Aprendendo a aprender na FP básica: unha experiencia reveladora

Yolanda López López
yolandalopez2@edu.xunta.es
IES Plurilingüe San Rosendo (Mondoñedo)
 

 

Hai catro anos que se imparten clases de FP básica no IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo. O primeiro grupo estaba formado por sete alumnos e tres alumnas que, aínda sendo pouco numeroso, era moi complexo e variado. Dous deles tiñan unha discapacidade dun 30 e un 60 % e case non sabían ler nin escribir; outro viñera de fóra e levaba pouco tempo afincado en Mondoñedo, así que tiña dificultades para comunicarse e tamén para relacionarse coa xente; outros dous pícaros, como din pola Mariña, xa foran varias veces expulsados por mal comportamento.

A motivación para matricularse na FP básica de Agroxardinería e Composicións Florais non existía. Matriculáranse unicamente porque querían o título da ESO e aínda estaban en idade de escolarización obrigatoria. O grupo estaba totalmente desestruturado en todos os sentidos. Partíase de perfís moi distintos no ámbito cognitivo, non había compañeirismo ningún e o comportamento era insoportable. Isto repercutía tamén na sensación de frustración por parte do profesorado, que comprendeu a urxencia de arranxar a situación como fose.

En primeiro lugar, decidimos traballar a motivación, incentivar a ilusión e as ganas de aprender vinculadas á idea de que o que se lles ensinaba lles había servir para algo na vida. Axiña comprendemos tamén que os alumnos tiñan a autoestima moi baixa. Cansos de oír que non serven para nada, que todo o fan mal, necesitaban sentirse valorados, que alguén crese nas súas capacidades, que confiase neles. E por último, tamén entendemos que precisabamos un equipo, un elemento indispensable e importante para a cohesión do grupo e o seu correcto funcionamento.

Valoramos levar á práctica varias ideas. A primeira delas consistía en dedicar as titorías a ensaiar unha obra de teatro co fin de representala diante de todo o instituto. Tiña que ser, loxicamente, unha obra sinxela, na que todos puidesen participar e coa que o pasasen ben. Aquel ano, 2016, as Letras Galegas foron dedicadas a Manuel María, que escribira Espiña de toxo, unha obra preciosa e moi sinxela que nos veu coma auga de maio. Este foi o primeiro paso para crear un equipo. Pouco a pouco, fomos vendo como uns axudaban a outros na aprendizaxe do texto que tocaba memorizar e como cada vez o grupo se ía unindo máis. A través da risa nos ensaios, dos aplausos e das apertas que recibían cada vez que saía ben unha escena, logramos forxar o equipo que andabamos a buscar.

O 16 de maio tivo lugar a representación. Foi unha xornada cos nervios afiados: entre o público estaban os que un día foran os seus compañeiros e compañeiras de clase, nada máis e nada menos. Tiñan nos ollos un brillo especial, unhas ganas inmensas de demostrar que eran capaces. Non é doado subir a un escenario, pero enchíaos de ilusión a idea de seren protagonistas de algo interesante por primeira vez e diante de todo o instituto. Tiñamos o convencemento de que ía ser un éxito e así foi: sacaron moitas risadas e moitos, moitos aplausos. A ovación final foi extraordinaria... Ningunha das persoas que participamos na actividade esqueceremos nunca aquel momento.


A outra idea foi crear unha empresa ficticia. Pareceunos moi importante lograr que lle visen sentido ao que realizan e pensamos que este era un proxecto no que se podían traballar moitas cousas. Ese primeiro ano tiñan o módulo de Produción de Planta, polo que un viveiro encaixaba perfectamente. Preparouse o invernadoiro, fixéronse sementeiros de leitugas e porros, realizáronse todos os labores culturais e recolléronse cando chegaron ao crecemento óptimo. Empaquetáronse en bolsas, tal e como se fai na realidade, pesando, etiquetando o produto segundo a calidade e realizando correctamente a rastrexabilidade. Por último, fíxose un mercado no instituto. Todas as ganancias obtidas foron para unha excursión de fin de curso.

Pero a experiencia non consistiu só en realizar traballo práctico, porque tamén tiveron que facer operacións matemáticas, ler a lexislación, traballar en equipo e moitos outro temas que están no currículo, pero doutra maneira. Agora si: todo tiña un sentido.

A empresa ficticia acabou funcionando coma unha empresa real e empezamos a relaxarnos e a gozar do noso traballo. Podiamos repartir as tarefas e deixalos sos ás veces porque sabiamos que traballarían de maneira responsable, o que antes era impensable. Acabou o curso cunha importante melloría en todos os aspectos tanto neste módulo coma nos demais.

Ao ano seguinte tocaban dous módulos marabillosos para seguir co proxecto: Composicións Florais e Materiais de Florería. Así que unha empresa tipo florería sería estupenda e encaixaba magnificamente co currículo. Tivemos coñecemento da existencia de Lanzadeiras, un programa da Consellería a partir do que se pode crear unha miniempresa dentro do centro educativo, dotado de orzamento para poder levala a cabo. Era perfecto!


O seguinte paso foi xa poñerse a andar e así creamos Arte Floral San Rosendo. Cómpre dicir que os resultados foron asombrosos. Apreciouse un cambio positivo no comportamento, empezaron a mellorar as notas e remataron o curso coa ilusión de seguir estudando, practicamente todo o alumnado se matriculou nun ciclo medio.

Empezamos elixindo un nome co que se sentisen identificados, despois buscáronse provedores, creouse unha páxina web «hipervínculo aquí» (http://artefloralsanrosendo.com) e divulgamos o noso proxecto, tamén, mediante as redes sociais. Eran os rapaces e rapazas os que facían os pedidos, atendían a clientela e levaban as contas. Fixéronse varios mercados (de Nadal, de San Valentín e de Primavera) que foron e son un éxito absoluto. Dá gusto ver como se implican e como sacan adiante o traballo. Sorprende o seu afán de perfección, que tamén se nota nas clases de teoría porque saben que despois a levarán á práctica.

Arte Floral San Rosendo leva xa tres anos funcionando e quero aproveitar para agradecerlles a súa axuda ao centro educativo, aos compañeiros e compañeiras, xa que sen ela non sería posible levar a cabo esta iniciativa; tamén a toda a veciñanza de Mondoñedo por vir aos mercados e deixar sempre os andeis baleiros. Non hai nada que lles faga mais ilusión que sentir que o seu traballo é valorado.

Cara ao futuro o reto que nos propoñemos é implicar o profesorado todo, tanto dos módulos comúns coma dos específicos, para traballar ao unísono e cara á mesma dirección. Debería de ser así en todos os niveis educativos, pero na FP básica é algo imprescindible. Temos que entender que se trata da derradeira oportunidade que lle queda ao alumnado para avanzar. Por ese motivo, valoramos a posibilidade de levar adiante un grupo de traballo entre o profesorado para actualizarnos e sumar esforzos a prol desta iniciativa.

Para rematar, quero deixar no aire esta reflexión: ás veces debemos ser antes educadores ca profesores, sobre todo co alumnado de FP básica, porque precisa que se lle ensine como se ha comportar; precisa que se lle dea a man e se lle axude a sentirse capaz de levar adiante diferentes proxectos. Con entusiasmo e ilusión pódense lograr resultados marabillosos e o alumnado está nunha etapa na que, en moitos casos, aínda se pode entrar na súa cabeciña e axudarlle a reaccionar. Son rapaces e rapazas que precisan sentir que se cre neles; na man do profesorado está a tarefa de espertar esa ansia por saber que temos todos os seres humanos e que, obviamente, tamén ten o alumnado de FP básica. Para poder ensinar, hai que querer aprender.

 

Sección: