Novas tecnoloxías?

 

Moitas veces, a xente non sabe o que quere ata que llo ensinas.

Steve Jobs

 

Aproveitando que Gonzalo Martín está en Galicia colaborando no proxecto Inverbis da USC, destinado ao desenvolvemento de algoritmos de minería de datos para a análise de procesos, tiramos do seu saber, un saber, ademais, bastante interdisciplinar, para establecer unha grata conversa sobre o ensino, as chamadas novas tecnoloxías e a non sempre sinxela vinculación da academia coa empresa.

Como é natural, o noso experto tiña boas e malas noticias que trasmitir; pero todo iso dentro dun marco de progreso tecnolóxico exponencial e certamente esperanzador. «As cousas tenden a facerse ben», cóntanos Gonzalo Martín, as universidades traballan eficientemente con redes de carácter marcadamente multidisciplinar e ofrécenlle ao panorama laboral solucións viables, innovadoras e a miúdo eficaces. Persisten, non fai falta dicilo, mandarinatos administrativos que dificultan as cousas, pero aí tamén estamos aprendendo a soltar lastre.

En canto a ese constructo que na escola chamamos TIC, enseguida nos asalta a pregunta tantas veces repetida, que ensinar?, aquilo que se chamaba en tempos xa arcaicos informática a nivel de usuario ou outras cousas? Para Gonzalo Martín, calquera que nacese despois de 1995 consideraría incomprensible a pregunta. A mocidade medrou xa nun mundo altamente tecnolóxico, intuitivo, eles mesmos ocupan o seu ocio xogando en redes colaborativas, en definitiva, o manexo do software non é o problema. Trátase máis ben de articular a mente coas ferramentas esenciais da aprendizaxe. Se falamos de TIC, deberiamos falar de adestrar a imaxinación en elementos de programación específicos, «disciplina e lóxica son boas para todo o mundo», nos di. Antes tiñamos o xadrez, agora temos máis cousas.

Dous apuntamentos máis, deberiamos considerar imprescindible, polo menos, a comprensión dos fundamentos das matemáticas —«ensínanse mal e gózase pouco delas»— e a historia das ideas e do pensamento. É dicir, todo aquilo que axuda a interpretar o que ocorre para actuar con intelixencia sobre iso unha e outra vez. Pero para isto hai que saber de que se está falando, iso é o que en realidade nos produce felicidade e devén en eficacia.

Neste sentido, traballando cun alumnado gamer que manexa con solvencia a información a través de pantallas táctiles, os que vimos de tempos nos que as imaxes e os sons eran bens escasos que dependían dunha programación, temos que ser quen de transmitir que hoxe en día todos levamos no peto un apéndice da nosa vida, unha ventá ao mundo, que é o teléfono móbil. Alí repousa, a un clic, a Enciclopedia Británica e todo o que queiramos poñer detrás, nesa «abundancia radical» de información, datos, imaxes e sons que a humanidade xamais puidera gozar antes; o soño da Biblioteca de Alexandría da que sentía morriña Jorge Luis Borges feito finalmente realidade. Podemos formarnos en liña a demanda das nosas necesidades mediatas e inmediatas, podemos, pois, aprender facendo, este é o verdadeiro signo dos tempos. Así, para a pregunta de que novas tecnoloxías debo aprender, a resposta correcta é «as que necesites». Non hai «nova tecnoloxía», hai a vixente en cada momento e é un mundo, ademais, certamente cambiante e volátil. E, en fin, haberá que poñerlle imaxinación e creatividade ao que se emprenda, o resto parece que o farán as máquinas.

 

 

Sección: