Aproveitando as oportunidades

A aula virtual na clase azul

Esther Tarela Villanueva
CEE Nuestra Señora de Lourdes (A Coruña)

 

Introdución

En marzo de 2020 atopámonos inmersos nunha situación totalmente inimaxinable: estabamos todas e todos confinados na casa. Os colexios estaban pechados e as familias xuntas 24/7. Empézase a falar de ensino en liña.

O CEE Nosa Señora de Lourdes é un centro de educación especial no que sempre gozamos, priorizamos e traballamos coas tecnoloxías, pero, nunha situación como esta, o reto era grande.

O alumnado está formado por persoas con discapacidade intelectual con diferentes necesidades de apoio. Os grupos son moi heteroxéneos.

O que presento neste artigo é a experiencia da contorna de aprendizaxe con apoio de tecnoloxías da clase azul. Nesta clase convivimos 5 alumnos e alumnas e eu. Este ano interveñen tamén a profesora de Educación Física, o profesor de Orientación Laboral e o orientador.

 

O grupo

Dúas alumnas xa estiveran traballando cunha metodoloxía híbrida que incluía o traballo por proxectos, aula invertida e classroom (como recurso para organizar e xestionar o traballo). Son alumnas con competencias lectoras, de traballo en grupo, manexo de ferramentas tecnolóxicas e aquelas relacionadas coa procura de información e organización/presentación desta en diferentes formatos. O marco de referencia nestas competencias sería o equivalente a cuarto-quinto de primaria.

O resto do grupo traballaba por proxectos e competencias básicas de primaria. Nese momento (marzo de 2020) empregamos tabletas como reforzo das aprendizaxes traballadas. As competencias lectoras, de procura de información, expresión escrita… responden aos primeiros cursos de primaria.

 

Marzo de 2020

Ante unha situación destas características, o obxectivo era triplo:

1. Por unha banda, queriamos manter o nivel de estimulación cognitiva, comunicativa etc., que podía verse comprometido por un confinamento prolongado.

2. Tamén era o noso obxectivo manter os ánimos altos e para iso tiñamos que buscar a maneira de ter un mínimo contacto social, xogar, charlar e preguntar e/ou poder falar sobre aquelas cousas que nos preocupaban. En resumo, coidar tamén os ámbitos emocional e interpersoal do alumnado.

3. As familias tamén foron un obxectivo no noso centro, pois en todo momento tratamos de apoiar e orientar naquelas circunstancias que ían xurdindo.

Que fixemos durante o confinamento?

- Xuntabámonos á primeira hora en asemblea (vídeo conferencia en Webex) todo o grupo: saudabámonos e charlabamos para terminar repartindo as tarefas do día.

- Coas dúas alumnas que xa tiñan experiencia en aula invertida e classroom continuouse o traballo con esa metodoloxía:

- Asemblea e traballo autónomo.

- Conexións diarias coa finalidade de revisar o traballo realizado durante a mañá, resolución de problemas, dúbidas...

- Co resto do grupo as conexións eran en días alternos.

- Presentábanse —desde o meu computador (compartindo pantalla con eles)— distintas tarefas de estimulación cognitiva, atención e memoria, lecturas sinxelas, cálculo mental etc. A realización da tarefa era verbal, eles indicábanme a resposta (era como un xogo) e eu trasladábaa ao soporte elixido.

- Desde ese momento comezamos a procura de posibles «alternativas» e/ou «solucións» para que a situación se prolongase durante o curso 2020/21. Desta maneira e co segundo grupo de alumnos fóronse introducindo a modo de proba ferramentas novas como:

- Ligazóns a documentos en liña (con fichas e tarefas moi sinxelas),

- Formularios

- Classroom aos que podían acceder coa axuda das familias.

Este traballo sentou as bases do que foi a aula virtual deste curso.

 

Proposta

Para o curso 2020/21, a proposta do centro é tratar de mellorar a resposta que lle ofrecemos ao alumnado a través de ferramentas e metodoloxías sinxelas e accesibles que lle permitan á gran maioría do noso alumnado o acceso e a participación nas tarefas coa menor cantidade de apoios que sexa posible.

Coas ferramentas que o centro pon á disposición, cada aula deberá presentar unha proposta que facilite o traballo diario e que, no caso de corentenas ou novos confinamentos, permita ofrecer unha resposta similar por parte de todas as aulas do centro.

 

Recursos na aula azul

Co obxectivo de crear unha contorna de aprendizaxe activa, incorpóranse á aula azul os seguintes recursos:

1. Portátil Chromebook para cada alumno. Escolleuse un modelo coas seguintes características:

- Bisagra de 360 graos e tecnoloxía multitáctil.

- Autonomía de ata 10 horas que aguanta toda unha xornada escolar e máis.

- Permite conectar periféricos rapidamente.

- Wifi 2 x 2 AC que permite unha moi boa conexión e alenta a colaboración e a exploración.

- Aínda que traballamos na nube, o dispositivo permite opcións de almacenamento rápidas e eficientes.

- O alumnado pode utilizar o active pen para debuxar, facer as súas fichas e exercicios, esquemas e tomar notas directamente na pantalla do equipo. É moi preciso e moi sensible á presión, o que garante unha experiencia natural e intuitiva co lapis. Ademais, a súa tecnoloxía de rexeitamento da palma da man evita as marcas involuntarias e fai que sexa máis cómodo utilizalo.

- O seu deseño reforzado protéxeo dos golpes e das caídas. E o teclado é impermeable grazas ás súas canles de drenaxe internas.

- Sistema operativo Android optimizado para G Suite.

2. Maletín de transporte para traslado ao domicilio no caso de corentena, confinamento etc.

3. O centro rexístrase en Workspace (antes G Suite) para educación. Valórase este servizo porque:

a) Facilita a colaboración en tempo real con documentos, follas de cálculo, presentacións, formularios, sites e jamboard tanto para o traballo do profesorado como para o alumnado.

b) Incorpora as ferramentas de comunicación: Google Meet, Chat e Gmail que nos permitirían comunicación e conexións en liña nos casos necesarios.

c) Permite o uso daclassroomen educación. Isto facilítanos:

- Distribuír as tarefas, avalialas e seguilas.

- Xerar unha contorna de aprendizaxe inclusiva coa posibilidade de adaptar as propostas ao estilo de aprendizaxe de cada alumno.

- Programar e publicar o traballo/tarefas. Isto alixeira a carga de traballo.

d) Facilítalle ao centro a xestión de distintos aspectos de seguridade coas comunicacións, datos, material...:

- Só entrarían na contorna Workspace do cole os usuarios e dispositivos que o centro dea de alta.

- Permite administrar dispositivos e configurar a seguridade, aplicacións e outros aspectos relevantes.

- Protexe os datos sensibles en Gmail e Drive con prevención de perda de datos (DLP) automatizada.

 

A formación na aula

Desde o período inicial do curso (outubro) trabállanse habilidades que o alumnado debería ter adquiridas para «ser autónomo» no manexo da ferramenta.

Ás habilidades non adquiridas responderase entendéndoas como:

a) Necesidades de apoio que hai que prestar no caso de que sexa necesario (nós na aula e a familia en caso de corentena) de modo que o alumno non quede excluído de ningunha sesión.

b) Necesidades de adaptación e/ou incorporación de novos recursos para que esta habilidade poida ser substituída por outra que permita realizar a actividade.

 

Relación de habilidades:

- Acender o equipo.

- Abrir e pechar pestanas.

- Acceder a classroom e as súas clases.

- Desprazarse entre pestanas.

- Acceder a Meet.

- Activar o micrófono e a cámara.

- «Presentar» ou «compartir» pantalla.

- Pechar videoconferencia.

- Acceder ás tarefas.

- Abrir documentos en PDF coa ferramenta seleccionada para iso (que nos permite a escritura en textos neste formato).

- Usar distintas aplicacións: jamboard, formularios, documentos, presentacións, debuxos...

- Entregar tarefas.

- Realizar as tarefas empregando os distintos recursos á súa disposición.

 

A contorna de aprendizaxe da aula azul

O obxectivo era crear unha contorna de aprendizaxe virtual que tivese as seguintes características:

1. Personalizable: debería ser o suficientemente flexible como para que me permita seleccionar diferentes materiais para cada alumno, propoñer actividades acordes coas necesidades e intereses de cada alumno; responder tamén aos procesos cognitivos

2. Accesible: debería ser sinxela no manexo de maneira que todo o alumnado puidese ser autónomo (ou requirir apoios mínimos) para poder acceder, interactuar e traballar.

3. Que admita distintos formatos de actividade e tarefas: debería permitirme presentar o material e as tarefas en diferentes formatos, así como almacenar os materiais elaborados polo alumnado, independentemente do formato empregado.

4. Que xere interacción: cos contidos e tamén cos compañeiros. Para iso a ferramenta débenos permitir acceder de maneira sinxela a reunións en liña, debe facilitar as tarefas individuais pero tamén en equipo. Por exemplo, colaborar nunha tarefa, construír algún produto/recurso con outro compañeiro, traballar cos proxectos de traballo previstos, gamificación de tarefas (animación á lectura con TaTum)…

5. Facilitador do feedback: cando lle propoñemos unha tarefa ao alumnado, esta debe responder á creación dun produto (en distintos formatos) e permitir a retroalimentación.

Todo isto vainos conducir a unha evidente mellora non só das competencias dixitais senón tamén doutras como aprender a aprender, comunicación etc., básicas no noso alumnado.

O meu papel despois de deseñar a contorna:

1. Buscar e crear recursos dixitais (aproveitando distintos formatos).

a) Estes recursos deben ser adecuados a cada un dos alumnos.

b) Seleccionar os recursos en función das competencias que se van desenvolver con cada alumno.

2. Facilitar a interacción cos contidos (acceso á información).

a) Organizar os contidos de maneira que sexa fácil o acceso e facilite o traballo autónomo. Así, cada alumno accederá só ás tarefas que se seleccionaron para el/ela e diminuirá a distracción debido a elementos non significativos.

b) Cada alumno disporá dun calendario de tarefas personalizado, accesible e fácil de entender.

3. Organizar a interacción co alumnado e entre o alumnado.

a) Finalidade: aclarar o traballo para realizar, normas, obxectivo que se pretende conseguir en cada actividade, lembrar contidos, explicar contidos, aclarar dúbidas, avaliar as tarefas etc.

b) Facilitar a comunicación entre os alumnos (en tarefas, charlas informais etc.):

- Ferramentas para a interacción persoal: Meet, chat de Meet, Hangout.

- Ferramentas para a interacción-materiais: Google Drive (jamboard, doc, presentacións, formularios, debuxos), canva.

4. Revisión dos produtos/tarefas.

a) O envío das tarefas será individual, igual que a resposta.

b) Empréganse ferramentas que lle facilitan ao alumnado esta parte do traballo: autogardado, entrega de tarefas sen achegar arquivos…

c) Responder/Avaliar e dar o feedback canto antes.

https://youtu.be/HOXmfjLWYeY

Descrición do vídeo: Traballando co active pen: o alumno amplía a pantalla, escolle na paleta de cores. Está a traballar nun arquivo en PDF.

Na aula azul, como parte do traballo diario, comezabamos cada mañá cunha asemblea á que o alumnado asistía presencialmente. Traballamos coa data e planificamos o traballo do día, vemos a asistencia. Falamos das cousas que fixemos o día anterior na casa e daquilo que nos preocupa.

Esta actividade tiña como documento de apoio visual un jamboard que nos facilitaba o acceso á información e nos permitía dispoñer da posibilidade de personalizar as actividades que se ían realizar.

Este recurso estaba á disposición nos seus computadores persoais. Todos compartimos ese arquivo de maneira que as accións de cada un as vía o resto do grupo nos seus computadores.

A partir dese momento cada un diríxese ás súas «clases» e aí ve as tarefas que ten planificadas para ese día.

Na programación de aula hai propostas que inclúen proxectos colaborativos (o barrio, cóidome), actividades/propostas para o plan lector, traballo individual das distintas áreas. Leváronse a cabo a través de tarefas individuais, tarefas en grupo (fixemos un mural xuntos nun jamboard), creamos unha clase de «recreo» onde propuxen actividades máis lúdicas que se ofreceron durante a corentena. As ferramentas permitíronnos adaptar unha porcentaxe moi alta da programación e mantela mesmo en situación de corentena.

Exemplo de actividades realizadas na aula adaptadas a diferentes niveis de apoio.

Asemblea. Actividade na que todo o grupo traballa nun documento/tarefa de maneira conxunta.

 

Conclusión e valoración

- Constátase unha importante mellora das competencias dixitais.

- Aumenta a motivación cara a tarefas como a lectura e as matemáticas.

- Increméntase a autoestima.

- Diminúen/Desaparecen os apoios prestados pola familia para a incorporación do alumnado á aula virtual.

- Mantense o traballo durante a corentena e permítese incluso a introdución de contidos novos neste período.

- Esta mellora en competencias dixitais permitiunos acceder a novos recursos:

- Tatum: proposta gamificada para animación á lectura (plan lector)

- Actividades interactivas en liña (liveworksheets)

- Ferramentas:

  • Debuxos para a realización de esquemas.
  • Jamboard para a realización de mapas conceptuais, para a realización de explicacións (taboleiro dixital), actividades interactivas...
  • Emprego de materiais en PDF, fichas que se poden realizar co active pen...

- Actividades formativas complementarias á aula:

  • Preparación de oposicións, compartindo espazo virtual con alumnado doutras aulas.
  • Grupo de preparación de galego (para as oposicións).
  • Preparación de charlas e exposicións…

A miña valoración deste espazo virtual é moi positiva, pois trátase dun recurso que, sen dúbida, debe incorporarse ao noso traballo diario e á nosa metodoloxía, tanto polas posibilidades que ofrece como pola mellora competencial que xera.

 

 

Sección: