Reinventar o esencial da vida e da escola

 

Despois dunha catástrofe sempre hai unha revolución. (Cyrulnik,B. abril 2020)

Cando empecemos de novo, deberemos inventar outra escola. (Tonucci,F. maio 2020)

 

A pandemia mundial do coronavirus está deixando miles de mortos e contaxiados na maior parte dos países do mundo, sen distinguir o nivel de desenvolvemento nin condición. Paraliza e destrúe as vidas das persoas que perden os seres queridos, sen podelos despedir, ven en risco os seus postos de traballo, a súa situación socioeconómica…

O día 14 de marzo do 2020, o Goberno decreta o estado de alarma para lle facer fronte á pandemia do coronavirus COVID-19. Os sistemas sanitarios colapsan, a xente confínase nas súas casas, as cidades quedan desertas, os aeroportos pechados. Só queda o medo nas caras das persoas que deambulan polas rúas, con máscaras, intentando manter unha distancia física con todo viandante, desconfiando dun posible contaxio. Neste contexto de crise sanitaria, as escolas pechan e o curso dáse por rematado ata setembro. O alumnado e o profesorado pasan a teletraballar, as aulas entran nas casas, e faise patente a fenda dixital.

Tomamos conciencia da fraxilidade e vulnerabilidade da condición humana, quedando á deriva nun océano de incertezas vitais, económicas, sociais, globais. Necesitamos unha nova utopía, un novo paradigma da complexidade integradora recreadora para superar a simplificación desintegradora destrutiva que nos levou a isto. Os eixes vertebradores desta nova realidade humanizada, poderían ser:

A necesidade de abordar no ámbito global os desafíos de dimensión mundial. Poucas veces tantos científicos de tantos países estiveron traballando coordinadamente para obter unha vacina que nos permita seguir vivindo. Só nos podemos salvar se salvamos o planeta. O mundo é moi pequeno e interdependente. Necesitamos unha abordaxe global da pandemia e da forma de vivir.

Priorizar o investimento nos servizos públicos de sanidade, educación, investigación e servizos sociais que nos permitan estar máis preparados para outra posible pandemia. Tecer redes de apoio comunitario preventivo.

Aprender a vivir respectando o ecosistema persoal, social e comunitario. Levantar un sistema de vida sostible. Volver ao esencial do ser humano. Algún pequeno cambio xa percibimos estes días de confinamento na escala de valores. De repente os heroes pasaron a ser os sanitarios que arriscaron e perderon as súas vidas, moitos sen medidas de protección axeitadas, por salvar as vidas dos demais. Todos os días ás oito da tarde saiamos aplaudirlles desde as fiestras. Moitos cativos empezan a dicir que de maiores queren ser sanitarios, investigadores, profesores… para axudarlles aos demais.

Despois de dous meses de confinamento, mentres iniciamos as distintas fases de desescalada, seguimos reflexionando sobre como reinventar unha nova forma de vida, como reconstruírnos e reconstruir o noso contorno.

No ámbito educativo, agora que os datos epidemiolóxicos empezan a ser algo máis favorables, empezamos a falar da volta ás aulas, maioritariamente en setembro. As medidas de protección de tipo sanitario poden ser unha oportunidade para facer cambios profundos que fagan emerxer novos centros educativos levantados sobre estes sólidos piares:

Os centros educativos como ecosistemas saudables e inclusivos. Crear espazos de seguridade, benestar e convivencia democrática. A OMS e UNICEF citan como principios básicos de funcionamento seguro dos centros, ante a pandemia do coronavirus: distanciamento físico, illamento dos contaxios, hábitos hixiénicos (limpeza e desinfección, lavar as mans, non tocar a cara, manter un-dous metros de distancia, levar máscaras, protexerse ao tusir), promover o teletraballo, clases ao aire libre, medir periodicamente a temperatura, desinfección diaria das instalacións etc. Nesta liña, a Consellería de Educación da Xunta de Galicia presentou o Protocolo de prevención na reapertura dos centros educativos e constituíu un comité de expertos no coidado do benestar da comunidade educativa para afrontar o vindeiro curso.

Unha nova mirada sobre os currículos, aprendizaxes, avaliacións e interaccións. Os currículos non son máis ca medios para acadar os fins da educación: autocoñecemento, desenvolvemento integral como persoas, relacións de afecto e convivencia cos iguais e a comprensión do mundo, intentando melloralo cun proxecto vital solidario.

Os nenos non son receptáculos nos que verter contidos curriculares, son persoas que están construíndo a súa identidade persoal e social e buscando o seu lugar no mundo. Agardan que a escola sexa un lugar acolledor e seguro, onde poder ser escoitados, respectando a súa diversidade e traballando sobre as súas capacidades.

Os profesores non somos só transmisores de coñecemento e avaliadores do esforzo e dos resultados. Somos profesionais que tamén nos estamos construíndo como persoas e como cidadáns no contacto cos estudantes, cos colegas, coas familias e con outros profesionais sociosanitarios, en sociedades plurais e democráticas. Debemos ofrecer oportunidades de aproximación crítica ao coñecemento, pero tamén acompañalos no proceso da súa construción como persoas.

A cultura e a educación non son unha acumulación de coñecementos, que caducan e cambian de forma rápida, senón vías para lles ensinar aos estudantes a ter os seus propios soños e seleccionar, para levalos adiante, os proxectos que poidan contribuír a construír un mundo máis xusto, máis equitativo, máis plural e máis respectuoso cos demais na súa diversidade.

Teremos que repensar tamén os métodos e os espazos. A aula tradicional, cun profesor asignado, terá que deixar paso a espazos flexibles, que se utilicen como talleres ou laboratorios, onde se realicen proxectos interdisciplinares titorizados por máis dun profesor, en grupos de traballo entre iguais, cos apoios dixitais necesarios, deixando que os problemas da vida e da humanidade entren nas escolas.

Cando abran de novo os centros educativos, a prioridade fundamental será o benestar emocional da comunidade educativa. Sexa cal sexa o novo escenario que atopemos: presencial, semipresencial e telemático ou un novo confinamento; o prioritario será ter unha visión global e integral do alumno: que poida ser escoitado activamente, apoiado e acompañado emocionalmente pola comunidade educativa, especialmente os máis vulnerables. Teremos que elaborar o proceso de dó pola perda dos seres queridos, do traballo, da «normalidade», para poder volver a un novo estilo de vida.

O peor virus para aprender a vivir é o medo, que o paraliza, escraviza e destrúe todo.

Mentres os científicos de todo o mundo se apuran en dar coa vacina contra o coronavirus, os profesores, como referentes, debemos transmitirlle apaixonadamente ao alumnado o mellor antivirus e vacina contra o medo: o amor, o amor a un mesmo, aos demais, á sabedoría, á vida. Esta é a grande oportunidade de revolucionar a escola, a educación e o mundo, despois da catástrofe. Ensinar a vivir, a escoitar, a acompañar, a amarse, a reinventarse. Ensinar a arte de amar e a facer da vida unha obra de arte, enmarcada por políticas de protección solidaria de ámbito local e universal.

 

Manuel Armas Castro

Equipo de Orientación Específico da Coruña

 

Sección: