O ensino primario público no concello de Monforte de Lemos no século XX

Pedro Gómez Álvarez
Inspector de educación

 

 

Estatística escolar de 1908. Escolas que debía ter o Concello de Monforte segundo a Lei de 1857

A Estadística escolar de España de 1908 (1) indica que o Concello de Monforte en 1908 debía ter trece escolas elementais completas de nenos, outras trece de nenas e tres escolas elementais incompletas mixtas, —en total, vinte e nove—, distribuídas nas vinte e sete parroquias en catorce distritos: sete nas cabeceiras das parroquias de Caneda, Distriz, Fiolleda, Marcelle, Monforte, Ribas Altas e Valverde, e mais Reboredo na de Baamorto, Igrexa na de Gullade, Río na de Chavaga con escola en Regueiro de Bascós, Outeiro na de San Xillao de Tor, Calvos na de Santa Mariña do Monte, Rego na da Vide e Gándaras na de Vilamarín. Agora ben, só tiña dúas escolas elementais completas na capitalidade, unha de nenos e unha de nenas (a de nenos tiña clase de adultos) e mais catro mixtas nos distritos de Igrexa, Outeiro, Reboredo e Río (as tres primeiras con clase de adultos). Estas escolas tiñan 552 alumnos (72 párvulos, 382 de 6 a 12 anos e 98 maiores de 12).

En resumo, debemos subliñar que o número e o tipo de escolas que recolleu a estatística de 1908 é o mesmo que a finais do século XIX: seis en Monforte de Lemos, dúas elementais completas na cidade de Monforte e catro mixtas.

Se facemos a media dos soldos anuais dos mestres en relación coas escolas, sen a gratificación por adultos e outras retribucións, os de Monforte percibían 720,83 pesetas, o que supoñía que superaban as 700 pesetas en función dos dous mestres da cidade; incluso os auxiliares recibían 625 pesetas, cando no resto do distrito non chegaban ás 600 pesetas.

 

Os proxectos educativos municipais de nova planta na cidade de Monforte

A principios de século na cidade de Monforte funcionaban dúas escolas públicas elementais completas: a de nenos estaba nun edificio antigo pertencente ao Colexio da Compañía, que carecía de condicións hixiénicas e de capacidade suficiente, e a de nenas nun terceiro piso dunha casa de alugamento, que aínda reunía menos condicións.

Ante a insuficiencia de edificios para as escolas, a corporación municipal, en 1903 (2), propuxo construír edificios municipais de nova planta, segundo o modelo oficial, co fin de colocar a instrución no grao de cultura que esixía a época, pero recoñecía a carencia de recursos e ingresos pola situación precaria do Concello e solicitoulle ao Goberno a subvención do 75 % sobre o custo das obras a que tiña dereito, segundo determinaba o Real decreto do 5/10/1883. Para o resto da obra utilizaría a prestación persoal que facultaba a lei municipal, despois de formado o oportuno expediente cos planos do edificio, a memoria e o orzamento da obra.

Este acordo revisouse tres días máis tarde e nesta ocasión tívose en conta o censo de poboación de 1900, e como Monforte tiña 4000 habitantes e por cada 2000 correspondíalle unha escola elemental completa de nenos e outra de nenas, a corporación resolveu que, en vez dun edificio dobre, se construísen dous (cada un con dúas aulas, unha de nenos e outra de nenas), un no barrio do Cardeal e outro no barrio da Estación. En consecuencia, en 1904 conseguiu a correspondente subvención do Estado, 119 794,61 pesetas, o 70 % do total das obras (3). Esta subvención aboaríase do seguinte xeito: 1794,61 pesetas no exercicio de 1904, 2000 no de 1905, 6000 no de 1906, 10 000 no de 1907 e 20 000 con cargo a cada un dos anos 1908, 1909, 1910, 1911 e 1912.

 

Alcalde D. Emilio Mazaira Beltrán, 1900-04

 

Así mesmo, o Concello de Monforte obtivo a concesión dunha subvención da Deputación, equivalente ao 15 % do orzamento, para a construción dos dous edificios para escolas. Deste xeito, acadou o 85 % de subvención para a construción dos dous grupos escolares.

En 1905, a corporación buscou soares para situar os dous edificios, un deles pretendeuse na horta do Colexio Escolapios, pero estes non accederon; non obstante, elixiuse un soar próximo, onde están agora os xulgados, na actual avenida de Galicia, no barrio do Cardeal. Ademais, o presidente da Comisión de Obras deulle conta á corporación das xestións realizadas para a elección do soar no barrio da Estación, e o único que se encontrou en condicións favorables foi o situado na actual avenida Leopoldo Calvo Sotelo, hoxe escola de idiomas (4).

As obras demoráronse ata finais de 1912, momento no que os dous grupos foron recibidos e entregados aos mestres. Na sesión de finais dese ano, a corporación deu conta dun oficio ao inspector relativo á inauguración dos novos edificios, con data do 26/12/1912 (5). Os nenos e nenas comezaron as clases nestas escolas o 1 de xaneiro de 1913.

Logo de transcorreren tres anos, en 1916, o director de Obras Municipais manifestou que os dous grupos escolares necesitaban reparacións urxentes, o que denotaba que a construción non fora boa, aínda que tamén se facía referencia a que os mestres debían tomar medidas para o seu coidado e conservación, co obxecto de evitar os danos recoñecidos. A corporación aprobou que se levasen a cabo as obras de reparación necesarias.

 

Tres edificios singulares en Monforte: Grupo Escolar do barrio do Cardeal, Grupo do barrio da Estación e Grupo do Campo de Santo Antonio

Os dous edificios, de bonita e proporcionada factura, que albergaron o Grupo Escolar do barrio do Cardeal e o grupo do barrio da Estación, públicos, funcionaron cunha escola elemental completa de nenos e outra de nenas en cada grupo, pero o 25/09/1917, tras os graves incidentes da folga revolucionaria ocorridos nese ano, a corporación municipal decidiu situar o Rexemento de Infantería de Zaragoza número 12 nos locais do Grupo Escolar do barrio do Cardeal e trasladou as dúas escolas a casas particulares. É dicir, este grupo escolar, en menos de cinco anos, foi desposuído da súa finalidade e dedicado a funcións non instrutivas. Este edificio foi pródigo en vicisitudes, porque logo cedeulle unha parte do edificio á Oficina de Recrutamento e anos máis tarde tivo lugar a súa desafectación para efectos educativos e nel instaláronse os xulgados. O Grupo Escolar do barrio da Estación tivo mellor fortuna, sempre en relación co ensino: nel estableceuse en 1945 a Escola Elemental de Traballo na planta baixa (6), na primeira seguía o grupo escolar de primaria, logo foi a primeira sede do Colexio Sagrado Corazón, máis tarde centro de adultos e centro de recursos e, por último, escola oficial de idiomas.

En 1921, dado o crecemento do barrio de Santo Antón, a Xunta Local de Primeira Ensinanza solicitou a creación de dúas novas escolas nacionais, unha de nenos e outra de nenas (7), toda vez que a Monforte por planificación escolar lle correspondían seis escolas. Para o efecto, elevou á Dirección Xeral de Primeira Ensinanza a instancia e o compromiso do Concello de adquirir o material fixo e móbil necesario, así como o arrendo dos locais escolas e casa habitación dos mestres. Eran tempos para a escola graduada, pero este proxecto no Campo de Santo Antonio non se desenvolvería ata anos máis tarde.

Estamos en 1930 (8) e a corporación seguía a preguntarse polas escolas graduadas, pois case un ano antes fixérase a poxa, pero as obras non comezaban. O alcalde respondía que estaban pendentes do depósito que debía constituír o Concello, o que non se puidera verificar por falta de consignación, pero que se iniciarían unha vez aprobado o orzamento de 1930. En efecto, as obras despois foron rápidas, porque a principios de 1933 recollíase a necesidade de facer a instalación de auga no edificio e que se activara no posible a súa habilitación para o funcionamento das escolas graduadas no próximo curso.

Pero cando ese edificio estaba rematado, non comezou a funcionar como escola graduada, senón como instituto de segunda ensinanza: era o curso 1933/34. Ben é certo que nun primeiro momento a corporación lle propuxo (9) ao Estado adaptar o Grupo Escolar do barrio do Cardeal para o instituto, pero esta medida non prosperou. Máis tarde, a Inspección, co obxecto de poñer en funcionamento a escola graduada, urxiu o Concello para que resolvese o problema do traslado do instituto a outro edificio, co fin de poder instalar no curso 1936/37 estas escolas, pero tampouco foi posible.

 

As escolas da cidade e do medio rural no Concello de Monforte de Lemos entre 1900-1936

Monforte, segundo o censo de 1910, tiña 13 838 habitantes de feito (14 835 de dereito) e a iluminación pública era eléctrica. Este concello, cun orzamento de 159 942,50 pesetas en 1919, destinaba a instrución pública 3027,07 pesetas. A cidade neste momento tiña varias librerías, dous círculos de recreo e dúas sociedades obreiras. Era a capitalidade dunha zona de recrutamento con batallón de reserva, comandancia do posto da Garda Civil, rexistro da propiedade de 4.ª clase, dúas notarías de 2.ª, administración de Correos, posto de carabineiros e unha sección de gardas de seguridade. Tamén, debemos lembrar que había feiras o 6 e o 24 de cada mes, e que o mosteiro de San Vicente do Pino cobraba os tributos aos feirantes desde o século IX.

As escolas públicas deste concello en 1919 eran dez (10): dúas de nenos e dúas de nenas en Monforte de Lemos, e as mixtas de Baamorto, Bascós, Gullade e Tor, e as de nenas e nenos de Moreda, que atendían arredor de 700 alumnos. As da capital tiñan, ademais dos seus mestres, os seus auxiliares respectivos.

A continuación, revisamos o Boletín Oficial da Provincia de Lugo (BOPLU) (11) desta etapa, co obxecto de relacionar as escolas públicas existentes no concello. Deste xeito, comprobamos que entre 1901 e 1910 non houbo variacións con respecto ás citadas a finais do século anterior. Foi en 1911 cando un real decreto ordenou desdobrar todas as escolas unitarias que posuísen auxiliarías, co que cada auxiliaría constituíu unha nova escola nacional, o que sucedeu en Monforte en 1912, próxima a inauguración dos grupos escolares. E en 1920 produciuse a creación definitiva das escolas de nenos e nenas de Lence de Moreda.

En 1922, creouse a escola unitaria da Parte e as de nenos e nenas da Penela e a mixta de Ribas Altas. Tamén cómpre resaltar que en 1929 a zona feminina de Inspección comprendía no concello de Monforte as unitarias de nenas do barrio da Estación, barrio do Cardeal, Reboredo de Baamorto, Moreda, A Parte e A Penela e as mixtas de Caneda, Gullade e Rozavales. En 1931, figuraban como escolas vacantes as mixtas da Ermida do Chao de Fabeiro, Figueira de Fiolleda, Río de Marcelle, Piñeira, Seoane, Sindrán, A Vide e Vilamarín e, en 1934, constaban como novas escolas mixtas, Reigada, Calvos de Santa Mariña do Monte e Gándaras de Vilamarín. Ademais, debemos destacar o feito de que por orde de 1935, as escolas de Gullade e A Penela pasaron a formar parte do distrito escolar da zona vella da cidade de Monforte, deste xeito as de Gullade recibiron a denominación Monforte núm. 3 e as da Penela, Monforte núm. 4; se ben esta disposición se modificou por orde ministerial en 1960, que retornou Gullade á súa localidade, pois figuraba con censo propio e como entidade específica no nomenclátor. Por último, en 1936 fíxose unha proposta para crear a escola das Pedras das Nocedas (12), pero non tivo efectividade ata 1948.

En 1934, a Revista de Escuelas Normales (13) recollía a creación con carácter definitivo para a súa provisión por mestres do grao profesional dunha escola de nenos, unha de nenas e dúas de párvulos en Monforte.

Así mesmo, na relación dos locais para colexios electorais figuran as casas das escolas públicas (14), o que nos permite seguir a evolución das escolas no concello. Así, en 1909, refería a escola completa de nenos de Monforte e mais a de Baamorto e a de Gullade e as mixtas de Bascós e Tor; en 1931, os grupos escolares do barrio do Cardeal e do barrio da Estación, a de nenos de Baamorto, de Moreda e da Penela e as mixtas de Bascós, Ribas Altas e A Parte-Valverde; e en 1933, 1934 e 1935, engadía as de nenos do Chao de Fabeiro e Gullade e as mixtas de Piñeira, Fiolleda, Sindrán e Caneda.

En resumo, ao final deste período, en función dos datos recollidos do BOPLU, temos constancia de trinta e nove escolas públicas no concello de Monforte, en concreto: nove na cidade de Monforte (dúas completas de nenos, dúas de nenas, catro rexidas por mestres de grao profesional e unha de párvulos) e trinta no rural, dúas (nenos en Pol e nenas en Reboredo) de Baamorto, dúas de Gullade, dúas de Lence de Moreda, dúas da Penela, dúas da Parte e dúas do Chao de Fabeiro e as mixtas de Báscós, Caneda, Ríos de Chavaga, Figueira de Fiolleda, Río de Marcelle, A Parte-Valverde, Piñeira, Reigada, Ribas Altas, Rozavales, San Xillao de Tor, Calvos, Seoane, Sindrán, San Xoán de Tor, A Vide, Gándaras de Vilamarín e Vilamarín. Só tres parroquias carecían de escola: Distriz, que ían á Piñeira; Guntín a Marcelle e As Nocedas á Penela.

 

Problemas máis urxentes na primeira ensinanza no concello de Monforte de Lemos entre 1936-1970

En 1936, a Inspección, despois dunha visita ás escolas do concello, remitiulle un oficio ao alcalde cos problemas máis urxentes na primeira ensinanza (15), co fin de que na primeira sesión do concello se tomasen os acordos que se interesaban. Facía as propostas de creación seguintes:

1. Unha graduada con doce seccións, que debía funcionar de xeito inmediato no edificio construído para tal fin polo Estado e utilizado nese momento como instituto nacional de segunda ensinanza. Para o efecto, debía adquirir o material que faltaba para esas seccións e realizar o traslado urxente do instituto ao Grupo Escolar do barrio do Cardeal, co desprazamento das escolas que funcionaban nese edificio ao grupo do barrio da Estación.

2. Outra graduada de oito seccións, con base nas catro escolas unitarias que se reunirían no Grupo Escolar do barrio da Estación, despois do traslado mencionado e, logo das obras de adaptación necesarias, instalar as oito seccións e a maternal de recente creación.

3. Unha unitaria de cada sexo no barrio de Carude e o mesmo na parroquia de Ribas Altas.

4. Unha unitaria de nenas en Seoane, unha en San Xillao de Tor e unha en Bascós, co desdobramento das actuais mixtas.

5. Unha mixta na parroquia de Guntín e outra en Distriz, na actualidade sen ningunha.

En canto a construcións recomendaba: unha escola en Carude, no soar destinado á escola de traballo e en Bascós dúas escolas con vivenda, coa axuda dos veciños e a subvención do Estado. Ademais, propoñía traslados de locais: o da Parte, escola de nenas en Valverde, polas malas condicións da aula (humidade e mala orientación) e da vivenda e o de Baamorto, en Reboredo, de continuo anegado polas augas de chuvia.

Ao respecto, a corporación municipal tomou as seguintes decisións:

1. O Concello debía poñerse en comunicación co Ministerio co fin de achegar os medios para a reforma do edificio do Grupo Escolar do barrio do Cardeal, adaptalo para instituto de segunda ensinanza e deixar libre o edificio que ocupaba para crear as seccións da graduada. Ademais, cría conveniente que as escolas do Grupo Escolar do barrio do Cardeal se instalasen nun edificio particular no barrio dos Chaos.

2. Crear as escolas necesarias para graduar o Grupo Escolar do barrio da Estación, coas reformas convenientes do edificio.

3. Crear unha escola de cada sexo no barrio de Carude e Ribas Altas.

4. Desdobrar as mixtas de Seoane, San Xillao de Tor e Bascós en nenos e nenas. En Bascós activar o expediente de construción dun edificio para dúas escolas.

5. Crear unha escola mixta na parroquia de Guntín e outra en Distriz.

E engadía que non vía adecuado construír un edificio para o ensino primario no soar destinado para escola elemental de traballo. Nos traslados estaba conforme co oficio de Inspección.

 

Grupo Escolar do barrio do Cardeal

En 1936, iniciado o golpe militar, o novo alcalde comunicoulle á corporación a chegada a Monforte dun destacamento do Rexemento de Infantería de Guarnición de Lugo (16). Como non existía na cidade edificio adecuado para o seu aloxamento, viuse forzado a utilizar o edificio do Grupo Escolar do barrio do Cardeal, que en 1917 se empregara tamén para o devandito obxecto, buscou casa habitación para a mestra, colocou dúas clases nos locais do edificio de escolas graduadas de Santo Antonio e buscaba local para outras dúas clases, de acordo coa Inspección de Primeira Ensinanza. A comisión xestora expresou que non se debía regatear medio ningún para facilitar a acción do exército, comprometido na empresa de «salvar España», e ademais a permanencia dos militares na cidade garantía a seguridade na comarca e contribuía a mellorar a situación económica, polo que aprobou o realizado polo alcalde e abriu unha subscrición para sufragar os gastos necesarios para a instalación do exército no grupo escolar.

En 1937, este grupo, recuperada a súa función escolar, tiña unha unidade de nenos, unha de nenas e unha de párvulos, coa constancia de destinos a alumnos de prácticas do plan profesional (17). Pero, pouco despois o alcalde refería que a Xunta Técnica do Estado suprimira as catro escolas de grao profesional (18) que funcionaban en Monforte, co que se reducía o número de mestres nacionais na cidade a cinco, insuficiente a todas luces para unha poboación escolar de 2000 nenos; o que supoñía que no curso 1937/38 quedarían sen ensinanza un gran número de nenos pobres, polo que, co fin de remediar en parte este grave problema, solicitou da Xunta que elevase a ordinarias as catro escolas, pois necesitábanse unha de párvulos e unha de nenos en cada un dos grupos.

En 1939, chegou a Monforte, como guarnición permanente, o Primeiro Batallón do Rexemento de Infantería de Zaragoza, e de novo había que abordar o problema do seu aloxamento (19), que o Concello resolveu de xeito transitorio co acuartelamento das forzas nos grupos escolares do barrio do Cardeal e do barrio da Estación e na maior parte do edificio destinado ao Grupo Santo Antonio. Esta decisión foi perniciosa para o Concello, pois ocasionoulle cuantiosos gastos e moitas dificultades para a ensinanza, e tampouco lle agradou ao xefe das forzas, por estar separados en tres edificios, con gran prexuízo para o servizo, o que requiría construír un cuartel. Para este efecto, a corporación acordou que os terreos do Concello, ocupados de modo provisional como campo de experimentación agrícola, se lle ofrecesen ao Estado, que debía realizar a súa construción e, caso de non ser posible, se fixesen as xestións para alcanzar unha subvención para ese fin, facer o proxecto e invitar a patronal e demais organismos da localidade beneficiados economicamente coa permanencia da guarnición, para que contribuísen ao custo da obra.

En 1940, o batallón acabou por agruparse no edificio da escola graduada de Santo Antonio, o que permitiu que os grupos escolares do barrio do Cardeal e do barrio da Estación fosen entregados ao concello, pero estaban tan deteriorados que esixían unha ampla reparación. Ante esta situación, a corporación municipal iniciou as xestións para que as obras fosen satisfeitas polo Ministerio da Guerra. Mentres, como estes locais estaban clausurados para a ensinanza, case a totalidade da poboación escolar de Monforte estaba sen recibir ensinanza primaria. Co fin de paliar en parte esta cuestión, facultouse o alcalde para alugar os locais precisos para habilitalos como escolas de instrución primaria, en tanto non se executasen as obras de adaptación. Pouco despois, o Ministerio de Guerra resolveu que non procedía executar pola súa parte obras de reparación dos edificios escolares de Monforte. Ante esta situación, a corporación estimou conveniente o seu urxente arranxo, co obxecto de que os nenos non quedasen sen ensinanza primaria, e propuxo confeccionar os orzamentos de reformas necesarias nos dous edificios. Pero, en 1942 a corporación seguía a acordar a elaboración dos pertinentes orzamentos para o amaño dos edificios escolares núm. 1 e 2 da cidade.

Logo, o edificio deste grupo dedicouse só de xeito parcial ao ensino, pois unha parte foi destinada a Caixa de Recrutas para o servizo militar. En 1948 o grupo figuraba con dúas unidades para os efectos de asignación de material de ensinanza (20).

En 1963 este centro, con base en que nel estaba a zona de recrutas, era coñecido como o Colexio da Zona. Ao ano seguinte, segundo o Boletín Oficial do Ministerio de Educación Nacional (BOMEN), o centro que aparecía como Escola núm. 1 de Monforte tiña tres unidades para os efectos de comedor escolar (21).

En 1968, a corporación deu conta do contrato que subscribiu o alcalde para efectuar obras de reparación no Grupo Escolar do barrio do Cardeal (22), na parte que ocupara a Caixa de Recrutas. Así mesmo, en 1971 a Corporación aprobou os orzamentos e encargou a realización das obras para a reparación de catro locais do Grupo Escolar do barrio do Cardeal, co obxecto de instalar o primeiro e o segundo grao de educación básica e dúas seccións de párvulos do Colexio Santo Antonio.

Despois, a finais do curso 1979/80, o edificio deste colexio deixou de estar dedicado á ensinanza, momento no que entrou en funcionamento o Colexio A Gándara e asumiu oito unidades do Colexio Santo Antonio. Algúns anos máis tarde, despois dunha profunda reforma, este edificio pasaría a albergar os xulgados.

 

Grupo Escolar do barrio da Estación

En 1937, o grupo do barrio da Estación tiña unha unidade de nenos, unha de nenas, unha de párvulos e unha maternal, e tamén consta a adxudicación provisional de destinos a alumnos de prácticas do plan profesional (23). Con todo, en 1939, os mestres do grupo do barrio da Estación participáronlle á Inspección (24) que se lles prohibira a entrada aos nenos nas escolas por estar ocupadas polas forzas do exército; ante o que o órgano supervisor manifestou o mal efecto que isto lle producía, precisamente nun sitio no que o problema da ensinanza distaba moito de estar resolto. Pouco despois, os militares deixaron este edificio, e alumnos e mestres que estaban de modo provisional no Colexio da Asociación volveron ao seu centro.

A continuación, presentouse o orzamento de reparación deste grupo escolar (25). O alcalde manifestou que o edificio estaba inservible para atencións de primeira ensinanza e como a súa deterioración a provocaran as forzas armadas, pediu que se dese traslado ao xeneral da Oitava Rexión Militar do importe do proxecto. Pero, ao igual ca no colexio xemelgo, esta institución desentendeuse.

En 1940 hai un pequeno orzamento para a reparación da planta baixa (26). Pero, en 1942 a mestra da Escola Núm. 2 de nenas participáballe ao alcalde que este local, afecto ao Grupo Escolar do barrio da Estación, seguía no mesmo estado que o deixara a tropa, faltaban cristais, era necesario arranxar as fallebas, pechaduras e pasadores, tiña varios buratos no piso, e dos retretes non quedaba máis que o sitio e daba conta dos olores que había no local desprendidos polo pozo negro, tamén se indicaba a necesidade de branqueo. Ao respecto, o secretario recolleu o acordo da corporación para que o aparellador de obras emitise un informe ao respecto.

Grupo Escolar do barrio da Estación

 

En 1943, sabemos que este grupo se situou na primeira planta do edificio, porque comezaron as obras de remodelación da planta baixa para instalar nela a Escola Elemental de Traballo. En 1948 consta con dúas unidades para os efectos de asignación de material de ensinanza (27).

En 1950, o edificio seguía a presentar problemas (28), porque a mestra da Escola Núm. 2 de nenas e mais a de maternal pedíanlle ao alcalde o branqueo das súas aulas e a reparación de paredes e teitos, e dicían que se isto non se arranxaba no período de vacacións non poderían abrir as clases en setembro por ofrecer perigo para nenas e mestras, pois faltaba un ferro na balaustrada e era necesario poñerlle unha tela metálica por estar moi separados os ferros.

En 1964, segundo o BOMEN, o centro que figuraba como Escola Núm. 2 de Monforte tiña dúas unidades para os efectos de comedor escolar (29).

A partir do curso 1968/69, a Escola de Mestría deixou as aulas que ocupaba neste centro, pois comezou as clases no edificio que se acababa de construír para o efecto, non os talleres, que aínda utilizaría durante ese curso, pero este grupo escolar non recuperou ao completo as súas instalacións, dado que o instituto empregaría algunhas aulas ata 1972. De todos os modos, esta agrupación vai ser na década dos setenta un dos dous centros de concentración escolar de Monforte.

 

Grupo Escolar do Campo de Santo Antonio

En 1937, a alcaldía comunicoulle á corporación os trámites feitos ante os poderes públicos en Burgos para crear en Monforte unha escola graduada con doce seccións (30), seis de nenos e seis de nenas, que funcionaría no edificio do Campo de Santo Antonio, nese momento pechado. Ao respecto, afirmou que as súas xestións deran feliz resultado e que estas escolas funcionarían despois das vacacións de Nadal. Pero, días máis tarde, o Concello recibiu un oficio da Inspección de Primeira Ensinanza da provincia, na que trasladaba a Orde do 15/01/1938 da Comisión de Cultura e Ensinanza, que dispoñía a creación, con carácter provisional, de catro escolas en Monforte, dúas de nenos e dúas de nenas. A Comisión Xestora estimou que na capital se terxiversaran os termos do problema da ensinanza primaria, toda vez que o Concello solicitara crear unha escola graduada con doce seccións, a cuxa pretensión accedera o vicepresidente de Cultura, que dispuxera que as escolas que se suspenderan con carácter temporal na zona escolar de Monforte se agregarían ao Grupo Escolar do Campo de Santo Antonio. E como constaba na acta, suprimíranse no seu momento oito escolas na zona e, por acordo da Xunta de Inspección da provincia do 27/12/1937, acordárase que esas oito escolas se xuntasen a ese grupo ata completar os doce graos, o que deixou a Comisión Xestora sorprendida co comunicado que outorgaba só catro escolas, ante o que acordou non cubrir ese oficio mentres non se aclaraba a resolución da Comisión de Cultura. Non obstante, no mes seguinte, o alcalde, conforme ordes superiores, deulles posesión aos catro mestres.

Un documento no que se apoiaba o Concello de Monforte, na idea das doce seccións, foi a petición, en 1937, da Inspección ao alcalde do material escolar (31) para o grupo graduado do Campo de Santo Antonio, en concreto para seis graos de nenos, cinco de nenas e unha de párvulos.

O xefe do Servizo Nacional de Primeira Ensinanza comunicoulle á Inspección Provincial (32), en relación coa revisión do expediente que dera lugar á creación de catro escolas na cidade de Monforte, que as oito escolas suprimidas na zona escolar non se aplicaran á creación dun grupo escolar na capital, posto que a orde citada de 1938 da Comisión de Cultura e Ensinanza dispuxera o traslado de trece escolas doutras localidades ás cidades de Lugo e Monforte, coa asignación de nove a Lugo e catro a Monforte, co que non se pretendía resolver a deficiencia escolar padecida de antigo, senón compensar a supresión doutras nove escolas en Lugo e catro en Monforte, sen prexuízo de afrontar a resolución do problema a medida que as circunstancias o permitisen. E expresaba que non existía ningún acordo da Comisión de Cultura e Ensinanza que autorizase a creación de doce graos en Monforte e que as catro escolas trasladadas a Monforte fosen para cubrir a deficiencia ocasionada pola supresión das que ata 1937 funcionaban para prácticas dos alumnos da Escola Normal, as escolas de grao profesional. En consecuencia, consideraba un erro do Concello crer que foran oito as escolas suprimidas na zona escolar de Monforte, cando só fora unha e, para o efecto, resolveu desestimar a petición do Concello de Monforte, o que supuxo que a cidade seguise sen escola graduada.

Deste xeito, este grupo iniciou o seu percorrido como centro de primaria, en precario, en 1938, con só catro mestres. Como tal consta nos nomeamentos realizados pola Comisión Provincial de Provisión de Escolas: dúas mestras e dous mestres, con carácter interino (33). Ademais, o centro comezou con outras dificultades, porque ese mesmo ano un mestre do grupo informou a Inspección de que a súa aula estaba ocupada polas forzas do exército e que el impartía as súas clases nun corredor, co conseguinte trastorno na ensinanza; ante o que, a Inspección (34) lle indicou ao alcalde que debían habilitar un local nas debidas condicións, do contrario veríase na necesidade de clausurar esta escola.

En 1946 a corporación municipal solicitoulle ao Ministerio a reconstrución do edificio destinado antes a instituto e nese momento a grupo escolar (35). E en 1958 o contratista das obras do grupo comprometíase a rematalas en prazo.

En 1961, os mestres das escolas núm. 1, de nenos e nenas, e da unitaria de nenos Santo Antonio, situadas na prolongación da rúa Xeneral Franco, edificio do Grupo Escolar do barrio do Cardeal, puxeron no coñecemento do alcalde os feitos seguintes (36): que desde había máis de tres meses se comezaran a construír servizos hixiénicos para as escolas, sen que nesa data se rematasen e que se viran sorprendidos ao observar que as portas levaban unha estrutura de madeira e o resto de cartón. No expediente consta un escrito do aparellador municipal, no que manifesta que en reiteradas veces chamou a atención do construtor das obras, a quen lle ordenou facer portas de madeira por estimar que non resultarían as de tablex, o que non fixo, e derivou na queixa dos mestres do grupo escolar.

Así mesmo, os mestres da Escola Unitaria Núm. 1 e da Unitaria de Nenos Santo Antonio expuxeron que non existía calefacción e no inverno o frío era case insoportable. Como consecuencia, apuntaban a elevada irregularidade na asistencia escolar durante eses meses. Para evitar este inconveniente, solicitaron que, en canto o Concello non contase cos medios necesarios para facelo nas debidas condicións, se lle pagase o consumo dunhas estufas, que se comprometían a comprar pola súa conta e a non enchufalas máis que os días de intenso frío. En 1963, na primavera, a alcaldía indicoulles que non procedía acceder ao solicitado por non ser necesarias as estufas, pero as mestras fixeron constar que as estufas estiveran instaladas durante o inverno do curso 1962/63.

En 1964, segundo o BOMEN, este centro aparecía con doce unidades para os efectos de comedor escolar (37). En 1967, o Concello comezou as xestións co fin de lograr a concesión dun millón e medio de pesetas para o arranxo do Grupo Escolar Santo Antonio (38). Ao ano seguinte, o Ministerio aprobou ese orzamento para realizar importantes reformas no grupo. En tanto o centro estivo en obras non puido ser utilizado, de modo que alumnado e mestres tiveron que ir ao edificio do Grupo Escolar do barrio do Cardeal, que tamén necesitaba reparacións imprescindibles, despois da marcha da Caixa de Recrutas.

 

Escolas unitarias entre 1936-1970

A creación de escola nas dúas parroquias que carecían desta tivo lugar, en 1958, en Distriz e, en 1962, en Guntín. Tamén debemos sinalar o funcionamento de cinco escolas parroquiais, dúas na cidade de Monforte, unha creada en 1945, que dá conta da escola da parroquia Nosa Señora de Monserrat e San Vicente do Pino (39); a segunda, en 1949, a de Santa María da Régoa (40); dúas dependentes da parroquia de Ribas Altas, unha no Morín en 1955 e a segunda en Rioseco en 1956; despois, en 1958, a de Distriz, como unitaria de nenos, que foi cuberta por un mestre nacional, por proposta do Padroado Diocesano de Educación Primaria de Lugo. En relación cos edificios das escolas, debemos expresar que este concello tivo locais oficiais en once parroquias (41): O Chao de Fabeiro, Distriz, Vilamaior de Fiolleda, Gullade, Marcelle, Santa Mariña do Monte, As Nocedas, A Penela, Piñeira, San Xillao de Tor e Seoane. No resto eran casas privadas de alugamento ou feitas polos veciños, como en Vilamarín e A Vide.

 

Escola de Ribas Altas

 

Cómpre dicir que en 1936 existían trinta e nove escolas, trinta no rural. Unha estatística do Consello Local (42) de 1937 confirma estes datos. En 1972, antes da concentración escolar nos colexios Santo Antonio e Sagrado Corazón, no rural continuaban trinta escolas, porque anos antes suprimíronse seis, as de nenos e nenas de Baamorto, O Chao de Fabeiro e Gullade, que en 1967 se transformaron en mixtas, ao igual que as de nenos e nenas da Parte en 1969 e as da Penela en 1970 que quedaron nunha mixta e supresión da mixta de Piñeira en 1971, pero creáronse outras seis, as citadas de Distriz e Guntín, máis o desdobramento de Fiolleda en 1954, o desdobramento do Chao de Fabeiro en 1955 e as citadas escolas parroquiais de nenas en O Morín e Ríoseco (43).

 

Rede escolar na cidade e no rural do concello de Monforte de Lemos en 1971

 

Algúns datos relevantes a partir dos anos setenta

O modelo de escolarización máis importante dos anos setenta foi o sistema de concentracións escolares que propiciou a Lei xeral de educación de 1970, que no distrito comezou en 1972 e implicou o trazado e implantación dunha coidadosa rede de transporte escolar por centro e a instalación de comedores escolares, que cada curso e con cada ampliación destes colexios se vían incrementados.

 

Colexio Nacional Mixto Comarcal Santo Antonio

En 1968 o Grupo Escolar Santo Antonio figuraba con doce unidades e o Grupo Escolar do barrio do Cardeal con 3 unidades, ambos os dous bastante próximos. Ao ano seguinte, unha ampliación do Colexio Santo Antonio, coa creación de dúas unidades de educación especial (EE), deixou implícito o seu funcionamento conxunto, ao citar a seguinte composición (44): dezasete unidades de primaria e dirección sen curso (oito unidades de nenos, sete de nenas e dúas de EE).

En 1971, a Inspección elevou as seguintes propostas (45): crear unha unidade de nenas de educación xeral básica (EXB) e suprimir a Escola Mixta de Piñeira, instalada en inaceptables condicións, coa integración da súa mestra e a incorporación dos seus alumnos ao Colexio Santo Antonio con servizos de transporte e comedor; crear dúas unidades de preescolar, pois na cidade só existía unha maternal, cuxa transformación tamén se solicitou; e integrar no colexio as dúas unidades de EE que estaban no mesmo edificio, pero que no nomenclátor aparecían como independentes. Na composición constaban, ademais, dúas prazas de mestre/a de Educación Física (EF).

Ademais, a corporación municipal (46) acordou aprobar os orzamentos para a reparación de catro locais no grupo do barrio do Cardeal, co obxecto de instalar dúas unidades de preescolar e primeiro e segundo de EXB do Colexio Santo Antonio.

En 1972, a Inspección (47), ante o grave problema de escolarización en EXB dos alumnos da cidade de Monforte, con 2791 alumnos escolarizados nas 34 unidades nacionais e as 18 da Igrexa, considerou que ese número de alumnos aumentaría en cerca de 300 en cada un dos tres cursos próximos ao ir retendo á maioría dos alumnos que ata ese momento pasaban ás ensinanzas medias e profesionais. Por todo isto, propuxo crear no colexio dúas unidades de nenos, dúas de nenas e unha de preescolar e suprimir as escolas mixtas da Parte, Reigada e Ribas Altas.

 

Alumnos do Colexio Comarcal San Antonio na clase de Educación Física

 

Despois, por unha orde non publicada no Boletín Oficial del Estado (BOE), pero coa fotocopia remitida pola Dirección Xeral de Programación e Investimentos, válida para todos os efectos administrativos, ampliouse este colexio comarcal coa creación de dúas unidades de nenos e dúas de nenas. Non se creou a de preescolar e suprimíronse as mixtas, pero a da Parte foi efectiva en 1975.

En 1974 os pais dos alumnos que cursaban oitavo de EXB con carácter experimental expuxéronlle ao director as súas inquedanzas en relación co futuro dos seus fillos, que en breve obterían o título de graduado escolar, co que terían acceso ao bacharelato unificado e polivalente (BUP) e ata entón non se lle concedera impartir este ao instituto nin a ningún dos centros privados da localidade. Deseguido, os pais, mediante un escrito, comunicáronlle ao delegado esta cuestión, quen lle remitiu á Dirección Xeral de Ordenación Educativa esa petición, co obxecto de establecer en Monforte no curso 1974/75 a ensinanza de primeiro curso experimental de BUP.

Noutra orde de cousas, a Inspección expresou que, debido ao crecemento demográfico, as unidades escolares do núcleo da poboación quedaran insuficientes e que o Concello se comprometía a adaptar os locais para o efecto, e por iso propuxo crear catro mixtas de EXB. Para o efecto, o xefe da División de Planificación informou de que o colexio durante o curso 1973/74 tivera 812 alumnos de EXB en 20 unidades, cunha relación profesor alumnos de 1/40; agardábase unha matrícula de 150 alumnos en primeiro de EXB e abandonarían o colexio 70, o que daba un total de 892 alumnos no curso 1974/75, co que procedía a ampliación, pois ao pasar a 24 unidades quedaba a relación profesor alumnos en 1/37.

Na cidade os dous centros públicos estaban sobrecargados de matrícula, o que reclamaba a súa ampliación (48). Neste sentido, o xefe da División de Planificación expresou que no concello de Monforte existían 21 unitarias e mixtas cun total de 245 alumnos, relación profesor alumnos 1/12. E aínda que na programación figuraba a construción en Monforte dun centro de EXB de 16 unidades, como este non estaría en condicións de utilización ata 1980, propuxo como solución, posible e rápida, acondicionar o edificio escolar do barrio do Cardeal, que nese ano albergaba catro aulas do Colexio Santo Antonio e as oficinas da Inspección Comarcal. En referencia a este edificio, coñecido como A Zona (acollera a Caixa de Recrutas), a Unidade Técnica informou de que, en función da súa superficie e disposición formal, era válido para, logo das obras de transformación necesarias, albergar un centro de EXB de 11 unidades.

A continuación, a Inspección expresou que, vistas as necesidades da localidade de Monforte que reclamaban a ampliación do Colexio Santo Antonio, a escasa matrícula das escolas mixtas de Calvos, Río de Marcelle, Rozavales e Vilamarín, e o acordo do Concello de facilitar os locais oportunos, procedía a ampliación do colexio en catro mixtas de EXB, a transformación da praza de dirección sen curso en praza de dirección con función docente (DFD) e a supresión das escolas citadas. O xefe da División de Planificación informou tamén favorablemente.

En 1975 unha orde ampliou o Colexio Santo Antonio, que pasou a contar con 28 unidades e DFD. Non obstante, na orde observáronse as seguintes anomalías: supresión dunha mixta de EXB, que non se solicitara; non se recolleu a supresión das escolas de Rozavales e Vilamarín, das que se fixera petición. E na composición omitíronse as prazas de mestre e mestra de EF, de modo que se pediron as oportunas rectificacións. Estes erros foron corrixidos en 1977 e transformadas en mixtas todas as unidades. En 1978 autorizouse unha aula para adultos, nivel EXB.

En 1979 a Inspección informou de que en Monforte funcionaban dous colexios: o Santo Antonio e o Sagrado Corazón. Para superar as deficiencias de instalacións de ambos os centros construíranse dous novos edificios escolares: un na Pinguela, con seis unidades, e outro na Gándara, con 16 unidades (49). Con base na matrícula existente propuxo a supresión e desagregación de varias unidades mixtas de EXB, co que resultaron tres colexios, os dous citados e A Gándara, pois A Pinguela foi unha extensión do Santo Antonio e durou pouco. Así, en 1980 no Santo Antonio suprimiuse unha mixta de EXB e a DFD e desagregáronse ao Colexio A Gándara oito mixtas de EXB.

En 1981, ante a carencia de espazos no centro, por incremento de matrícula, produciuse o traslado legal de tres mixtas de EXB ao edificio da Pinguela, posto que se solicitou a desafectación para o ensino do edificio do Grupo Escolar do barrio do Cardeal, co obxecto de instalar nel os xulgados (50). De novo, en 1984, refírese un oficio da Delegación, que resolvía a desafectación para a ensinanza do citado edificio, momento no que un dos dous edificios singulares de principios de século destinado a educación pasaba a outros usos.

En 1983, suprimiuse unha mixta de EXB e desagregáronse as dúas mixtas de EE ao Centro de EE da Gándara, se ben como o seu edificio estaba en construción se trasladaron aos locais do edificio que se construíra na Pinguela. En 1984, suprimiuse unha mixta de EXB e en 1985 creouse de novo a DFD e integráronse do Colexio Sagrado Corazón dúas mixtas de EXB e suprimíronse dúas mixtas de EXB. En 1989 suprimíronse tres mixtas de EXB e en 1990 outras dúas mixtas de EXB, unha de preescolar e o posto de mestra de EF.

En 1992 creouse un posto de preescolar. En 1996 o Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Santo Antonio quedou con dúas unidades de EI e seis de EP e 11 postos de traballo, prototipo dos colexios de primaria. En 1998 este colexio desapareceu, por integración no Colexio Novo. Por último, o seu edificio, tamén singular, foi reformado e convertido na nova sede da casa consistorial.

 

Colexio Nacional Mixto Comarcal Sagrado Corazón

En 1971, a Agrupación Escolar Sagrado Corazón (51) tiña dúas unidades de nenos, unha maternal e unha unitaria de nenas. Ademais, na mesma rúa da Graduada, funcionaba a Escola Parroquial Mixta de San Vicente do Pino. Nesta situación, a Inspección propuxo transformar a maternal en párvulos e integrar a parroquial de San Vicente como unidade de nenas. Composición: dúas unidades de nenos, dúas de nenas, unha de preescolar e dirección con curso (DCC).

En 1972, algunhas aulas da Graduada Sagrado Corazón eran utilizadas polo instituto, pero, unha vez que este recibiu o seu edificio definitivo no comezo do curso 1972/73, quedaron libres as aulas que necesitaba un novo colexio comarcal. Para tal fin, a Inspección presentou a supresión das escolas parroquiais do Morín e Rioseco e as mixtas de Bascós e Chavaga, e a súa integración na Graduada Sagrado Corazón. O centro tiña unha matrícula de 295 alumnos, de modo que se determinou a creación de cinco unidades e se recoñeceron dúas prazas de EF. Despois, por orde non publicada no BOE, constituíuse o Colexio Comarcal Sagrado Corazón, composto por dez unidades escolares (unha de preescolar), dúas prazas de mestre/a de EF e DCC. E a Delegación acordou integrar no colexio os mestres das unidades da Graduada e mais as mestras propietarias das catro escolas suprimidas. O colexio púxose en funcionamento a principios de 1973.

A continuación, a Inspección informaba de que a cidade de Monforte contaba con dous colexios nacionais, un de padroado e dous relixiosos, que no curso 1972/73 tiveran 1864 alumnos de EXB nos centros oficiais e 680 nos relixiosos, cunha media superior a 40 alumnos por aula. Nunha reunión coa Xunta Municipal de Educación e os directores dos cinco colexios chegouse ás seguintes conclusións:

1. O número de nenos nacidos en Monforte durante cada un dos últimos cinco anos estaba entre 200 e 250, o que supoñía a necesidade doutras tantas prazas escolares para os nenos nacidos en 1967, que iniciarían a súa escolaridade obrigatoria no curso 1973/74.

2. O número de baixas producidas por remate da escolaridade dos nacidos en 1959 era superior a 50, pois a maioría dos alumnos desa idade seguía estudos de terceiro ou cuarto curso de ensinanza media ou de mestría industrial.

3. Non se dispoñía en absoluto de espazos libres nos edificios dos colexios nacionais, que deberían organizar o sétimo curso de EXB e o oitavo experimental.

En relación coa necesidade de aulas realizáronse xestións coa dirección do instituto para que cedese catro aulas libres no antigo edificio do instituto, aloxado agora nun de nova construción, xestións que deron resultado positivo por acordo do claustro, de modo que a Inspección propuxo a creación de 4 mixtas de EXB neste colexio. Ante esta fórmula, o xefe da División de Planificación informou de que en 1973/74 o Colexio Sagrado Corazón tiña nove unidades de EXB e 356 alumnos, cunha relación profesor alumnos de 1/40, razón que xustificaba a ampliación de catro mixtas de EXB neste centro. E a Unidade Técnica comunicou que os locais eran os que se usaban antes para clases de ensinanza media, con superficie suficiente para catro unidades. En consecuencia, o delegado asinou a cesión con carácter provisional, en tanto non se puxese en funcionamento un novo centro de EXB.

En 1975, a Inspección (52) estimou que a dirección do colexio non podía realizar as súas funcións docentes e mais as directivas, de xeito que propuxo a creación da praza de DFD. Ao respecto, o xefe da División de Planificación informou de que o centro tiña 13 unidades de EXB con 390 alumnos e unha de preescolar con 40, unha media de nenos transportados diaria de 133, que eran usuarios de comedor, cifras que amosaban a complexidade do colexio, ante o que procedía crear a praza de DFD.

Así mesmo, a Inspección sinalou que no concello de Monforte funcionaban diversas escolas cunha reducida matrícula, mentres este centro tiña todas as súas unidades sobrecargadas de matrícula. Ao respecto, existía unha rede viaria que permitía a agrupación da maioría das escolas de mestre único do ámbito municipal e, ademais, a cidade tiña un edificio que reunía as condicións necesarias para concentrar esas escolas. Por iso, fixo a proposta de ampliación do colexio coa creación de 16 mixtas de EXB e DFD, e supresión das 16 escolas seguintes: Baamorto, O Chao de Fabeiro, Fiolleda nenos e nenas, Gullade, Guntín, Moreda, As Nocedas, A Penela, Probeiros, Seoane, Sindrán, San Xoán de Tor, San Xillao de Tor, A Vide e Gándaras de Vilamarín. Nesta liña, o xefe da División de Planificación informou de que no concello existían numerosas escolas con matrícula moi reducida, un total de 182 alumnos, mentres este centro tiña un exceso de matrícula e existía un edificio que reunía as condicións necesarias para instalar as 16 unidades e suprimir esas escolas. E a Unidade Técnica manifestou que o antigo edificio do instituto estaba desocupado e o seu estado de conservación era bo, o que o facía idóneo para albergar as 16 mixtas de EXB. Deseguido, mediante unha orde ministerial ampliouse o Colexio Sagrado Corazón coa creación de 16 mixtas de EXB e DFD. A Inspección comprobou que as aulas reunían as condicións establecidas e procedeuse á súa posta en funcionamento. E a Delegación acordou a integración no colexio dos titulares das escolas suprimidas.

En 1980, con base na proposta da Inspección, tivo lugar neste centro a supresión de catro mixtas de EXB e a desagregación de oito mixtas de EXB ao Colexio A Gándara. Con esta diminución de unidades, o colexio situouse no primeiro edificio do instituto e deixou o histórico edificio do Grupo Escolar do barrio da Estación, porque estaba en malas condicións; só quedaron dúas unidades de preescolar nas aulas en mellor estado. Tamén, nos anos oitenta Radio ECCA utilizou neste edificio unha aula e uns despachos. En 1985, fíxose o proxecto de rehabilitación do edificio e logo realizáronse as reformas. En 1989, renovadas e melloradas as instalacións, no edificio estableceuse o Centro de Adultos, o Centro de Recursos e o Equipo Psicopedagóxico de Apoio e, nun pequeno edificio anexo, a Inspección Comarcal.

Con referencia ao Colexio Sagrado Corazón, en 1983 e 1984 suprimíronse oito mixtas de EXB e creouse unha de preescolar. En 1985, creáronse catro mixtas de EXB e desagregáronse dúas mixtas de EXB ao Colexio Santo Antonio e dúas mixtas de EXB ao Colexio A Gándara. En 1987 creouse unha mixta de EXB, en 1988 transformouse un posto de mestre de EF nunha mixta de EXB e en 1990 suprimíronse dúas mixtas de EXB e unha de preescolar.

En 1993 suprimiuse un posto de Lingua Castelá Francés e en 1995 eliminouse un posto de Ciencias Sociais. En 1996 o CEIP Sagrado Corazón quedou tamén con 2 unidades de infantil e seis de primaria. En 1998, este colexio desapareceu como tal, por integración no Colexio Novo, pero tivo un novo inquilino, pasou a ser a sede da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED).

 

Colexio Nacional A Gándara

En 1969, a Xunta Provincial de Construcións Escolares (53) informou a corporación municipal de que se aprobara a construción en Monforte dun edificio destinado a EXB de 16 unidades, punto de partida para o futuro Colexio A Gándara. En 1973, o Concello adxudicou de xeito definitivo o concurso de adquisición de terreos para varias construcións escolares na zona da Gándara. En 1974, a corporación deu conta do estado do expediente para a construción dun centro de EXB de 16 unidades no plan 1974/75 e ratificou o acordo ante a Xunta de Construcións para construír un colexio.

Tamén debemos comentar que en 1980 o Concello de Monforte se comprometeu ante o Ministerio de Educación e Ciencia (MEC) a adquirir un terreo no barrio do Morín, coa finalidade de construír un colexio nacional de EXB de 16 unidades, pero ese proxecto non se levou a cabo.

No citado ano 1980 a Inspección informaba da creación na Gándara dun novo colexio nacional (54), constituído por 16 unidades mixtas de EXB e DFD, oito por desagregación do Colexio Sagrado Corazón e oito do Santo Antonio, en función de que o edificio escolar estaba en condicións de entrar en funcionamento. Deste xeito, o centro comezou a súa andaina o curso 1980/81.

En 1984, a corporación informou do escrito do director do colexio (55), que xuntaba unha certificación do acordo do Consello de Dirección, no que solicitaba a revogación do acordo que lle dera ao colexio a denominación de Mestre Raimundo e que se adoptara o nome de Colexio A Gándara, pois o colexio era coñecido por este nome.

En 1984, creáronse dúas unidades de preescolar; en 1985, tivo lugar a integración de dúas mixtas de EXB do Colexio Sagrado Corazón e a supresión dunha mixta de EXB e, en 1990, a supresión dunha mixta de EXB. En 1995, creáronse catro postos: un de Educación Infantil (EI), un de Lingua Castelá Inglés, un de Pedagoxía Terapéutica (PT) e un de Educación Musical (MU). En 1996, ao igual ca en 1998, este CEIP quedou con tres de EI e 12 de educación primaria (EP), dous grupos de primaria por curso, dúas liñas, e 20 postos de traballo.

 

Centro de educación infantil e primaria de Monforte (Colexio Novo)

En 1998, creouse por decreto o CEIP de Monforte de Lemos (56), con tres unidades de educación infantil e doce de primaria (liña dúas en primaria), por integración do CEIP Santo Antonio e do CEIP Sagrado Corazón, que foron suprimidos. Este centro que se acaba de coñecer como Colexio Público Comarcal Colexio Novo.

Unha orde do mesmo ano estableceu o número de unidades e os postos de traballo docentes que correspondía prover por funcionarios do corpo de mestres nos colexios de infantil e primaria. En concreto, os postos de traballo deste centro eran tres de EI, dez de EP, dous de Filoloxía Inglesa, un de Filoloxía Francesa, un de MU, dous de EF e un de PT, en total 20.

Debemos subliñar que no libro O ensino na Terra de Lemos nos séculos XIX e XX recollemos tamén a creación e desenvolvemento do Centro de Preescolar Caixa Galicia, Centro de Educación Especial Infanta Elena, Centro de Educación Permanente de Adultos e Radio ECCA e escolas unitarias de preescolar.

 

*Este texto é un resumo do recollido no libro O ensino na Terra de Lemos nos séculos XIX e XX. Autor: Pedro Gómez Álvarez. A bibliografía consta no libro.

 

(1) MINISTERIO DE INSTRUCIÓN PÚBLICA E BELAS ARTES (1909), Estadística escolar de España en 1908, publicada pola Subsecretaría do Ministerio, Madrid, Imprenta da Dirección Xeral do Instituto Xeográfico e Estatístico, tres tomos. Inclúe a RO do 14/10/1909.

(2) Acta da corporación municipal monfortina, sesión do 03/12/1903, no Arquivo Histórico Municipal de Monforte de Lemos (AHMML). Proposta para construír un edificio municipal para as dúas escolas de nenos e nenas cando era alcalde D. Emilio Mazaira Beltrán

(3) Actas da corporación municipal monfortina, sesións do 06/12/1903 e do 27/06 e 27/10 de 1904, no AHMML. Construción do edificio para escolas públicas e subvención do Estado. Subvención da Deputación.

(4) Actas da corporación municipal monfortina, sesións do 21/01, do 11/05 e 07/12 de 1905, no AHMML. Soares. Os Escolapios non ceden a horta para o edificio da escola pública do barrio do Cardeal. Elección de terreos e cobramento de subvencións.

(5) Actas da corporación municipal monfortina, sesións do 25/02/1907, do 06/12 e 20/12 de 1912 e do 13/09/1916, no AHMML. Certificación de obras. Edificios rematados. Inauguración dos grupos escolares. Obras de reparación nos dous grupos.

(6) HERMIDA BALADO, M. (2013), LEMOS. Pequeña historia de un lugar con mucha historia, Lugo, Agrasar, pp. 15 a 22.

(7) Actas da corporación municipal monfortina, sesións do 25/11 e 23/12 de 1921, no AHMML. Solicitude de creación de dúas escolas nacionais. Solicitude ao Ministerio para a construción dun grupo escolar por conta do Estado no Campo de Santo Antonio.

(8) Actas da corporación municipal monfortina, sesións do 24/01/1930 e do 24/01 e do 13/06 de 1933, no AHMML. Estado do proxecto da escola graduada. Instalación de auga. Habilitación da escola graduada.

(9) Actas da corporación municipal monfortina, sesións do 24/06/1934 e do 26/5/1936, no AHMML. Cesión ao Ministerio do edificio do Grupo Escolar do barrio do Cardeal. Oficio da Inspección do día 12/05/1936.

(10) AMOR MEILÁN, M., en Geografía general del reino de Galicia, A Coruña, Ediciones Gallegas, Casa Editorial Alberto Martín (Barcelona), volume IX: La provincia de Lugo, tomo 2º, pp. 557 a 597.

(11) Boletín Oficial da Provincia de Lugo (BOPLU): 1901 (28/09), 1902 (29/09), 1903 (11/05 e 08/07), 1904 (01/03, 29/08 e 17/10), 1905 (16/05, 23/09, 19/10 e 21/11), 1906 (22/01, 19/02, 26/02 e 21/07), 1907 (08/04, 06/08 e 21/09), 1908 (30/01, 21/08 e 17/10), 1909 (07/05), 1911 (06/03 e 18/05), 1912 (30/08), 1920 (23/06), 1922 (11/09 e 21/11), 1929 (05/01), 1931 (14/12), 1934 (27/10 e 01/11) e 1935 (09/07).

(12) Atado 59, 14/05 e 07/09 de 1936, no AHMML. Escola das Nocedas, oferta de soar para escola de nova creación. Oficio da Inspección.

(13) Revista de Escuelas Normales, núm. 107. Madrid, decembro 1934. Noticias: Creación de escuelas para los maestros-alumnos del grado profesional.

(14) BOPLU: 1909 (24/12), 1931 (15/01), 1933 (07/02), 1934 (17/12) e 1935 (21/12).

(15) Atado núm. 59, ano 1936, no AHMML. Problemas de urxente solución na primeira ensinanza.

(16) Acta da corporación municipal monfortina, sesión do 10/09/1936, no AHMML. Traslado das escolas do grupo do barrio do Cardeal para aloxar as forzas do exército.

(17) BOPLU núm. 203, 27/08/1937. Adxudicación provisional de destinos pola Sección Administrativa.

(18) Acta da corporación municipal monfortina, sesión do 10/10/1937, no AHMML. Solicitude de creación de catro escolas ordinarias por supresión de catro de grao profesional.

(19) Actas da corporación municipal monfortina, sesións do 10/06 e 08/07 de 1939, 18/01, 10/02 e 09/03 de 1940 e 06/03/1942, no AHMML. Aloxamento das tropas nos tres grupos escolares. Terreos para o cuartel. Alugamento de locais para as escolas. Resolución do Ministerio de Guerra sobre a reparación dos grupos escolares. Reparacións dos dous grupos escolares. Amaño dos edificios dos grupos escolares núm. 1 e 2.

(20) Sinatura 79324-1, ano 1948, no Arquivo Histórico da Provincia de Lugo (AHPL). Cantidades asignadas para material de ensinanza.

(21) Distribución de crédito para repoñer e mellorar as instalacións dos comedores escolares en centros estatais, segundo o Boletín do Ministerio do 31/08/1964. Revista Escuela Española, núm. 1271, ano XXIV, 23/09/1964.

(22) Actas da corporación, sesións do 22/08/1968, 26/11/1971, 29/10/1981 e 7/6/1984, no AHMML. Reparacións do Grupo Escolar do barrio do Cardeal en 1968 e 1971. Na cesión ao Ministerio de Xustiza do edificio do Grupo Escolar do barrio do Cardeal figuran dúas datas: 1981 e 1984, nas que coa mesma redacción a Delegación Provincial do MEC dá conta da desafectación do fin da ensinanza do edificio.

(23) BOPLU, núm. 203, 27/08/1937. Adxudicación provisional de destinos pola Sección Administrativa.

(24) Atado núm. 63, 27/08/1939, no AHMML. Escrito dos mestres á Inspección.

(25) Acta da corporación municipal monfortina, sesión do 7/12/1939, no AHMML. Reparación do Grupo Escolar da Estación.

(26) Atados núm. 75 e 83, anos 1940 e 1942, no AHMML. Informe do aparellador co orzamento para reparar o grupo escolar. Escrito da mestra da Escola Núm. 2 de nenas.

(27) Sinatura 79324-1, ano 1948, no AHPL. Cantidades asignadas para material de ensinanza.

(28) Atado núm. 90, ano 1950, no AHMML. Escrito da mestra da Escola Núm. 2 de nenas e mais a de maternal.

(29) Distribución de crédito para repoñer e mellorar as instalacións dos comedores escolares en centros estatais, segundo o Boletín do Ministerio do 27/08/1964. Escuela Española, núm. 1271, ano XXIV, 23/09/1964.

(30) Actas da corporación municipal monfortina, sesións do 16/12/1937 e do 27/01 e 12/02 de 1938, no AHMML. Solicitude de creación da Escola Graduada do Campo de Santo Antonio con doce seccións. Creación da Escola Graduada do Campo de Santo Antonio con doce graos, non catro. Nomeamento de catro mestres.

(31) Atado núm. 60, 23/11/1937, no AHMML. Material escolar para o Grupo Escolar do Campo de Santo Antonio.

(32) Acta da corporación municipal monfortina, sesión do 13/04/1938, no AHMML. Comunicación para a creación de catro escolas na cidade de Monforte.

(33) BOPLU, 02 e 24/02 de 1938 e 14/7/1939. Nomeamentos pola Comisión Provincial de Provisión de Escolas o 30/01/1938. Adxudicación de escolas pola Comisión provincial. Novo nomeamento.

(34) Atado núm. 63, 11/10/1939, no AHMML. Oficio da Inspección ao alcalde para habilitar un local adecuado no Grupo Escolar do Campo de Santo Antonio.

(35) Actas da corporación municipal monfortina, sesións do 04/03/1946 e 29/01/1958, no AHMML. Reconstrución do Grupo Escolar do Campo de Santo Antonio. Compromiso do contratista para rematar as obras.

(36) Atado núm. 79 e 90, anos 1961 e 1963, no AHMML. Escrito do 06/12/1961 dos mestres das escolas núm. 1 e da unitaria de nenos Santo Antonio. Escrito do 17/12/1963 dos mestres da Escola Unitaria Núm. 1 e da Unitaria de Nenos Santo Antonio ao Concello.

(37) Distribución de crédito para repoñer e mellorar as instalacións dos comedores escolares en centros estatais, segundo o Boletín do Ministerio do 27/08/1964. Escuela Española, núm. 1271, ano XXIV, 23/09/1964.

(38) Actas da corporación municipal monfortina, sesións do 22/04/1967 e do 03 e 22/08 de 1968, no AHMML. Xestións para o arranxo do Grupo Santo Antonio. Obras no Grupo Santo Antonio. Non utilizado por obras o Grupo Santo Antonio.

(39) Atado núm. 83, ano 1945, no AHMML. Subvención á Escola Parroquial Nosa Señora de Monserrat.

(40) Acta da corporación municipal monfortina, sesión do 02/04/1951, no AHMML.

(41) Información facilitada polo concelleiro de Medio Rural, D. José Luis Losada Fernández.

(42) Arquivo núm. 105.418-1, estatísticas ensinanza, ano 1937, no AHPL. Relación de escolas do concello de Monforte elaborada polo Consello Local de Primeira Ensinanza, data 18/09/1937. Nela consta que os mestres propietarios de Ribas Altas, Calvos e San Xoán de Tor estaban suspensos por Orde do Goberno do 01/09/1936.

(43) Mapa número 22, rede escolar na cidade e no rural do concello de Monforte de Lemos en 1971.

(44) Vid. Orde do 03/10/1969 (BOE do 18), creación de dúas unidades de EE.

(45) Expediente da concentración escolar do Colexio Nacional Mixto Comarcal Santo Antonio, no AHPL. Informes de Inspección do 02 e 04/02 de 1971. Por Orde do 24/02/1971 (BOE de 24/03), creación dunha unidade de nenas e dúas de preescolar.

(46) Acta da corporación municipal monfortina, sesión do 26/11/1971, no AHMML. Orzamento de reparación do Grupo Escolar do barrio do Cardeal.

(47) Expediente da concentración escolar do Colexio Nacional Mixto Comarcal Santo Antonio, no AHPL. Informe da Inspección do 27/04/1972. Resolución do delegado do 26/02/1973. Escrito do director do Colexio Santo Antonio do 05/06/1974. Escrito dos pais do colexio do 06/06/1974. Oficio do delegado ao director xeral de Ordenación Educativa do 11/06/1974. Informes: Inspección do 21/08/1974 e xefe da División de Planificación do 02/09/1974.

(48) Expediente da concentración escolar do Colexio Nacional Mixto Comarcal Santo Antonio, no AHPL. Informes: xefe da División de Planificación do 22/07/1975, Unidade Técnica do 24/07/1975, Inspección do 30/09/1975, xefe da División de Planificación do 09/10/1975 e Inspección do 23/01 e 30/01 de 1976.

(49) Arquivo núm. 105434, no AHPL. Informes da Inspección sobre o arranxo escolar en Monforte do 29/06/1979.

(50) Actas da corporación municipal monfortina, sesións do 29/10/1981 e do 07/06/1984, no AHMML. Desafectación do edificio do Grupo Escolar do barrio do Cardeal e instalación dos xulgados nel. O traslado das tres unidades ao edificio da Pinguela non chegou a darse porque os profesores destinados apelaron a decisión e só cambiaron uns poucos alumnos.

(51) Expediente da concentración escolar do Colexio Nacional Mixto Comarcal Sagrado Corazón, no AHPL. Informes da Inspección do 02/02/1971 e 27/04/1972. Resolución do delegado do 26/02/1973. Informes: Inspección do 30/08/1973, xefe da División de Planificación do 24/10/1973 e Unidade Técnica do 10/11/1973. Oficio do delegado ao director do instituto de Monforte do 14/03/1974.

(52) Expediente da concentración escolar do Colexio Nacional Mixto Comarcal Sagrado Corazón, no AHPL. Informes: Inspección do 25/02/1975, xefe da División de Planificación do 13/03/1975, Inspección do 24/07/1975, xefe da División de Planificación do 26/07/1975 e Unidade Técnica do 10/10/1975.

(53) Actas da corporación municipal monfortina, sesións do 09/08/1969, 03/12/1973, 09/03/1974 e 30/06/1980, no AHMML. Comunicación da Xunta Provincial de Construcións Escolares. Terreos para varias construcións escolares. Terreo para construcións escolares. Compromiso de adquirir un terreo para construír un colexio nacional de EXB de 16 unidades no Morín.

(54) Expediente do Colexio Nacional A Gándara de Monforte, no AHPL. Informe da Inspección do 13/10/1980.

(55) Acta da corporación municipal monfortina, sesión do 29/03/1984, no AHMML. Nome do colexio.

(56) Vid. Decreto 207/1998, do 25/06 (DOG do 08/07), creación do CEIP de Monforte por integración do CEIP Santo Antonio e o CEIP Sagrado Corazón con tres unidades de EI e 12 de EP. A Orde do 01/09/1998 (DOG do 11) estableceu o catálogo de unidades e postos de traballo dos CEIP, CPI e IES que había que prover de mestres.

 

 

Sección: