Polo río abaixo vai…

Proxecto Ríos no IES Primeiro de Marzo
O IES Primeiro de Marzo leva nove anos participando no Proxecto Ríos, nos que integrou diversos proxectos e plans de centro, implicou unha ampla variedade de departamentos didácticos e tamén colectivos e institucións da contorna. O estudo e coidado dos ríos no noso centro consolídase, pois, como unha experiencia integral de aprendizaxe e desenvolvemento da nosa comunidade educativa. Este proxecto foi premiado cun accésit na categoría B dos Premios Proxecta 2019.

Marcos Lago Álvarez, Bioloxía e Xeoloxía

marcoslago@edu.xunta.es

Nuria Fernández Segade, Servizos á Comunidade

nusegade@edu.xunta.es

Natalia Regueiro Leis, Lingua Estranxeira Inglés

regueiroleis@edu.xunta.es

 

Contextualización

O IES Primeiro de Marzo, localizado na vila de Baiona, acolle estudantes da ESO, bacharelato, FP básica e do ciclo de Animación Sociocultural e Turística. O centro leva nove anos participando no Proxecto Ríos, oito deles dentro do Plan Proxecta. Esta continuidade fixo posible integrar nel outros proxectos e plans: Plan de mellora de bibliotecas escolares, club de lectura, seccións bilingües, auxiliares de conversa, Plan lector, Plan TIC, club de ciencia e espazos maker.

Plans á parte, cómpre salientar o traballo de tres departamentos pola súa implicación e continuidade no proxecto. O de Bioloxía e Xeoloxía, promotor e coordinador do Proxecto Ríos e das participacións do resto de departamentos. O Departamento de Inglés, implicado moi activamente, pois soubo ver no perfil participativo e dinámico das actividades do proxecto unha oportunidade para fomentar o uso real do inglés. E o terceiro departamento que hai que destacar é o de Servizos Socioculturais e á Comunidade, que fixo posible a participación de colectivos e institucións da contorna (como o Centro de Día para Persoas Maiores de Sabarís ou o Centro Juan María para Persoas con Discapacidade Intelectual); algo que consideramos esencial, conscientes como somos da importancia de lle dar visibilidade ao proxecto e favorecer así unha aprendizaxe-servizo.

Obxectivos

Os principais obxectivos, á parte dos propios do Proxecto Ríos, son os seguintes:

- Realizar o estudo medioambiental ─incluídos parámetros físico-químicos e biolóxicos caracterizadores da calidade das augas─ e sociocultural da contorna inmediata.

- Aprender a organizar unha saída ao campo para recoller mostras e cubrir unha ficha de campo a partir das observacións. Localizar os ríos nun mapa topográfico e en soporte dixital.

- Recoñecer o medio natural e o patrimonio cultural da contorna como recurso para a intervención en animación sociocultural e turística e valorar a intervención humana na paisaxe fluvial como elemento distorsionador e promover actitudes favorables ao respecto do medio ambiente.

- Recompilar a información necesaria do patrimonio natural e cultural para o deseño de itinerarios, circuítos e actividades de educación ambiental e desenvolver e realizar as adaptacións necesarias para colectivos con necesidades específicas.

- Potenciar o emprego do inglés como lingua de comunicación oral. Ampliar o vocabulario referente a ríos, paisaxe, mapas, fichas de campo, material de laboratorio etc. e aprender e empregar estruturas gramaticais inglesas axeitadas para presentar información científica e para facer descricións da paisaxe.

- Promover o traballo cooperativo e a autonomía dos estudantes.

- Darlles visibilidade e difusión ás actividades realizadas dentro do Proxecto Ríos (a través da revista escolar, da web do centro, dos blogs dos departamentos, de redeiras, das redes sociais, da prensa local...).

Recursos empregados

Recursos humanos

Os departamentos máis directamente implicados neste proxecto foron os de Bioloxía e Xeoloxía, Inglés, Servizos Socioculturais e á Comunidade; aínda que participaron en diferentes edicións Educación Plástica, Xeografía e Historia, Filosofía, Orientación, Física e Química e Relixión.

Tamén contamos coa colaboración das familias, así como coa inestimable participación doutros membros da sociedade local, entre os que salientamos o Centro de Día para Persoas Maiores de Sabarís e o Centro Juan María para Persoas con Discapacidade Intelectual.

Por último, pero non menos importante, o noso alumnado, tanto da ESO e bacharelato como de ciclos e FP básica.

Recursos materiais

Os recursos materiais empregados neste proxecto son dunha gran variedade, desde os propios dun laboratorio de bioloxía ata os pelouros do río, pasando polos ordenadores do centro ou os móbiles do alumnado, ademais dos proporcionados polo propio Proxecto Ríos. Para un maior detalle, aparecen recollidos os diferentes produtos dixitais no apartado de conclusións.

Descrición da actividade

As actuacións vertébranse fisicamente ao redor de dous pequenos ríos da nosa contorna e de fácil acceso: o río da Groba e o río Baíña. O primeiro, como exemplo de traxecto de río ben conservado e, o segundo, como urbano moi antropizado. De acordo coa metodoloxía do Proxecto Ríos, realízanse un mínimo de dúas inspeccións anuais: unha no outono e outra na primavera, nas que o alumnado toma un papel protagonista, como inspectores de río e logo como monitores ou divulgadores do proxecto.

Á parte de darlle un protagonismo activo ao alumnado, tratamos tamén de implicar colectivos e asociacións como persoas con discapacidade intelectual, persoas maiores de centros de atención, familiares do alumnado (avoas)... que abren a dimensión social do noso proxecto.

Para facilitar o entendemento das estratexias empregadas para desenvolver o proxecto, a continuación degraemos por materias ou departamentos implicados as actuacións máis salientables, aínda que, como se apreciará, gran parte das actividades están interconectadas, co espírito de incorporar as dinámicas xa consolidadas no centro educativo.

Proxecto Ríos e seccións bilingües

Desde as seccións bilingües galego/inglés nas materias de Bioloxía e Xeoloxía de terceiro da ESO e Paisaxe e Sustentabilidade en segundo da ESO e coa participación do asistente lingüístico (Programa de auxiliares de conversa), preparamos os alumnos de terceiro da ESO como monitores para os seus compañeiros e compañeiras de segundo. Xeramos así unha dinámica bianual, na que o alumnado que no curso pasado foi receptor da actividade (rol de alumno) pasa a ser o instrutor (rol monitor, participación activa). Os monitores poden escoller que parte levar a cabo e, ata certo punto, incluír variacións polo que, ao longo dos anos e a través das enquisas, atopamos que as activades que máis gustan dependen en gran medida da actuación do alumnado monitor.

Monitoras e monitores de terceiro de ESO. Río Baíña 2019

Nas clases de Inglés, en especial nas clases de extensión ofrecidas os xoves á tarde, lévanse a cabo actividades de reforzo dos temas tratados en Paisaxe e Sustentabilidade de segundo da ESO e de Bioloxía e Xeoloxía de terceiro: estudo de vocabulario específico, habilidades comunicativas, deseño de modelos fluviais, elaboración dun cómic, gravación e edición de vídeos, xogos interactivos (gamificación)...

Nas clases de Bioloxía e Xeoloxía e Paisaxe e Sustentabilidade, desenvolvéronse os contidos relacionados (bilingüe) e deseñouse o caderno da saída de inspección fluvial.

Proxecto Ríos e formación profesional básica en Actividades Domésticas e Limpeza de Edificios

Actividade de lavadoiros con alumnado de FP básica. Río Baíña 2019

Xunto co alumnado desta titulación deseñáronse unha serie de actuacións, entre as cales destacamos a elaboración de xabón a partir de aceite reciclado e o coñecemento do proceso tradicional de lavado á man de roupa no lavadoiro de Sabarís. Nesta última actividade colaboraron dúas veciñas do municipio, avoas de alumnos do centro, que compartiron connosco os seus coñecementos e vivencias sobre este traballo ancestral, responderon as nosas dúbidas e fixeron unha demostración práctica. Ademais, todo o alumnado tivo ocasión de experimentar, guiado por estas excepcionais mestras, como era esta dura tarefa que, ata hai ben pouco, desenvolveron as mulleres ao longo da historia.

Proxecto Ríos e ciclo superior en Animación Sociocultural e Turística

Actividade con alumnado do Centro Juan María. Río Baíña 2018

Primeiramente, a actuación centrábase no coñecemento dos ríos da contorna e as posibilidades que estes argüían para a seu futuro labor profesional desde unha perspectiva esencialmente teórica; ou sexa, o río como punto de partida para o desenvolvemento de intervencións sociocomunitarias e con diversos colectivos. Desde hai tres anos deuse un paso máis ao implicar entidades de iniciativa social da contorna no proxecto, co fin de pór en práctica esas intervencións que ata o momento só se formulaban nun plano hipotético. Porén, traballouse co colectivo de persoas con discapacidade intelectual do Centro Juan María (Nigrán) e cun grupo de mulleres da terceira idade, usuarias do Servizo de Atención Diúrna de Sabarís, respectivamente, nunha proposta de educación ambiental e lecer consistente nun xogo de pistas por equipos e nun percorrido adaptado pola senda do río Baíña.

Proxecto Ríos e intervencións artísticas desde Educación Plástica e Visual

Actividade de land art de terceiro de ESO co río Baíña, 2019

 

A través das clases da materia en terceiro da ESO, elaboráronse actuacións como: creación carteis publicitarios do Proxecto Ríos, esculturas de insectos e outros macroinvertebrados realizados a partir de materiais reciclados, intervencións artísticas sobre pelouros do río da Groba e a súa colocación nun contorno natural (land art). Todas estas actuacións implicaron unha exposición final no centro educativo.

Proxecto Ríos e Bioloxía e Xeoloxía

Actividade de identificación de macroinvertebrados de primeiro de bacharelato co río Groba, 2019

De xeito complementario, ofrecéselle, atendendo a petición do propio alumnado, a realización de prácticas de laboratorio para a identificación de macroinvertebrados fluviais e o seu emprego como bioindicadores da calidade da auga. Estas prácticas, ademais das titorizadas polo alumnado de terceiro da ESO, realizáronse con cuarto da ESO e primeiro de bacharelato na materia de Bioloxía e Xeoloxía. O alumnado mostrou un grande interese por esta actividade, o cal, ano tras ano, queda sorprendido da enorme diversidade de formas de vida presentes nos nosos ríos.

Proxecto Ríos e as xornadas de acollida ao novo alumnado de centros adscritos

Difusión do Proxecto Ríos na xornada de acollida de 2019

As xornadas de acollida do alumnado adscrito ao noso centro (futuro primeiro da ESO) é unha actividade cunha longa traxectoria e ben consolidada. Nesta visita de alumnos de primaria, o alumnado voluntario da ESO (tanto do club de ciencia como de Proxecto Ríos) dálles publicidade ás actividades realizadas no centro. Unha delas, como non, é o Proxecto Ríos.

Proxecto Ríos e o club de ciencias

O club de ciencias, constituído primeiramente ao abeiro dos Contratos Programa (modalidade 5) e logo dentro da convocatoria específica de Clubs de Ciencia, tutela proxectos científicos baseados na indagación que son propostos polo alumnado ou ofertados polo propio club. Nestes tres anos houbo deseño de proxectos relacionados cos ríos e a dinámica fluvial: maqueta modelo fluvial e o deseño dunha aplicación para recoller os datos das inspeccións de Proxecto Ríos.

Proxecto Ríos e espazos maker

Estamos aínda no primeiro ano e centrados principalmente no equipamento desta aula específica. A irrupción deste proxecto no centro permitiunos desde o Proxecto Ríos realizar, entre outras cousas, a gravación e edición de vídeos croma.

Metodoloxía

A nosa metodoloxía baséase na aprendizaxe colaborativa, que incorpora estratexias propias da aprendizaxe baseada en proxectos, incluídas propostas como flipped classroom, gamificación e aprendizaxe-servizo. Esta metodoloxía axústase a un modelo de enriquecemento curricular e de desenvolvemento das competencias, que non se dá no itinerario ordinario dentro dos espazos e períodos lectivos convencionais e que lle dá un protagonismo pleno ao alumno e á súa realidade inmediata.

A nosa proposta é adaptativa e está, polo tanto, aberta a modificacións e reinvencións que facilitan a súa consecución. As actuacións implican diferentes niveis:

- O profesorado, na elaboración do proxecto, pero tamén durante o curso xa que se realizan reunións de coordinación onde se recolle o estado, as principais incidencias e as modificacións que se consideren oportunas.

- O alumnado do proxecto, nas intervencións conxuntas (saídas de campo, interaccións con outros colectivos).

- O grupo clase, nas diversas actividades realizadas dentro de cada materia e nos tempos e espazos lectivos ordinarios.

- O alumno, posto que o modelo de enriquecemento curricular permite a detección de talentos e favorece o seu desenvolvemento (está aberto a modificacións propostas polo alumnado), ademais o propio alumno pode escoller ou propor actuacións, polo que se conforma como un protagonista activo dentro do proceso.

- Outros colectivos dos que se dispoña no curso escolar, como son: alumnado de centros de educación especial (Centro Juan María), usuarios do Centro de Día para Persoas Maiores de Sabarís, avoas do alumnado de FP básica…

- A comunidade educativa, mediante a difusión do proxecto nas diferentes canles consideradas, que son: web do centro, redeiras e prensa local.

Avaliación

A avaliación realízase mediante o seguimento das actividades, o deseño e realización de enquisas, e nas reunións de coordinación do profesorado implicado.

Realizarase unha actividade de avaliación inicial, especialmente co alumnado novo, para recoller as impresións previas e o coñecemento do tema por parte do alumnado.

Durante as actividades de campo tense en conta: a recollida de información, a implicación do alumnado na actividade, o uso da lingua inglesa nesta (alumnado da sección bilingüe) tanto a través das gravacións en vídeo como do recollido no caderno de campo do alumnado de segundo da ESO.

Ao final das actividades, as propias fichas cubertas do Proxecto Ríos e mais o caderno de campo de cada alumno, a propia produción, a exposición final, as rúbricas específicas deseñadas para cada actividade e, como non, a propia elaboración da memoria final do proxecto, que se difunde como mínimo a través da web do centro.

Conclusións

O traballo desenvolvido ao longo destes anos, reflectido en innumerables experiencias de aprendizaxe, constitúe, sen lugar a dúbidas, un dos sinais de identidade do noso centro. Poucas iniciativas logran conxugar a participación dunha ampla variedade de departamentos didácticos e a incorporación nestas doutros plans e proxectos de centro como o fai o Proxecto Ríos. Trátase, polo tanto, dun proxecto consolidado, integrado e cunha elevada implicación.

Proxecto Ríos consolidouse ao longo dos sete anos consecutivos do Plan Proxecta, durante os que se xerou unha dinámica de traballo en equipo, colaborativo e por proxectos, que nos permitiu desenvolver dinámicas flipped classroom, aprendizaxe-servizo e gamificación.

Por outro lado, o proxecto supuxo, e está a supoñer, unha integración coordinada das súas actividades coas doutros presentes no centro. Grazas a esta integración, conseguimos unificar esforzos no ben común dunha práctica educativa máis diversa e creativa e, polo tanto, estimuladora, tanto para o alumnado como para o profesorado. Tanto é así que, ano tras ano, se van incorporando e adaptando actuacións con outros plans, departamentos, niveis educativos... feito que estamos a presenciar que repercute na implicación de toda a comunidade educativa.

Os produtos finais elaborados e as actuacións desenvolvidas no marco do Proxecto Ríos do IES Primeiro de Marzo aparecen recollidas, cun maior detalle, no apartado da web do centro creado ad hoc para lle dar visibilidade ao traballo realizado: Plan Proxecta/Proxecto Ríos

Vídeo resumo para Premios Proxecta 2019

 

 

Sección: