Nós tamén creamos desde o CEE Santa María

Moitas veces é preciso atopar proxectos que nos permitan dicir que nós tamén estamos aquí, temos voz e creamos. Pero sempre é preciso recordar que necesitamos recursos adaptados ás nosas idades e ás nosas necesidades. Con este proxecto pretendemos dar resposta a esta necesidade, que non soamente é nosa, senón de todos os centros educativos.

Ángela Paradela Méndez
Pedagoxía terapéutica en atención preferente a alumnado TEA
CEE Santa María (Lugo)
paradela@edu.xunta.es

 

 

Contextualización

Á hora de traballar co alumnado do noso centro, atopámonos fundamentalmente con dous problemas: o pouco material existente para o seu nivel curricular non é motivador para eles e está enfocado a discentes de menor idade, polo que os centros de interese son moi diferentes; e de atopar algún material, moi escaso, tanto de editoriais como elaborado por outros docentes, así como os programas e sistemas de uso cotiá para o alumnado que precisa sistemas alternativos de comunicación, está en castelán, polo que limitamos enormemente o noso alumnado e non lle permitiriamos aprender e expresarse na súa lingua.

Por outra banda, as características do noso alumnado implican que precisen dunha metodoloxía na que se priorice a vivencia, a ser posible en situacións reais, así como a manipulación, para poder acadar os obxectivos e afianzar os contidos, xa que é a forma na que eles adquiren os coñecementos.

Tendo en conta estes aspectos, acordamos que como docentes debiamos buscar a forma de garantirlles aos nosos discentes que puidesen alcanzar as competencias básicas, así como os contidos curriculares, partindo dun centro de interese motivador, adecuado ás súas características e necesidades e que nos permitise vivenciar as diferentes tarefas, á vez que utilizar o galego como lingua vehicular.

Partindo do Plan Proxecta Nós tamén creamos e usando o libro de Paco Papán como eixe para o noso proxecto, tecemos una rede de actividades nas que procuramos integrar contidos de todas as materias, á vez que incluímos todos os departamentos e o resto de proxectos do centro. Este proxecto foi iniciado no curso 2019/20, pero, dado o estado de alarma debido á covid-19, tivemos que pospoñelo a este novo curso.

Deste xeito, atopámonos con actividades moi diversas que promoven o uso tanto oral como escrito da lingua galega, sendo tanto o vehículo como o obxectivo principal da nosa proposta.

 

Obxectivos

Para o alumnado

  • Demostrar a validez da lingua como instrumento de cultura e vehículo privilexiado de comunicación.
  • Valorar e potenciar o coñecemento da cultura tradicional galega e local.
  • Ler contos ilustrados en lingua galega e adaptalos a linguaxes visuais e aos SAAC (Sistemas Aumentativos y Alternativos de Comunicación)
  • Adquirir competencias nas TIC coa finalidade de realizar curtas de animación.
  • Crear curtametraxes adaptadas ás necesidades do alumnado, fomentando o uso da linga galega na linguaxe oral, na escrita e nos SAAC.

Para o centro

  • Utilizar a lingua galega como lingua de comunicación no centro e como medio de divulgación ao contorno.

Para o profesorado

  • Clarificar o papel do idioma como sinal de identidade individual e colectiva.
  • Priorizar as actividades dirixidas a fomentar a utilización do galego e a expresión, a afectividade e a utilidade, reforzando a súa dimensión comunicativa e instrumental en relación con contextos vivos e dándolle un protagonismo central á oralidade.
  • Colaborar co profesorado que imparte a súa materia en lingua galega, intentando adquirir, na medida do posible, material en galego nas distintas áreas.

Para o contorno

  • Promover a participación do alumnado, profesorado, persoal non docente e familias en actividades onde se empregue a lingua galega, así como tamén actividades que promovan un mellor coñecemento da realidade e da cultura galegas.

 

Recursos empregados

Neste proxecto estamos implicados un equipo de sete mestres que tamén forman parte do equipo de dinamización de lingua galega do centro. Sen a coordinación e o entusiasmo por parte destes docentes non sería posible levalo a cabo. Este grupo recibiu formación a cargo do Plan Proxecta e de Política Lingüística sobre a creación de curtametraxes e a animación, o que nos permitiu ter un bo comezo.

Nas actividades do Plan Proxecta participan os alumnos de Programas Formativos e das aulas 9, 8, 6, 5, 14 e 15 do centro, de idades entre 10 e 21 anos, pero cun nivel de competencia curricular moi diverso. Son un total de 30 alumnos.

No resto de actividades relacionadas co proxecto participa a totalidade do alumnado, con actividades e tarefas adecuadas a cada nivel e ás súas necesidades. Son un total de 58 alumnos.

Este proxecto fai partícipe a toda a comunidade escolar. O resto do alumnado coñecerá e participará nalgunhas das actividades deseñadas, como saídas, representacións, comunicacións etc. Buscaremos en todo momento que toda a comunidade educativa coñeza o proxecto e queira participar nel. Todos os membros (mestres, alumnado, coidadores, fisioterapeuta, conserxe etc.) coñecerán o proxecto e participarán naquelas actividades que eles consideren de interese. As familias participan nas actividades para elas. Foméntase entre elas o acceso aos blogs de dinamización da lingua galega, biblioteca e o concreto do proxecto Nós tamén creamos. Participan en actividades como a recollida de refráns, a creación de álbums de lingua galega dos paseos pola contorna de Paco Papán, saídas relacionadas co proxecto... Trátase dun proxecto de todo o centro e ao que terá acceso todo o centro, inculcando a necesidade de fomentar o uso do galego no noso centro e nos sistemas de comunicación que se utilizan co noso alumnado e cos seus fillos.

Para desenvolver este proxecto común utilizamos os seguintes recursos materiais:

- Materiais informáticos: contamos con ordenadores, impresoras, plastificadoras, encadernacións, blog e páxina web do centro, trípticos e programas informáticos como Arassac, Niki Talk, Movie Maker, Stop Motion...

- Materiais audiovisuais: cámara web do centro, trípodes, pantallas de proxección, lámpadas de iluminación, reflectores, micrófonos, gravadoras...

- Materiais didácticos: contos, editoriais, sistemas de comunicación, programas informáticos...

- Materiais funxibles: todo tipo de material de papelería. Fomentaremos o uso de materiais reciclados.

 

Descrición da actividade

1. Formación do profesorado en relación co Plan Proxecta Nós tamén creamos e comezos do proxecto.

Reunións do equipo de mestres

 

2. Lectura e selección do libro co que traballar. Comezamos coa lectura dos libros propostos pola editorial e, coincidindo co Día da Constitución, fixemos as nosas propias eleccións para seleccionar o libro sobre o que facer a curtametraxe: gañou Paco Papán.

3. Comezamos a traballar sobre o conto. Lecturas, interpretacións e creación de posibles personaxes para determinar cal ía ser o noso Paco Papán. Seleccionamos entre todo o alumnado quen ía ser o personaxe principal.

Creación de personaxes

Personaxe

 

4. Relación do noso proxecto con outros proxectos, actividades e conmemoracións do centro. Desde o comezo da creación da curtametraxe fomos relacionando a Paco e o seu conto con todas as actividades do centro. Así, realizamos creacións de taumatropos e xogos ópticos co proxecto do calendario Estiño. Tamén fixemos unha presentación do noso proxecto para as familias no Nadal. No Entroido recreamos as distintas profesións do conto e un musical sobre este. O 8M Paco tamén participou das actividades e tarefas levadas a cabo no centro. Debido á pandemia, chegou a confinamento nas casas, pero Paco non deixou o seu protagonismo: participou nas Letras Galegas, recreou tarefas adaptadas para todo o alumnado do centro nos SAAC, no Día do Autismo e incluso na explicación ao alumnado do coronavirus e do uso das máscaras.

Festa do Entroido

 

5. Creación dos escenarios da curtametraxe. Nas aulas de participación creamos os escenarios que iamos presentar na curtametraxe, cos que fixemos unha exposición na entrada do centro.

Creación de escenarios

 

6. Fixemos os story boards para comezar a gravar a curtametraxe, así como as nosas primeiras fotografías con luz dura, luz branda e xogando coas sombras.

E comezamos a gravar os audios, a facer fotos, a colocar escenarios… Todas estas actividades, xunto co conto, vídeos e unha recompilación do proxecto, quedaron recollidas nun blog na páxina do centro:

Pero a situación que vivimos impediu que continuásemos co proxecto no centro, así que fixemos gravacións desde a casa e distintas tarefas, tendo presente as dificultades e inconvenientes que todo isto supuxo para o noso alumnado, que tivo que facer un esforzo enorme e practicamente sen axuda.

Non obstante, comezamos un curso novo e con el gravacións a todo correr para chegar aos prazos establecidos. Por fin, conseguimos facer a curta e con axuda do alumnado as posibles adaptacións aos SAAC necesarios no noso centro.

7. Adaptación do conto e das tarefas aos sistemas alternativos de comunicación dos SAAC do noso centro. Coa axuda do alumnado e dos intérpretes de lingua de signos do centro, representamos o conto en pictogramas e en lingua de signos. Coñecemos como se identifican as distintas profesións do conto e puxémoslle un signo propio a cada personaxe.

 

Metodoloxía

A metodoloxía utilizada é por proxectos, a cal nos permite facer grupos de alumnado diversos sen necesidade de facer diferenzas nas súas características e necesidades. Todos poden ser partícipes e sentirse útiles, que é a finalidade última que buscamos no noso centro. Os talleres de xornalismo, de saída, de cociña, de creación de contos, de obras teatrais, de receitas, de investigación, sensoriais... permítennos involucrar a todo o alumnado, sen discriminar a ninguén. Ao mesmo tempo, son actividades ás que lles poden dar continuidade na casa, no internado, nas asociacións como Raiolas e cos coidadores do centro e todos os membros da comunidade educativa. A través desta metodoloxía séntense útiles e obteñen un produto real do seu traballo, que ao mesmo tempo lles permite a aprendizaxe e acadar os obxectivos establecidos nas súas adaptacións curriculares.

 

Avaliación e conclusións

Con este proxecto conseguimos:

1. Participación activa do alumnado na realización do proxecto, na toma de decisións e na realización do produto final. Cómpre visibilizar claramente o traballo do alumnado a través de evidencias gráficas (a través de webs, blogs...) ou documentais.

2. Implicación da comunidade educativa (profesorado, familias e institucións do contorno) e creación entre todos dunha rede de traballo cooperativo.

3. Interdisciplinariedade do proxecto (desde distintas disciplinas ou materias) e transferibilidade.

4. Calidade lingüística, expresividade e interpretación na curta ou curtas realizadas.

5. Orixinalidade, creatividade e innovación da curta ou curtas realizadas.

6. Implementación do uso do galego como lingua oral no centro e na comunidade educativa.

7. Utilización de sistemas alternativos de comunicación no noso idioma e toma de conciencia das asociacións e das familias da necesidade destes sistemas de comunicación na lingua galega.

Aínda así, o noso traballo viuse truncado e foi difícil de avaliar pola situación sociosanitaria. Con todo, estamos moi orgullosos do noso alumnado e do seu traballo, xa que se adaptou en todo momento a esta nova situación. E malia a nosa curtametraxe non ser premiada, nós sentímonos gañadores, tanto polo traballo da comunidade educativa como polo grande esforzo e traballo do noso alumnado. Por iso neste curso quixemos continuar nesta liña de traballo presentando un proxecto novo que titulamos Nós tamén nos comunicamos.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Lanterna Magica: A Pageant of Illusions. National Film and Sound of Australia. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=w1XkqtzLfKo.

Taumatropo. Editorial OQO (OQO filmes-galego). Recuperado de: https://vimeo.com/247188087.

Phenaquistiscopio. Editorial OQO (OQO Filmes-galego). Recuperado de: https://vimeo.com/247188761.

Zoótropo. Editorial OQO (OQO Filmes-galego). Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=4lOaVBSM5DM&list=PLsLgdronVxfpQjOYfLjBsWJe7PXs81Ed1&index=5.

Flip-book. Editorial OQO (OQO Filmes-galego). Recuperado de: https://vimeo.com/247782692.

Praxinoscopio. Editorial OQO (OQO Filmes -galego). Recuperado de: https://vimeo.com/247189604.

CEIP A Xunqueira (2019). A mellor sopa do mundo. OQO Filmes-galego. Recuperado de: https://youtu.be/J6FTeX-QGBU.

Animación con recortes (2017). OQO Filmes-galego. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=c83a8LEXkgs&index=9&list=PLsLgdronVxfpQjOYfLjBsWJe7PXs81Ed1.

E que podo facer eu? (2017). Editorial OQO (OQO Filmes-galego). Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=yG2Ilv9XYP8&list=PLsLgdronVxfpfhqovfi4T_gWHyBcDeDj_&index=13&t=0s.

Gran plano xeral (2018). OQO Filmes-galego. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=9u1JoDCYVxc&list=PLsLgdronVxf.

Plano medio (2018). OQO Filmes-galego. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=OGJb55UOJGQ&index=19&list=P.

Primeiro plano (2018). OQO Filmes-galego. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=8AvTtm-piH0&list=PLsLgdronVxfpQjOYfLjBsWJe7PXs81Ed1&index=22.

Rubén Bernabeu (2013). Cómo hacer un esqueleto de alambre. Recuperado de: http://www.youtube.com/watch?v=tOlNlgIK_PE

 

Sección: