O plan dixital de centro

Unha oportunidade única de transformación dos centros educativos que non podemos desaproveitar

Rafael Rodríguez Martín
Director do CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro
(Cerceda-A Coruña)

 

 

No ámbito persoal, como docente e director dun centro de educación infantil e primaria, quero poñer por diante non soamente que creo no plan dixital, senón que considero imprescindible e imparable a súa implantación. Deixando claro este aspecto, penso que a temporización das fases da súa posta en marcha está a ser un tanto estresante para os nosos centros docentes, sobrecargados xa de múltiples tarefas. 

O presente curso escolar, por riba, chegou cargado de cambios significativos que están a supoñer unha indispensable actualización e adecuación do día a día dos nosos colexios: novos protocolos covid, múltiples cambios derivados da entrada en vigor da LOMLOE, renovación dos consellos escolares, nova ordenación de ensinanzas mínimas, orde de atención á diversidade, modificación da normativa da avaliación, das titulacións, das condicións de acceso ás diferentes ensinanzas…

Desde as direccións dos centros, non podemos pedirlles máis tempo aos docentes porque están a dalo todo e a traballar baixo presión, o que non non adoita dar os mellores resultados. A aceleración das fases iniciais do proceso de posta en marcha do plan dixital, especialmente a referente á esencial e prioritaria fase de reflexión e sensibilización, o único que conseguiu foi minguar significativamente a porcentaxe de participación dos claustros, en detrimento do que considero que sería preciso: unha pausada, consensuada e crible elaboración deste. O antepoñer prazos a calidade pode derivar en que o plan dixital se converta nun documento máis, desaproveitando unha oportunidade única de transformación real e necesaria dos nosos centros; pero tendo en conta que o proceso xa está en marcha, a asunción da problemática sinalada é inevitable, polo que intentaremos minimizala poñendo todos os medios ao noso alcance.

Temos por diante dous importantes retos que auguran unha nova concepción das institucións educativas: o plan de mellora e o plan dixital de centro, que se están a elaborar actualmente e que terán que ser aprobados polos consellos escolares antes de fin de curso para a súa entrada en vigor no ano académico 2022/23.

 

 

Os dous plans están estreitamente relacionados dado que, dentro das liñas de dixitalización do plan de mellora, e marcado como obxectivo estratéxico común a todos os centros docentes da comunidade autónoma, establécese o implementar satisfactoriamente o plan dixital. Isto dános unha idea da importancia que a posta en marcha deste último ten, pois supón un elemento indispensable no novo plan metodolóxico dos centros; sen esquecer, como non podería ser doutro xeito, a consideración do ensino presencial, como elemento esencial e imprescindible, especialmente nas etapas obrigatorias.

 

 

Centrándonos no plan dixital de centro diremos que ten como obxectivo prioritario o desenvolvemento pleno e integral do alumnado, a mellora da súa competencia dixital e a utilización adecuada das tecnoloxías dixitais na aprendizaxe, coa finalidade de transformar os nosos colexios en centros dixitalmente competentes. Como documento permanentemente vivo, formará parte do proxecto educativo, da súa concreción anual na programación xeral anual e, consecuentemente, o informe do seu progreso incluirase na memoria anual.

As fases da posta en marcha do plan dixital nos centros docentes poderían resumirse nas seguintes etapas: 

Plan de formación

Inscrición dos centros nun plan de formación permanente do profesorado a través dos CFR, cunha liña de actuación baseada na elaboración do documento marco.

Análise SELFIE que deberá realizar o equipo directivo, docentes e alumnado do centro

Coa colaboración e asesoramento dos equipos ADIX creados ad hoc, analizamos a nosa realidade en relación co uso das tecnoloxías a través de Selfie, ferramenta de auto-avaliación recomendada pola Comisión Europea. Trátase dun excelente instrumento de análise e reflexión, aínda que a súa potencialidade, penso, quedou minguada polo índice de participación, especialmente por parte do profesorado, o que supón un hándicap á hora de valorar fielmente a realidade dos centros. 

Test da competencia dixital docente

Os docentes respondemos posteriormente un test de competencia dixital de carácter orientativo, coa finalidade de medir o noso nivel competencial dixital e así poder planificar os diferentes tramos da nosa formación futura nese ámbito. Producíronse algunhas queixas por parte do profesorado, especialmente de educación infantil, considerando que o test CDD pouco tiña que ver coa súa realidade, así como co seu alumnado. A idea xeneralizada foi que se elaborou pensando en certas etapas e se estendeu a todas sen ter en conta aspectos diferenciadores esenciais entre elas, xa que o test foi confeccionado para medir a competencia dixital docente, pero saltouse a competencia e interacción do alumnado, como se desprende de parte das súas preguntas.

 

Elaboración do informe DAFO

Tendo en conta o documento Selfie exclusivamente, elaboramos un informe DAFO que permitiu recoñecer as fortalezas e debilidades internas, así como as ameazas e oportunidades externas que servirán de elemento clave de punto de partida para a elaboración do plan dixital. As categorías preestablecidas na DAFO foron as seguintes:

  • ASPECTOS INTERNOS (fortalezas-debilidades): infraestruturas, persoal docente, persoal non docente, alumnado, familias, oferta, organización do centro.
  • ASPECTOS EXTERNOS (ameazas-oportunidades): Administración educativa, lexislación, ANPA, contorna, outras entidades.

Deseño e elaboración do plan dixital. Estructura e elementos

A estrutura do plan dixital de centro contará cos seguintes elementos:

    1. INTRODUCIÓN
        1.1. Datos básicos do centro
        1.2. Contextualización do PD. Contribución do PD ao proxecto educativo
        1.3. Xustificación
        1.4. Proceso de elaboración
    2. SITUACIÓN DE PARTIDA
        2.1. Servizos dixitais e mantemento dispoñibles                        
        2.2. Análise DAFO
    3. PLAN DE ACCIÓN
        3.1. Obxectivos
        3.2. Indicadores e accións
    4. AVALIACIÓN DO PD
        4.1. Seguimento do plan de acción
        4.2. Propostas de mellora unha vez revisado
    5. DIFUSIÓN DE PD

Aprobación

Aprobación do plan polo Consello Escolar no curso 2021/22.

Implementación

Implementación do plan dixital no curso 2022/23.

Avaliación

O plan debe incluír indicadores de logro para realizar anualmente unha avaliación dos progresos do plan dixital de centro. O informe dos progresos formará parte da memoria anual.O plan debe incluír indicadores de logro para realizar anualmente unha avaliación dos progresos do plan dixital de centro. O informe dos progresos formará parte da memoria anual.

Actualización

Con carácter anual ou bianual, unha vez que se consoliden as actuacións, avaliarase globalmente a competencia dixital do centro empregando de novo a ferramenta Selfie para comprobar as melloras acadadas e actualizar o plan dixital.

 

A modo de conclusión

Unha vez que se implemente o plan dixital e se poña en marcha a formación específica dos docentes, penso que o seguinte paso tería que ir enfocado á xeneralización de Edixgal en todos os centros e cursos aos que o programa vai enfocado, co fin de aproveitar os medios e recursos proporcionados desde a Administración.

Estamos a dar os primeiros pasos e, aínda que partimos con erros que deberemos de ir corrixindo ao longo do proceso, non me cabe dúbida de que en canto se consolide nos centros o plan dixital formará parte do noso día a día porque ser competentes no dixital é unha parte máis da nosa formación permanente e debe ser unha prioridade para avanzar co noso alumnado paralelamente ao que a sociedade nos demanda.

 

 

 

Sección: