Raros somos todos

Un achegamento dende a diversidade
Rar@s somos tod@s é un proxecto que traballa co audiovisual como ferramenta para a creación individual e colectiva, poñendo o foco na diversidade. A idea é xerar un documental integrado por pezas dirixidas por diferentes alumnos, nas que colabora o resto da clase. A pluralidade e a diversidade serán o eixe central, no ámbito temático, e tamén funcionarán como principio básico das dinámicas de traballo.

Mercedes Caínzos Cebral
Olaia Sendón Ogando
Profesoras de Técnicas e Procedementos de Imaxe e Son
CIFP Escola de Imaxe e Son (A Coruña)

 

Contexto

Nun principio o proxecto está pensado para a materia troncal de Ciencias Sociais ofertada para alumnos de sexto de educación primaria, pero cos axustes precisos podería ser adaptado a outros niveis educativos. O proxecto inclúe certos contidos tanto metodolóxicos como conceptuais que poden ser perfectamente asimilables dende outras disciplinas. 

As autoras empregamos os nosos coñecementos como profesoras de Imaxe e Son para describir os procedementos que teñen lugar á hora de realizar unha peza audiovisual e esta metodoloxía pode ser empregada na xénese de calquera outro proxecto que teña os medios audiovisuais como fin.

O outro eixe sobre o que se artella a proposta deriva da incontestable realidade de que vivimos nun mundo diverso. O alumnado teno claro, malia todo reforzar e integrar esa pluralidade desde os contidos fomentando a tolerancia e o respecto, segue a ser fundamental. Ás veces compre recordar que moitas das cousas que damos por sentado na educación en valores son, porén, moi necesarias e urxentes. A diversidade é hoxe, mais que nunca, unha realidade e falar dela devén unha necesidade.

A terceira rama coa que traballamos vén definida polo traballo dos valores universais desde o particular. Empregando o círculo íntimo do contexto inmediato como campo de traballo.

Obxectivos

Por que traballar a diversidade desde o audiovisual?

Unha curtametraxe é un proxecto integrador por definición. Diferentes disciplinas converxen baixo un obxectivo común. Son, imaxe, produción, dirección, todos os profesionais deben analizar a súa contribución e poñer en valor a dos outros profesionais cos que traballan para un correcto funcionamento.

As dinámicas só funcionan se comprendemos o alcance do traballo dos demais. Na nosa práctica docente, esta é unha realidade que temos que enfrontar con cada grupo de alumnos cando facemos as prácticas interciclo. Aprender a valorar o traballo dos compañeiros é importante e, no caso do audiovisual, concluínte. Non se pode facer un produto audiovisual se non participan todos os integrantes. Falaremos máis devagar cando abordemos a metodoloxía, pero xa desde a orixe as autoras nos formulabamos empregar o proceso audiovisual case como unha metáfora do desenvolvemento en sociedade. Este foi o noso primeiro obxectivo, unha dobre canle que afectase non só a temática abordada senón tamén as disciplinas desde as que se traballa.

O fomento do espírito crítico baseado no coñecemento

Outro dos obxectivos que tiñamos en mente á hora de deseñar Rar@s foi poñer en valor o rigor a un nivel metodolóxico. Nun mundo de fake news, o alumnado está cada vez máis exposto a unha falla de pensamento crítico. Aprender a disciplina e o rigor de procesamento que precisa todo proceso de documentación é prioritario e por iso desde o proxecto se fixo especial énfase nos procedementos.

A análise desde o propio

Por último, o obxectivo principal: poñer o foco nun mesmo, en integrarse e participar de forma activa na sociedade na que vive, partindo da comprensión da realidade física, social e histórica máis próxima ata poder comprender o mundo dun xeito máis global.

Interesábanos traballar cos referentes, trasladalos desde o global ao particular, poñer en valor o propio, buscar exemplos de diversidade desde a experiencia particular, como un xeito de aproximarse á materia de estudo e xerar vínculos de empatía dun xeito sinxelo. Experimentar é o mellor xeito de coñecer e, se a experiencia ten un nome e un apelido que che son próximos, un montón de mecanismos entran en acción.

Cousas como «meu tío Antonio vive en Zurich» permiten que o alumnado teña testemuñas directas sobre o que significa a emigración e isto, canalizado desde a reflexión, serve para contextualizar o problema da inmigración desde o outro lado, para empatizar co outro.

Que Rar@s somos tod@s é unha realidade incuestionable e basta rañar un pouco na superficie para descubrir que os exemplos de diversidade están por todas as partes, tamén, como non, no noso contorno inmediato. A idea deste proxecto é poñelos en valor dedicándolle unha peza audiovisual.

Traballariamos con persoas da súa contorna, pero tamén fomentariamos técnicas de animación á lectura de textos de divulgación das Ciencias Sociais (de carácter social, xeográfico e histórico) e utilizando prensa escrita e dixital como fonte de información, para se documentar sobre tempos pasados aos que se referirán os entrevistados.

 

O respecto á diversidade

A convivencia e o respecto á diversidade, como elemento enriquecedor da sociedade e, en particular, da escola, é precisamente o tema transversal que queremos traballar ao longo destas catro unidades que compoñen o proxecto.


Trátase de que o alumnado busque e retrate audiovisualmente o seu universo próximo, subliñando aqueles elementos e personaxes que nos enriquecen e que nos fan diferentes: pode ser a miña curmá, que naceu en África; a miña avoa que traballou media vida en Alemanña, onde construíu a súa familia; o meu tío que naceu cunha discapacidade visual, a miña irmá cun trastorno no espectro autista... Todo, para construír un discurso audiovisual baseado na premisa Rar@s somos tod@s.

Como artellariamos Rar@s somos tod@s

Traballamos cunha estrutura definida seguindo os pasos da creación audiovisual: guión, produción, rodaxe e posprodución. Adscribimos o proxecto ao eido do documental pola súa relación co real e deixamos aberta a posibilidade de traballar dentro do eido do experimental.
Con base nestas etapas formulamos catro unidades didácticas:

O guión

Nesta etapa trataríase de atopar o protagonista, entrevistalo e coñecer a súa historia. Dunha banda, achegamos explicacións e exemplos de como se fai un guión (desde o formato a cuestións como estrutura, personaxes, procura e tratamento da documentación...). Nesta fase faise fincapé na documentación porque aí é onde a interacción co social está máis presente. Neste punto poderiamos traballar a procura de información, empregando diferentes fontes: medios de comunicación, testemuñas, arquivos persoais (albumes, correspondencias...), a sistematización dos contidos a través de bases de datos e a extracción de conclusións que nos leven a configurar unha trama.

Doutra banda, presentariamos unha serie de actividades e xogos, que serían en realidade os pasos que habería que dar para que o alumnado obtivese, ao rematar este proceso, un guión (ou unha escaleta propiamente dito) que fixese referencia á súa propia vida e á súa familia.

A produción

Nesta etapa aprenderíase a desagregar o guión realizado e a organizar unha rodaxe. Esta UDI ten unha dobre dimensión. Por un lado, achegaría como unidade didáctica, materiais e explicacións sobre como se planifica unha produción audiovisual: a selección de actores, o equipo humano dunha produción, o equipamento técnico, as localizacións, a temporización...
A outra dimensión da UDI —a máis divertida tamén— ten un carácter práctico.
Así, desagrégase unha serie de exercicios que, segundo o alumno vaia realizando, irá tamén avanzando na planificación da peza de Rar@s somos tod@s que lle toca gravar a el.
O resultado obtido polo alumno nesta UDI é de tipo documental (fichas de localizacións, repartición de tarefas, selección de actores...) e de construción de equipos.

A rodaxe

Esta unidade traballaba sobre dúas áreas: a toma de imaxe e a toma de son.
Mediante documentación escrita, gráfica e audiovisual pretende ensinarlle ao alumno as pautas básicas para o manexo dunha cámara e o mesmo para a toma de son con microfonía. 

A posprodución

Só queda revisar o material gravado e seleccionar o mellor.

Esta UDI ofrece documentación escrita, gráfica e audiovisual, con exemplos, sobre a montaxe; sempre con intención artística. Ofrécese unha guía de traballo onde o alumno selecciona o material xerado durante a rodaxe e o complementa  con músicas extraídas de librería (experimenta co valor estético e narrativo das músicas); mentres aprende a manexar sinxelos programas de montaxe.

Nesta UDI facilítanse guías moi sinxelas para editar vídeo.

En canto ao resultado acadado, nesta UDI hai dúas dimensións:

O resultado

Unha vez que se completan as catro UDI, cada alumno terá unha pequena peza audiovisual propia, gravada e editada por el sobre un aspecto da súa vida que o fai diferente. Unidas todas as pezas xeradas na aula, obtemos un audiovisual que é un retrato da diversidade en todos os campos da nosa sociedade.

Recurso

As catro unidades didácticas integradas de Rar@s somos tod@s están presentadas en formato web, para uso e seguimento por parte do alumnado e do profesorado. O obxectivo destas UDI é aprender a obter e artellar información audiovisual dándolle a forma de discurso. Explicado de xeito máis sinxelo, o alumno aprenderá a pensar, deseñar, gravar e montar unha peza audiovisual.

O obxectivo é que, seguindo as UDI, a clase sexa quen de crear de xeito colectivo unha peza audiovisual onde se recolla desde unha mirada positiva a riqueza e diversidade que hoxe impera nas nosas vilas, colexios e familias.

Doutra banda, seguindo a premisa de que podemos facer un audiovisual na escola sen que o factor económico sexa determinante e substituíndoo pola imaxinación. Xa que logo, poriamos á disposición do alumnado e do profesorado software libre dándolle as claves para usalo.

Na actualidade, o equipamento semiprofesional de gravación está moi popularizado e é barato, pero intentamos desde o proxecto fomentar o emprego de equipos de gravación propios a partir das ferramentas que teñas na casa ou no instituto. Neste audiovisual de guerrilla, como nos gusta chamarlle, incluiriamos consellos de como optimizar a cámara dun teléfono móbil, iluminar con cartón, papel de aluminio e celofán de cores, como construír unha pértega de microfonía usando o pau dunha escoba e fariamos soportes de cámara empregando recursos propios (unha moeda, unha corda, un saco de lentellas...).

Metodoloxía

Como falabamos antes, o traballo grupal é unha pedra angular no audiovisual, sirva de exemplo a imposibilidade de abordar en solitario todas as tarefas que acontecen simultaneamente nunha rodaxe. Nós aproveitaremos as posibilidades que o formato do audiovisual nos ofrece para xerar dinámicas de grupo sas e integradoras onde se fomente a responsabilidade individual e colectiva. Onde 1 e 1 sumen máis que 2. Por último, a atención á diversidade e á convivencia son eixe central do noso proxecto, non só no ámbito de contidos senón tamén no procedemental. Fomentar a empatía como método de aprendizaxe a través da procura das historias dos nosos será prioritario no desenvolvemento deste proxecto.

A metodoloxía prevista para este proxecto ten por punto de partida a educación por proxectos: a clase emprende un proxecto de xeito colectivo —neste caso, unha peza audiovisual— e mediante unha serie de exercicios guiados vai completando cada unha das fases mentres traballa, de forma práctica e teórica, os contidos previstos e acada os obxectivos marcados na unidade.

Avaliación

En canto á avaliación, está previsto empregar criterios que aborden a habilidade para traballar tanto individualmente como de maneira colaborativa dentro dun equipo. As actitudes de cooperación e participación serán centrais, buscando a responsabilidade e a aceptación das diferenzas con respecto e tolerancia cara ás ideas e achegas alleas nos diálogos e debates.

Outro dos puntos fundamentais ten que ver co desenvolvemento da creatividade, buscando aproveitar a información para logo presentar conclusións innovadoras.

Cooperación, convivencia, respecto e tolerancia. Palabras clave que definen os criterios cos que se deberá traballar.

No ámbito específico, cada unha das unidades habería de ter integrado un test e unha táboa de cotexo. O test permitiríalle ao alumno facer un repaso dos coñecementos adquiridos e ser consciente e responsable do seu propio proceso de aprendizaxe. A táboa de cotexo cubrirase unha vez rematados os exercicios propostos na unidade. Sérvelle ao alumnado para avaliar o seu propio traballo, pero tamén como ferramenta para a detección e corrección de erros.

Doutra banda, durante o proxecto, o alumnado xera unha serie de materiais propios (guións, fichas de localización, entrevistas, tomas de imaxe, de audio, montaxe final...) que permitirán que o docente evidencie este proceso de aprendizaxe.

Conclusións

A miúdo compañeiros que imparten ensinanza secundaria obrigatoria nos piden consello para proxectos audiovisuais realizados no marco das súas clases. Con base neses «consellos», elaboramos unha guía en formato web, que adapte as ferramentas e saberes cos que traballamos na formación profesional ao día a día nas ensinanzas medias.

A orixe deste proxecto está en propoñer técnicas que traballamos na aula co noso alumnado ao servizo da pedagoxía. 

Tamén é importante ter claro que, a diferenza do que acontecía no pasado, hoxe en día non é necesario gastar diñeiro en equipos de gravación para que o alumnado dun colexio ou dun instituto produza a súa primeira curtametraxe. Poden facelo, perfectamente, usando obxectos cotiáns ao alcance de todos e que adoitamos ter na casa. Trátase de que aprendan a crear unha obra colectiva, na que todos fagan as súas achegas, mentres se fomentan valores como o respecto, a tolerancia, a pluralidade e a integración. Un audiovisual de guerrilla para construír un mundo mellor desde a escola.

Gustaríamos rematar a reflexión subliñando o valor da biblioteca como un espazo importante para este proxecto. En primeiro lugar, como fonte de investigación, pero tamén como lugar de rexistro e conservación dos traballos xerados. Atendendo ao seu carácter líquido e ao seu valor integrador, poderíamos imaxinar, e non sería complicado, establecer unha rede onde este proxecto viaxase a través dos distintos cursos e dun centro a outro mostrando un retrato da multiculturalidade e riqueza da nosa sociedade e dos nosos centros educativos.