Eu SON ti: Alcaldesas

Eu SON ti: Alcaldesas foi un proxecto presentado no marco do Plan Proxecta (Donas de si) no curso 2018/19. Nel buscouse, búscase e buscarase crear espazos colectivos sensibles onde a diversidade e a igualdade entre homes e mulleres sexan un dereito individual que constrúa cidadanía, onde as mulleres sempre sexan donas de si. Neste proxecto desenvolveuse unha serie de intervencións coeducativas que subliñan a importancia de educar na sensibilidade desde a sensibilidade, onde está implicada toda a comunidade educativa do CEIP Heroínas de Sálvora e onde o feminismo é un motor de enerxía e compromiso de transformación persoal e social. Así mesmo, unha parcela protagonista foi o proceso de realización das primeiras eleccións de alcaldesas e alcaldes da nosa escola, facéndoas coincidir coa primeira vez que puido votar a muller no Estado, o 19 de novembro, seguindo o legado de Clara Campoamor.

Equipo de Innovación do CEIP Heroínas de Sálvora
Integrado por todo o claustro a través dos distintos equipos de dinamización, departamento de orientación, xefatura de estudos e coordinacións de comunidades.
ceip.heroinas.salvora@edu.xunta.es

 

Contextualización

Este proxecto enmárcase dentro da convocatoria do Plan Proxecta Donas de si e foi desenvolvido no CEIP Heroínas de Sálvora (Aguiño, Ribeira) durante o curso 2018/19.

Eu SON ti: Alcaldesas materializa a necesidade de dar resposta ás eivas dunha sociedade construída con patróns sexistas con dramáticas consecuencias diarias (acosos, maltratos, asasinatos...); respostas concibindo a escola como un escenario micropolítico e microsocial no que, como profesorado e, por extensión, comunidade educativa, temos a responsabilidade de intervir desde os nosos roles (equipo directivo, especialistas, titorías, departamento de orientación...).

A nosa escola está situada no litoral galego, o que implica que unha elevada porcentaxe das familias desenvolven a súa actividade profesional ligada ao mar. En termos xerais, moitos pais son mariñeiros que pasan longas tempadas embarcados e as nais adoitan traballar en fábricas, de redeiras, no marisqueo... polo que podemos falar de sectores masculinizados e feminizados.

Observando espazos de xogos representativos, rexistramos situacións onde se reproducen escenas nas cales os patróns sexistas están presentes: escenas domésticas, de profesións... Unha cuestión que nos chama a atención é, no caso de familias que teñen un fillo e unha filla, que os nenos amosan comportamentos máis fortes e as nenas máis submisos, pois os esquemas educativos son distintos. As actividades extraescolares ás que adoitan ir no seu tempo de lecer tamén están masculinizadas ou feminizadas habitualmente. Debemos apuntar que na parroquia de Aguiño existen equipos de fútbol femininos ou mixtos; aínda así, a presenza das nenas é anecdótica e sometida aos considerados estereotipos masculinos.

Outra cuestión que nos preocupa moito é o feito, que observamos e que nos transmiten desde o instituto de referencia, dos patróns sexistas que veñen reproducindo os/as adolescentes: submisión das rapazas, control dos rapaces (agravado polas redes sociais...), unha sexualidade de servidume para seren aceptadas... Isto fainos sentir máis firmemente que debemos traballar este tema desde infantil e primaria (reflexionando sobre o consumo cada vez máis prematuro de pornografía, coidando o uso da linguaxe sexista e homofóbica...). Consideramos que a educación afectivo-sexual debe estar presente desde o seu nacemento, polo que o papel da familia é fundamental. Por esta razón, a nosa escola de familias pon o acento continuamente nestas cuestións.

Debemos sinalar que a realidade apunta á influencia de elementos e circunstancias preocupantes aos que está exposto continuamente o noso alumnado (carente da madurez precisa) cada vez desde idades máis temperás sen ser consciente dos seus riscos, onde se detectan patróns sexistas dos que mama na súa formación como cidadáns. Polo tanto, a nosa realidade socioeducativa pon de manifesto que o impacto do mal uso e abuso das TIC está sendo un agravante en distintos ámbitos. No tema que nos ocupa detectamos xogos multimedia nos que está presente a violencia, patróns sexistas... o acceso á pornografía, bombardeo de imaxes estereotipadas, música con letras e videoclips cheos de contidos sexistas, foros que atentan contra a diversidade afectivo-sexual... Este é un dos temas que máis nos preocupa como educadores, pola propia inxección de valores contrarios aos idearios de igualdade e pola dificultade de intervención fóra da escola.

A pesar desta situación, debemos dicir que actualmente a resposta das familias cando se lle fai algunha proposta para traballar en materia de igualdade e diversidade é moi satisfactoria. A isto súmase a importancia da formación dunha comisión de igualdade e diversidade, dentro do proxecto Escola Aberta, onde participan activamente varias familias e á que se suma cada curso un maior número.

Un feito salientable foi a aprobación hai dous cursos do plan de igualdade e  diversidade da nosa escola. Esta aprobación e a súa implementación implicou por parte do profesorado a revisión dos contidos que imparte, das súas actitudes, prexuízos e mesmo da linguaxe que emprega, transversalidade das distintas temáticas, deseño de intervencións... Podemos apuntar que a maioría do alumnado vive con naturalidade todas as propostas ás que é invitado: exposicións, intervencións artísticas, asembleas pola cidadanía, charlas, documentais... Aínda así, en espazos como os faladoiros diarios detectamos algúns casos de nenos/as que manifestan actitudes e comportamentos sexistas. Súmase a necesidade de intervención nas horas de patio, onde observamos a colonización masculinizada de xogos como o fútbol. Este curso reorganizáronse os espazos e tempos de fútbol buscando democratizar o patio, diversificando as oportunidades de xogo, perseguindo a idea de falar de patios inclusivos.

De xeito moi consciente  e específico, traballamos o tema da violencia de xénero dun xeito poliédrico: desde distintos puntos de vista dos axentes participantes e responsables (muller maltratada, persoas maltratadoras, sociedade, institucións, fillos/as, familiares, axentes silenciadores...). Atendendo á realidade da nosa escola, podemos dicir que a finalidade que nos marcamos en materia de igualdade e diversidade cara a toda a comunidade educativa pretende construír un espazo libre de prexuízos que busca a igualdade entre homes e mulleres e o respecto pola diversidade afectivo-sexual, colaborando desde a escola na construción e no desenvolvemento dunha sociedade e dunhas relacións interpersoais baseadas no recoñecemento e respecto da individualidade, da singularidade e dos dereitos de toda persoa. Como pano de fondo deste proxecto latexa constantemente a necesidade de aceptar, respectar e valorar as características das outras persoas, sen deixarse influír por ningún tipo de actitude discriminatoria en relación co sexo, coa orientación sexual e coa identidade de xénero.

Presentación do proxecto Alcaldesas: Eu SON ti

Eu SON ti é un xogo de palabras onde os pronomes persoais evocan a individualidade (eu, ti) e a colectividade (SON, se cambiamos a orde das letras é NÓS), polo tanto, durante todo o curso buscouse a reflexión individual e colectiva, creando espazos de sensibilidade, de empatía... espazos onde a escola teña as paredes de pel, as paredes dunha escola habitada por axentes de cambio e transformación. Deste xeito, este proxecto puxo o acento na perspectiva de xénero tratada de múltiples maneiras e, por outra banda, traballouse de xeito consciente a sensibilidade, orquestrando todos os recursos dispoñibles, salientando os procesos artísticos e creativos desenvolvidos (exposicións, instalacións artísticas, deseño de materiais, representacións teatrais...).

Alcaldesas deu vida ás primeiras eleccións que realizamos no mes de novembro, onde votamos para elixir a alcaldesa e o alcalde da nosa escola. A iniciativa de ter un alcalde e alcaldesa xurdiu, a finais do curso 2017/18, no consello escolar de nenos e nenas. A data de votación elixida foi o 19 de novembro, coincidindo coa primeira vez que a muller puido votar no Estado. Previamente a estas eleccións, traballamos todo o relacionado con este feito histórico, a figura de Clara Campoamor,  todo o que implica un proceso democrático de eleccións. Dedicáronse espazos de reflexión a falar sobre os postos de presidencia, xerencia, direccións... cunha cobertura masculina xeneralizada, deste xeito traballouse o teito de cristal. A posteriori, durante todo o curso, a alcaldesa e o alcalde coxestionaron distintas cuestións sobre a vida e funcionamento da escola: visto e prace das propostas do consello escolar de nenos e nenas, organización de concellerías… Foi unha experiencia realmente interesante, tanto o proceso de preparación do proceso electoral (preparación de carteis, presentación de candidaturas...) como o día das eleccións (urna, censo, reconto de votos...), e logo contar coa figura dunha alcaldesa e dun alcalde.

Tras avaliar esta experiencia, decidimos que as eleccións terían unha proxección plurianual e se repetirían cada curso, co que Alcaldesas pasa a ser un símbolo que reivindica a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres na nosa escola. Durante todo o curso, ademais destas eleccións, sumáronse múltiples dinámicas, acontecementos… encadrados dentro deste proxecto.

O proxecto anual de innovación que engloba a toda a escola titulouse Faros: fotogramas salgados. Neste marco traballamos o cine e puxemos o acento na súa vertente máis social para potenciar a reflexión, a sensibilidade, a empatía... Isto implicou traballar temáticas como estereotipos, violencia machista, diversidade afectivo-sexual, así como a perspectiva de xénero no mundo do cine e o ofrecemento de referentes galegos, estatais e internacionais. Este proxecto implicou facer un rastrexo no mundo audiovisual de películas onde a perspectiva de xénero, a diversidade afectivo-sexual, a sensibilidade cara a distintas temáticas sociais… estivesen presentes: Billy Elliot, Os nenos do coro, A gran idea de Binta, Quero ser como Beckham, Tomboy... Salienta a investigación sobre os debuxos animados Barbapapás (serie dos anos setenta dunha familia onde o pai é rosa, a nai negra…).

Como xa dixemos, Eu SON ti subliñou e puxo o acento na sensibilidade, como pasaporte para pórse na pel das demais persoas no ámbito xeral e focalizando na perspectiva de xénero en particular: mulleres maltratadas, persoas homosexuais, persoas transexuais, nenos e nenas vítimas da violencia de xénero, mulleres non recoñecidas en distintos ámbitos, coidadoras...

Os obxectivos que perseguiu este proxecto teñen como pano de fondo o noso proxecto educativo e o plan de igualdade e diversidade, e de xeito específico, os asociados a cada intervención (proceso de eleccións, as artísticas...).

Eu SON ti: Alcaldesas desenvolveuse nas etapas de educación infantil e educación primaria, deuse cobertura aos 207 nenos e nenas matriculados e implicouse todo o claustro (20 mestres/as), así como todos os departamentos e equipos de dinamización, organizados a través do equipo de innovación, fuxindo de enfoques fragmentados. A perspectiva de xénero é unha constante que latexa en todas as propostas que se fan, coa idea da busca da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Panorámica das distintas intervencións: aprendizaxe activa

A metodoloxía empregada orquestrou todos os recursos dispoñibles (materiais, humanos...): deseñáronse intervencións adaptadas á comunidade educativa e fusionáronse co día a día, fuxiuse de dinámicas anecdóticas nas que moitas veces se cae facendo soamente obradoiros illados, datas conmemorativas… As estratexias empregadas buscaron implicar activamente, con espírito crítico e transformador, a toda a comunidade educativa.

INTERVENCIÓNS ESPECÍFICAS

- Alcaldesas. No mes de novembro, coincidindo coa primeira vez que puido votar a muller, realizamos as eleccións á Alcaldía. Previamente traballouse o feito histórico, a figura de Clara Campoamor... Deseñouse e creouse un sistema de eleccións onde participou todo o alumnado: presentación de candidaturas, votacións, campaña... Os candidatos que non resultaron elixidos colleron distintas concellerías (Editorial, Axudantes de Infantil, Patio, Deportes...) e creáronse grupos de traballo nos que se anotou todo o alumnado que o desexou. Sen lugar a dúbidas, foi unha experiencia moi enriquecedora para toda a comunidade educativa, polo que a nosa intención é repetila nos vindeiros cursos.

- Almofadas. Deseñouse unha exposición que foi máis alá do contemplativo. Creouse un espazo de diálogo, debate, reflexión... a través dun relato no que as almofadas foron as protagonistas. Este obxecto da vida cotiá presentou a historia real dunha muller maltratada que rematou nun psiquiátrico. O elemento inspirador foi o feito de que, dunha malleira do marido maltratador, quedou sen a posibilidade de ter máis fillos. Da tristeza enfermou e no psiquiátrico simulaba ter un parto todas a noites. Todas as mañás envolvía unha almofada nunha mantiña e mostraba o seu bebé todos os días. Esta exposición xogou cun relato dual. Por unha banda, narrouse unha historia de amor onde as almofadas representaron capítulos de felicidade e, por outra, unha historia de violencia con continuas escenas de maltrato. A comisión de igualdade de familias colaborou activamente.

- Ruarte. Modalidade de participación das familias que foron invitadas a facer unha performance pola rúa vestidas de negro (campaña «en negro»), traer sombreiros no Maio da Diversidade. Traballáronse distintas cuestións a través de carteis da campaña: feminismo, igualdade...

- Mural Donas de si. No muro exterior pintáronse unha serie de mulleres inspiradas na obra de Luis Seoane. Cada muller representa a muller nos distintos ámbitos do coñecemento: ciencias, literatura, deporte, conserveiras...

INICIATIVAS DO ALUMNADO POÑENDO O ACENTO NO APODERAMENTO

- Patinetes pola igualdade. Preparáronse carteis de «mulleres libres e fortes» que se colgaron nos patinetes que o alumnado trae ao centro para usar na hora do patio.

- Té das Meninas. Preparouse té os xoves no Café Teatro do Barrio. Representouse a vida da infanta Margarita, como foi obrigada a casar co seu tío Leopoldo, como foi nai moi nova... Esta historia serviu para falar do papel das princesas na literatura, na historia real... Podemos dicir que foi unha iniciativa de antiprincesas.

- Obradoiro de cueiros. Unha alumna aprendeu a poñer cueiros a persoas maiores coa súa nai, que é enfermeira. Esta alumna formou un grupo de alumnado e crearon un obradoiro no que se apuntou quen quixo. Reflexionouse sobre o papel da muller nos coidados dos bebés, das persoas dependentes con diversidade funcional, das persoas enfermas, das persoas maiores...

-Café do ornitorrinco. Preparouse o café os martes no Café Teatro do Barrio. Reflexionouse sobre o apoderamento das mulleres e o apoio ás iniciativas, así como sobre a importancia da linguaxe inclusiva.

-Espantallar. Peza teatral onde se falou da diversidade afectivo-sexual a través duns espantallos.

- Marcela e Elisa. Perfomance onde se representou a súa historia de amor.

INTERVENCIÓNS POÑENDO O ACENTO NA SENSIBILIDADE A TRAVÉS DA REFLEXIÓN

- Xente «h». Nesta intervención buscouse a reflexión de toda a comunidade educativa sobre a falta de sensibilidade no ámbito xeral ante situacións de inxustiza e, en concreto, ante a violencia de xénero. O fío condutor foron os esqueletos das cadeiras, en concreto a súa silueta en forma de «h». Semana tras semana, estas cadeiras situadas no patio foron sufrindo transformacións buscando visibilizar a evolución da involución, como pasamos da bidepestación a volver a ter catro patas. Puidemos observar como foi mudando o noso esqueleto por mor da insensibilidade.

TRANSVERSALIDADE: ACCIÓNS DIARIAS E PERIÓDICAS

- Faladoiros (espazos de diálogo que se levaron a cabo diariamente en todos os grupos referenciais). Neles tratáronse infinidade de temas relacionados coa convocatoria que nos ocupa: roles, conflitos, referentes, análise e debate sobre novas, reflexión sobre xogos e xoguetes, reflexión sobre o contido dos contos...

- Inclusión nos ambientes de aprendizaxe (a escola ten acondicionados distintos ambientes aínda que se traballe baixo o prisma de globalización). Por exemplo, o barrio onde se poden detectar prexuízos atendendo a roles… Inaugurouse un espazo dedicado a punto de información da muller, onde o alumnado podía atopar información sobre distintos temas: maltrato, enfermidades, lactación... (na súa maioría recollidos no CIM e no hospital, recompilados pola comisión de familias). O ambiente de Aquelar, onde se representan distintos roles da vida cotiá: salientan espazos de coidados de bebés, o salón de peiteados, a carpintería... así como o desenvolvemento de tarefas asociadas ao ámbito doméstico (limpar, pasar o ferro...), no cal observamos como van mudando roles tradicionalmente masculinizados ou feminizados.

- Xogaron un papel importante os ateliers, con distintas linguaxes artísticas presentes en moitos dos espazos das escola, potenciando a creatividade como resolución de conflitos.

- Aposta do Departamento de Orientación con ambientes  (Espellos, Ágora e Procesos) nos que atopamos recursos relacionados coa intelixencia emocional, a coeducación, a sensibilidade... (autocoñecemento, xestión emocional, propostas con distintas linguaxes para expresarse…).

- Dentro do noso proxecto Escola Aberta (no que participa activamente toda a comunidade educativa a través de distintas modalidades) tamén estivo presente: mulleres do contorno que nos viñan contar as súas vivencias «anónimas»...

- Ambiente de música e danza, onde se busca a construción dun espazo de expresión e relación (co propio corpo, coas emocións…). Desenvolvéronse periodicamente sesións de danzaterapia e de danzas interculturais durante o Maio da Diversidade.

- Editorial. Espazo de comunicación audiovisual, prensa e radio. Foi unha canle de creación de contidos, difusión, coidado da linguaxe inclusiva... onde a perspectiva de xénero foi unha das grandes protagonistas. O curso pasado fixéronse varios programas dedicados a mulleres deportistas, mulleres coidadoras...

- Rastrexo de recursos: documentación, espazos na rede, contos, xogos, xoguetes...

- Transversalidade. Nos distintos plans de acción e proxectos desenvolvidos ao longo do curso, a transversalidade foi un feito (mulleres pioneiras, apoderamento, mulleres coidadoras, debuxos de emocións a partir de distintas situacións, teatro da persoa oprimida como resolución de conflitos, reflexión sobre os dereitos das nenas en distintas culturas, xogo de roles de privación onde as nenas non poden desenvolver os seus dereitos —por exemplo. Votar—). Sumouse o traballo integrado nas distintas especialidades.

- Aposta pola poesía como manifestación de sensibilidade. A través de proxectos diarios como CoreoGRAFÍAS (palabras que danzan onde se len poemas nos faladoiros) e uniVERSOS (para agasallar con poemas periodicamente a algún familiar, amigo/a...); poemas nos deseños dos distintos carteis...

- Timbre musical. Ciclos dedicados ás mulleres coidadoras, de bandas sonoras de películas, de mulleres con vida de película, ciclos de mulleres de distintas culturas...

DESEÑO DE MATERAIS

- Caixas de investigación para as familias. Estas caixas viaxaron semanalmente ás casas do alumnado con invitacións a realizar distintas dinámicas (debuxos, receitas, investigacións...). Todas elas tiveron como nexo común a perspectiva de xénero:

  • Maleta de mulleres científicas:  A través de biografías de mulleres científicas invitouse a facer distintas investigacións sobre curiosidades de animais.
  • Colos: As familias puideron gozar dunha recompilación de obras de arte de maternidades e paternidades, xunto cun libro de fotos de paternidades e cancións de berce. Súmase material de curiosidades sobre paternidades no mundo animal.
  • Receitas con estrela: Ponse de manifesto o papel da muller nas cociñas e a súa invisibilidade no ámbito social.

- Caixas de investigación para os ambientes. Por exemplo, sobre mitoloxía, onde se poñen de relevo historias de mulleres e as súas andainas.

- Habitantes. Perseguimos a idea de construír unha escola habitada. Por unha banda, coa súa humanización, coas pegadas de toda a comunidade educativa e, por outra, dotando os espazos de habitantes sen cargas sexistas, con deseños amables... Foi un esforzo importante o que se fixo, xa que implicou investigar, rastrexar, mercar, deseñar, elaborar (bonecas de Frida Khalo, as namoradas Elisa e Marcela...). Como exemplos, podemos citar nos distintos ambientes as persoas habitantes conectadas coas súas identidades:

  • Palabras: fadas (sen estereotipos), Barbapapas e familia de indios/as.
  • Aquelar: Barriguitas, bebés...
  • Atelier: criaturas surrealistas.
  • Construcións: Meninas, Cascanoces e matrioskas.
  • Natureza: animais animados.

- Postais para o servizo de Correos da escola.  Con deseños inspirados na mitoloxía, Rosalía de Castro, campañas de sensibilización de temas sociais...

- Materiais de difusión: carteis, autoadhesivos, informes, contidos da Editorial... O deseño coidado de carteis con obras de artes e poemas é un sinal de identidade da nosa escola. Este recurso foi traballado en todos os grupos referenciais e presentado ás familias.

- Charla formativa sobre educación afectivo-sexual. Para familias (escola de familias), alumnado e profesorado, xunto coas distintas sesións da escola de familias onde se tratou este tema constantemente (asociado ás redes, aos videoxogos...).

Avaliación e conclusións

A avaliación entendémola como un proceso de reflexión conxunto e de reformulación cara a futuras intervencións, así como a análise do seu impacto e transcendencia na comunidade educativa. De xeito paralelo, avaliamos o desenvolvemento do noso plan de igualdade e diversidade, xa que están intimamente conectados. Focalizamos a atención sobre o avance de consecución dos obxectivos, o avance no desenvolvemento do plan de igualdade e diversidade, o grao de implicación da comunidade educativa: profesorado, alumnado, familias, comisión e outras implicacións da comunidade,  a idoneidade dos recursos orquestrados: humanos, espaciais, temporais, materiais..., as reflexións asociadas ás distintas intervencións artísticas, as dinámicas nas que no seu deseño tivemos en conta a presenza da sensibilidade, a transversalidade da perspectiva de xénero en todas as dinámicas da escola.

Ao avaliarmos o proxecto podemos falar de feitos que visibilizan a súa transcendencia e impacto na nosa realidade educativa. A súa avaliación, en xeral, foi moi satisfactoria. As conclusións van encamiñadas a reafirmar a propia necesidade destes feitos:

- Implicación de toda a comunidade: familias, persoal non docente, outras escolas, outras institucións, asociacións...
- Revisión continua da práctica docente: selección de recursos, linguaxe inclusiva, deseño de ambientes de aprendizaxe, deseño de materiais...
- Formación da comisión de familias de igualdade e diversidade: xunto coas actuacións das outras comisións que contribúen a intentar construír unha escola libre de machismo, violencia...
- Dinámicas con proxección plurianual que pasan a formar parte do noso ADN no proxecto educativo: realización das eleccións de alcaldesas nos vindeiros cursos... Cada curso xorden máis proxectos neste - eido e hai que salientar as que saen das iniciativas do propio alumnado a través das actividades de autoxestión.
- Creación de espazos e tempos onde se lle dá voz e voto ao alumnado: consello escolar de nenos e nenas, faladoiros, clubs, alcaldía, comisións mixtas...
- Aproveitamento dos recursos existentes dotándoos de cultura coeducativa: timbre musical, Editorial, acondicionamento de ambientes...

Queremos rematar a panorámica do noso proxecto Alcaldesas: Eu SON ti manifestando o noso desexo de que teña unha proxección plurianual e de continuidade, comprometéndonos como comunidade educativa a avanzar no obxectivo de que todas as mulleres sexan donas de si.

 

Bibliografía: 

 

 

Elmert, S. (2018). 100 mujeres que cambiaron el mundo. Barcelona: RBA libros.

Rodríguez Rodríguez, Anair (2018). Pioneiras: galegas que abriron camiño. Vigo: Xerais.

Rodríguez Rodríguez, Anair (2018). Pioneiras 2: galegas que abriron camiño. Vigo: Xerais.

Ruiz Ruiz, Isabel (2016). Mujeres. España: Ilustropos.

Sección: