Ensinar e aprender a través da fotografía

Erasmus: en primaria, tamén se pode
Os programas de Erasmus+ tamén están pensados para os centros de educación infantil, primaria e secundaria, e o noso centro está a participar nun proxecto KA229. É unha oportunidade para coñecer outros países, outras culturas, mellorar as habilidades sociais, outro idioma e o uso das ferramentas TIC. Unha oportunidade, para coñecer outras realidades, nin mellores nin peores, senón diferentes á nosa. A fotografía serve para ensinar e aprender.

Ana Belén Castro Rodríguez
anbecaro@edu.xunta.es
CEIP Bergantiños-Carballo

 

O CEIP Bergantiños está situado na localidade de Carballo (A Coruña) e conta con 675 estudantes de educación infantil e primaria, tanto de zona rural como urbana. O noso centro participa este curso no plan de formación permanente do profesorado (PFPP) coas seguintes liñas de actuación: Edixgal, Robótica, Mindfulness II, así como no PLAMBE, nun Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos en colaboración coa Garda Civil, nun programa ofertado pola asociación Vieiro (habilidades sociais, novas tecnoloxías e prevención do consumo de substancias), no programa PROA, de mellora do rendemento escolar e das competencias matemática e de comunicación lingüística, e de mellora das TIC, programa TEI (titorización entre iguais), entre outros.

O proxecto de Erasmus+ do que formamos parte leva por título Ensinar e Aprender a través da Arte da Fotografía. Decidimos formar parte deste proxecto coa intención de mellorar as nosas técnicas de ensinanza e aprendizaxe ao ter a oportunidade de ver como traballan outros centros de educación primaria europeos. Todos fomos conscientes do feito de que é importante ser e ter socios serios, traballadores, responsables, creativos e tamén experimentados, polo que a meirande parte das escolas participantes estivo en proxectos similares anteriormente, concretamente o noso centro participara con anterioridade nun proxecto de eTwinning titulado FIGS (Friends in Greece-Spain). Como nunca antes formaramos parte dun proxecto de Erasmus+, participamos neste como socios colaboradores, igual ca Bulgaria, Francia, Italia e Letonia, e Grecia era o equipo coordinador. Para levar a cabo este proxecto, tivemos que seguir  unha serie de pasos que poderiamos resumir do seguinte xeito:

O equipo grego comezou buscando socios mediante a publicación dunha invitación na plataforma de eTwinning e, despois de avaliar as respostas recibidas, centráronse nas escolas que querían participar con estudantes da idade dos seus ou similar. Despois de intercambiar información sobre programas e proxectos anteriores nos que participaran as nosas escolas e seleccionar aquelas que cumprían cos seus criterios, enviáronnos mensaxes electrónicas con información sobre o proxecto ás escolas seleccionadas e convidáronnos a participar no proxecto. Logo de responder a todas as preguntas e aclarar os obxectivos principais e secundarios do proxecto, chegamos a un acordo de participación cos colexios. Como seguinte paso, todos decidimos continuar coa planificación das actividades adecuadas á idade do noso alumnado, concretamente entre 6 e 12 anos.

Con este fin, creamos nun medio de comunicación social un grupo que nos permitiu falar sobre o proxecto e organizar reunións en liña e, deste xeito, aprender mutuamente uns dos outros e establecer relacións de respecto e confianza entre nós. Compartimos as nosas ideas e esperanzas e estivemos involucrados nunha tormenta de ideas case a diario, no intento de facer o mellor para o proxecto no que todos cremos e aspiramos a completar. Ao compartir este primeiro paso da nosa colaboración, todos nos sentimos moi orgullosos de crear un proxecto con actividades ben deseñadas e organizadas, cuns obxectivos específicos, e isto foi posible grazas a que había socios con moita experiencia neste tipo de proxectos, que nos facilitaron o traballo e nos aclararon dúbidas que, como novatos, tiñamos neste tipo de iniciativas.

eTwinning é unha plataforma de colaboración que nos permite, tanto ao profesorado como ao alumnado, comunicarnos, colaborar, desenvolver proxectos, compartir e formar parte dunha comunidade de aprendizaxe na que podes atopar centros de toda Europa. Todos acordamos explotar as vantaxes desta plataforma e aproveitar as súas ferramentas de comunicación: Twinspace, mensaxería interna, chat en liña... 

Twinspace é unha plataforma de traballo segura onde todos os mestres poden contribuír e interactuar. Na plataforma eTwinning creamos a páxina do proxecto e aí é onde compartimos as actividades realizadas de forma colaborativa. A plataforma úsase como punto de reunión, onde todos temos a oportunidade de negociar, preparar os nosos pasos, implementar cando e onde sexa necesario e usala como seguimento para o noso traballo. A dirección do noso proxecto Twinspace asignóuselle á escola italiana, xa que un dos seus membros, Brigida Clemente, é embaixadora eTwinning.

Todos os centros participantes somos informados sobre as actividades que decidimos levar a cabo, como deseñar o logotipo do proxecto, crear historias breves ou realizar unha exposición. No que respecta ás fotografías, os estudantes están a traballar en grupos (no noso centro como é moito máis grande ca os outros participantes, cada grupo está formado por unha aula), que se encargarán de inmortalizar diferentes aspectos da nosa vida escolar diaria. Os mestres, pola súa banda, usarán métodos e enfoques de ensino adecuados en función da bibliografía relacionada existente, compartida cos outros países europeos e implementada segundo as nosas necesidades. Ademais, todas as nosas actividades ao aire libre irán integradas coas materias impartidas e en total harmonía co currículo seguido por cada escola.

Por último, pero non menos importante, todos pretendemos darlle visibilidade do noso proxecto a toda a comunidade educativa e local.

O noso proxecto Ensinar e Aprender a través da Arte da Fotografía explota a arte da fotografía como un medio de metodoloxía educativa e refírese á aprendizaxe dentro e fóra da aula, reforzando as habilidades educativas coas escolas europeas de Grecia, Italia, Bulgaria, Letonia e Francia, con alumnado de 6 a 12 anos de idade, porque as escolas involucradas son de primaria.

PROCESO DE TRABALLO

Ao longo de dous cursos, haberá seis reunións transnacionais nas diferentes escolas asociadas, onde os mestres recibirán capacitación e asistirán a diversos talleres, mentres que o alumnado participará en actividades experimentais en interiores e ao aire libre relacionadas coa fotografía.

Cada reunión transnacional terá unha duración total de 5 días de traballo e soamente as reunións en Bulgaria e Francia inclúen a mobilidade do estudantado.

O proxecto baséase principalmente na aprendizaxe dentro e fóra da aula, que é un enfoque educativo do século XXI. Cremos que se pode crear unha sociedade máis dinámica, intelectual e con máis experiencia combinando a aprendizaxe formal e informal. A aprendizaxe a través da fotografía pode proporcionar casos de aprendizaxe e motivación diferentes e coa axuda do proxecto queremos combinar a experiencia de diferentes sistemas educativos.

Todas as actividades previstas, tanto as colaborativas que se desenvolverán desde lonxe, como as de reunións transnacionais, foron deseñadas para acadar os obxectivos do proxecto. Ao implicar o estudantado en actividades interiores e exteriores e introducir a fotografía como medio, temos actividades preparadas que nos fan conscientes da nosa contorna, historia e cultura locais, nacionais e europeas, o uso do inglés e das TIC. Ao realizar estas actividades, garántese a participación de inmigrantes e estudantes con necesidades especiais. Por outra banda, en cada tarefa podemos ver as técnicas e métodos reais que cada socio europeo emprega no seu contexto docente. Finalmente, todas as actividades se deseñaron para promover o pensamento crítico, o desenvolvemento social e as habilidades da vida.

ENCONTROS TRANSNACIONAIS

A primeira reunión tivo lugar na escola coordinadora de Grecia e participamos todas as escolas que formamos parte do proxecto. Acordouse que fosen preferentemente o representante legal, a persoa de contacto e un mestre implicado no equipo do proxecto de cada escola socia. Aquí, tivemos a oportunidade de reunirnos cara a cara por primeira vez. Neste encontro todos os participantes tivemos que presentar os nosos centros e o noso sistema educativo aos demais participantes. Ademais, cada equipo levou fotografías da súa contorna. Os nenos de cada centro crearon entre todos o logotipo do centro para este proxecto, e despois fíxose o logotipo oficial do proxecto cos logotipos escollidos de todos os países participantes.

No segundo encontro transnacional que tivemos, en Italia, participamos 2-3 mestres de cada centro, e tivemos un seminario sobre a plataforma eTwinning, ferramentas colaborativas, como organizar un evento en directo ou como colaborar nas actividades. Cada socio do proxecto levou 5 trípticos feitos na escola con 3 fotografías: un retrato do neno, a fotografía dun obxecto que o representase e un texto ou poema en inglés que describise a súa personalidade. Despois, cos trípticos de todos os países participantes, creouse un xogo en liña no que os nenos dos outros países debían unir as fotos e a descrición correcta de cada neno.

O terceiro encontro tivo lugar en Bulgaria e nel participaron nenos de todos os países socios do proxecto, concretamente do noso centro participaron tres nenas e dous nenos. Este encontro foi especial porque non só participabamos os mestres senón que eran os propios protagonistas dos traballos os que representaban os seus compañeiros diante dos outros participantes no proxecto: actividades de LAND ART E WASTE ART. Calquera espazo utilizado para a investigación e a aprendizaxe dos estudantes é unha aula ao aire libre. Hábitats de vida salvaxe como bosques, charcas, praias, arroios e estivadas son escenarios populares para estudos da natureza, investigacións en ciencias, proxectos de xeografía, inspiración artística e, no noso caso, fotografía. Os nenos buscaron e fotografaron lugares nos que aparecían formas xeométricas na natureza e creacións feitas polos homes a partir de residuos como tapóns de plástico ou restos de carrocerías de coches.

Acabamos de participar no cuarto encontro, en Letonia, e alí tivemos ocasión de amosar como se pode utilizar a fotografía para traballar con nenos con necesidades educativas especiais ou con dificultades de aprendizaxe, co fin de facilitar a súa inclusión no centro.

O próximo encontro será aquí, en Carballo, e para esta ocasión temos que investigar e atopar fotografías de como era o noso centro antes e como é agora, como cambiou a escola no último século; explicaremos como podemos utilizar a fotografía para manter a atención e o interese do alumnado nas clases e ter un ambiente relaxado.

Para finalizar o proxecto, teremos un encontro coa participación do alumnado na campiña francesa, onde se avaliará o proxecto na súa totalidade.

AVALIACIÓN DO PROXECTO

As actividades están sendo acollidas polo alumnado dun xeito moi positivo, xa que lles resultan atractivas polas estratexias metodolóxicas empregadas, así como polos recursos e materiais que se utilizan. O alumnado móstrase interesado e receptivo, e involúcrase nas tarefas que se lle presentan.

As achegas positivas que tiveron a posta en práctica para atender as necesidades educativas da aula son a inclusión do alumnado con NEAE, socialización cos iguais, reforzo na cohesión do grupo-aula, nas dinámicas de grupo, no afianzamento das habilidades sociais e no traballo cooperativo, axudándose uns aos outros na medida das súas posibilidades.

As principais dificultades que se atoparon para levar a cabo as actividades propostas son a falta de tempo para a execución das tarefas, xa que temos que coordinar con tarefas doutros proxectos que se levan a cabo no centro e as condicións climatolóxicas para as rutas no exterior e, nalgúns casos, a actitude dalgúns nenos que ven as tarefas coma un «xogo», non como algo curricular que hai que ter en conta.

Sería necesario mellorar a implicación de parte do profesorado xa que, a pesar de tratarse dun proxecto de centro, non todos están implicados nel ao cen por cento, e precísase máis tempo para poder coordinarse e organizar o traballo que se vai levar a cabo.

O proxecto está a incidir positivamente na mellora das aprendizaxes, da motivación e do clima na aula, xa que este proxecto axuda a desenvolver dinámicas de grupo e a reforzar os lazos de unión como compañeiros e compañeiras da mesma aula, existe máis cohesión do grupo-aula, e os nenos amosan interese e motivación polas tarefas.

A valoración da experiencia do curso pasado na aula foi moi boa, pero en canto ao apoio do centro en xeral ao proxecto consideramos que é mellorable.

O proxecto resulta atractivo e é interesante integrar a proposta de participación en proxectos europeos, para que pouco a pouco se vaia vendo como algo para facer no noso día a día e non como algo puntual no que debemos implicarnos estes dous cursos soamente, debemos ir facéndolle ver a todo o claustro as vantaxes que podemos acadar na aula participando neste tipo de proxectos internacionais, nos que ademais de aprender contidos, aprendes habilidades sociais, a traballar colaborativamente e a coñecer outras culturas, que che fan ver as cousas desde outra perspectiva, empezas a abrir a mente e ver as cousas doutro xeito, outras formas de traballar e vivir, e melloras o nivel de inglés porque tes que comunicarte cos outros socios do proxecto e debes facelo nese idioma, polo que aprendes a buscar estratexias para facerte entender, que á fin e ao cabo é do que se trata, de comunicarse cos demais e saír da nosa zona de confort.

 

Sección: