O proxecto educativo dos Irmáns García Naveira nas escolas do asilo de Betanzos

Os irmáns García Naveira, emigrantes enriquecidos na Arxentina, construíron e dotaron escolas en Betanzos na primeira década do século XX. Deste xeito, fixeron posible o dereito á educación dos máis desfavorecidos nunha época de enormes desigualdades. Esta achega analiza elementos fundamentais do seu proxecto educativo e a súa relación con propostas actuais arredor dos procesos de ensino-aprendizaxe.

Dr. Eduardo José Fuentes Abeledo,

Profesor da Facultade de Ciencias da Educación. Departamento de Pedagoxía e Didáctica. Universidade de Santiago de Compostela

eduardo.fuentes@usc.es

Dr. Pablo César Muñoz Carril,

Profesor da Facultade de Formación do Profesorado. Departamento de Pedagoxía e Didáctica.

Universidade de Santiago de Compostela (Campus de Lugo)

pablocesar.munoz@usc.es

(Membros do Grupo de Investigación Mestura - GI-2171- da Universidade de Santiago de Compostela)

Escolas e asilo

Introdución

En Betanzos, as Escolas García Irmáns eran coñecidas como Escolas do Asilo. O edificio do centro educativo estaba a carón do Asilo García Irmáns, outra das obras produto da xenerosidade destes fillos de Betanzos. As Escolas creáranse para acoller, sobre todo, os nenos «pobres» e «orfos» e contaban con aulas para alumnos e alumnas. En Galicia, como se recolle en traballos de investigadores como Cid Fernández (1994), Costa Rico (2004) ou Peña Saavedra (1991 e 1995/96),  foi un  numeroso grupo de emigrantes en América o que apostou pola defensa dos dereitos de toda a poboación, pola xustiza e a prosperidade a través da educación. No ano 1914 realizáronse diversos actos no Centenario das Escolas dos Irmáns García Naveira  en agradecemento ao seu compromiso co desenvolvemento do dereito á educación.

Acto do Centenario das Escolas

Na primeira parte deste artigo deterémonos en comentar aspectos do seu proxecto educativo para facer realidade este dereito. No seguinte apartado afondaremos máis polo miúdo en analizar a forma de plasmalo na práctica a través dun profesorado cun perfil innovador, con tacto pedagóxico, capaz de desenvolver estratexias didácticas e de usar aparellos, medios e recursos novidosos a comezos do século XX

No terceiro apartado identificamos e comentamos aspectos da organización escolar que revelan a calidade da proposta. No último apartado, ofrecemos unhas conclusións e reflexións xerais e destaca  como os García Naveira pensaron en variados contextos de aprendizaxe para facilitar unha educación de calidade e potenciar o pracer de aprender.

Os irmáns García Naveira e o dereito dos nenos á educación

O mércores 20 de novembro deste ano 2019 conmemorouse o 30.º aniversario do tratado dos dereitos humanos máis ratificado do mundo: a Convención sobre os dereitos do neno (CDN). Uns dereitos sobre os que nos resta un longo camiño que percorrer para que se fagan realidade non só nos países menos desenvolvidos, senón mesmo no noso propio contexto. O aniversario é unha boa ocasión para reflexionar sobre o labor dos irmáns García Naveira nas primeiras décadas do século XX nun mundo ben diferente ao actual, valorar a súa contribución para plasmar na realidade daquela época algúns dos dereitos da infancia e reivindicar o valor das súas achegas á educación en Betanzos, a vila onde naceron estes indianos enriquecidos e xenerosos filántropos.

Os García Naveira, veciños do barrio da Ribeira e de familia labrega, con moi feble formación escolar, emigraran á Arxentina de mozos. Don Juan fíxoo en 1869 e don Jesús, dous anos despois. Formaron parte dun auténtico «éxodo», da primeira grande emigración masiva de galegos entre mediados do século XIX e comezos do XX causada por factores tanto económicos como doutro tipo (políticos, sociais, demográficos, psicolóxicos e educativo-culturais). Don Juan, nunha carta datada o 25 de abril de 1870 dirixida á súa familia e escrita en Rio de Janeiro, relata a dura e longa travesía nun barco. O transatlántico transportaba centos de persoas en condicións de aloxamento, sanitarias e de alimentación deplorables. Relata o emigrante betanceiro que, en ocasións, sofren terribles temporais que o atemorizan. Durante a viaxe, o rapaz lembra con melancolía momentos felices vividos en lugares das Mariñas dos Condes.

Don Juan, tras facer fortuna en terras arxentinas, regresa en 1893 a Betanzos para residir na vila ata a súa morte, ocorrida no ano 1933. O seu irmán, don Jesús, tamén dono dunha importante fortuna e amante da súa vila natal, visita Betanzos a miúdo tras instalarse en Madrid despois da estancia na Arxentina e falece en 1912, nun accidente de circulación na localidade de San Nicolás de los Arroyos no país suramericano.

Os irmáns García Naveira eran homes con escasos estudos cando marcharon a América. Tanto na emigración como de volta ao país que os viu nacer, adquiriron coñecementos moi diversos fóra do contexto de ensino formal. Por exemplo, sobre comercio, finanzas, arte, historia, construción, política, botánica, zooloxía ou relacións sociais.

A curiosidade e o afán de saber lévaos a viaxar por varios continentes. Acompañados de don Rogelio Borondo, bo amigo betanceiro, empápanse de cultura artística, histórica e de coñecementos sobre a natureza ou a industria  nunha das viaxes por Europa. Os tres amigos, nun periplo de dous meses de duración, visitan Francia, Suíza e Italia. Don Rogelio escribe unha crónica.  O 29 de outubro de 1899, segundo se recolle nas Memorias dunha viaxe improvisada (Borondo, 1900, 2010), visitan o «Xardín de Plantas» na cidade de París e son conscientes do moito que se pode aprender paseando por el: «... contén espazosos xardíns con grandes e ben provistos invernadoiros e colección de animais, coas súas correspondentes casetas, artisticamente confeccionadas. Serve á vez que de recreo público, de establecemento de ensino sobre botánica, cultivo, zooloxía, anatomía, historia natural, mineraloxía, física e outros cursos» (p. 26). Recreo e pracer de aprender.

En Italia atrévense a subir pola ladeira do Vesubio. No cráter asústanse de ver en directo que aquel monstro «lanzaba uns ruxidos aterradores coma gorida de feroces feras en confusión, á vez que guindaba con impetuosidade enormes bocaladas de fume envolvidas en vivas laparadas que semellaban o mesmo inferno» (p. 125).

Os tres betanceiros tamén visitan museos. Sobre o Nacional en Roma cóntase nas Memorias da viaxe que «... contén esculturas antigas, estatuas dalgúns emperadores e outras, pero abunda especialmente en coleccións compostas por obxectos de Asia, África, América e varias nacións europeas, comprendendo toda clase de armas e vestiduras dos indios, ferramentas, instrumentos de música, útiles de uso doméstico e infinidade doutros obxectos» (p. 112).

Os irmáns García Naveira, coa colaboración de don Rogelio Borondo, quen sería o primeiro tesoureiro do padroado que agrupaba os bens dos filántropos betanceiros na emigración, constrúen e dotan as Escolas García Irmáns que se inauguran no ano 1914. Os filántropos eran moi conscientes da necesidade de potenciar o dereito á educación e de fomentar o pracer de aprender. Un dereito que procedía facer realidade no  ensino formal, para construír unha inicial base sólida para o progreso persoal e colectivo, pero tamén podía plasmarse aproveitando outros contextos de aprendizaxe, como, por exemplo, a través de paseos, viaxes, excursións e outras actividades. Eles propiciaron a multiplicación de contextos de aprendizaxe a través de iniciativas como ofrecer a oportunidade de visitar o Xardín do Pasatempo que creara don Juan.  Os patios das escolas estaban pensados para xogar, aprender contidos e desenvolver habilidades moi diversas, ao igual ca outros espazos, como o Museo Pedagóxico, con elementos propicios para moi diversas aprendizaxes. A Biblioteca Popular Circulante foi outra oportunidade para aprender. No museo, nos patios, no Pasatempo, os García Naveira quixeron recrear aspectos do coñecemento e da cultura aos que eles tiveron acceso nas súas viaxes, como a realizada por tres países europeos e comentada en parágrafos anteriores.

As Escolas García Irmáns, inauguradas  o 2 de setembro de 1914, contaron nos seus inicios con dúas clases de párvulos e dúas de elemental (unha para cada sexo), tamén con clases nocturnas a partir de 1915, todas elas gratuítas. O artigo 1 dos estatutos das Escolas establece como obxectivo fundamental do centro proporcionar «alimento, educación e ensinanza á xuventude» e estipúlase como criterio prioritario de acceso «ser pobre», dándolles preferencia aos nenos orfos.

Os García Naveira apostaron polo dereito á educación de todos e todas nun momento da historia do país en que, como declaraba Fernando de los Ríos no Congreso dos Deputados o 29 de marzo de 1920 (segundo recolle o xornal El Sol no exemplar publicado o 1 de abril de 1920 e que se conserva nos arquivos das Escolas): «o pobo non pode ir nin á escola primaria, porque é evidentemente falso que a escola estea aberta a todos. Como vai estar aberta a todos se se necesita gañar o xornal e a necesidade dese salario priva da posibilidade de asistir á escola! (...) o censo de 1910 demostra que máis de 600 000 nenos non van á escola». Os irmáns García Naveira, coma outros indianos enriquecidos, aproveitaron a prosperidade para promover o desenvolvemento educativo, cultural, social e material, no seu caso centrándose coas Escolas nos nenos e nenas das clases máis desfavorecidas de Betanzos, pero tamén con outras moitas iniciativas (De la Fuente García, 1999; Fuentes Abeledo, 2018).

Os irmáns, conscientes de circunstancias como as que describe o político socialista nas citas anteriores, ofrecen xantar gratuíto no comedor das Escolas e outros medios e recursos de variada índole, mesmo vestimenta e calzado, tamén gratuítos. Estas circunstancias favorecían que os pais dos rapaces facilitasen o dereito á educación dos nenos e das nenas nun momento de elevado absentismo escolar no país.

Comedor de nenos na escola

En definitiva, a proposta educativa dos García Naveira quere facilitar o acceso á educación de todos respondendo a principios e valores que don Juan incorporou explicitamente no Xardín do Pasatempo e entre os que a igualdade ocupa un lugar fundamental, facéndose eco da Declaración dos dereitos do home xurdida no contexto da Ilustración e da Revolución Francesa, é dicir, na defensa do principio de que  as persoas nacen «sendo libres e iguais con respecto aos seus dereitos». As Escolas Municipais Jesús García Naveira, construídas co legado de don Jesús, ou o Refuxio para Nenas Pobres, Raquíticas, Escrofulosas e Eivadas que constrúe e dota don Juan nos anos vinte do pasado século e que desenvolveu durante décadas un proxecto que, ademais do coidado material, fomentaba tanto a capacitación profesional como unha educación integral das nenas, son outras das contribucións máis destacadas que revela o fondo compromiso dos irmáns co dereito á educación, a unha boa educación para todos e todas.

Bos mestres e modernos medios para os máis desfavorecidos

Os García Naveira tiveron claro que, para favorecer a educación integral que pretendían, o eixe fundamental era contar con bo profesorado. O artigo 26 do Regulamento das Escolas estipula que a selección dos mestres se faga por concurso público, así que deciden que se publique a primeira oferta de emprego nun xornal de Madrid —polo tanto, para coñecemento de todos os candidatos do país— e noutro de ámbito galego. O artigo 26 do Regulamento estipula que poderán presentarse os mestres «con título superior e os normais». Valorarase non só a categoría do título senón tamén outros aspectos, entre eles: «vocación para a ensinanza, a práctica escolar ou os méritos alcanzados na dirección e organización doutras escolas». Os García Naveira pretenden dos mestres un  permanente compromiso coa innovación manifestado no «celo pola ensinanza» propoñendo «melloras e adiantos», e nas suxestións e peticións de «material pedagóxico para a boa marcha da ensinanza», como se recolle no artigo 28 do Regulamento.

O modelo de profesor no marco do proxecto educativo dos García Naveira reflíctese noutras declaracións recollidas no mesmo documento. Por exemplo, no propio artigo 28 establécese tamén que o docente das Escolas debe ser capaz de «captar as simpatías e o cariño dos seus discípulos, dispensándolles solícita atención e trato afectuoso, sen menoscabo do respectuoso ascendente moral que sobre eles deben exercer», ademais de «non desalentar o alumno porque se equivoque nos seus traballos de calquera clase que sexa; antes ben, coa maior afabilidade se lles afará a pensar e razoar, dando sempre moita importancia a cada avance, por pequeno que sexa, realizado polo educando».

A dotación de material escolar (láminas, mapas en relevo, globos terráqueos pendendo do teito ou montados en dispositivos que facilitan a comprensión dos movementos de rotación e translación, xogos de pesas e medidas etc.) e de aparellos didácticos resulta realmente sorprendente para a época en que se crean as Escolas.

Dispositivo didáctico

O Museo Pedagóxico, do que se conservan algúns elementos no Museo das Mariñas de Betanzos, e que practicamente se conservaba completo ata finais dos anos setenta do pasado século, tamén destacaba pola entidade do que contiña. Por exemplo, para estudar animais: crocodilos e outros animais disecados procedentes de varios continentes, ovos de avestruz xigantescos, a enorme coiraza dunha tartaruga, as mandíbulas e omoplata xigantesca dunha balea. Pero tamén contaba con obxectos para descubrir as características e costumes de tribos (frechas, arcos) ou realizar experiencias de física e química (con aparatos) e coñecer o corpo humano (unha radiografía, modelos de escaiola para estudos anatómicos etc.).

Museo das Mariñas

O escritor e xornalista Xesús Fraga, de neno alumno das Escolas na década dos setenta do pasado século co último mestre antes do peche do centro, recolle nunha novela de forte carácter autobiográfico lembranzas dunha visita ao Museo:

Nestas andaban a mañá que nos anunciaron que cambiariamos a clase cotiá por unha visita ao museo da escola. Foran os indianos que crearan o museo ao mesmo tempo ca o colexio, ao que proveran de cousas que nos parecían marabillosas e coas que aquel día don José contou para unha clase de historia natural. En silencio, despois de formarnos en ringleira e agardar a que o semáforo cambiase de vermello a verde, subimos as impoñentes escaleiras de mármore branco. No museo fomos escoitando o mestre ao tempo que amosaba as vetas de minerais que estaban á vista nun expositor, as cores distintas do mármore segundo a súa procedencia, ao que seguían na parede vitrinas con plantas secas das que nos fixo saber o seu nome científico, en latín.  Ficamos pampos ao chegar ao reino animal: había mamíferos e aves de todas as clases, disecados e conservando un aquel de fereza nos ollos de vidro, conxelados nunha acción predatoria. Impresionounos unha costela de balea que penduraba do teito tan longa era a sala, pero o que de verdade impuxo respecto e botou un silencio reverencial sobre nós foi o crocodilo coas fauces aínda abertas, nas que un paxariño estaba temerariamente pousado, furgando co pico nun cabeiro. Don José comezou a explicación daquela curiosa relación na que o débil se vale da súa habilidade para explotar a magnanimidade do poderoso, toda unha lección de vida» (Fraga, 2004, pp. 46-47).

Imaxinemos unha escena como a descrita nas primeiras décadas do século.

Os patios das Escolas García Naveira eran tamén un libro aberto á exploración e ao coñecemento, pois incorporaban elementos que, acompañados en ocasións das explicacións dos mestres e das actividades que propuñan antes ou despois da observación, lograban impactar na mente e no corazón dos estudantes. O primeiro dos asinantes deste artigo foi alumno das Escolas na década dos sesenta do pasado século e cabe recoñecer o gozo, como fai o escritor Xesús Fraga, co maxisterio  de don José Dapena Espiñeira que se xubilou en decembro de 1982. Eran memorables algunhas leccións, como a dos volcáns e a cidade de Pompeia, diante da representación do Vesubio no muro lindeiro co edificio do asilo. Don José, ademais, lía parágrafos do libro de Borondo (1900, 2010) antes citado nos que se describía a subida dos tres amigos betanceiros pola ladeira ata chegar á boca do cráter do volcán. Que emoción con aquelas aventuras e a representación do propio volcán no muro da nosa escola!

Nos muros do Pasatempo represéntanse escenas de viaxes por varios lugares do mundo. Por exemplo, chama moito a atención a representación da viaxe a Exipto de don Juan e a súa muller.  Estas escenas parecíannos fascinantes e animábanmos a saír do noso contorno, a viaxar cando menos coa imaxinación, ao igual que sucedía coas lecturas de autores como Julio Verne a quen lembraba paseando polas grutas da «Horta de don Juan», como chamabamos os betanceiros á obra saída do caletre do filántropo.

Viaxe por Exipto no Pasatempo

Os irmáns estableceron no Regulamento das Escolas que «se seguirán os procedementos pedagóxicos modernos» (artigo 2). Neste sentido, as propostas que se inclúen no proxecto educativo dos García Naveira conectan co que Stöcker (1964) denominou «principio de intuición, obxectivación e visualización». Proponse primeiro unha aproximación ao concreto, á realidade, ben sexa poñendo os rapaces en contacto coa realidade mesma (por exemplo, a través de paseos, viaxes e excursións como se recomenda no propio Regulamento das Escolas), coa realidade preparada (por exemplo, observando e reflexionando diante dun ovo de avestruz ou dun crocodilo disecado no Museo Pedagóxico), ou coa realidade representada (por exemplo, observando e comentando diante da representación dun volcán no muro do patio da Escola como se comentou anteriormente).

Unha organización escolar ao servizo da calidade educativa

Profesorado competente e comprometido, e estratexias, medios e recursos innovadores resultaban imprescindibles para desenvolver o proxecto educativo dos irmáns. Pero tamén unha axeitada organización escolar nas súas diferentes dimensións.

Os edificios construídos polos García Naveira, acordes coa súa concepción educativa, chaman a atención pola súa calidade e adecuación a principios innovadores da época. Tamén o mobiliario con pupitres bipraza de madeira de gran calidade, con oco para os tinteiros e estante para gardar material. Cabe lembrar que Rafael Altamira, director xeral de Ensinanza Primaria, en 1912 identificaba como un dos «problemas urxentes» da primeira ensinanza en España as construcións escolares (Altamira, 1912). Coas contribucións dos García Naveira en Betanzos, unha parte das necesidades formativas dos seus habitantes estaban cubertas de forma gratuíta. O edificio das Escolas era un auténtico luxo arquitectónico para fins educativos naqueles anos.

Nas Escolas Irmáns García Naveira é onde mellor se reflicten os principios defendidos, cun edificio sobrio pero elegante de planta baixa e un piso, con outras edificacións na parte posterior e amplos patios de recreo. Unha fermosa escalinata de mármore branco comunicaba a planta baixa coa alta á que se accedía por unha elevada porta flanqueada polos bustos dos irmáns. É de salientar que o edificio contaba con salas específicas para os labores de administración, biblioteca, sala para comedor e tres grandes patios con altorrelevos en cemento para, por exemplo, coñecer capiteis e columnas de diversos estilos arquitectónicos, os volcáns e montañas do mundo, as ideas dos irmáns sobre o logro de «capital»  (semellante a outro existente no Pasatempo), ou os planetas e ríos do mundo e de España. Nos patios tamén se incorporaron máximas. Unha lembraba que «a sabedoría é riqueza e a ignorancia pobreza». Contábase tamén con fontes, lavabos e retretes nas mellores condicións. O Museo Pedagóxico, ao que xa nos referimos, era outra estancia de enorme interese e na que se incorporaron elementos que os propios García Naveira viran nas súas viaxes, ao igual que sucedía nos muros dos patios e no Pasatempo.

Cabe destacar tamén outros aspectos en relación coa estrutura organizativa. Por exemplo, que as Escolas contasen con conserxe, administrador e axudantes do profesorado titular. Sen dúbida, un auténtico luxo para a época e mesmo, en relación coa administración e os apoios ao traballo docente, tamén o sería para moitos centros de infantil e primaria de hoxe.

Os paseos, as viaxes e as excursións, tanto ao contexto máis próximo como a lugares aos que non era tan fácil desprazarse como Vigo ou Ferrol, motivaban o alumnado e o profesorado. Os docentes tamén realizaron viaxes formativas lonxe de Betanzos (dous dos destinos foron Madrid e Sevilla).  Estas actividades, sufragadas polos García Naveira, así como outras ligadas a acontecementos varios no seo da comunidade educativa (como a asistencia a actos sociais diversos), configuraron intentos de construír lazos comunitarios, relacións afables e de fomentar a solidariedade, de estimular unha cultura de boa convivencia que lles dese identidade ás Escolas.

Conclusións

Como xa comentamos en traballos anteriores sobre a obra e o legado dos irmáns García Naveira (Fuentes Abeledo, 2014, 2015 e 2018), o proxecto educativo e cidadán destes filántropos betanceiros responde a unha ética do coidado en relación con principios como a dignidade, a solidariedade, a liberdade, a legalidade, a fraternidade e a xustiza en loita permanente por atenuar e reducir os factores de desigualdade, proporcionando unha boa educación para todos e para todas, facendo posible «o dereito a aprender» (Darling-Hammond, 2001) nunhas condicións ben diferentes ás actuais.

Se aínda hoxe, tamén no noso país, se declara que «a garantía efectiva do dereito universal á educación é certamente unha cuestión complexa, difícil e problemática» (Escudero Muñoz, 2018), se miramos cara ao pasado e nos situamos nas primeiras décadas do século XX, podemos comprender mellor a inmensa contribución dos García Naveira no Betanzos da época. Na sociedade española de comezos do século XX, a educación estaba moi lonxe de ser un ben xeneralizado. Ademais, a acción dos García Naveira tivo repercusións aínda moitos anos despois e atrevémonos a declarar que o impacto chega ata hoxe (Fuentes Abeledo, 2018).

Considerando o sistema educativo español na súa evolución desde comezos do século XX ata o momento presente, as melloras en relación con moi diversos indicadores son impresionantes. Cabe lembrar que no ano 1900 case o 75 % da poboación de Galicia manifestaba que non sabía ler nin escribir e case o 87 % das mulleres era analfabeta. En 1910, segundo datos de Costa Rico (2004), o nivel de analfabetismo era do 60,32 %. Pero paga a pena reflexionar sobre varios dos principios e realizacións das Escolas dos Irmáns García Naveira como os citados anteriormente para, aínda na actualidade, telos en conta á hora de transformar a nosa educación e tomar decisións en diferentes ámbitos, tanto de política educativa xeral como en procesos máis próximos á práctica nas aulas e nos centros, sempre adaptándose ás novas realidades, aos novos escenarios, aos novos retos e reflexionando sobre o sentido de aprender e de ensinar no século XXI.  Eses principios, e tamén experiencias feitas nas Escolas e as que os irmáns e os seus amigos tiñan en contextos non formais (por exemplo, nas viaxes), e aquelas que os filántropos betanceiros fomentaban abrindo as portas do Pasatempo invitaban a gozar do pracer de aprender, de estudar, de traballar estimulando a curiosidade e a imaxinación en múltiples contextos. Na actualidade referímonos ás «ecoloxías de aprendizaxe» e indagamos sobre os diferentes espazos de aprendizaxe tanto formais como informais e non formais, servíndonos tamén de novas ferramentas (Santos, González Sanmamed e Muñoz Carril (2018). A Comisión Europea (2000) referíase hai uns anos á necesidade de desenvolver sistemas didácticos para aproveitar as aprendizaxes posibles en variados contextos.

Cando pensamos no proxecto educativo e cidadán dos irmáns e fixamos a atención nas propostas das Escolas, nas viaxes, paseos, excursións ou visitas ao Museo Pedagóxico do propio centro, ben organizados polos docentes ou realizados por iniciativa dos propios nenos con ou sen pais (por exemplo polo Pasatempo), ou nos detemos en imaxinar os xogos do alumnado nos patios (pensados tamén para desenvolver múltiples aprendizaxes) e as actividades coa Biblioteca Popular Circulante, ou con diversos dispositivos e recursos achegados polos García Naveira para a aprendizaxe, estamos identificando relacións entre as súas iniciativas coas propostas da Comisión (2000), da OCDE (2007) ou de autores como Asensio Brouard (2015, 2017), González Sanmamed, Sangrá, Souto e Estévez (2018) ou González Sanmamed, Souto, González e Estévez (2019), tanto para a formación do alumnado como do profesorado. Estes organismos e especialistas citados apostan pola importancia de ofrecer e valorar diferentes contextos de aprendizaxe, un principio que entendemos que os irmáns García Naveira tiñan presente a comezos do século XX e tentaban desenvolver contando cos medios da época.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Altamira, R. (1912). Problemas urgentes de la primera enseñanza en España. Madrid: Imprenta de Asilo de Huérfanos del Sagrado Corazón de Jesús.

Asensio Brouard, M. (2015). El aprendizaje natural, la mejor vía de acercarse al patrimonio. Educatio Siglo XXI, 33 (1), pp. 5-82. DOI: https://doi.org/10.6018/j/222501.

Asensio Brouard, M. (2017). Como el agua que fluye: formar para lo informal. Información psicológica, 113, pp. 70-84. Recuperado de https://bit.ly/2rHvEKk.

Borondo, R. (1900). Memorias de un viaje improvisado. Betanzos: Imprenta Sucesores de Castañeira.

Borondo, R. (1900). Memorias dunha viaxe improvisada. De Betanzos a Nápoles en 1899. Cangas do Morrazo (Pontevedra): Edicións Morgante.

Cid Fernandez, X. M. (1994). Escola, democracia e república. Teorías e institucións educativas en Ourense durante a Segunda República. Vigo: Universidade de Vigo.

Comisión Europea (2000). Memorándum sobre el aprendizaje permanente. Recuperado de https://bit.ly/2X8amzP

Costa Rico, A. (2004). Historia da educación en Galicia. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

Darling-Hammond, L. (2001). El derecho de aprender. Crear buenas escuelas para todos. Barcelona: Ariel.

Escudero Muñoz, J. M. (2018). Inclusión, justicia y equidad para la mejora educativa. En J. C. Torrego e C. Monge (coords.), Inclusión educativa y aprendizaje cooperativo, pp. 17-58. Madrid: Sintesis.

Fraga, X. (2004). Solimán. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

Fuente García, S. de la (1999). Los hermanos García Naveira y sus fundaciones. Anuario Brigantino, 22, pp. 395-434.

Fuentes Abeledo, E. J. (2014): Reflexiones en torno a la acción educativa de los hermanos García Naveira en Betanzos. Anuario Brigantino, 37, pp. 137-160.

Fuentes Abeledo, E. J. (2015). Os irmáns García Naveira e o dereito a unha boa educación para todos e todas. Anuario Brigantino, 38, pp. 399-422.

Fuentes Abeledo, E. M. (2018). O legado dos irmáns García Naveira: coidado, educación e cultura. Anuario Brigantino, 41, pp. 281-316.

González Sanmamed, M.; Souto, A.; González, I. e Estévez, I. (2019). Aprendizaje informal y desarrollo profesional: análisis de las ecologías del aprendizaje de educación infantil. Edutec: Revista electrónica de tecnología educativa, 68, pp. 70-81. DOI: https://doi.org/10.21556/edutec.2019.68.1305.

González Sanmamed, M.; Sangrá, A.; Souto, A. e Estévez, I. (2018). Ecologías del aprendizaje en la era digital: desafíos para la educación superior. Publicaciones: Facultad de Educación y Humanidades del Campus de Melilla, 48 (1), pp. 11-38. Recuperado de https://revistaseug.ugr.es/index.php/publicaciones/article/view/7329/6411.

OCDE (2007). Terms, concepts and models from analysing the value of recognition programmes. Recuperado de https://bit.ly/2rNGMmb

Peña Saavedra, V. (1991). Éxodo, organización comunitaria e intervención escolar. La impronta educativa de la emigración transoceánica en Galicia. Vol. I e II. A Coruña: Secretaría Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas da Xunta de Galicia.

Peña Saavedra, V. (1995-96). Cuatro siglos de intervención escolar de los gallegos de América en la Galicia escindida.  Historia de la Educación. Revista Interuniversitaria, 14-15, pp. 301-332.

Santos, F. M.; González Sanmamed, M. e Muñoz Carril, P. C. (2018). El desarrollo de las ecologías de aprendizaje a través de las herramientas en línea. Revista Diálogo Educacional, 18 (56). DOI: http://dx.doi.org/10.7213/1981-416X.18.056.DS06.

Stöcker, K.(1964). Principios de didáctica general. Buenos Aires: Kapelusz.

 

 

Sección: