Do Centro ao Vales

50º aniversario do CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos (A Coruña)

Mª José Espiñeira Ruzo, mestra coordinadora da Comisión do 50.º Aniversario
CEIP Francisco Vales Villamarín (Betanzos-A Coruña)

 

 

 

Aló pola primavera do ano 1973 inaugurouse o Colegio Nacional Comarcal Mixto de Betanzos. Os rapaces e rapazas de Betanzos, Coirós e Paderne de entre 6 e 14 anos estreaban o «Centro», denominación coa que popularmente foi coñecido este colexio durante moitos anos ata pasar a converterse no «Vales».

 

Colexio Nacional Comarcal Mixto de Betanzos

 

Comezou con 37 unidades e dirección sen docencia. Nestas unidades estaban integradas todas as escolas nacionais, mixtas e unitarias, pertencentes aos municipios de Betanzos, Coirós e Paderne, que, deste xeito, quedaron suprimidas. Tamén se integraron no novo colexio as unidades de nenos e nenas do Consejo Escolar Primario García Hermanos e a mixta do Consejo Escolar Nuestra Señora del Camino. Previa á inauguración deste edificio, a escolarización dos betanceiros e betanceiras víase abocada a transitar por distintas dependencias diseminadas polos diversos edificios habilitados para acoller aulas. Sirvan de exemplo os meus primeiros anos de escolarización. No curso 1969/70 cursei primeiro de EXB nunha aula do antigo hospital de Santo Antonio, no curso 1970/71, en segundo de EXB, estabamos escolarizadas no antigo edificio das Orfas, ao curso seguinte, terceiro de EXB, ese mesmo grupo pasou ás dependencias do edificio das Escolas García Hermanos, con acceso pola rúa do Rollo, e xa no curso 1972/73, en cuarto de EXB, desde as Escolas García Hermanos trasladámonos, ben andado o curso, ao novo edificio.

 

CEIP Francisco Vales Villamarín

 

Nese primeiro curso, o alumnado de educación xeral básica ascendía a 1186 nenos e nenas distribuídos en seis cursos, máis 83 alumnos e alumnas de sétimo e oitavo e 80 párvulos.

Durante os nove primeiros anos de existencia funcionou co nome de Colegio Nacional Comarcal Mixto de Betanzos, pero por solicitude da comunidade educativa e apoio popular, en sesión plenaria do Excelentísimo Concello de Betanzos, dáse conta de que por Orde do Ministerio de Educación e Ciencia, publicada no BOE do 18 de novembro de 1981, o noso colexio pasaría a denominarse Francisco Vales Villamarín, mediante un expediente incoado polo Concello de Betanzos o 30 de decembro de 1980. Facíase así honra ao ilustre betanceiro don Francisco Vales Villamarín: mestre, escritor, académico da Real Academia Galega, membro das Irmandades da Fala, cronista oficial da cidade de Betanzos, e fillo predilecto da nosa cidade, entre outros títulos e méritos. O 24 de abril de 1982, don Francisco preside o acto onde descobre a placa colocada na entrada principal que lle dá nome ao colexio, un dos seus derradeiros actos, xa que finaría catro meses máis tarde.

 

D. Francisco Vales destapa a placa que dá nome ao centro

 

Con motivo do cincuentenario do centro, dous coñecedores da vida e da obra de don Francisco (Alfredo Erias Martínez e Xesús Torres Regueiro, ambos os dous historiadores) presentarán unha comunicación sobre a súa vida e obra nunha das tres charlas que se programaron dentro das actividades de conmemoración.

A importancia e valor do edificio non reside nas cinco décadas de vida, co conseguinte avellentamento e deterioración, senón nas vivencias, recordos, sons, días e días, en definitiva, de todos aqueles e aquelas que o fixemos noso, arredor dunhas 7500 persoas, o que viría representar sobre un 43 % da poboación dos tres municipios (Betanzos, Coirós e Paderne). É difícil atopar familias que non teñan ou tivesen trato ou vínculo con esta institución; de aí a súa importancia e relevancia social nesta zona.

Ao longo destes 50 anos, o sistema educativo español sufriu a evolución necesaria para adaptarse ás modas e necesidades dunha sociedade cambiante e en evolución. O edificio sufriu poucas reformas ou modificacións e hoxe en día pódese contemplar a estrutura orixinaria na súa case totalidade, agás modificacións para a mellora térmica e luminosa ou actuacións na limpeza, pintado e aplicación de sistemas de protección, así como eliminación de barreiras arquitectónicas para facilitar a mobilidade e integración das persoas con discapacidades. Neste tempo, o edificio acolleu a construción de instalacións anexas para ampliar a súa capacidade en tres ocasións. Nun primeiro momento, nos anos oitenta, un edificio para a segunda etapa da EXB. Nos anos noventa, nove aulas nun edificio anexo para educación infantil. E, nos anos dous mil outro edificio, distante 400 m, para educación infantil. En ningunha das actuacións de ampliación as respostas recibidas das administracións responsables foron moi axeitas as demandas e necesidades. Neste momento seguimos a pedir que se reforme o bloque B do edificio principal, despois de varios anos de ter feita a reforma no bloque A.

No ámbito pedagóxico, estas cinco décadas estiveron amparadas por un sistema educativo en continua reforma e cambios de normativas e leis. Desde aquela Lei xeral de educación dos anos setenta ata a actual LOMLOE, pasamos por un barullo de siglas —LOECE, LODE, LOXSE, LOPEG, LOCE, LOE, LOMCE— e adaptámonos rapidamente ás novas directrices administrativas e pedagóxicas. Cando apenas dominamos unhas, xa están vixentes outras. Sobre esta evolución do sistema educativo español e a súa aplicación en Betanzos tivo lugar unha conferencia enmarcada no ciclo de charlas organizadas para esta conmemoración. A conferencia correu a cargo do noso veciño e compañeiro Eduardo Fuentes Abeledo. É mestre, licenciado e doutor en Filosofía e Ciencias da Educación pola USC, e actualmente profesor titular da Facultade de Ciencias da Educación da USC na área de Coñecemento de Didáctica e Organización Escolar. Autor e colaborador de diferentes publicacións, traballos de investigación, así como director de teses de doutoramento, entre outros méritos. A conferencia foi un éxito pola forma tan pedagóxica e amena da súa exposición.

Como diciamos antes, o sistema educativo evoluciona parello ás necesidades e peculiaridades da sociedade, das familias e do alumnado do noso centro. Igual que van variando os remedios para a cura das diferentes doenzas, así cambiou a forma de aplicar os métodos de ensinanza. Desde aquela escola de ríxidas regras a esta escola de empatías e emocións, pasando polos diversos diagnósticos na observación, comportamento e trato co alumnado.

Os nenos e nenas das primeiras promocións deste centro masificaban as aulas, que se enchían cun mestre ou mestra e case corenta pupilos, onde o grupo funcionaba como un todo uniforme ás ordes dun xefe —a mestra ou mestre—, onde se daba moita importancia aos contidos e á memorística, así como ao trato entre iguais e cos superiores.

 

D. Constantino Chao cun grupo de nenos de 4º de EXB no curso 1975/76

 

Hoxe, nos mesmos espazos, hai a metade de alumnos e alumnas e non cabemos. Parece que iso nos leva a concluír que cambiaron as nosas necesidades e a nosa organización persoal e de agrupamento. Os grupos están formados por nenos e nenas que comparten unha mesma idade, pero que manifestan personalidades, actitudes, motivacións, comportamentos... moi diversos. A escola de hoxe intenta dar resposta a cada un deles e delas para formar individuos plurais e axudarlles nas súas necesidades persoais para acadar ese obxectivo. É unha escola integradora, inclusiva, plural e diversa que cambiou o uso das ferramentas tradicionais (encerados, libros, cadernos, lapis e goma) polas novas ferramentas tecnolóxicas (libros e paneis dixitais) coas amplas posibilidades que nos ofrecen para acceder á información e mesmo como ferramenta de comunicación, no caso de que o sistema educativo tivese que facer uso diso, como foi no período da pandemia pola covid-19.

Temos unha escola en constante proceso de evolución e cambio pero gustaríame facer unha reflexión sobre o valor e a importancia no proceso de ensinanza-aprendizaxe da figura dos mestres e mestras. Tendo en conta que estamos a falar dunha etapa dos primeiros anos da vida das persoas, é fundamental o papel do educador ou educadora, que consiste en acompañar afectivamente os nenos e nenas promovendo o máximo desenvolvemento integral, intelectual, social, afectivo, físico e motriz, así como para inculcar valores. Para acadalo debemos crear contextos estimulantes e seguros de acordo coas idades, capacidades, posibilidades e dereitos dos nenos e nenas.

 

As voces do Vales

Motivado pola celebración das cinco décadas de existencia do CEIP Francisco Vales Villamarín, a comisión de organización dos actos considerou imprescindible contar coas achegas e colaboracións daquelas persoas que contribuíron, coa súa presenza e o seu traballo, a darlle vida a este proxecto educativo. O colectivo de profesorado xubilado do CEIP Francisco Vales Villamarín foi chamado a participar e colaborar e recibimos unha agarimosa e solícita resposta por parte da maioría deles e delas. Nos medios de comunicación de prensa escrita puidemos ler opinións e pensamentos destas persoas sobre o que significou para elas este centro.

Así, na publicación mensual da edición de novembro de 2022 do periódico local de ACEBE, dona Maruja Míguez Rodríguez (A Coruña, 1924), mestra deste centro, que na actualidade só a separan uns meses de facer cen anos, relataba con total nitidez memorística como era a vida nestas aulas, vivos recordos dos seus compañeiros e compañeiras e dos seus alumnos a alumnas, dos que daba cumpridos datos e feitos que ben poderían ocorrer neste momento.

Dada a circunstancia de que no actual claustro había mestres e mestras que foramos alumnos e alumnas nos inicios do centro, o 1 de decembro de 2022, La Voz de Galicia publica unha reportaxe onde, por exemplo, a compañeira M.ª José Rodríguez Pena recordaba o «brutal» que fora para ela pasar, da noite á mañá, dunha unitaria preto do seu domicilio, cun grupo de alumnas coñecidas, cunha única mestra, a convivir con cinco grupos en cada nivel, nun macroedificio, cun patio de recreo onde se perdía e non coñecía a ninguén, e ter que comer fóra da casa nun comedor escolar con centos de rapaces e rapazas, ao que non estaba afeita. Natalia Ucha Sánchez apuntaba que este foi o seu primeiro colexio e tamén o seu primeiro destino como mestra. «Mandáronnos traer da casa papel para forrar as mesas porque eran novas», di.

 

Mestres e mestras,dpos cales sete eran alumnos e alumnas no curso 1972/73

 

Con motivo da xuntanza de exprofesorado o 9 de decembro de 2022, La Voz de Galicia, na súa edición dixital e en papel, publicaba opinións de profesores xubilados.

 

Reencontro exprofesorado

 

Elvira Barge, con 80 anos, que se xubilou hai 21, tras pasar 22 ou 23 no Vales, explica que daba clase a estudantes da actual ESO e recoñece que a súa máxima satisfacción é que os antigos alumnos e alumnas, dos que fala con agarimo pola boa relación que os unía, a sigan saudando pola rúa.

Manuel Agraso, que ten 76 anos, pasou 22 no colexio. «Había moito traballo, estiven de secretario con 1816 alumnos e alumas, 84 profesores e profesoras, sen persoal administrativo, sen ordenador; só facer o censo de pais e nais era unha comedia», recoñece un docente que impartía clase de Lingua Galega na segunda etapa da EXB.

Elba Freire, de 73 anos, chegou ao Vales en 1984 e alí se xubilou. «Viña de Barcelona e foi unha diferenza abismal, en cada curso había seis clases, que se di pronto. En xeral, ben, os nenos eran nenos e os pais... pais».

Francisco López, con 73 anos, explica que o seu primeiro destino foi o Vales e, despois de ir uns anos ao País Vasco, volveu outra vez e estivo outros 18. «Fun director seis anos, este é un colexio moi grande. No ano 1975 había 44 alumnos por aula», recorda un docente que, aínda que impartiu Lingua Castelá en primaria, os seus compañeiros sempre o lembraremos como o profesor de Música.

Mari Luz Delgado, de 68 anos, resume cun «estiven media vida» (15 anos) no centro, que recorda como a súa mellor etapa como docente. «Faciámolo todo en común, tiven a sorte de traballar cun grupo de compañeiras que me animaron a probar novas cousas».

Pilar Morandeira, con 66 anos, xubilouse hai un no Neira Vilas de Perillo, pero recorda como «unha loucura» os anos que pasou aquí. «Funme no curso 1996/97, os últimos cinco anos estiven como directora, con case 2000 alumnos e 79 profesores», remarca.

M.ª Carmen Bello, con 61 anos, coñece ben o centro, pasou aquí 35 anos, desde 1986 ao 2021. «Destacaría a diversidade que tiñamos porque era moi enriquecedora e o esforzo do profesorado para traballar nun armatoste con moitos edificios, xa que non estabamos atendidos proporcionalmente ao volume de alumnado que tiñamos», considera.

Interesa destacar a opinión dunha persoa que chegou ao Vales con 4 anos para vivir, estudar e traballar nel. Norma Campos é a nosa conserxe. Leva 28 anos no posto de traballo e é filla do primeiro conserxe, don Manuel Campos. Aínda que ten formación no ámbito sanitario, di que non está arrepentida de decidir quedar neste posto. Está encantada co traballo que realiza e, sobre todo, co contacto cos nenos e nenas e as mostras do seu cariño. Ten unha morea de anécdotas de todos estes anos.

O actual director, Alejandro Sánchez Amado, adoita repetir que o Vales é unha gran maquinaria con complicados engrenaxes, pero que, a pesar da grandiosa magnitude, cada elemento se coordina perfectamente co seu complementario e iso fai que o produto en cada unha das fases (niveis ou ciclos) ou final (todo o cole xunto) sexa merecedor de recoñecemento ao traballo estruturado, coordinado, intenso, profesional de todos e todas os que o facemos posible nun dos colexios máis grandes de Galicia.

 

Os actos da celebración

Durante o curso escolar 2022/23, e coincidindo coa celebración do 50.º aniversario do centro, organizáronse unha serie de actos para todo o curso e para toda a comunidade educativa, organismos, centros educativos, empresas e persoas que están ou estiveron relacionadas con este centro.

A primeira actuación foi elaborar un logo conmemorativo. Para isto contamos coa colaboración altruísta e desinteresada dun exalumno do centro e veciño desta vila, don Xosé Tomás Díaz Teijo, profesor, ilustrador, guionista e humorista gráfico. Financiada polo Concello de Betanzos, colgouse unha gran pancarta na fachada principal do colexio.

Encontros e volta ás aulas dos seguintes colectivos en datas sucesivas: exprofesorado, exalumnos que son avós ou avoas do estudantado actual e exalumnos de todas as décadas, idades, profesións... Nos tres casos foron recibidos nas aulas para contarlle as súas experiencias e recordos ao alumnado actual.

Na aula de cultura Xulio Cuns do Edificio Arquivo-Liceo, tivo lugar un ciclo de charlas, tres xoves consecutivos do mes de abril, sobre a figura de don Francisco Vales Villamarín, sobre a evolución do sistema educativo español e, para finalizar, unha mesa redonda con todos os exdirectores e exdirectoras e o director actual do centro.

O 16 de maio levouse a cabo un acto institucional nas instalacións do colexio coa asistencia de autoridades educativas, autonómicas, locais e representantes de centros educativos da zona, e das institucións culturais, empresas e persoas relacionadas co centro, así como unha ampla representación da familia de don Francisco Vales Villamarín. D. José Domingo Vales Vía (fillo de don Francisco Vales Villamarín) descubriu unha placa conmemorativa da celebración do 50.º aniversario e tivo unha longa e emotiva intervención na que achegou á vida do seu pai desde a visión e os sentimentos dun fillo.

 

 

O señor conselleiro de Educación e Cultura, don Román Rodríguez, e a señora alcaldesa do Excelentísimo Concello de Betanzos, dona María Barral, loaron a profesionalidade no traballo de todo o colectivo de profesionais durante as cinco décadas e animáronnos a continuar nesta senda.

O 17 de maio realizouse unha carreira solidaria para a comunidade educativa de todos os tempos. A participación foi moi significativa e importantísima e abondosa a cantidade de alimentos e produtos de hixiene e limpeza que, a través de Cáritas e da Cruz Vermella, se lles fixeron chegar ás familias máis necesitadas do concello.

Durante todo o mes de xuño, na sala de exposicións Jesús Núñez do Edificio Arquivo-Liceo, estivo aberta ao público unha exposición retrospectiva das cinco décadas vividas polo centro.

A finais de xuño publicouse en papel e en formato dixital unha edición especial do Xornaliño, a revista escolar do noso colexio.

 

 

O último día do curso celebrouse con todo o alumnado do curso 2022/23 unha festa de aniversario.

E, como derradeiro acto, o xoves 28 de xuño de 2023, nas instalacións do comedor escolar, o profesorado actual, xunto con compañeiros e compañeiras xubilados, tivemos unha comida de confraternidade con motivo desta celebración.

A todos e todas os que lestes este artigo, moitas grazas polo tempo que nos dedicastes. E transmitir o meu máis profundo agradecemento a todas as persoas que colaboraron e participaron para facer posible esta longa e emotiva celebración. Moita vida ao Vales!

 

 

 

Sección: