Editorial Trasno Trouleiro

A Editorial Trasno Trouleiro é unha editorial propia do CEIP da Barqueira, con libros feitos integramente polo alumnado, non só na elaboración do contido, senón tamén das fotografías, ilustracións e maquetación das páxinas. Trátase de libros científicos e veraces, escritos en lingua galega e que versan sobre asuntos moi diversos en función dos intereses e inquietudes que o alumnado teña en cada curso escolar.

Araceli María Montes Prieto
araceli.montes.prieto@edu.xunta.gal
Carmen García Martínez
carmengarciamartinez@edu.xunta.gal
CEIP da Barqueira (Cerdido - A Coruña)

 

O CEIP A Barqueira está situado na parroquia da Barqueira, no concello de Cerdido. Aínda que queda lonxe dun núcleo urbano, o noso é un claustro dinámico. Todos os cursos procuramos actualizar a nosa formación e facémolo a través do noso PFPP de centro (proxecto de formación), para o que contamos co asesoramento do CFR de Ferrol.

O centro conta actualmente cun total de 49 alumnos e alumnas, 12 en infantil e 37 na ensinanza primaria, agrupados nun total de catro aulas mixtas.

Este proxecto comezou a raíz da necesidade de descubrir e de preservar a cultura e as características propias da zona de Cerdido, así como de coñecer as súas principais fontes de recursos (plantacións de arandeiras, historia das minas de cobre, castro de Cerdido, feiras da castaña e da cereixa, festas populares, música...). Comezou como proxecto común de investigación que pretendía indagar na cultura do concello de Cerdido, tendo como produto social relevante, ou produto final, un libro informativo interactivo, así como vídeo-documentais de calidade que indagasen na cultura e na historia do noso concello, non só en lingua galega, senón tamén en lingua de signos, como forma de fomentar a inclusión das persoas con discapacidade auditiva tanto nos vídeos coma na interactividade do libro (a través de HP Reveal, actualmente LinkReader).

Nesta liña, observamos que o alumnado, malia terlle un grande apego ao seu concello, apenas coñecía nada sobre o seu pasado nin sobre o seu presente. Asemade, engadiuse a dificultade de atopar información sobre o concello, nin con libros, nin mediante a Rede. Por todo isto, xurdiu a idea de investigar e plasmar o indagado nun libro informativo interactivo, editado con calidade e veracidade, e vídeos documentais que puidesen formar parte da biblioteca do centro, así como tamén ser doados a entidades como o concello, o centro de saúde, distintas asociacións de persoas con discapacidade auditiva etc.

A raíz da creación deste libro denominado Coñeces Cerdido? (galardoado cun «premio en Innovación e Dinamización Lingüística»), o alumnado motivouse considerablemente cara á creación de novos libros interactivos sobre distintas temáticas, elaborados integramente por eles e elas a través da construción da súa propia aprendizaxe. Así, a través dunha aprendizaxe baseada en proxectos, continuamos a confección de libros interactivos e creamos a Editorial Trasno Trouleiro, a cal conta actualmente con oito exemplares: Os cans, Os animais, As plantas, Coñeces Cerdido?, Un cento de palabras… propias de Cerdido, A auga, Seres vivos e Camiño do mar.

Do mesmo xeito, algúns dos vídeos que se utilizan para a interactividade dos libros están en lingua de signos (Os animais) e algún dos exemplares está impreso en braille (As plantas), partindo sempre das inquedanzas do alumnado.

O impulso da citada editorial lévase a cabo desde a biblioteca, cuxa mascota é o Trasno Trouleiro, que será o encargado de propoñerlle actividades e tarefas ao alumnado a través de vídeos e de proxeccións holográficas. Asemade, os «amigos da fraga» do citado trasno tamén contribúen na gamificación e creación de intereses e actividades relacionadas con diferentes temáticas, por exemplo, a Meiga Xesta é a encargada de impulsar actividades relacionadas coa ciencia e a robótica.

 

 

 

A Editorial Trasno Trouleiro desenvólvese en todas as aulas do centro (e nas dúas etapas). Cada libro realízase durante un curso escolar, a través dunha metodoloxía baseada en proxectos, e abórdase desde varias áreas de coñecemento, mais fundamentalmente é desde a área de Lingua Galega, Lingua Castelá, Ciencias da Natureza e Ciencias Sociais. Non podemos esquecer que, dentro de cada proxecto de libro se realizan tamén tarefas de aprendizaxe integrada e se crean situacións de aprendizaxe, como a realización de espetadas de froita, programación de robots, investigación dos xogos de Cerdido, rutas de sendeirismo etc., que implican as demais áreas de coñecemento, como Matemáticas ou Educación Física. Como é evidente, todas as actividades teñen relación curricular e son avaliables, formando parte da actividade habitual da aula.

Para o desenvolvemento desta editorial, é imprescindible tamén a colaboración coas familias, así como con entidades tales como a ONCE, AXF, Concello de Cerdido, etc., o que permite dotar de calidade as creacións realizadas.

A continuación preséntase como exemplo do proceso de elaboración dun libro da editorial Os animais. Cómpre destacar que o esquema de realización é moi similar en todos os da Editorial Trasno Trouleiro, mais centrámonos na exemplificación deste para facilitar a súa comprensión.

Para o proceso de elaboración do libro Os animais, primeiro realizouse unha elección do tema de estudo a partir dos seus intereses: neste caso, os animais. A continuación, demos paso ao inicio do proxecto, onde o alumnado responde de forma cooperativa ás seguintes preguntas, que estarán visibles durante o transcurso de todo o proxecto: Que sabemos? Que queremos saber? Onde o podemos atopar? Como nos organizamos? Cal vai ser o produto final? O seguinte paso foi o de redactar unha nota pedíndolles axuda ás familias; despois procedeuse a clasificar os materiais achegados; ler a información dos libros ou extraída de Internet, utilizando técnicas como as lecturas compartidas, en parellas ou individual. Posteriormente, organizamos debates de opinión sobre as informacións atopadas; para ter máis información, visitamos as Fragas do Eume (onde nos explicaron características da fauna da zona) e a Granxa da Rañoa (onde nos explicaron características dos animais das granxas). Formamos equipos de aprendizaxe cooperativa, elixindo un nome identificativo, así como un logotipo. Una vez chegados a este punto, con toda a información recollida de diferentes fontes, os equipos reuníronse para escribir en pos-it aquilo que lles pareceu relevante (pensan unha idea, revisan os libros informativos e o taboleiro con toda a información que trouxeron e comezan a escribir).

 

 

Continuamos coa análise do que son os índices dos libros, realizamos un esquema para categorizar a información que temos, corriximos e revisamos a información equipo por equipo, posteriormente procedemos á corrección da información en gran grupo e achegamos novas ideas.

 

 

Unha vez que chegamos a este punto, redactamos e mandamos unha nota ás casas para que as familias acheguen fotografías e con iso falamos da «propiedade intelectual» e das licenzas Creative Commons. Aproximándonos ao final do curso, gravamos en vídeo ideas do libro para realizar a súa parte interactiva e invitamos un experto en lingua de signos para realizar a interactividade neste eido. Finalmente, transcribimos a información das distintas páxinas coa axuda do procesador de textos e, unha vez que temos todo, imprimimos o libro Os animais.

 

 

Para a elaboración de todos os libros seguimos un esquema similar, con pequenas variacións en función do tema que se trata. Por exemplo, no libro As plantas iniciámonos no método científico coa presentación dun problema ou pregunta científica, predición e formulación de hipóteses, observación e extracción de datos, conclusións e comunicación destas... A través da nosa editorial fomos traballando diferentes situacións de aprendizaxe, onde as metodoloxías activas e o protagonismo do noso alumnado e das súas familias foron o soporte de motivación e aprendizaxe.

Tamén nos puxemos en contacto con diversas institucións, entre elas a ONCE, para que nos imprimise algún libro en braille. Por último, os nosos libros seguen a filosofía das licenzas Creative Commons, traballando co alumnado a importancia da propiedade intelectual e de citar as fontes de información. Serán editados en CC BY SA, compartir igual.

Todos os exemplares da Editorial Trasno Trouleiro están presentes na biblioteca do noso centro e foron realizados a través dunha aprendizaxe por proxectos, gamificación, aprendizaxe por retos, uso do cooperativismo e traballo en grupos colaborativos, aprendizaxes significativas e desenvolvemento de procesos psicolóxicos de orde superior (análise, síntese, lóxica...). A proposta de aprendizaxe que se presenta baséase nos estudos de Miriam Nemirovsky de aprendizaxe da lingua escrita. Ademais, o noso é un proxecto que quere implicar as familias como primeiro axente de socialización e, polo tanto, de comunicación lingüística. Os titores de cada aula teñen en conta este feito á hora de desenvolver os seus traballos dentro desta. Igualmente, achegámonos aos proxectos de aprendizaxe-servizo, tamén doando os nosos libros a outros lugares, levando a nosa lingua a contextos diferentes. Queremos, así mesmo, fomentar a creatividade e o pensamento lateral, buscando solucións novas a problemas cotiáns que van aparecendo e facendo os nenos e nenas partícipes deles.

 

 

 

Sección: