As actividades colaborativas arredor da promoción da lectura organizadas pola Biblioteca Fraga de Novio no concello de Porto do Son perseguen os seguintes obxectivos:

  • Promover a lectura en toda a comunidade educativa.
  • Establecer pontes de colaboración entre os centros, e entre estes e o concello arredor da lectura.
  • Formar lectores competentes e consolidar os hábitos de lectura.
  • Implicar os distintos membros da comunidade no labor educativo: centros escolares, bibliotecas municipais, concello e sociedade en xeral.
  • Optimizar recursos na dinamización da lectura e no ámbito formativo.
  • Establecer redes de colaboración para o desenvolvemento de proxectos educativos.
  • Ampliar os espazos docentes (casa da cultura, biblioteca municipal, sala Perseveira do IES de Porto do Son…).

Descrición da actividade

O xermolo

Tendo en mente os obxectivos expostos, a colaboración cos centros iniciouse a partir do seguinte:

  • Pilar Sampedro, desde a Asesoría de Bibliotecas, deunos a coñecer as guías que publicaban conxuntamente as bibliotecas municipais e os centros escolares de Cambre. Pareceunos unha boa canle para achegarnos ao contorno e optimizar recursos.
  • No curso 2009-2010, comezamos a organizar As Palabras Máxicas conxuntamente co responsable do equipo de normalización e dinamización lingüística. Un grupo de alumnos e alumnas que formaban parte do club de lectura foille contar contos ao alumnado de infantil dos centros da zona. Nesta ligazón pódese ver o vídeo desta primeira experiencia.

Estes proxectos deron pé a un achegamento entre os centros de ensino, a biblioteca municipal e o concello, no que se asentarían outros novos.

Os integrantes

O equipo de biblioteca do IES de Porto do Son, único centro deste concello que forma parte do PLAMBE, entrou en contacto coa biblioteca municipal, os centros de ensino e o Concellería de Cultura, coa intención de organizar e coordinar iniciativas cara á promoción da lectura no contorno. Iniciouse así unha liña de traballo compartida entre a nosa biblioteca e as bibliotecas das EEI de Carballosa e Caamaño, as dos CEIP de Campanario, Portosín, Queiruga, Seráns, Sobrado-Nebra e Xuño e a Biblioteca Pública Municipal Xerardo Díaz Fernández.

Os froitos que serán sementes

No curso 2009-2010 comezamos a elaboración das guías de lectura e as Contadas, pero pouco a pouco foron establecéndose como dinámicas estables as seguintes actividades:

As guías de lectura de Nadal e de verán. Pretenden ser un documento orientador para toda a comunidade educativa. Partindo de comisións de traballo en pequenos grupos, os centros e a biblioteca municipal ofrecen unha selección de dez títulos de libros e material audiovisual que revisa e maqueta o equipo de biblioteca do IES de Porto do Son coa axuda do Departamento de Plástica. Estas recomendacións agrúpanse por tramos de idades. O concello cobre os custos da impresión. As guías repártense nos centros de ensino, nas librerías, nas bibliotecas, nas casas de cultura, no mercado, nos centros de saúde…

A Festa da Lectura. Por iniciativa do propio concello, decidimos converter a presentación da Guía de Nadal nunha celebración da lectura. O alumnado dos centros implicados reúnese, por ciclos, na última semana lectiva de decembro na casa de cultura. Contacontos e actuacións dos distintos centros arredor de temas que teñan que ver cos libros, os contos, as historias… Mozos e mozas do instituto presentan a festa e grávana en vídeo. Na montaxe posterior contamos co apoio do Departamento de Audiovisuais.

CEIP de Campanario na Festa da Lectura dramatizando un conto

A exposición no Mes do Libro. O Día do Libro Infantil e Xuvenil e o 23, Día do Libro, enmarcan as mostras na casa da cultura. Coa intención de promover xéneros de menor repercusión entre o público xeral, reunimos os fondos das nosas bibliotecas e acompañámolos de material elaborado nos propios centros e cedido por distintas entidades, como El Patito Editorial ou Gálix, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil. No IES elabórase unha guía didáctica que permita un maior aproveitamento. As exposicións están abertas ao público e son ben acollidas pola comunidade e o concello. As realizadas ata o momento foron:

A Historia do Cómic Galego e UniversalVai de Mar e Álbum Ilustrado

Os centros de primaria visitan a exposición de cómic

Alumnado do IES visita a exposición Álbum Ilustrado

Abril de 2014 estará centrado no teatro.

As Contadas. Aínda que iniciamos esta actividade desprazándonos desde o instituto ás aulas de infantil das EEI e dos CEIP, a creación no noso centro da sala Perseveira permitiunos traer esta actividade ao IES. Neste pequeno teatro, o alumnado dramatizou contos para os máis pequenos.

O alumnado de infantil asiste ás Contadas na sala Perseveira do IES de Porto do Son

Colaboracións entre os centros. Ademais das organizadas desde o noso equipo de biblioteca, foron xurdindo iniciativas paralelas entre as escolas. Así, as EEI de Caamaño e Carballosa e o CEIP de Seráns visitaron xuntos a biblioteca municipal e a Biblioteca Ánxel Casal, e o Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Os CEIP de Portosín e Sobrado-Nebra correron xuntos a Carreira pola Lectura.

Valoración

A promoción da lectura pasou de ser obxectivo a transformarse en canle. Canle para establecer dinámicas de traballo compartido, fraga frondosa de proxectos e afectos. Dámoslles visibilidade aos esforzos docentes, que chegan á comunidade educativa a través do alumnado, pero tamén polos medios de comunicación.

Optimizamos recursos e involucramos o concello na responsabilidade compartida.

Asentamos no noso alumnado as competencias básicas máis alá das aulas. Afianzámolas como o conxunto que son de coñecementos, destrezas e actitudes que calquera individuo debe aprender para poder vivir en sociedade. Potenciamos non só a competencia lectora, senón tamén a creatividade, a comunicación, o gozo, o enriquecemento persoal, o traballo en equipo, o respecto aos demais, o desenvolvemento da autoestima… Incidimos no que Manuel Area Moreira denomina dimensións cognitiva, comunicativa e axiolóxica.

Facemos fincapé no noso papel democratizador. Xeramos cultura, enraizamos os valores sociais. Poñemos en valor as bibliotecas escolares e o ensino público.

Bibliografía: 

AREA MOREIRA, M. (2010). “Tecnologías digitales, multialfabetización y bibliotecas en la escuela del Siglo XXI”. Boletín de la Asociación Andaluza de Bibliotecarios, núm. 25, núm. 98-99, pp. 39-52.

BERNAL MACAYA, A. I.; MACÍAS PEREIRA, C. e NOVOA FERNÁNDEZ, C. (2011). Marco de referencia para las bibliotecas escolares. Madrid, Ministerio de Educación, Secretaría de Estado de Educación e Formación Profesional, Dirección Xeral de Avaliación e Cooperación Territorial, Subdirección Xeral de Cooperación Territorial. Dispoñible en http://www.mcu.es/bibliotecas/docs/MC/ConsejoCb/CTC/Marcoreferenciabesco...

Caderno informativo. Curso 2010-2011. “Bibliografía. Alfabetización informacional/Educación documental”. Bibliotecas Escolares de Galicia. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, Subdirección Xeral de Centros, Servizo de Xestión de Programas Educativos, p. 18. Dispoñible en http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/files/CADERNINHO%202010_11_vabri...

Real decreto 1631/2006, do 29 de decembro, polo que se establecen as ensinanzas mínimas correspondentes á educación secundaria obrigatoria. Anexo 1. Competencias básicas, pp. 685-690. Dispoñible en BOE 5 de 05/01/2007 Sec 1 Pag 677 a 773 - BOE.es

Sección: