Travel around the world

Travel around the world é un proxecto no cal, partindo das tres linguas existentes no EEI Monte da Guía de Vigo (galego, castelán e inglés), se pretende abordar dun xeito interdisciplinar todas as áreas e competencias do currículo.

María Fernández Gómez
maria.fernandez.gomez@edu.xunta.es
EEI Monte da Guía (Vigo - Pontevedra)

 

Desde o curso pasado, tres mestras da EEI Monte da Guía de Vigo embarcámonos nun proxecto incluído no programa Plurinfantil, desenvolvido pola Consellería de Educación e dirixido ao segundo ciclo de educación infantil.

O que nos levou a participar no programa foi unha reflexión que partiu do Equipo de Normalización Lingüística de acordo con todo o claustro: o escaso emprego da lingua galega entre o alumnado, que priorizaba sempre a castelá en todos os contextos.

Polo tanto, o equipo formado pola mestra de Inglés, a especialista de Audición e Linguaxe, e a de Pedagoxía Terapéutica (coordinadora do ENDL), decidimos idear un proxecto onde as tres linguas coexistisen ao mesmo nivel, intentando así que o alumnado as empregase indistintamente en diferentes contextos dentro das súas capacidades e límites.

Este proxecto foi desenvolvido dentro do PFPP do centro. O grupo de traballo  contou con formación externa dunha especialista na materia que achegou moitísima luz para poñer en orde as nosas ideas de principiantes neste tipo de proxectos.

As primeiras reunións serviron para organizar e estruturar o proxecto. Decidiuse facer partícipes a todos os niveis (3, 4 e 5 anos) en diferentes sesións para as diferentes materias:

- A especialista de Lingua Estranxeira implementaríao nas sesións de inglés e psicomotricidade.

- A especialista de Audición e Linguaxe nas súas sesións de estimulación á linguaxe.

- A especialista de Pedagoxía Terapéutica nos obradoiros de intelixencia emocional (desde hai tempo na escola temos un espazo diario dedicado a traballar en aulas mixtas con diferentes obradoiros simultáneos).

Os protagonistas principais do noso proxecto son Draco e Bruxi (dous monicreques que a mestra de AL emprega nas súas sesións), que deciden facer unha viaxe arredor do mundo. Ao longo do curso visitaron Australia, o Polo Sur, África e A China.

Sara, a mestra de AL, empregando a lingua galega, amosa os agasallos que nos trouxeron Draco e Bruxi na súa maleta: elementos típicos e fotografías relacionadas con cada país.

E que podemos facer para achegarnos a cada país? Nas clases de psicomotricidade en inglés, cos nosos Beebots, imos desde Vigo a todos os lugares que visitaron Draco e Bruxi; deste xeito, practicamos a coordinación visomotriz, a lateralidade e a memoria obedecendo diferentes ordes en lingua estranxeira.

Entre as fotografías que Sara ensina, atopamos as do mundo que máis nos fascina: o mundo animal. Aprendemos sobre moitísimos animais que non coñeciamos e as mestras comezan a ver os froitos do proxecto pluringüe cando salta por primeira vez a tan esperada pregunta na clase de 4 anos: «Profe Sara, e como se di ornitorrinco en inglés?» Un pequeniño grupo buscamos a teacher por toda a escola ata que a atopamos para que resolva a nosa dúbida.

Vendo que nos encantan estes «paseos» en busca da teacher, aprovéitase este tipo de situacións espontáneas para crear máis actividades relacionadas cos seus intereses.

Así pois, deseñamos do mesmo xeito diferentes actividades relacionadas co proceso de lectura e escritura nas diferentes linguas; o que o alumnado DESEXA facer é o que realmente quere aprender.


Nas sesións de psicomotricidade en inglés introducimos tamén os elementos e fotografías para desenvolver actividades físicas uníndoas aos coñecementos adquiridos.

Seremos capaces de chegar dun sitio a outro da clase estirando un roliño de papel?: «Can you go from the kangaroo to the penguin?» (Asociamos o animal co país correspondente ao mesmo tempo que traballamos a coordinación, o traballo en grupo, ou conceptos como a lonxitude ou a distancia).

Coa mestra de AL, ademais de presentarnos todas as viaxes, tamén desenvolvemos a nosa creatividade; nas seguintes fotos podemos ver algunha das creacións nas que se empregaron diferentes materiais.

Nos obradoiros de intelixencia emocional con Lara, aprendemos sobre as  tradicións e a cultura dos diferentes países, abrindo así as pequenas mentes a un mundo de tolerancia e respecto polas crenzas e costumes de cada lugar.
Poñemos como exemplo a viaxe a Australia e Nova Zelandia: facer un tótem, aprender o saúdo maorí ou bailar unha haka foron algunhas das actividades que se realizaron.

Non só nos centramos nas tarefas realizadas nas sesións diarias, senón que pouco a pouco e mediante pequenas pinceladas convertemos en plurilingüe calquera actividade ou espazo. Por poñer algúns exemplos:

- Un «taboleiro de linguas» no que expoñemos información para as familias (desde os beneficios do plurilingüismo a trazos característicos de diferentes culturas que puidesen resultar curiosos).

- A selección de tres cancións nas tres linguas para o festival de Nadal.

- A etiquetaxe das seccións da biblioteca.

- Nos proxectos comúns que se realizan no centro expostos para toda a comunidade educativa. Nestes proxectos poderiamos salientar a exposición de poemas feitos polo alumnado e as familias nas tres linguas, co gallo do Día da Poesía; ou o Entroido Plurilingüe, onde se asignou a cada aula un lugar e cada neno/a representou libremente a súa cultura, desde un cigarrón ou unha peixeira ata un garda do Buckingham Palace ou Mary Poppins, pasando por algunhas sevillanas ou os mesmísimos Zipi e Zape. Neste sentido, desde a escola queremos trasladar o noso agradecemento ás familias por tanta implicación.

Amosamos tamén algunha fotografía dun calendario plurilingüe elaborado polos nenos e nenas da aula de 5 anos, que levaron como recordo da escola ao rematar o curso.

E, por suposto, non deixamos de lado as novas tecnoloxías: a través de códigos QR enlazados a distintas gravacións, fixemos postais con información sobre diferentes países que quedarán na aula como recurso de consulta ao longo do curso.

A valoración do proxecto foi moi positiva, tanto polas mestras implicadas como por toda a comunidade educativa.

No mes de abril, realizamos un relatorio e exposición de evidencias de mellora ante as familias da escola que tivo unha grande acollida, o que lles axudou a comprender mellor o traballo realizado na aula día a día.

Un dos aspectos clave para desenvolver dun xeito óptimo o proxecto foi a coordinación entre as mestras.  Deste xeito, chegamos a cumprir o obxectivo principal do que partiamos: a mellora da competencia lingüística nas tres linguas (castelán, galego e inglés), ao mesmo tempo que se traballaban as distintas áreas e competencias do currículo.

Aínda que foron tres as mestras involucradas no proxecto, non debemos deixar de mencionar a colaboración de todo o claustro de mestres, así como da auxiliar de conversa, sempre abertos a participar en calquera das propostas que se levaron a cabo. Tan positiva foi a valoración que neste curso tres mestras máis se unen a formar parte do proxecto plurilingüe, no que deixaremos de lado as viaxes polo mundo para partir dunha nova experiencia: a robótica aplicada á educación infantil.

Aquí vos deixamos unha ligazón a un vídeo que empregamos no noso relatorio  ás familias e que mostra máis evidencias do traballado ao longo do curso: https://www.youtube.com/watch?v=7GBtZacHXvk

 

Sección: