O ensino na Terra de Lemos nos séculos XIX e XX

Entrevista a Pedro Gómez Álvarez con motivo da presentación do seu libro sobre o ensino na Terra de Lemos.

Entrevista realizada por Juan Granados, director da Revista galega do ensino

 

 

Con motivo da publicación do seu libro O ensino na Terra de Lemos nos séculos XIX e XX, EDUGA entrevista a Pedro Gómez Álvarez, inspector de educación xubilado desde 2015. A monografía que hoxe mencionamos resulta ser un esforzo heurístico extraordinario, destinado a narrar en detalle as vicisitudes educativas dunha comarca luguesa que, como é ben sabido, acolleu un mapa escolar extraordinario, desde os célebres Escolapios de Monforte, ata o lembrado Grupo Escolar Ferroviario. Pero hai moito máis, a sólida formación humanística de Pedro Gómez permítelle repasar na súa obra todas as especificidades do sistema educativo español ao longo da idade contemporánea; leis, currículos, soldos e situación económica do profesorado, o papel dos municipios…Circunstancia que converte esta obra nun referente esencial para o estudo da educación en España durante a contemporaneidade, achegando un notable corpus documental aplicado ao caso monfortino, que será, sen dúbida, de enorme interese para todo aquel que desexe coñecer a vida profunda, a verdadeira intrahistoria da educación en Galicia e en España.

 

 

Eduga: Por que realizou esta investigación?

Pedro Gómez: Debo dicir que a primeira motivación foi un sentimento de pertenza a Terra de Lemos. A segunda partiu dunha débeda persoal, que eu enmarco no contexto das lembranzas e afectos, sobre a base do traballo feito cos centros durante moitos anos, do que derivou a necesidade de realizar un estudo histórico do ensino na Terra de Lemos que lles poida deixar como legado ás xentes da comarca de Lemos, como mostra de gratitude, e tamén como estímulo para outros traballos sobre este distrito ou calquera outro territorio. Neste sentido, entendo que todos valoramos a importancia de manter os recordos, que a nosa historia non caia no esquecemento. Dixo Óscar Wilde, famoso escritor do século XIX: «O único deber que temos coa historia é reescribila». Eu engado: «E un dereito básico que temos os cidadáns coa historia é coñecela».

Eduga: Por que ler este libro?

P.G.: Para coñecer a historia escolar do distrito de Monforte de Lemos nos séculos XIX e XX, que non só refire a evolución das escolas e centros educativos ao longo destes dous séculos, senón que tamén hai un estudo dun territorio, das súas xentes, dos sectores sociais, da poboación, da economía, da vida política e sociocultural da comarca e da política educativa imperante en cada etapa destes dous séculos, o que nos permite analizar os cambios que se produciron, a preparación do profesorado, a provisión das escolas, o pagamento dos docentes, a escolarización do alumnado, a posición das familias con respecto ao ensino, a planificación e o funcionamento da Administración, entre outros aspectos.

Creo que isto permite coñecer mellor a Terra de Lemos, algo importante para o profesorado do distrito, pero tamén para as persoas interesadas nos temas históricos desta terra ou doutras comarcas que queiran coñecer o estudo dun territorio singular, incluso como promoción da zona, neste caso da Ribeira Sacra.

Eduga: Como ler este libro?

P.G.: Sen dúbida, ler todo o libro, de principio a fin, é o máis coherente, pero sei que non é fácil, porque hai moito texto, moitos datos, cadros e mapas e non é unha novela. E, aínda que de entrada non pareza algo importante, propoño fórmulas iniciáticas, co obxecto de estimular o interese pola súa lectura íntegra. De paso fago un repaso del.

Unha, coller un concello, dos seis que se estudan —por exemplo, no que vivimos ou traballamos—, e ver a súa evolución nestes dous séculos nos apartados expresos dos capítulos 2, 3, 4, 6, 7 e 8. Iso si, despois procede examinar o escrito sobre os outros concellos, é máis enriquecedor, ou a lectura dos capítulos 1 e 5, como análise global do contexto.

Unha segunda, ler os anexos documentais, textos independentes, pero que complementan o contido do libro —relación que figura na páxina 401—, ou ler os apéndices que, en xeral, son unha relación lexislativa ordenada do escrito no texto, exposta en cadros, da maioría dos centros, agás un breve resumo dalgunhas escolas unitarias e escolas de música —relación na páxina 431—.

Unha terceira, ler os mapas: 33 mapas ao final do libro onde se cartografía de modo visual a evolución das escolas, colexios, centros de ensino medio e outras ensinanzas nos dous séculos. Aquí, os que queiran ver os mapas nun tamaño maior, na pantalla do ordenador, co obxecto de apreciar os detalles, teñen outra posibilidade á parte do libro. Para o efecto creei unha páxina web, https://ensinolemosdezanovevinte.wordpress.com, á que podería acceder calquera persoa entrando en Internet. Así mesmo, pódense visualizar as fotos, os santos, como se dicía antes, porque nos ofrecen algunha información da historia. Tamén están na citada páxina web en tamaño pantalla do ordenador.

Unha cuarta, lectura do índice, moi detallado, pois hai entradas sobre todas as cuestións que trata o libro, ou ler o prólogo e a introdución, que dan unha visión do contido do libro, o que propón o autor e o que reflexiona o catedrático que guiou o meu camiño para chegar ao texto final.

Unha quinta, ler as conclusións, breve resumo de todos os capítulos, cunha metáfora entre os tipos de iluminación e a relevancia das escolas e centros en cada etapa na que estruturo o texto.

Unha vez empregada unha ou varias destas opcións, realizada a primeira aproximación, o seguinte paso é a lectura detida de todo o libro, porque, como dicía Comenio no século XVII na súa Didáctica Magna, un texto debe lerse todo ordenadamente, doutro modo podería orixinar confusión; ás veces igual temos que retomar algún punto complexo ata entendelo.

Eduga: Creo que vostede na presentación do libro fixo unha oferta, cal?

P.G.: Si, se alguén pretende facer un traballo específico sobre un dos seis concellos de Terra de Lemos ou sobre un centro concreto de Monforte de Lemos en relación coa historia da educación, sexa profesor, estudante ante a súa tese de doutoramento ou un estudoso local destas cuestións, que saiba que pode contar coa documentación que eu teño, que case triplica o recollido no libro. Estimo que teño un fondo documental inédito importante.

Por outro lado, debemos lembrar que na nosa comunidade autónoma hai 313 concellos e aquí só se estudan 6 dos 67 que ten a provincia de Lugo. Tamén é posible o estudo de calquera outra comarca de Galicia, 53 en total. Queda, pois, moito por facer, porque hai moi poucas comarcas e concellos que teñan un estudo histórico das súas escolas en formato libro. Estimo que o existente figura na bibliografía do libro, agás dous pequenos libros: Las escuelas habaneras en el Ayuntamiento de Vilalba (Lugo) e a Historia escolar de Coirós (A Coruña).

Que ofrezo en concreto: a quen queira facer un estudo máis pormenorizado dalgún dos seis concellos analizados ou dun centro en particular podo pasarlle os datos e a información que non aparecen no libro. Estou convencido de que en cada concello podería realizarse unha investigación escola por escola e aí sería posible incluír os edificios, os nomes dos mestres, o número de alumnos, os membros das Xuntas Locais de Instrución Primaria, os alcaldes ou persoeiros que promoveron escolas, os informes da Inspección de Educación en relación con estas, as persoas que doaron terreos para as escolas, os que alugaron as súas casas, en definitiva, a historia de cada escola e a do concello. E de Monforte cidade non só un libro, varios, porque temos centros con moita historia.

As persoas interesadas en realizar un traballo deste tipo durante algún tempo poderán dirixirse directamente a min cun pequeno esbozo do que pretenden, co obxecto de que eu lles ceda o material pertinente e algunhas ideas; logo, nun futuro, se esta documentación ten interese, deixareina nalgunha institución de Monforte, que agora teño sen determinar.

Eduga: Tamén fixo unha proposta para unha celebración, non si?

P.G.: Certo, refírome á celebración por parte dos centros e das comunidades educativas de datas significativas. En Monforte temos tres centros centenarios: o Colexio Escolapios, máis de 400 anos, pois comezou en 1593, certo, con outro titular, os xesuítas; non obstante, os Escolapios cumprirán 150 anos en Monforte o próximo ano, 2023; o Grupo Escolar da Estación, hoxe Escola Oficial de Idiomas, que como tal fixo os 25 anos en 2016, pero este edificio iniciou a súa actividade en 1913 e ao longo da súa historia tivo diversos tipos de ensinanza, sempre pública; e o Colexio Divina Pastora, que se fundou en 1915, si, as monxas fóronse en 2008, sete anos antes do centenario e desde entón continúa como cooperativa de mestres, a Fundación Educativa Torre de Lemos.

Segue o Colexio Ferroviario, en 9 anos será centenario, inaugurouse en 1931. Logo o Instituto de Educación Secundaria Daviña Rey, se se ten en conta a súa orixe como Escola Elemental de Traballo e primeira sede no Grupo Escolar da Estación, o ano de referencia sería 1945 (77 anos hoxe en día); non obstante, se temos en conta a súa actual localización, hai que partir de 1968, o que significa que hai 4 anos fixo os 50 anos. Despois o Instituto Río Cabe, que en 2015 celebrou o 50 aniversario; o Colexio A Gándara e o Instituto A Pinguela tamén conmemoraron os 25 anos e todos fixeron polo menos 25 anos, incluídos os colexios comarcais de Bóveda, Pantón, A Pobra do Brollón, Escairón e Currelos no Saviñao e Sober.

Pero, atención, neste ano 2022, fan 50 anos os colexios comarcais de Pantón e Sober, no 2023 os da Pobra do Brollón e Escairón e en 2024 o de Bóveda, aínda que o edificio sexa posterior, pero como primeira concentración escolar estas serían as datas, agás o Colexio Novo de Monforte, o último creado, que no vindeiro ano 2023 acadará a cifra máxica dos 25 anos, á marxe de que este centro é o resultado da integración dos antigos colexios San Antonio e Sagrado Corazón, ao igual que o Colexio A Gándara, que se creou en 1980 coa desagregación de oito unidades de cada un destes dous centros históricos.

Que propoño para a celebración do cincuentenario dos colexios comarcais e que, por suposto, serve para outros aniversarios? Entre outras accións, realizar unha exposición fotográfica coas fotos que se consigan desde a súa inauguración ata hoxe, cun breve texto que explique a súa historia, e incluso das escolas rurais que se concentraron neles. Isto implica a posibilidade de ir ata cen anos atrás. Seguro que os avós destes concellos teñen fotos en branco e negro das escolas rurais e os pais e os mestres xubilados fotos en cor dos colexios actuais. Os mestres e os pais do alumnado deste momento contan con fotos que agora só posúen un valor persoal, pero co paso do tempo acadarán un mérito colectivo para entender e recordar a escola destes anos. As fotos son unha instantánea dun momento da historia, unha pegada de gran valor para o historiador. Teño que dicir que eu tiven bastantes problemas para recoller moitas das fotos que figuran no libro. Estas exposicións facilitarán posteriores estudos históricos da nosa educación. É unha idea que lle deixo a este auditorio para que decida sobre a súa viabilidade.

Coido que hoxe as redes sociais poden colaborar nesta cuestión, se ben no medio rural, e incluso na cidade, o boca a boca segue a ser a fórmula máis natural para chegar ás familias. Trátase de contactar con aquelas persoas que viviron en tempos pasados no rural cando había moita xente e agora residen nas cidades ou vilas, incluso fóra de Galicia. Debemos buscar no baúl dos nosos devanceiros fotos e obxectos da escola de antano, porque outra idea sería facer unha mostra cos libros de texto de cada etapa. Aí o deixo.

Eduga: Como ve a escola dos próximos anos?

P.G.: Permíteme que estenda a mirada desde a atalaia da torre da homenaxe de San Vicente do Pino de Monforte de Lemos, é dicir, desde a miña experiencia de toda unha vida dedicada ao mundo educativo, que curiosamente comezou e rematou en Monforte de Lemos, primeiro como mestre, logo como inspector de educación. Esta visión pretende trazar unha pincelada cara ao futuro, pois, unha vez estudado o pasado, co presente na retina e o futuro facéndose a cada momento, cómpre salientar algúns valores para a formación do ser humano e a súa interacción na sociedade. No fondo é un obxectivo para todos e cada un, na medida das nosas posibilidades. Este século XXI reclama redefinir unha educación primaria e secundaria máis pegada á realidade, como na formación profesional, que nun intento de aproximar o sector laboral e o educativo está a optar pola formación profesional dual.

Por outra banda, vivimos uns tempos difíciles, sempre o foron, iso si, distintos, nos que procede moderar o individualismo no que tantas veces nos refuxiamos e incrementar a cooperación e o consenso, como camiño para acadar unha educación de máis calidade e unha sociedade máis igualitaria, que reduciría os problemas.

A cultura e a educación teñen que promover homes e mulleres preparados para esta sociedade tecnolóxica e en constante cambio, cunha actitude de respecto e colaboración coas demais persoas, cos animais e coas cousas. Tamén é imprescindible que non haxa máis guerras en ningún lugar do planeta terra, polo que o pacifismo debe percorrer o mundo dunha punta a outra. En cada organización a fórmula é buscar todos os puntos que nos unen e chegar a acordos, a pactos que nos permitan crecer e ser mellores.

O traballo ben feito, con conciencia e honestidade, en educación como en calquera outro campo do exercicio profesional, é o fundamento e a esencia da sociedade que de seguro queremos. Andemos ese camiño, a historia está sempre aberta a novas achegas, a ser «bos e xenerosos», como di o noso himno.

Eduga: Por último, que regras estima para unha ensinanza de calidade no ensino obrigatorio?

P.G.: Desde logo o ensino debe ter como finalidade que o alumno saiba ler, escribir e falar, ademais doutros aspectos como o cálculo matemático, a música, a educación física... Pero que significa saber ler? Implica entender un texto. En canto á escritura, redactar con coherencia un texto. Polo que se refire a falar, supón expresar en público as ideas, os sentimentos, dialogar, argumentar...

Cada materia con menos temas e máis prácticos. Programar con casos da vida, con menos tecnicismos, menos apartados, máis concreción sobre o que se debe facer no proceso de ensino-aprendizaxe.

Os que redactan o currículo (os decretos) teñen que ser persoas que coñezan a aula, que traballen co alumnado e que saiban de programación. Os que deseñen os decretos deben tentar que sexa sinxelo e alcanzable, que non sexa necesario facer un curso para entender o esquema da programación e o significado dos termos. Estes autores do currículo teñen que estar conectados co traballo dos mestres, profesores e alumnos. Estimo que é unha primeira fórmula para o punto de partida cara a un ensino de calidade.


 

 

Sección: