A supervisión educativa a exame: retos, fortalezas e servidumes

Por moito que falen os aduladores para distraer o pensamento das xentes, iso non debe impedir que os homes se dean conta das cousas.

(John Locke, Segundo tratado sobre el gobierno civil)

 

O noso compañeiro nas tarefas da Inspección Educativa, Manuel Torres Vizcaya, acaba de publicar La inspección educativa, una mirada desde la experiencia (La Muralla, Aula Abierta, 2019). Nesta ocasión e a través da súa non disimulada vis filosófica, Torres elabora unha excelente radiografía epistemolóxica dos camiños polos que discorre a chamada supervisión educativa na actualidade. Naturalmente, a Manuel notáselle o oficio e a  experiencia, poucos poden presumir de coñecer a realidade da inspección coma este autor bragado en mil combates profesionais. E de aí obtense o beneficio dunha crítica serea e autorizada arredor dun corpo especializado afeito a vivir perigosamente capeando a volatilidade das reformas educativas.

Un libro, polo tanto, pertinente e necesario para todos aqueles  que desexen afondar nas esencias dun oficio máis complexo a cada día que pasa, onde o palabro multitarefa cobra todo o seu sentido. Torres, suxeito paciente da realidade administrativa e académica, repasa exhaustivamente e desde o seu particular punto de vista o significado profundo das diferentes tarefas que desempeña a inspección educativa a través dos seus plans anuais, establecendo unha elegante diferenza entre a "cousa", digamos, funcionarial ou burocrática e a creatividade necesaria para un perfil laboral que ten que mostrarse ante todo tan empático como resolutivo, defendendo, como non podería ser doutra maneira, a pertinencia da visita sobre o formulario. Digamos que, en esencia, a invasión do tecnolóxico non debe, nin pode, conducir á nada a actuación máis puramente humana e, se se quere, sagazmente informal. É aí onde se forxan compromisos, se pechan acordos e se obteñen beneficios para a comunidade escolar.

Así, a obra defende unha concepción holística e humanística da supervisión educativa, onde o corpo obteña razón de ser, participación e visibilidade. Unha reflexión útil e moral en todo tempo e seguramente no presente, acosado pola parcialidade dos saberes, aínda máis.

Na nosa opinión, non se trata aquí de desbotar por superfluo o empírico e cuantitativo, un ha ter indicios fiables de onde se encontra e cara a onde camiña, senón que, en realidade, existe na tarefa inspectora unha metodoloxía que ha ser necesariamente dobre; unha primeira capaz de experimentar, medir e cuantificar e unha segunda que ha de ofrecer respostas e solucións a aspectos moito máis intanxibles, pero cardinalmente relevantes. Hai, é sabido, preguntas que se teñen que responder desde o método científico e outras ás que só se accede desde o mundo non empírico e non formal. Algo que, por certo, lle ocorre á filosofía máis desprovista de adxectivos acompañantes. Son aquelas preguntas que non poden ser contestadas a través dos resultados da observación ou da experiencia. A ciencia actúa no seu campo, pero existen outros non necesariamente similares que requiren de habilidades afastadas da ordenación categórica. Dito doutra maneira, existen problemas que se solucionan a través da empática aprehensión de realidades sempre diversas e sempre diferentes, aquelas que teñen mellor acomodo na intelixencia emocional ca na estatística ou nas funcións matemáticas. Non é este, desde logo, mal ensino.

 

Juan Granados
Xuño de 2019

Sección: