Fía, fía, fía na roca. A música galega na educación musical (II)

Unha experiencia educativa baseada nas TIC e no folclore galego
Este artigo aborda o xeito en que xurdiron os materiais do proxecto de formación musical Fía na roca (II). Nel, partindo dos instrumentos escolares, con ou sen voz e movemento engadidos, desenvolvéronse unha serie de unidades didácticas integradas dirixidas ao alumnado de sexto de educación primaria, partindo do folclore galego (ordenado por ciclos anuais) e empregando as TIC. Deste xeito, deuse continuidade ao mesmo proxecto, xa desenvolvido con anterioridade para o quinto curso.

Juan Casado Pérez, mestre especialista en Educación Musical
CEIP Sada e os seus Contornos (Sada - A Coruña)
Javier Jurado Luque, Catedrático de Historia da Música
Conservatorio Superior de Música de Vigo

 

A práctica musical, sexa coa voz, cos instrumentos ou co corpo, é un dos apartados máis salientables da educación musical escolar. A través dela, o alumnado aproxímase ao fenómeno musical de xeito ameno e integrado, polo que non é de estrañar que, en si mesma, esta práctica constitúa un bloque de contidos completo ou ben unha parte do de interpretación, nos diferentes currículos que, ao longo dos anos, se veñen sucedendo.

Por outra banda, o afastamento gradual do medio rural de gran parte dos nenos e nenas galegos supón unha forte perda dos sinais de identidade e do coñecemento da súa música patrimonial e doutras manifestacións folclóricas, así como do xeito de organización das tarefas agrícolas no calendario (coa conseguinte comprensión do actual cristianizado). 

O alumnado desenvólvese nun mundo eminentemente dixital, no que as tecnoloxías da información e da comunicación deben ser empregadas como ferramentas de aprendizaxe. Xunto a elas, os programas informáticos posibilitan desenvolver tarefas de práctica musical e de creación de obxectos dixitais educativos (ODE) como apoio ás actividades de práctica instrumental. 

Obxectivos

1. Desenvolver unha serie de unidades didácticas integradas (UDI) sobre unha metodoloxía en proxectos (AOP) para cubrir o ensino de Música no sexto curso de educación primaria.
2. Proporcionarlle ao profesorado deste nivel ideas, materiais, UDI, actividades... que poidan desenvolver, en todo ou en parte, neste ou noutros cursos, sen ter que empregar materiais comerciais. 
3. Establecer unha continuidade co proxecto homónimo desenvolvido para quinto de educación primaria nunha licenza anterior, coa idea de cubrir a maior cantidade de cursos posibles nun futuro.
4. Proporcionarlle un modelo sinxelo ao profesorado, no que a través da integración das tecnoloxías, práctica instrumental e folclore galego poidan ampliar a súa metodoloxía cara ao ensino cos seus discentes. 

 

Descrición da actividade

Fía, fía, fía na roca. A música galega na Educación Musical engloba unha serie de unidades didácticas creadas durante unha licenza de formación nos cursos 2015/16 (quinto de educación primaria) e 2018/19 (sexto de educación primaria). Tratábase de artellar unha serie de seis unidades didácticas, integrando os elementos curriculares da materia de Música, pertencente a área de Educación Artística para a educación primaria, con outras áreas diferentes, todo arredor da práctica instrumental co grupo escolar Orff e seguindo como calendario o dos ciclos anuais. 

As distintas UDI organizáronse de xeito que incidían paralelamente en elementos da cultura galega (grupos, solistas, escritores...), así como en contornas e ferramentas, outorgándolles certo carácter etnolóxico e antropolóxico que incidía nos contidos dalgunhas das áreas implicadas.

Para a práctica instrumental creáronse arranxos de melodías tradicionais recollidas na tradición ou en diferentes cancioneiros. Para facilitar poder montar as pezas nas clases, creáronse arquivos de mp3 cunha sonoridade real, susceptibles de ser descargados da web de Abalar. Deste xeito, serían descargados polo profesorado previamente ás sesións (para reproducir na aula e axudar o alumnado na interpretación), entender como soaría o conxunto instrumental escolar completo no arranxo ou partindo de diferentes combinacións, ou ben substituír algúns instrumentos pola súa gravación (especialmente útil nos CRA ou en centros con pouco alumnado).

En cada unha das UDI desenvolvidas preséntase:

  • Identificación, dividida en título, curso e etapa, áreas implicadas, centro de interese e proxecto, descrición, xustificación e contexto.
  • Concreción curricular (por áreas), con obxectivos, contidos, criterios de avaliación, estándares de aprendizaxe e competencias clave.
  • Elementos transversais.
  • Tarefas, distribuídas por sesións e, en cada unha delas, as actividades, exercicios e observacións precisas para realizalas.
  • Transposición didáctica partindo de cada actividade, de xeito que se relaciona co modelo de pensamento e o modelo de ensino-aprendizaxe preciso para facela, as intelixencias múltiples implicadas, os tipos de agrupamento, recursos didácticos que se van empregar e a temporización aproximada en minutos. 
  • Avaliación, incluído cada criterio e estándar relacionado, procedementos e instrumentos de avaliación, competencias avaliadas por cada CA/EA e os aspectos que se observarán para a avaliación.
  • Rúbrica, partindo dos criterios e estándares anteditos, secuenciando en catro indicadores de nivel e engadindo as competencias relacionadas. Evitouse engadir unha porcentaxe de avaliación (criterio de cualificación) a cada estándar e aos seus indicadores ao considerar que debía depender da consideración do profesorado que o aplique. 
  • Participación das familias e da comunidade escolar, engadindo os medios para a divulgación social da tarefa e a colaboración de recursos externos e da comunidade escolar.
  • Materiais para o desenvolvemento das sesións (versión en liña) en forma de arquivos mp3, láminas, PDF etc.  
  • Carpetas cos audios e as partituras dos arranxos empregados. 

A distribución das unidades foi a seguinte. Comeza o curso con «Hei d'ir á túa seitura», que versa sobre os cantos de labor propios do verán e os de arrieiro, e que serve, ademais, de avaliación diagnóstica. As obras a interpretar son o canto de arrieiro «Arrieiros non son homes» e «Canta a rula»

Na segunda UDI do curso, «Samaín non é Halloween», o alumnado tocará coa orquestra escolar e a frauta; ademais, recollerá na contorna contos, lendas e canción narrativas, relacionadas co ciclo de Santos. As pezas interpretadas serán dous romances: «Estando la blanca niña» (en castelán) e «Estando na miña porta», a través das que se incidirá na igualdade efectiva entre homes e mulleres.

A UDI «A Belén camiña» incide no ciclo de Nadal e remata coa realización dun festival no que o grupo-clase interpretará unha panxoliña galega, o «Nadal de Luintra», ademais dunha das pezas aprendidas no trimestre.

«Eses dous que andan no baile» forma parte do proxecto de danzas do mundo que se levará a cabo no centro co gallo do Día Escolar pola non Violencia e a Paz, o 30 de xaneiro. Aprenderán unha serie de danzas do estado español para bailar, como a danza galega «O galandún», a vasca «Zazpi jauzi» e a catalá «El ball de la castanya»; esta última, ademais de bailala, tocarana co instrumental escolar.

A quinta UDI, «En Galicia, en galego», incide na música popular urbana e tamén en relación cos maios e co Día das Letras Galegas. As pezas que se interpretarán serán «O son do ar» do grupo folk Luar na Lubre e o «Negra Sombra» de Rosalía sobre a música de Xoán Montes.

Finalmente, a sexta UDI, «O Camiño de Santiago», presenta actividades sobre os coros galegos. Nela farán unha saída didáctica a Santiago para ver o Pórtico da Gloria e os seus instrumentos, e rematarán facendo unha exposición relacionada co aprendido. A peza que interpretarán será a «Marcha das chirimías» da catedral de Santiago de Compostela. 

 

Recursos técnicos empregados

Para a realización dos ODE procurouse lograr a mellor sonoridade (e «realidade sonora») posible.

Conforme isto empregáronse as seguintes aplicacións informáticas:

  • Os arranxos Orff foron elaborados con Sibelius Ultimate, excepto a peza «O son do ar», para a que se empregou Finale. Con eles, logrouse crear a partitura orquestral completa (para uso docente no momento de dirixir o grupo-clase durante a interpretación, ou ben para unha explicación colectiva da interpretación da peza proxectándoa no EDI), da cal se extraeron posteriormente as distintas particellas, para seren empregadas por cada discente en caso de precisalo. Hai que ter en conta que, malia resultar máis doado empregar a interpretación memorística (debido ao emprego de ostinati á hora da construción dos arranxos), é perfectamente posible atopar na aula alumnado que requira de explicacións ou recursos de ampliación (por estudar música en conservatorio, escolas de música etc.).
  • Unha vez elaborado o arranxo Orff no editor de partituras, precisouse dotalo dunha sonoridade orquestral, na medida do posible, realista. Para isto empregamos o DAW Steinberg Cubase, xunto con multitude de librerías orquestrais e étnicas, entre as que cómpre destacar:
  • Vienna Symphonic Library
  • 8dio 
  • Orchestral Tools 
  • Best Service e, mais en concreto, dúas elaboradas por Eduardo Tarilonte, que foron as que nos brindaron as sonoridades máis tradicionais:
  • Celtic Era 
  • Era II Medieval Legends 
  • De cara á produción final, a cal inclúe tanto procesos de mestura (mixing) como de mástering, tívose en conta que este tipo de recursos debían servir fundamentalmente como apoio á docencia, evitando a tentación de empregalos para escoita persoal. Debido a iso, foi necesario ter en conta os seguintes aspectos:
  • A situación espacial dos instrumentos non debe estar condicionada pola situación real da orquestra. A razón disto é sinxela: a maioría destas librerías empregan múltiples micrófonos para a gravación das distintas mostras de son (samples), de forma que os distintos sinais recollidos xa sitúan os instrumentos no seu lugar correspondente no escenario. A problemática derivada, á hora de elaborar arranxos escolares, é que a maioría dos instrumentos que precisamos son de percusión (tanto de altura determinada como indeterminada e que veñen procesados para estar case sempre ao fondo da sala de concerto, en relación co director). Á hora de facer unha mestura realista, o inconveniente habitual é o de seleccionar correctamente os micrófonos empregados, de forma que non haxa máis reverb que a necesaria (a máis distancia desde o director ou público na sala, máis reverb se produce e menos son directo é recollido). Debido a isto, fíxose unha coidadosa selección dos micrófonos dispoñibles en cada librería, na procura dunha sonoridade o máis próxima posible a cada instrumento, con vistas sempre a favorecer a didáctica da aula. 
  • Tratouse de minimizar todo o posible o emprego de plugins que afectasen en demasía ao son dos instrumentos (ecualización, reverb e compresores, entre outros), coa intención de favorecer esta finalidade didáctica (os instrumentos debían escoitarse por igual, distinguíndose os planos sonoros, pero non necesariamente buscando unha mestura «de concerto»). Isto orixinou, inevitablemente, algúns problemas á hora da ecualización, debido a que moitos instrumentos coincidían en frecuencia, timbre e intensidade de ataque simultaneamente. Nestes casos, acudimos a unha lixeira EQ dinámica para tratar de resolvelo na medida do posible.
  • Con vistas a favorecer unha posible interpretación «sinfónica» (en contraste coa sonoridade tradicional propia destas pezas), elaboráronse con posterioridade algunhas versións nas que o alumnado puidese tocar por riba dos instrumentos que fornecen a familia orquestral cos instrumentos escolares. Con isto tratouse, ademais, de fomentar a motivación no alumnado, de maneira que fose capaz de interpretar unha peza sobre unha orquestra sinfónica virtual na propia aula (ou, se dispón do mp3 facilitado polo seu profesorado, na casa). Para crear estes recursos foron precisas as librerías VSL e de Orchestral Tools citadas.

 

Metodoloxía

Distínguese a metodoloxía empregada polo grupo de traballo constituído polos autores da empregada na aula co alumnado.

En relación co primeiro, partiuse da división do traballo, de xeito que a elaboración dos materiais curriculares e o deseño das actividades correu a cargo de Javier Jurado, mentres que a elaboración de arranxos Orff (agás o de «O son do ar», de Jurado), a edición de partituras e a preparación e produción dos ODE correu a cargo de Juan Casado. Acordouse un horario de traballo diario conxunto, con vistas a intercambiar información no momento en que algún o pedise, avisando previamente por mensaxería interna para acordar horario de videoconferencia. En canto aos criterios de selección de pezas, unha vez planeadas as UDI e a súa distribución ao longo do curso, coordinouse o repertorio que se ía traballar, partindo de diferentes propostas, das que se tivo en conta a idoneidade harmónica e temática, así como a sonoridade. 

En relación coa metodoloxía formulada para o alumnado, considerouse empregar unidades didácticas integradas, traballo en proxectos e avaliación por rúbricas, sobre metodoloxías activas baseadas na práctica vocal, instrumental e corporal. Considerouse a motivación intrínseca e extrínseca do alumnado, a través dos logros que suporía a montaxe das diversas pezas e das situacións de exposición á hora de interpretalas diante do resto do centro e na difusión a través das canles do colexio e da ANPA.

 

Avaliación

A autoavaliación do proxecto non puido ser máis positiva, xa que a compenetración entre ambos os autores (cunha repartición de tarefas axeitada á preparación de cada un e unha comunicación fluída) foi total, o que optimizou o resultado do traballo. 

Convén ter presente que este proxecto é continuación do homónimo que, formulado para quinto de educación primaria, se desenvolveu durante unha licenza de formación 2015/16. Esa primeira experiencia axudou a concretar e delimitar, de xeito máis real, as UDI do curso; así, as nove UDI creadas para quinto foron reducidas a seis, o que permitiu unha distribución máis real dos contidos nun curso académico. Independentemente diso, considerouse que o profesorado que programe para quinto e queira empregar os materiais poderá escoller as cinco ou seis unidades que desexe impartir nas súas programacións, polo que a súa utilidade é indiscutible. 

Non foi posible unha aplicación posterior das UDI no sexto curso por mor da pandemia da covid-19 e as conseguintes medidas de seguridade sanitaria que afectaron á materia de Música: perda momentánea do espazo específico onde se desenvolve a sesión para ser ocupada por desdobres doutras materias, prohibición de tocar instrumentos de percusión debido ao contacto físico con eles e coas baquetas, non emprego de frauta doce pola emisión de micropartículas, máscara que dificultou ou imposibilitou o canto etc. Por iso, a avaliación dos autores non partiu da posta en práctica do traballo desenvolvido na aula senón das opinións de docentes próximos que, ás veces, non impartían nin sequera este nivel educativo. Ademais, as valoracións recollidas no espazo da Aula Abalar da Consellería foron escasas, malia todas elas seren excelentes.

Por iso, considerouse estender a este curso as valoracións obtidas cos materiais elaborados na anterior licenza de formación que, tanto por parte dun dos autores ao levala á súa aula como pola doutros docentes, resultou ser idónea (agás o xa comentado exceso de materiais). Porén, nalgúns arranxos a dificultade puido ser excesiva para o nivel, polo que ocupaba demasiado tempo na súa montaxe, facéndoos idóneos tan só para festivais de fin de trimestre ou similar; en todo caso, a recepción por parte dos nenos e nenas foi sempre moi boa. 

 

Conclusións

O traballo integrado entre áreas, partindo do emprego das novas tecnoloxías e baixo o paraugas da práctica instrumental (tan motivadora para o noso alumnado), posibilita un gran número de aprendizaxes (musicais, educativas, motrices, interdisciplinarias...) que deben ser tidas en conta. 

O proxecto Fía, fía, fía na roca. A música galega na Educación Musical, nas súas edicións para quinto e sexto de educación primaria, demostrou abondo a súa utilidade. Só falta que poida estenderse cara a outros cursos, non só da educación primaria, senón da ESO, a través das pertinentes licenzas de formación. 

 

 

Bibliografía: 

 

 

Jurado Luque, Javier (2018). Volumen práctico de Educación Musical. Sevilla: MAD.

Martínez Torner, Eduardo e Xesús Bal e Gay (1973). Cancionero gallego. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza.

Sampedro e Folgar, Casto (1982). Cancioneiro musical de Galicia. A Coruña: Fundación Barrié de la Maza.

URL do recurso