Axencia de detectives da paz: misión convivencia pacífica

Proposta de gamificación da conmemoración do Día Escolar da Non-violencia e da Paz (DENIP), desenvolvendo a solidariedade e a empatía a través da aprendizaxe vicaria coa creación dunha axencia de detectives da paz nas etapas de educación infantil e educación primaria.

Alba Amor Fernández
Mestra de educación primaria e Inglés no CPI O Cruce (Cerceda - A Coruña)
alba.amor.fernandez@edu.xunta.gal

 

Contextualización

O CPI Plurilingüe O Cruce é un centro de educación infantil, primaria e secundaria (obrigatoria) de titularidade pública –pertence á Consellería de Cultura, Educación e Universidade –.

A presente experiencia realizouse con todos os grupos de todos os niveis das etapas de educación infantil e educación primaria (13 grupos), todos eles grupos nos que era mestra de Arts & Crafts (Plástica en Inglés), polo que decidín crear un proxecto que os vinculase a todos a pesar das grandes diferenzas de idade entre o alumnado máis novo e o maior.

É salientable, e considero necesario destacar, que estes grupos traballaban sistematicamente aspectos relacionados coa educación na empatía na área de Educación Artística, o que estou convencida de que facilitou en gran medida a realización desta experiencia educativa.

 

Introdución

Da necesidade de dotar de significatividade a conmemoración do Día Escolar Non-violencia e da Paz (DENIP), así como de promover a educación en empatía como un proceso no que o alumnado debe ter un papel activo, xorde esta proposta nas etapas de educación infantil e educación primaria.

Trátase dunha proposta de aprendizaxe vicaria e gamificación, na cal se involucrou a toda a comunidade educativa partindo dunha premisa inicial: todas as persoas pertencentes á comunidade educativa son posibles docentes e aprendices ao mesmo tempo, todas e todos aprendemos, como seres sociais que somos, das persoas coas que convivimos.

 

Obxectivos

O principal obxectivo desta experiencia é que o alumnado identifique condutas positivas para a convivencia no centro educativo e que extrapole ese tipo de condutas á vida familiar e en sociedade.

As metas, máis en concreto, son as seguintes:

  • Transmitir e fomentar a educación en valores: empatía, respecto (polos demais e polo medio), convivencia, sentido crítico, solidariedade e inclusión.
  • Identificar condutas positivas para a convivencia pacífica no centro educativo.
  • Fomentar condutas de convivencia escolar positivas.
  • Promover a aprendizaxe vicaria entre as diferentes persoas da comunidade educativa.
  • Empregar metodoloxías activas: gamificación.
  • Desenvolver a creatividade e a imaxinación a través do xogo.
  • Vincular o currículo coa realidade, empregando actividades transversais e vencellando as datas conmemorativas coa súa contorna.

 

Descrición da actividade

A experiencia consistiu na creación dunha axencia de detectives da paz e desenvolveuse durante un mes. No centro educativo apareceron uns carteis, unhas lupas moi especiais e unha caixa de correo... cos que se convidaba o alumnado de educación infantil e primaria a formar parte da axencia e dunha importante misión que consistía en observar, coa discreción dun detective, as persoas que conforman a comunidade educativa (docentes, alumnado, persoal de administración, persoal de limpeza, persoal de comedor e transporte escolar etc.) para poder conseguir a licenza oficial de detective da paz.

En ocasións, conceptos como a paz son demasiado abstractos para o alumnado de educación infantil e primaria. É por isto que esta dinámica parte da súa realidade, da súa contorna e pretende que elas e eles sexan protagonistas do seu proceso de aprendizaxe analizando as condutas que observan na súa comunidade de xeito crítico.

 

Idea xeral

O alumnado de EI e EP, de xeito voluntario, converterase nos tempos non lectivos en detectives da paz. Coa axuda da súa lupa, analizarán condutas positivas para a convivencia e rexistraranas nunhas follas que atoparán nun panel creado para a misión. Nas follas escribirán o nome do detective, a súa clase e a conduta observada; a continuación, introducirán a conduta na caixa de correo creada para a misión.

As condutas positivas máis destacables irán aparecendo nun panel anexo.

 

Temporización

Semana do 13 ao 17 de xaneiro: fase de sorpresa e motivación

Durante esta semana, aparecen nas aulas uns carteis misteriosos sobre unha axencia de detectives da paz, que solicita colaboradores para unha misión moi importante.

Nesta fase foi fundamental a coordinación cos titores e titoras para facelos partícipes do proxecto e que se asegurasen de motivar o alumnado da súa titoría e de fomentar a súa curiosidade amosándose eles mesmos abraiados pola aparición dos carteis.

O alumnado, en xeral, amosou unha gran curiosidade xa que os carteis apareceran, ademais de na súa aula, noutros lugares do centro…

 

Semana do 20 ao 24 de xaneiro: fase de misión e de aprendizaxe vicaria da empatía e doutros valores como a solidariedade

A semana seguinte, despois da aparición dos carteis, apareceron en cada aula unhas lupas cun símbolo moi particular, o símbolo da paz. Con elas chegaba a información sobre a misión da que o alumnado voluntariamente podía formar parte.

Esta misión consistía en observar sixilosamente as persoas que forman parte da comunidade educativa e investigar as súas condutas positivas para a convivencia. Coa axuda das titoras de cada grupo, o alumnado ten un debate sobre que condutas son positivas para a convivencia e cales non o son.

Parte da misión era rexistrar esas condutas coa axuda dunhas follas de rexistro que introducirían na caixa de correo que apareceu na entrada do centro educativo (o alumnado de educación infantil contáballes ás súas titoras as condutas observadas e elas escribían as follas de rexistro).

Algunhas das rexistradas dicían o seguinte:

«Un neno ía correndo e bateu con outro, pediulle perdón e axudoulle a levantarse, o outro deulle as grazas».

«Vin unha nena preguntándolle a un neno que estaba chorando que lle pasaba».

«Tres nenas abrazáronse».

«Dúas nenas de 5.º viron unha nena de 3.º soa e foron a falar con ela».

«Un neno de 6.º cortoulle a comida a unha nena de 2.º».

 

Semana do 27 ao 31 de xaneiro: fase final de entrega de carnés de detectives e recoñecemento oficial da súa misión

Durante esta semana apareceu un panel na entrada do centro, ao lado da caixa de correo, coas condutas positivas rexistradas, o cal xerou un importante impacto non só nos detectives, que estaban moi orgullosos da súa función na misión, senón tamén no resto da comunidade educativa, que viu reflectidas as súas condutas positivas publicamente.

 

 

Ese panel foi un grande elemento de aprendizaxe vicaria (ademais da observación da conduta das persoas que forman parte da comunidade educativa) xa que, se nos fixamos nas condutas dos demais e somos quen de identificar as que son positivas e desexables de replicar, é posible que as repliquemos nós mesmos.

Por outra banda, realizamos un acto oficial de entrega de carnés oficiais aos detectives que colaboraron na misión de detectar condutas positivas: nese acto oficial, lemos un manifesto, visionamos un vídeo sobre as diferentes fases da misión e entregámoslles os carnés aos participantes, recoñecendo publicamente a importancia de ser quen de observar e desexablemente nun futuro replicar condutas positivas para a convivencia escolar.

 

Metodoloxía

O deseño metodolóxico da proposta partiu do uso de metodoloxías activas, entre elas a gamificación e a aprendizaxe vicaria, xa que tras conversar cos compañeiros e compañeiras detectei que a celebración de datas conmemorativas como a do Día Escolar da Non-violencia e da Paz carecían en ocasións de transversalidade entre diferentes niveis educativos e de significatividade debido a que non se afondaba na aprendizaxe vivenciada de valores como a empatía ou a solidariedade.

Polo que se refire á gamificación, esta é unha técnica de aprendizaxe que emprega a mecánica dos xogos no ámbito educativo para aprender contidos, para mellorar habilidades, para recompensar condutas etc.

Un dos aspectos fundamentais para que sexa efectiva esta técnica é que o alumnado domine o funcionamento do xogo, implicalo na consecución de obxectivos mentres se realiza a actividade. Por esa razón, foi fundamental que fosen aparecendo as ferramentas e as instrucións para a misión e a axuda dos titores para guiar o proceso.

No caso desta experiencia, a dinámica que eu perseguía era a de espertar o interese polo xogo, por iso apliquei a dinámica da recompensa, ofrecéndolles o carné oficial de detective a cambio de participar/colaborar coa axencia de detectives da paz na misión.

Hai que salientar que deste enfoque xurdiu unha dinámica de solidariedade entre detectives que se axudaban mutuamente de xeito altruísta xa que non tiñan que competir para conseguir o carné.

En poucas palabras, decidín empregar a gamificación porque penso que a través do xogo, a experiencia e a diversión é máis sinxelo aprender significativamente. Asemade, ao crear un vínculo co contido (neste caso a empatía, a solidariedade, a convivencia pacífica etc.) fidelízase o alumnado xa que está motivado e divertíndose.

En canto á aprendizaxe vicaria, segundo Ros (2019), «as persoas tendemos a repetir comportamentos observados; cando eses comportamentos son inspiradores, o alumno séntese inclinado a repetilos na súa vida». Isto trátase da denominada aprendizaxe vicaria (Bandura, 1874).

A aprendizaxe vicaria ten lugar cando observamos a conduta doutras persoas e extraemos unha conclusión sobre o funcionamento de algo ou sobre que condutas son máis útiles ou positivas ou, pola contra, pouco eficaces ou negativas. Neste proceso están involucrados aspectos sobre a neurobioloxía que estudan a educación por observación, as neuronas espello, das que nos falta tanto por coñecer.

Persoalmente, nesta experiencia, decidín que o alumnado centrase a súa atención/observación nas condutas positivas para a convivencia escolar, deixando a un lado as condutas negativas, para fomentar que as valorasen, as interiorizasen e, nun futuro, quen sabe, ao darlles esa valoración positiva, as consideren dignas de ser replicadas nas súas relacións interpersoais na escola, na casa ou na sociedade en xeral.

Ao mesmo tempo, pretendía inspirar en toda a comunidade educativa a idea de que non só educamos sendo xustos, senón que tamén debemos comprometernos seriamente con ser un bo exemplo para a nosa comunidade coidando as nosas relacións cotiás, comportándonos con empatía, solidariedade e asertividade (co alumnado, co equipo docente, co persoal de administración, de transporte escolar, de limpeza etc.), na familia e na sociedade.

Noutras palabras, o obxectivo final no ámbito metodolóxico era promover a aprendizaxe significativa (que as súas vivencias analizando de xeito crítico as condutas doutras persoas se convertesen en detonantes de accións solidarias e empáticas nun futuro pola súa parte); a compoñente lúdica, xa que aprendemos e reflexionamos sobre valores xogando; e o vínculo coa realidade, experimentando nun contexto real con persoas reais e condutas reais. Todo isto coa finalidade de que aprendesen a observar e analizar de xeito crítico, ser e convivir como axentes fundamentais para a convivencia pacífica na súa contorna: escola, familia e sociedade.

 

Avaliación

En relación co proceso de avaliación, tras un proceso de autoavaliación, considero que o deseño de sesións para a aplicación nas titorías sobre o estudo das condutas observadas, control emocional, comunicación asertiva etc. enriquecería a experiencia. Desa maneira, o alumnado podería afondar e desenvolver as habilidades necesarias para poder comportarse de xeito empático, asertivo, solidario etc.

En relación coa avaliación e as impresións do alumnado participante na experiencia, amosáronse moi satisfeitos coa idea de seren detectives da paz e desexosos de executar a misión; a participación foi moi numerosa e penso que a experiencia tivo unha gran repercusión no alumnado e na súa mirada cara á conduta allea e propia.

En relación coa alta participación e implicación do alumnado, penso que sería interesante continuar no mesmo curso ou en cursos seguintes coa experiencia de gamificación ofertándolle novas misións ao alumnado, xa que un numeroso grupo de alumnado me solicitou a posibilidade de crear un club no que reunirnos para organizar e argallar novas misións da nosa axencia de detectives, o que me levou a pensar na posibilidade de poder crear nun futuro a figura de mediadores escolares, propoñer formación de titoría entre iguais etc.

Polo que se refire ao impacto na comunidade educativa, a experiencia espertou o interese non só do alumnado, xa que o equipo docente de secundaria, así como outros axentes que non estaban directamente involucrados, amosaron un grande interese debido a que estaban sendo observados, apareceu a caixa de correo, o panel no que se compartían as condutas etc.

 

Conclusións

Gustaríame rematar o relato desta experiencia educativa cunha reflexión sobre a convivencia nos centros escolares e un dos detonantes da creación desta experiencia: que a convivencia nun centro escolar sexa pacífica, empática, solidaria, asertiva etc. é algo que construímos entre todos e todas.

Estou convencida de que «as experiencias que supoñen unha carga emotiva importante teñen maior probabilidade de lembrarse (...) as emocións teñen un efecto potenciador sobre a memoria» (Ruíz, 2020), por iso debemos deseñar experiencias lúdicas, cunha carga emotiva importante para que o noso alumnado as lembre e se produzan aprendizaxes significativas, sobre todo, nas aprendizaxes relacionadas coa educación emocional e en valores.

Para concluír, gustaríame lembrar que «se queremos formar persoas para o benestar, hai que educar niso e, polo tanto, proporcionar adestramento en alegría, humor, amor e felicidade» (Bisquerra, 2011), o que o noso alumnado percibe de nós acotío é un exemplo fundamental, polo que debemos telo en conta no noso día a día na aula e fóra dela.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Bandura, A. (1974). Teoría del aprendizaje social. Madrid: Espasa Libros.

Bisquerra, R. (2011). Educación emocional. Propuestas para educadores y familias. Bilbao: Desclée de Brouwer.

Marín, I. (2018). ¿Jugamos? Cómo el aprendizaje lúdico puede transformar la educación. Barcelona: Paidós.

Moyá, L. (2019). Educar en la empatía. El antídoto contra el bullying. Barcelona: Plataforma Actual.

Ros, N. (2019). ImaginAcción. De la imaginación a la acción en la educación. Madrid: Kolima Books.

Ruíz, H. (2020). ¿Cómo aprendemos? Una aproximación científica al aprendizaje y la enseñanza. Barcelona: Graó.

 

 

Sección: