IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, escola embaixadora do Parlamento Europeo

Programa educativo de Escolas Embaixadoras da Unión Europea

Benigna Vidal Tomé

Xefa do Departamento de Lingua Galega e Literatura

Coordinadora de Bacharelato

IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña)

beni.vidal@edu.xunta.es

Introdución

Desde hai catro anos, o Parlamento Europeo organiza en España o seu programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo. Este programa, que pretende achegar o Parlamento Europeo ao alumnado e ao profesorado, converténdoos en embaixadores da sede da democracia europea, implica:

  • Un traballo na clase sobre o Parlamento Europeo con base nun workbook e outros documentos que facilita esta institución nas catro linguas cooficiais do Estado, así como en inglés e francés.
  • A posta en marcha dun infopoint sobre o Parlamento Europeo no centro.
  • A organización de actividades ao redor do Día de Europa (9 de maio).

Os centros que completan con éxito o programa durante o curso escolar reciben unha placa que os acredita como escola embaixadora, así como diplomas para o alumnado e o profesorado. Ademais, os centros participantes manteñen reunións de formación en Madrid na sede do Parlamento Europeo en España e tamén cabe a posibilidade de que o centro viaxe a Bruxelas ou Estrasburgo cos seus embaixadores.

Contextualización

O IES Plurilingüe Eusebio da Guarda é un instituto centenario que se inaugurou en 1890 e entrou na rede MUPEGA de centros históricos en 2011. No curso 1986/87, comeza os estudos a primeira promoción mixta tras máis de corenta anos de separación por sexos. No curso 2010/11, o instituto convértese en centro plurilingüe e ano a ano aumentan as materias impartidas en inglés tanto na ESO como no bacharelato.

O IES Plurilingüe Eusebio da Guarda é un referente da educación e a cultura, nas súas aulas estudaron personalidades como Pablo R. Picasso, Gonzalo Torrente Ballester, Salvador de Madariaga, Santiago Casares Quiroga, José L. Cornide, Emilio González López, María Wonenburger, Irene Valiño ou M.ª Rosa Saurín. E entre o profesorado figuran José Ruíz Blasco, Xosé Pérez Ballesteros, Víctor López Seoane, Roberto Novoa Santos, Xoán Vicente Viqueira, Antonio Meijide Pardo, Víctor García de la Concha, Felipe Criado, entre outros.

Na actualidade destaca por ter unha das porcentaxes de alumnado máis altas da nosa comunidade (liña catro na ESO e doce grupos de bacharelato de todas as modalidades en diúrno, mentres en vespertino hai tres grupos de ESA e seis de bacharelato, ademais de dous ciclos superiores de Turismo e Guías Turísticas) e polo seu excelente nivel académico (todos os anos o alumnado é merecente dunhas doce matrículas de honra en segundo de bacharelato).

É un centro aberto ás novas propostas, programas e innovacións que hoxe esixe a sociedade, de aí que o Eusebio da Guarda non dubidase en participar neste programa, un novo reto, ser escola embaixadora do Parlamento Europeo.

Obxectivos

O obxectivo do programa educativo europeo Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo é darlle visibilidade ás actividades lexislativas deste organismo, difundir o coñecemento da Unión Europea e das súas institucións democráticas fomentando a implicación da xuventude nas iniciativas e oportunidades que ofrece a UE. Todo isto nun proceso de modernización e mellora da calidade educativa dirixido a un alumnado que é europeo.

A experiencia de ser escola embaixadora

O IES Plurilingüe Eusebio da Guarda foi elixido no curso 2018/19 para desenvolver o programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo xunto a outros cinco centros da nosa comunidade. Cómpre indicar que o programa foi implantado en principio na Comunidade de Madrid e, dado o éxito, ao cabo de dous cursos estendeuse a toda España,

En outubro de 2018 todos os centros seleccionados como escolas embaixadoras do Parlamento Europeo foron convocados na súa sede en Madrid a unhas xornadas formativas para todo o profesorado implicado, onde os embaixadores séniors dos dous cursos anteriores expuxeron as experiencias levadas a cabo. Son xornadas de confraternidade do profesorado, con dinámicas de traballo en equipo, dinámicas de autobarómetro, talleres de avaliación do proxecto Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo, pero tamén de coñecemento do desenvolvido nos distintos centros e comunidades autónomas para posteriormente levalo á práctica nos respectivos centros de ensino.

No IES Plurilingüe Eusebio da Guarda o alumnado implicado foi o de primeiro de bacharelato da materia de Oratoria. Eles exercerían de embaixadores júnior xa que, formados, podían participar en exposicións e debates sobre as actividades parlamentarias europeas e ademais eran os idóneos para intercambios e concursos de ámbito estatal e europeo dentro deste programa (para viaxar ao Parlamento Europeo esixen unha idade de 17 anos). En total estaban matriculados en Oratoria 60 alumnos, repartidos en tres grupos.

Comezamos coa formación do alumnado no coñecemento de Europa a través das publicacións que nos forneceu a Oficina de Información do Parlamento Europeo. Os contidos didácticos destinados a seren desenvolvidos fóronnos achegados impresos nas linguas que pedimos, no noso caso en galego (pero podían ser en calquera das linguas oficiais da UE), pero tamén en formato dixital. O alumnado da materia de Oratoria podía poñer en marcha na aula os diferentes modelos de debate e oratoria que se implementan nos diferentes sistemas educativos do mundo: modelo Nacións Unidas, Parlamento Europeo, Parlamento Británico e Debate Académico.

Ao pouco comezaron as presentacións sobre a historia da UE, dos seus distintos tratados, das súas diferentes institucións: o Consello de Ministros, o Consello Europeo, a Comisión Europea e o Parlamento Europeo. En cada grupo formamos varios equipos aos que lles asignamos diferentes misións: os encargados de buscar un lugar estratéxico no instituto para darlle visibilidade ao infopoint, centro de información do programa, o seu consello de redacción que peneiraría a información que se ía expoñer, os reporteiros gráficos que farían publicidade coas súas imaxes... O resultado foi que en novembro o xornal La Opinión A Coruña sacaba en portada o grupo dos embaixadores do Eusebio porque xa se estendera a actividade por toda a comunidade educativa, que era un dos obxectivos.

La Opinión: O Eusebio da Guarda mira a Europa

Como consecuencia de que o programa saíse na prensa, recibimos distintas invitacións doutros medios de comunicación para falar desta experiencia. Así, Europe Direct A Coruña (medio do que non tiñamos coñecemento e que é o centro oficial de información da Comisión Europea pertencente á Deputación da Coruña) convidounos para que lle explicásemos o programa e dar eles tamén publicidade deste a través da súa páxina web e do seu Twitter.

Outro dos obxectivos do programa é coñecer os nosos representantes en Europa, os eurodeputados, así como a todos aqueles que están implicados nas distintas institucións do Estado. O primeiro en aceptar a nosa invitación foi o eurodeputado polo PSOE José Blanco López, que participou nunha charla-coloquio no salón de actos de extraordinaria importancia porque os embaixadores júnior puideron comprobar de primeira man como se traballa no Parlamento Europeo e en que comisións desenvolve a súa actividade en Europa o eurodeputado, presentáronlle as súas preguntas e o resultado foi que Europa semella máis cerca, que, en definitiva, é tamén o que se pretende.

Charla-coloquio co eurodeputado José Blanco

Fomos convidados por Europe Direct A Coruña a unha charla-coloquio, «A UE a debate: O futuro de Europa», entre o representante do PP, Francisco Millán Mon, e o representante do PSOE, José Blanco López, na Deputación da Coruña e de novo puidemos coñecer as implicacións dos nosos eurodeputados nas distintas comisións que dirixen. O alumnado estivo moi atento ao desenvolvemento da charla e ás preguntas do auditorio.

O infopoint ía cambiando a medida que se renovaban as noticias. Ademais, o alumnado quería darlle visibilidade a todo o que ocorría en Europa e que o instituto fose sabedor, por iso comezamos a traballar nas dez prioridades da Unión Europea: un novo pulo para o emprego; un mercado único dixital conectado; unha unión da enerxía resiliente cunha política climática prospectiva; un mercado interior máis xusto cunha base industrial fortalecida; unha unión económica e monetaria máis profunda e máis xusta; un acordo de libre comercio razoable e equilibrado cos EUA; un espazo de xustiza e dereitos fundamentais baseado na confianza mutua; cara a unha nova política migratoria; un actor máis potente no escenario mundial e unha unión de cambio democrático. O alumnado preparou en grupo estas prioridades facendo presentacións en PowerPoint e logo debates. Finalmente, eles mesmos podían autobaremarse e recoñecer a mellor presentación e o gañador do debate. Esta vez, dobre obxectivo cumprido: Europa máis cerca e coñecida e o alumnado de Oratoria máis solto e confiado nas súas destrezas como oradores.

Prioridades de Europa

En decembro recibimos a visita de Horacio Díez, coordinador do proxecto Escolas Embaixadoras do PE en Madrid, que mantivo unha charla-coloquio cos embaixadores júnior á vez que interactuou con eles nunha serie de talleres e dinámicas de grupo relacionadas coas institucións europeas. O coordinador interesouse pola marcha do infopoint, a repercusión do proxecto nos medios de comunicación e as actividades levadas a cabo.

Ao comezo do novo trimestre, organizamos unha eurocharla cos responsables e bolseiros de Europe Direct A Coruña sobre «Que fai Europa por min?». Por primeira vez, o alumnado podía escoitar testemuñas de mozos de distintos países da Unión Europea falando das súas experiencias, como o interraíl, as bolsas que proporciona a UE, os Erasmus, as ofertas de traballo etc.

A partir de xaneiro comezamos a colaborar coa campaña que lanzou a UE # Esta vez voto # EU Elections 2019, tratando de publicitar as eleccións que ían ter lugar en maio de 2019. Fixemos para iso un novo infopoint, esta vez situado na entrada principal do instituto para darlle visibilidade á chamada á cidadanía a votar con slogans como: «Non penses que é algo afastado!» ou «A UE está no teu día a día».

En febreiro, cincuenta alumnos de primeiro de bacharelato, moitos deles embaixadores júnior, realizan un intercambio cultural co Instituto ITES Pasoli de Verona en Italia, co que se pode constatar a importancia dos intercambios internacionais para a xuventude pola relación directa con alumnos da súa mesma idade pertencentes a outro país e para tratar de coñecer a súa cultura e as diferentes tradicións. Alí o «president» do ITES Pasoli faloulles aos cen alumnos do intercambio de Europa, non só como unha unidade económica, senón como unha unidade europea dos pobos na que prime a mellora das condicións de vida e o respecto ás peculiaridades de cada país. Sandro Turri fixo un chamamento á xuventude: «Non escoitedes os nacionalismos, sigamos co intercambio entre os pobos de Europa, a unidade faranos máis fortes».

 Intercambio con Italia

Unha experiencia xenial, a do intercambio con Italia; era o terceiro ano que iamos a Italia, porque o alumnado constata o que falamos na clase: Europa está cerca e nós somos Europa.

O infopoint do segundo trimestre encheuse de noticias do Brexit, cada día chegaban novas declaracións da Comisión Europea, do seu presidente Jean-Claude Juncker, por un lado, e do Reino Unido e a súa presidenta Teresa May, polo outro. O alumnado facía agora presentacións sobre o Brexit e debates sobre en que nos afectaría a saída do Reino Unido da UE.

A seguinte toma de contacto con representantes da Unión Europea foi a visita ao instituto de Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores coa UE e director da Fundación Galicia-Europa, o cal mantivo unha charla-coloquio cos embaixadores júnior de primeiro de bacharelato. O alumnado mostrou interese por toda a información que fornecía o Sr. Gamallo, un político do Partido Popular que leva traballando moito tempo nas institucións europeas. Posteriormente mantivo un coloquio co alumnado onde a preocupación foi cara á saída do Reino Unido da UE e as posibles consecuencias para España e, concretamente, para Galicia.

As nosas actividades tiñan eco nos medios de comunicación e así foi como unha mañá a Radio Galega retransmitiu desde o Eusebio da Guarda. Entrevistou a algúns dos embaixadores júnior e á coordinadora sobre estimular o coñecemento de Europa e da democracia europea entre a xente nova; tamén deu conta das actividades desenvolvidas e das que se estaban a traballar: o cambio climático, a inmigración, os plásticos... Dos convidados polo instituto que falaron de Europa, da celebración do día 9 de maio, Día de Europa, e das próximas eleccións ao PE. Unha experiencia fantástica para o alumnado, que vía que o seu traballo tiña eco na sociedade.

O seguinte convidado polo grupo de traballo Escolas Embaixadoras foi o alcalde da Coruña por En Marea, Xulio Ferreiro, que mantivo unha charla-coloquio co alumnado co título «Que fai Europa por nós?». O alcalde faloulles do aproveitamento enerxético e explicoulles que A Coruña captou 25 millóns de euros da UE para proxectos de naturalización da contorna e fomento da innovación e aproveitamento enerxético, sen esquecer contarlles a súa viaxe a Bruxelas co gallo da presentación da Axenda 2030.

Charla-coloquio co alcalde da Coruña

O coloquio co alcalde foi moi interesante porque o alumnado puido dialogar co máximo representante da cidade e comprobar que moitas das accións levadas a cabo nela se deben aos fondos da UE.

O 9 de maio celebrouse o Día de Europa e os actos programados comezaron a primeira hora no instituto, acontecemento do que deu conta a nosa páxina web. Subiuse un vídeo, Percorrendo a UE, feito polo alumnado de primeiro da ESO da materia de Sociais que o día anterior presentaran os embaixadores júnior no salón de actos. O instituto estaba adornado con globos azuis e brancos e soaba o himno de Europa mentres se repartían pulseiras e chapas alusivas á UE entre o alumnado. No recreo saímos á praza de Pontevedra para tratar de lle dar visibilidade ao Día de Europa e seguimos repartindo pulseiras, chapas e tamén globos entre a cidadanía. Para rematar concentrámonos ao redor da Pomba de Picasso na praza e despregamos a bandeira azul da UE erguendo os globos que levabamos.

Na entrada do instituto o infopoint daba conta da celebración, agora tamén coa maqueta de Europa que elaborou o alumnado de primeiro da ESO.

Para completar as actividades, no cazatesouros.blogspot.com, a catedrática de Lingua Galega e Literatura M.ª Rosario Soto Arias publicou o artigo 9 de maio: Día de Europa. Somos europeos. Mais somos europeístas?, onde daba conta do noso programa, pero tamén dunha enquisa realizada entre o profesorado: Dáme dúas razóns para ser europeísta. Somos europeístas?

O seguinte evento foron as eleccións europeas 2019 realizadas en maio. O noso alumnado fíxose eco do único debate levado a cabo en Bruxelas e ao mesmo tempo eles realizaban os seus propios debates representando por grupos, a modo de Parlamento Europeo, os distintos partidos que se presentaban ás eleccións e defendendo os seus programas.

O 20 e 21 de xuño tiveron lugar en Madrid as Xornadas de formación final das Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo, onde houbo unha presentación institucional dos logros do programa EEPE, talleres de avaliación do proxecto EEPE, debate en plenario de conclusións do programa EEPE, asemblea de propostas para mellorar a aprendizaxe de Europa nas escolas con eurodeputados e cerimonia de entrega de placas e diplomas Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo, facendo a entrega Teresa Frontán, da Comisión Europea en España, e Tom Morgan, do Parlamento Europeo.

 Entrega de placa e diplomas á coordinadora en Madrid

Remataba así un ano de traballo intenso como escola embaixadora do Parlamento Europeo, os obxectivos estaban acadados: o instituto tiña a acreditación ao lograr a placa de EEPE, o alumnado e o profesorado, o diploma como embaixadores, e a coordinadora, unha certificación do Parlamento Europeo de 50 horas.

Nunha cerimonia realizada no salón de actos do instituto, o alumnado recibiu de mans da coordinadora Benigna Vidal Tomé os diplomas de recoñecemento como embaixadores júnior do Parlamento Europeo.

Entrega de diplomas ao alumnado

E como broche de ouro, o eurodeputado Francisco Millán Mon convidounos a visitar o Parlamento Europeo en Bruxelas o vindeiro curso.

Metodoloxía

A aplicación do programa levouse a cabo co alumnado de primeiro de bacharelato da materia de Oratoria, que é unha optativa dunha hora semanal e que nós consideramos idóneo para implantalo xa que, á vez que se formaban na disciplina de Oratoria, se formaban tamén como embaixadores do Parlamento Europeo.

A participación activa do alumnado foi fundamental, permitiu levar a cabo os obxectivos que se pretendían do programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo, ademais de poñer en práctica as diferentes posibilidades que ofrece a disciplina de Oratoria, facilitando que o debate na aula se convertese en algo máis ca nunha actividade puntual nunha sesión de traballo.

Conclusións

A experiencia resultou moi positiva para todos, pero sobre todo para o alumnado, xa que considerarse protagonistas das escollas para fornecer información da UE a toda a comunidade educativa, protagonistas tamén das exposicións e presentacións ante os compañeiros, protagonistas dos debates que se realizaban a modo dun parlamento de verdade e que sentisen que a súa implicación era recoñecida e ademais tiña eco nos medios de comunicación é algo que paga a pena.

Sen dúbida, isto contribúe á mellora da calidade educativa.

 

Bibliografía: 

 

 

Fontaine, P. (2019). 12 lecciones sobre Europa. Luxemburgo: Oficina de Publicacións da Unión Europea.

Mosteiro García, M. A. (2019). Oratoria. Edicións Xerais.

Oficina de Publicacións da Unión Europea (2015). Diez prioridades para Europa. Luxemburgo.

Oficina de Información do Parlamento Europeo (2016). Escola Embaixadora do Parlamento Europeo. Madrid.

Oficina de Publicacións da Unión Europea (2017). La UE & yo. Luxemburgo.

Oficina de Publicacións da Unión Europea (2019). La Unión Europea. ¿Qué es y qué hace? Luxemburgo.

Oficina de Publicacións da Unión Europea (2019). La UE en 2018. Luxemburgo.

cazatesouros.blogspot.com

Máis información:

WWW.europarl.es

https://www.facebook.com/ParlamentoEuropeo.ES

https://twitter.com/#!/PE_Espana/

https://instagram.com/pe_espana/

http://www.flickr.com/photos/parlamento_europeo_madrid

www.dacoruna.gal/europedirect/

 

 

Sección: