As 100 linguaxes do nen@ na escola activa e rural

Un cambio de mirada nas nosas escolas
O cambio de mirada dunha escola rural. A través da formación do profesorado en educación emocional, metodoloxías activas e realización dun proxecto Erasmus Plus para coñecer o enfoque metodolóxico Reggio Emilia e as escolas amables de Pistoia, chegamos a unha transformación do noso centro, espazos, materiais... que continuamos hoxe, na que o alumnado se converteu no centro da aprendizaxe e o respecto, o acompañamento e a individualización son as nosas premisas.

Ana Fernández Álvarez
afaef@edu.xunta.gal
María López Amado
mlamado@edu.xunta.gal
Mª Teresa Rodríguez Rama
teresarodriguezrama@edu.xunta.gal
CRA Ponte da Pedra (Carballo-A Coruña)

 

 

A transformación das escolas actuais buscando metodoloxías activas, participativas e inclusivas implica un cambio de mirada e altas doses de esforzo e formación de toda a comunidade educativa. 

 

 

Todos eses cambios que se están a producir no noso contexto educativo non foron casuísticos; senón que son froito dunha formación ao longo dos últimos anos en colaboración co CFR de A Coruña e a externalización do noso proxecto a través dos Programas Europeos Erasmus+ KA101. 

É necesario comezar contextualizando quen somos para que poidades entender como é o noso contorno e as diferentes decisións que fomos tomando no ámbito formativo durante os anteriores cursos. O CRA Ponte da Pedra é un centro público formado por sete escolas e nove aulas, diseminadas todas elas polas parroquias do concello de Carballo, aínda que a distancia que as separa fisicamente se ve contrarrestada coa proximidade e a unión no traballo e desenvolvemento metodolóxico. Nel escolarízase alumnado desde a etapa de infantil ata o primeiro ciclo de primaria. A premisa do noso centro é o respecto e o acompañamento á infancia desde a individualización de cada nena e neno. 

A nosa formación durante os últimos oito anos xirou arredor de dous eixes principais: a educación emocional e as metodoloxías activas. 

No curso 2015/16, participamos como centro piloto no programa de educación emocional ao abeiro da Consellería de Educación e a Fundación Botín: Educación responsable. Este proxecto incide no obxectivo de promover o crecemento saudable das nenas e nenos, potenciando o seu talento e creatividade e axudándoos a ser autónomos, competentes e solidarios a través do desenvolvemento da intelixencia emocional. 

No seguinte curso produciuse unha renovación de boa parte do claustro, así que continuamos inmersos no desenvolvemento do programa de Educación responsable e iniciamos unha nova liña formativa relacionada coas metodoloxías activas. Esta andaina contou coa colaboración do CFR da Coruña e principiou coa visita ao centro educativo CRA Antía Cal, que xa levaba traballando neste eido un tempo e foi o que deu pé ao principio de transformación do noso colexio. Nos seguintes cursos escolares, continuamos realizando diferentes PFPP baseados en metodoloxías activas.

Uns anos máis tarde, no curso 2018/19, decidimos internacionalizar a nosa formación. Queriamos coñecer as escolas de Reggio Emilia, en Italia, e presentamos un proxecto ao programa Europeo Erasmus Plus. O seu título, Contribuíndo ao éxito educativo a través de pedagoxías activas na escola rural europea, facilitounos a visita ás escolas de Loris Malaguzzi (de aí o título do noso artigo, as cen linguaxes do neno). Esta experiencia non só nos permitiu coñecer o enfoque metodolóxico de Reggio Emilia, senón que tamén posibilitou novas relacións con mestres doutros lugares; así como descubrir outras metodoloxías e contactos para enriquecer a nosa formación continua. A partir destes contactos e por medio da organización do CFR da Coruña, favoreceron a participación noutra viaxe de estudos: a visita das escolas amables en Pistoia (Italia), onde descubrimos outra forma de educar baseada nas metodoloxías activas e comunitarias.  

En liñas xerais, tanto a metodoloxía de Reggio como a de Pistoia teñen moito en común, aínda que hai algunha que outra diferenza, da que falaremos posteriormente. Podemos resumir que ambas as metodoloxías se fundamentan en considerar a nena e o neno como centro da aprendizaxe; o coidado dos ambientes e espazos ten unha importancia vital no proceso de ensinanza aprendizaxe;  o contacto, relación e información ás familias é constante a través das documentacións e o mestre é un guía que acompaña o alumnado en todo este proceso. 

Por outro lado, unha das diferenzas que máis destacamos nas experiencias das nosas viaxes foi que en Reggio traballan con ateliers, guiados polos «atelieristas» —profesionais expertos en cada unha das artes—; a importancia que lle dan á luz e, finalmente, algo que nos chamou moito a atención foi a creación dun lugar chamado REMIDA, onde recollen materiais de refugallo das empresas (botóns, azulexos, bobinas de papel, teas…) e logo as mestras e os mestres úsanos nos diferentes ambientes da aula outorgándolle, así,  un valor didáctico e social. No caso de Pistoia, observamos a importancia da comunidade no día a día do centro e a existencia dunhas áreas infantís con identidade de seu, que están dispersas pola localidade, con materiais específicos aos que poden asistir todas as nenas e nenos fóra do horario escolar (por exemplo, área verde da natureza; área blu da arte; área rossa das familias…).

.

 

 

A transformación das nosas escolas, tendo en conta toda esa formación anterior, foi paulatina. Tras estas experiencias, houbo unha reflexión de grupo e apostouse por un cambio de mirada, que se produciu principalmente na etapa de infantil e nas aulas mixtas (infantil e primaria) e, pouco a pouco, estase a facer en primeiro e segundo de educación primaria nun proceso máis lento, para o cal queremos seguir investigando, formándonos e, así, poder avanzar. Para esta transición, estabamos de acordo en intervir nos espazos, nos recursos e na comunidade educativa. 

Comezamos coa modificación dos ambientes, outorgándolles a importancia que se merecen; fixemos que os espazos fosen máis acolledores e favorecesen a aprendizaxe desde a experimentación, a interacción, a autonomía, a curiosidade, a comunicación... Espazos onde establecer un diálogo entre o alumnado, os adultos, o ambiente, os materiais... a través das súas experiencias e proxectos de aprendizaxe. 

Para facilitar a localización e recollida dos materiais non estruturados, creamos na sede do CRA un pequeno espazo REMIDA, común para todas e todos, no que se centraliza a dotación de elementos e recursos para as aulas para logo poñer en práctica actividades de experimentación e manipulación que fomenten a imaxinación e a exploración das súas posibilidades. 

 

 

Realizamos provocacións a lugares máxicos onde a creatividade, a luz, a exploración, o movemento e o xogo fomenten o descubrimento da aprendizaxe por parte do alumnado. 

 

 

Hai que destacar a importancia dun ambiente fundamental nas nosas escolas: o contorno no que asentan, que permite achegármonos á natureza e aos elementos naturais cando desexamos, e que favorecen novas experiencias e vivencias, abrindo diálogos e transformando as aprendizaxes en diferentes linguaxes. 

Neste camiño de cambio, outro aspecto ao que queremos chegar é á comunidade educativa; para iso, buscamos novas canles e alternativas de comunicación coas familias facendo documentacións do traballo de aula; permitíndolle o acceso ás actividades e á vida da escola. 

 

 

O centro proporciónalles ás familias a oportunidade de participar na Escola de Familias Responsables, na que, a través de talleres e charlas guiadas por unha psicóloga especialista en terapia familiar, procuran a mellora da relación e comunicación positiva coas súas fillas e fillos. 

Polo tanto, e tendo en conta o exposto anteriormente, podemos dicir que continuamos nese proceso de cambio, no que o principal protagonista é o alumnado, respectando as súas necesidades, intereses, ritmos e favorecendo a inclusión, proporcionándolles outras formas de representación, acción e expresión.  Aumentou a implicación das familias no proceso de aprendizaxe dos seus fillos e fillas, e son  guías e acompañantes do que pasa na aula. Permitiunos mellorar substancialmente o clima da aula, as relacións sociais e afectivas, aumentar a escoita activa da nena e do neno, centrándonos nos seus intereses e mellorando o seu estado emocional. A estética da aula viuse favorecida tendo como finalidade a consecución dun clima de aula de calma e tranquilidade.

A interacción coa natureza e o uso de materiais naturais e de elementos reutilizables permítennos profundar no desenvolvemento da educación en valores. Non sempre é preciso utilizar materiais comprados; senón que podemos axustar as actividades ao material dispoñible e próximo. A utilización de materiais de refugallo nas propostas e actividades permitiunos establecer lazos con diferentes empresas da vila, o que implica traspasar os muros da escola e proxectar a vida do centro sobre o ámbito social do concello.

 

 

A modificación dos espazos e dos tempos implica un esforzo global e unha reflexión sobre o que pretendemos conseguir, establecendo metas pequenas, que paseniño darán paso a unha transformación global e integrativa. 

Para rematar, sinalar que neste curso estamos abrindo un novo ciclo debido ao cambio de persoal docente. O novo profesorado adaptouse con ilusión e facilidade á realidade do centro, recollendo as achegas da nosa formación con agrado, implicándose e interesándose en formarse e aprender, aínda que nunca perdendo a perspectiva de que é un proceso lento e arduo.

 

 

Sección: