Horta escolar

Traballando de xeito transversal
Cada día son máis os recursos que podemos atoparna contorna dos centros. Desde montes, praias, xacementos arqueolóxicos ata os que serán o foco deste artigo:as hortas escolares. Hai uns anos comezou unha pequena transformación educativa que deixabaos centros escolares fóra da idea de ser simples transmisores de coñecementos teóricos a través dun libro e dunha clase maxistral. Empezou nese momento o uso da contorna como medio que favorece o proceso de ensino-aprendizaxe. A creación naescoladunhorto escolar é un exemplo do nacementodunha nova forma de aprender.

Coloma Campos Romero, docente de Primaria
CEP Celso Emilio Ferreiro (Vigo - Pontevedra)
coloma.c.r@gmail.com

 

Contextualización

A horta escolar é un espazo situado dentro ou fóra do centro (pero sempre preto), normalmente de terra ou un preparado especial que ten que ser coidado polo alumnado do centro cos mestres e mestras como guías. Dentro del plantaranse produtos diversos, axeitados á época do ano.

O uso da horta escolar permite traballar distintos aspectos do desenvolvemento integral do alumnado, ademais de novas aprendizaxes.

A súa importancia reside no seu valor pedagóxico, o cal pode ser traballado tamén en colaboración coas familias, o que permite a súa participación na aprendizaxe dos seus fillos e enriquece o ensino.

Este ano, no noso centro puxemos en marcha unha vez máis esta iniciativa facéndoa tamén o noso proxecto anual de centro.

 

Obxectivos

A horta escolar é un recurso educativo co que se poden traballar contidos curriculares, pero tamén desenvolver competenciase fomentar a aprendizaxe de forma lúdica e manipulativa.

Permite traballar habilidades sociais, pero é imprescindible a implicación e formación dos mestres para poder aproveitar os beneficios deste recurso.

Neste curso propuxémonos a horta escolar como unha forma de transmitir coñecementos sobre enerxía, medio ambiente, problemas ecolóxicos, económicos e de saúde.

O contacto do alumnado que vive nas cidades co medio natural é escaso, o que fai que diminúan os seus coñecementos sobre os ecosistemas, a natureza, a orixe da base da nosa alimentación…

Os obxectivos principais do traballo na horta foron:

- Sensibilizar o alumnado sobre a educación ambiental como forma de desenvolvemento sustentable.

- Incorporar a educación ambiental ao noso centro.

- Conseguir unha educación integradora e transformadora do medio.

- Implicar o alumnado nasúa propia alimentación.

- Fomentar unha actitude de responsabilidade no coidado do medio.

- Utilizar a horta escolar como recurso didáctico para a aprendizaxe.

- Implicar a comunidade educativa na creación dunha horta escolar e organizar os seus participantes no seu uso.

- Xerar un espazo no que colaboren, directa ou indirectamente, persoal docente, familias e alumnado.

- Aumentar a colaboración entre o alumnado para conseguir un fin común.

 

Recursos empregados

Os recursos empregados foron tanto persoais como materiais. A colaboración do profesorado titor e mestres e mestras de apoio foi vital para a elaboración e preparación da nosa horta.

A inclusión de todo o alumnado era vital para obter os resultados esperados. Por ese motivo, precisamos da axuda de todos os mestres posibles, para poder atender as dúbidas e resolver os problemas que fosen xurdindo.

Hai que destacar tamén a colaboración da persoa encargada do mantemento do centro, xa que foi quen, con axuda do mestre de Educación Física (quen tiña coñecementos de agricultura), preparou os 12 bancais (1 por grupo) para poder cultivar neles.

No tocante ao material, foron precisos os seguintes instrumentos: pas de diversos tamaños, terra/substrato, sementes, regadeiras e angazos.

 

Descrición da actividade

A idea de horta escolar nun centro educativo comezou en 1525 cando se plantou un xardín botánico nunha universidade italiana, xa que é unha gran ferramenta para educar no coidado do medioambiente.

Grazas a isto, o alumnado vive en contacto coa natureza e é o principal responsable do seu coidado.

Esta tamén é unha grande oportunidade para os nenos de poder interactuar con ela, xa que en moitas ocasións a cidade onde viven non conta con áreas verdes que lles permitan medrar e crear coñecementos e aprendizaxes significativas sobre a natureza.

A creación da horta no noso centro este curso escolar non foi unha novidade, xa se viñera facendo con anterioridade. O que si variou foi a súa formulación como tema de traballo curricular e transversal.

Desde o primeiro ano de creación, viuse a horta escolar como unha fonte que lle achega multitude de beneficios ao alumnado participante:

- Desenvolvemento de habilidades motrices. A plantación na horta require remover a terra e utilizar instrumentos como pas, polo que mellorarán as súas habilidades motrices.

- Traballo en equipo. As hortas escolares requiren indicacións do profesorado e coordinación para repartir todas as tarefas. O traballo en equipo será unha habilidade que usarán toda a súa vida e creará, ademais, valores como o respecto ou a igualdade.

- Responsabilidade. Asumiranse responsabilidades individuais e grupais en relación coa horta e isto ensinaralles a importancia de tomar decisións e asumir consecuencias.

- Sustentabilidade. As hortas escolares poden ser unha forma de ensinar a importancia da sustentabilidade.

- Aprendizaxe sobre os alimentos. Son unha forma de aprender as vitaminas que ten cada froita ou verdura, que alimentos son máis sans e facer autocrítica sobre os produtos que consumimos.

Todo comezou co inicio de curso, concretamente en setembro, nunha reunión de todo o claustro de profesorado. Nesa reunión establecéronse os obxectivos que se pretendían acadare os temas que se querían tratar en relación coa horta.

Tras iso, fíxose a súa repartición nos distintos grupos (traballo de plantas medicinais, insectos prexudiciais e beneficiosos que podemos atoparnahorta, calendario de cultivo, alimentación e horta…).

Durante o primeiro trimestre o persoal do centro puxo en marcha a preparación dos bancais de cada grupo para, unha vez listos, facer a elección e compra dos produtos que se plantarían.

No mes de febreiro, o alumnado comezou a facer a plantación dos produtos escollidos (leitugas, porros e ravos).

O centro elaborou un calendario para organizar a sementeira entre os distintos grupos, empezando polos grupos baixos.

Logo da sementeira, cada grupo, en sesión co seu titor ou titora, asistía á horta para facer os coidados precisos (arrincar malas herbas, regar, controlar o crecemento dos cultivos…).

Mentres tanto, nas diferentes aulas, íanse facendo os traballos de investigación paralelos mencionados anteriormente, que pasaron a ser expostos ao finalizar o curso nun vídeo conxunto que se publicou na web do centro.

Estes traballos consistiron no estudo das partes das plantas nos cursos inferiores, así como na realización de pequenas investigacións sobre as plantas aromáticas e/ou medicinais que tiñan na horta.

Estas investigacións fixéronse coa axuda e colaboración das familias e pescudas guiadas de información en diferentes soportes.

Tamén se fixeron pequenas plantacións de sementes nas aulas, en pequenos vasos de iogur, onde se podía observar con maior rapidez (xa que nestas etapas evolutivas é preciso moitas veces utilizar «o inmediato» para non perder a motivación) o proceso que sufrirían as nosas sementes tamén ao seren plantadas na horta.

Coma en todo medio, na nosa horta tamén aparecerían novas especies de animais e observariamos o seu traballo. Por iso, outros grupos realizaron un traballo de investigación sobre animais polinizadores e o seu importante labor.

Nos cursos máis altos, traballouse a alimentación vista desde a horta, fíxose investigación a partir dos seus hábitos alimentarios, o estudo de alimentos transxénicos e os beneficios de «saber o que comemos».

Deste xeito, puidemos traballar moitos contidos transversais partindo dunha realidade observable: a nosa horta.

Ademais, ao longo do mes de xuño, fóronse recollendo os diferentes produtos cultivados, que cada alumno e alumna levou á súa casa onde poderían degustalos. Deste xeito aumentamos a implicación e motivación do alumnado ao poder compartir as súas «producións» no seu contorno máis próximo.

 

Conclusión e avaliación

As hortas escolares son unha realidade cada día máis estendida en moitos centros educativos. Nos últimos anos, moitos centros decidiron elaborar innovadores proxectos baseados nas hortas escolares.

As hortas escolares son unha potente ferramenta educativa, así como os contidos que nel se traballan. Foi de grande importancia neste curso como punto distinto incorporalo ás prácticas pedagóxicas e didácticas, así como relacionalo co proxecto do centro.

Haberá que dar instrucións moi claras antes de traballar na horta para que cada alumno saiba o que ten que facer e cal é o seu cometido.Tamén se deberán traballar de forma transversal na aula os contidos formulados do proxecto de centro.

No tocante á avaliación, os resultados obtidos foron moi positivos.

Enviáronse algunhas enquisas ás familias e ao alumnado nas que compartiron coñecementos adquiridos e fixeron unha valoración global do proxecto, no cal podemos diferenciar dous tipos de avaliación. Por unha banda, a referida ao alumnado participante e, por outra, a propia avaliación do proxecto.

A primeira realizárona os mestres a través da observación directa, coa que podemos avaliar o alumnado en cada unha das actividades que se desenvolven (trátase dunha avaliación conceptual, procedemental e actitudinal). Esta avaliación realizarase mediante a observación directa e a entrega-exposición dos traballos de investigación que realizasen na aula/casa.

En relación coa avaliación do propio proxecto, tivemos en conta os tres axentes: alumnos, mestres e familias. Para isto e para ter en conta todas as opinión e as propostas de mellora que se realicen, enviáronse as enquisas nomeadas anteriormente.

Para rematar, hai que dicir que o feito de establecer relación con outros contidos curriculares fai da horta escolar o mellor elemento para adquirir aprendizaxes transversais e que, de ser posible, todos os centros que conten cos recursos precisos deberían probalo.

 

 

Sección: