Xeolocalización das plantas exóticas invasoras no noso ecosistema utilizando mapas en liña

Esta actividade trata de evidenciar e de concienciar da moi estendida invasión de plantas exóticas en Galicia, realizando a súa xeolocalización no ecosistema próximo ao noso centro educativo.

Ángeles Fernández Baz
fernandezbaz@edu.xunta.gal
IES Fernando Esquío (Neda - A Coruña)

 


Antecededentes

No curso 2017/18, no IES Punta Candieira, de Cedeira, en colaboración coa ANPA O Beco, realizamos un traballo de xeolocalización da herba da Pampa, unha das especies de flora invasora máis estendida nos nosos ecosistemas. Este traballo presentouse aos premios Voz Natura. 

Neste proxecto creouse o mapa interactivo onde se localiza a herba da Pampa e un código de cores segunda súa abundancia. Ligazón do mapa interactivo.


 

Este proxecto tivo continuidade hai dous cursos no IES Fernando Esquío, en Neda, na ría de Ferrol, no ano da pandemia, polo que tivo que ser interrompido. Este curso decidimos continualo con diversas melloras. A nosa idea era realizar esta xeolocalización no concello de Neda (complementando o mapa interactivo realizado hai dous anos), pero ampliando o número de especies invasoras que se ían localizar. Pensamos de novo en contar coas familias do alumnado e asociacións interesadas.

Cando o CFR solicitou a nosa colaboración para realizar os proxectos Erasmus, tratamos de darlle unha visión máis internacional a este proxecto. Non só se analizan as especies invasoras que aparecen no noso concello, senón que as comparamos coas especies exóticas que aparecen na proximidade, cos nosos compañeiros do proxecto, un centro en Alemaña.

Esta actividade está destinada tanto a alumnado da ESO como de bacharelato.

Os obxectivos da actividade son moi claros. En primeiro lugar, fomentar o traballo colaborativo á vez que se mellora a competencia dixital. Trataríase entón de promover o traballo en grupo, mediante unha ferramenta tecnolóxica. 

Ademais, pretendemos coñecer, apreciar os ecosistemas máis próximos realizando actividades no exterior do centro. Pretendemos tamén desenvolver un proxecto científico realizando unha dixitalización dos datos obtidos e realizando unha análise dos mapas obtidos. 

Por último, hai que indicar que este tipo de xeolocalización mediante mapas colaborativos permiten a interacción con outras entidades (ANPA, concello, asociacións medioambientais…) interesadas e que fan medrar o proxecto na súa dimensión social. 

 

Etapas do proxecto

Comezamos o traballo mediante a concienciación do problema da invasión das especies exóticas. Para iso, solicitámoslle á asociación medioambiental AMABUL a instalación no noso centro, o IES Fernando Esquío, dunha exposición sobre plantas invasoras e o seu impacto nos ecosistemas galegos.

 

 

Así mesmo, para ampliar o número de especies invasivas que se ían analizar, empregáronse na aula as fichas divulgativas elaboradas pola SGHN para o recoñecemento da flora exótica.

Posteriormente creouse un novo mapa en liña do ecosistema onde se realiza esta xeolocalización. Nós empregamos Google Maps co dominio propio do centro. A continuación compartimos o mapa con todo o alumnado e persoas participantes e explicámoslles o xeito de realizar a xeolocalización (non só marcando no mapa colaborativo, senón engadindo unha fotografía no mapa de interese).

A modo de práctica realizamos unha saída inicial para xeolocalizar in situ as primeiras plantas. Posteriormente, invítase o alumnado a que continúe xeolocalizando plantas nos seus percorridos diarios. Para facer xeolocalizacións de diferentes plantas invasoras, empregaremos códigos de cores diferentes para cada planta invasiva e variacións no ton da mesma cor para indicar a súa densidade nesa zona.

Valoración da actividade, dificultades atopadas e aspectos que hai que mellorar.

Valoramos a actividade moi positivamente, pois trátase dunha actividade que tivo moita participación, que permite un mellor coñecemento do medio dunha forma moi lúdica. Ademais achega datos de interese non só no ámbito local, senón que tamén para a comunidade científica.

Para a realización desta actividade o alumnado precisa dun correo preferiblemente co dominio do centro. Posteriormente, ese correo debe vincularse ao dispositivo co que se vai facer a foto e posterior xeolocalización da planta invasiva. Dado que o sistema Android que inclúe Google Maps é o maioritario, vémonos obrigados a traballar con esta ferramenta. Gustaríanos moito máis traballar con mapas abertos, pero sería moito máis complicado.

Botamos de menos tamén a participación máis activa de diversas institucións e organizacións que cremos que deberían valorar este coñecemento colectivo e tomar medidas para intentar impedir a expansión destas especies, tratando de valorar e, se fose posible, realizar a súa erradicación.

 

Valoración final da actividade

A actividade aínda está en proceso, é unha actividade que non ten un final, pois os alumnos poden seguir xeolocalizando unha vez rematado o curso, polo tanto, trátase dun mapa vivo que evoluciona co tempo.

Para un recoñecemento da expansión destas especies no tempo sería moi interesante realizar xeolocalizacións en sucesivos anos tratando de descubrir cales son as especies que están presentando taxas de reprodución buscando posibles causas e indagando sobre posibles solucións. Polo tanto, esta é unha actividade con carácter continuísta.

Unha importante motivación desta actividade baséase en que os seus resultados se observan a moi curto prazo. Despois de só unha semana de actividade no mapa, vense grandes resultados. 

Todos os alumnos implicados realizaron a actividade solicitada dun modo salientable, tomando conciencia do grave problema ecolóxico que estas plantas supoñen no ecosistema e implicando en moitos casos a comunidade educativa, polo que a valoración non pode ser máis positiva. 

 

Agradecementos

  • A todos os alumnos e familias participantes, polo seu traballo. 
  • Á ANPA o Beco, polo impulso que lle deu á actividade inicial.
  • Á Asociación AMABUL, pola súa exposición sobre flora exótica invasora.
  • Á SGHN, pola realización das fichas tan completas de flora invasora nos nosos ecosistemas.
  • Ao CFR Ferrol, por internacionalizar o proxecto.

 

 

 

Sección: