Revista Galega do Ensino-Eduga (1993-2017)*

Vinte e cinco anos dunha publicación periódica institucional ao servizo dos centros educativos e do seu profesorado.

En la más sólida de estas estanterías aéreas alineaba los tomos de la enciclopedia de Diderot y D’Alembert a medida que le llegaban de un librero de Liborno. Y si en los últimos tiempos a fuerza de estar entre tanto libro se había quedado un poco en las nubes, cada vez menos interesado por el mundo que lo rodeaba, ahora en cambio, con la lectura de la Enciclopedia, ciertas bellísimas voces como Abeille, Arbre, Bois, Jardin le hacían volver a descubrir todas las cosas de alrededor como nuevas. Entre los libros que se hacía enviar, empezaron a figurar también manuales de artes y oficios, por ejemplo de arboricultura, y no veía la hora de experimentar los nuevos conocimientos.

(Italo Calvino: El barón rampante)



Moi de vez en cando, un encóntrase de fronte e sen esperalo con regalos intelectuais que resultan tan pertinentes coma necesarios. É fácil darse de conta de que a nosa Revista Galega do Ensino, xa con vinte e seis anos ao lombo, andaba falta de historia e recapitulación. Un cuarto de século de produción de contidos por e para o ensino en Galicia ben merecía unha pausa para a historia e a reflexión. E así foi como, por obra dos profesores da USC Vicente Peña Saavedra (membro do Comité de Redacción da revista) e Francisco Collantres Carollo, temos hoxe connosco un espléndido traballo dedicado a estudar de forma monográfica a xénese e o desenvolvemento no tempo da nosa revista. Un traballo, como se verá enseguida, tremendamente rigoroso, exhaustivo nos detalles e, desde logo, esclarecedor.

A primeira evidencia que nos amosa o artigo é que a Revista Galega do Ensino, xa desde os seus inicios co seu primeiro director Constantino García González, de sempre grata lembranza, naceu cunha clara vocación de servizo á comunidade educativa da nosa comunidade autónoma nunha especie de  afortunado feed back onde cadaquén ofrece o que ten en beneficio de todos.

Grazas a Vicente e a Francisco recordaremos tamén aquí as diferentes etapas vividas por esta publicación, desde o seu longo período en formato convencional de papel ata a súa nova andadura dixital que comezou, como se sabe, coa nova web da revista estreada co seu número 59, correspondente ao período maio-agosto de 2010. Dous anos despois, quen subscribe estreábase na Dirección e presentaba no editorial unha web remodelada case enteiramente que é a que hoxe en día alberga os contidos de cada novo número, xunto ao repositorio dos anteriores. Así, diciamos daquela no editorial do número 63:

Coma cada fin de curso, sae á luz unha nova entrega semestral da Revista Galega do Ensino, que fai o número 63. Na orde formal, queremos presentar unha revista remodelada, unha nova proposta estética que pretende adecuar o deseño orixinal de EDUGA como revista dixital ás directrices e tendencias de maior actualidade. Non se trata dun restiling meramente cosmético; sobre iso, o equipo que conforma a revista procurou implantar as potencialidades do software de soporte, de forma que o usuario poida acceder a un sistema de consulta, navegación e recuperación de información máis racional e útil.

Despois viñeron novas pestanas e novas achegas: Bibliotecas, Innovación, Formación; co que se deu cabida á produción de literatura educativa achegada e canalizada polo labor de asesorías e centros de formación dependentes da Consellería. Deste modo, EDUGA forma hoxe un constructo de información educativa notable e útil que entre todos axudamos a construír, unha tarefa intensa que, vista coa perspectiva dos anos, ben que paga a pena.

Desde esta dirección agradecemos vivamente o bo facer de Vicente Peña Saavedra e Francisco Collantres Carollo, que nos permite contemplar a revista coa perspectiva necesaria. Con eles os deixo, non sen antes desexarlles unhas felices vacacións e un novo ano cheo de éxitos.

Juan Granados
Director da Revista Galega de Ensino-EDUGA

 

 

Vicente Peña Saavedra, Universidade de Santiago de Compostela
vicente.pena.saavedra@usc.es
Francisco Collantes Carollo, Universidade de Santiago de Compostela
francollantes@edu.xunta.es

 

 

A configuración do denominado Estado das autonomías en España e o consecuente proceso de transferencia de competencias a cada unha das comunidades autónomas recoñecidas posibilitou o florecemento de iniciativas institucionais que ata entón quedaran acoutadas ao ámbito territorial do Estado. Iso foi o que ocorreu na área educativa, en distintas circunscricións autonómicas, coa prensa educativa de carácter institucional. No caso galego, a idea de dispoñer dunha publicación periódica propia, auspiciada desde a Administración educativa autonómica acabou callando na aparición da Revista Galega do Ensino (RGE), doce anos despois de que Galicia alcanzase formalmente a condición de comunidade autónoma, tras o referendo popular (1980) e a ratificación polas Cortes Xerais do seu Estatuto de autonomía (1981), o segundo da súa historia.

1. Presentación e contextualización

No outono de 1993, por iniciativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, comezou a reunirse un grupo de profesionais do ensino, docentes de diversos niveis e materias, para discutir as bases nas que puidese fundamentarse o nacemento dunha nova publicación periódica. Pensouse que, na nosa comunidade, como sucedía noutros lugares, proliferaban revistas imprescindibles pero especializadas nunha única disciplina e con colaboradores que pertencían ao ámbito exclusivamente universitario. Non se contaba, con todo, cun vehículo que entrelazase esas investigacións coas indagacións, bagaxes e experiencias do profesorado que traballaba nos sucesivos ciclos e etapas do sistema educativo que ían percorrendo os estudantes baixo a súa tutela. Conveuse que, sen renunciar aos coñecementos eruditos e aos achados científicos de raíz universitaria, se deberían reunir estudos que subliñasen o labor do resto de compoñentes do colectivo docente e que incidisen na importancia conxunta de cantos se dedicaban á formación estudantil. Cunha publicación periódica non usual, miscelánea de niveis e materias, poderíase cubrir en boa medida ese baleiro.

Froito destas e doutras deliberacións, naceu a RGE, para a que houbo que buscar título, formato, deseño, seccións, tipos de colaboracións e, sobre todo, uns obxectivos de carácter xeral que puidesen ser asumidos por produtores e destinatarios. Nesta liña de pensamento e acción, acordouse que a publicación que se estaba xestando fose un instrumento do que puidese beneficiarse o profesorado galego en xeral, ao que se lle ofrecerían investigacións de variada temática e contribucións diversas, como recensións sobre libros de distintas especialidades (que co tempo incluiría tamén de maneira preeminente un bloque dedicado a literatura infantil), información das novidades editoriais, lexislación, convocatorias de cursos, congresos, exposicións e outras actividades culturais de interese para os seus virtuais lectores e usuarios.

Fixouse a periodicidade en tres números ao ano. E aínda que o primeiro viu a luz en decembro de 1993, elixíronse de inmediato para a súa edición os meses de febreiro, maio e novembro, pola súa centralidade nos trimestres do curso académico. Ademais, acordouse elaborar cada ano un especial monográfico supervisado por un coordinador experto no tema seleccionado. (1)

2. Intencións, utilidades e obxectivos. Declaracións programáticas no tempo

No primeiro número da revista (decembro 1993), no seu artigo editorial «Limiar», dise:

A Revista Galega do Ensino pretende ser unha publicación periódica dedicada ó mundo da educación, de ampla difusión e cun carácter plural e aberto a tódolos membros da comunidade educativa e profesionais da docencia interesados en aporta-las súas investigacións ou experiencias. Terá como obxectivo fundamental facilita-la actualización do profesorado e mantelo informado das novas que poidan ser de interese para o seu labor profesional.

O título da publicación evidencia a orientación que se lle pretende outorgar á revista. Trátase dunha publicación enfocada cara aos docentes e ao mundo do ensino máis ca dunha revista propiamente pedagóxica ou de educación, nun sentido científico, epistemolóxico e técnico rigoroso e estrito. De feito, cando aparece a Revista Galega do Ensino xa existía outra publicación periódica en Galicia con nome análogo e cun enfoque máis netamente pedagóxico ou especificamente educativo, crítico e reivindicativo, que abarcaba os distintos ámbitos e modalidades da educación, aínda que tamén cunha palmaria polarización para a educación escolar ou formal. Referímonos á Revista Galega de Educación, portavoz dunha organización de renovación pedagóxica ou, como ela mesma se define, dun «movemento asociativo de base, coa finalidade xeral de impulsar o traballo de renovación pedagóxica e de galeguización lingüística e curricular do sistema educativo de Galiza».(2) A devandita organización, que se coñece co nome de Nova Escola Galega, naceu no ano 1983 e vén editando a citada revista desde 1986, aínda que antes xa sostivo outra publicación periódica denominada As Roladas-2 (1978-1981), entón como voceiro do Movemento Cooperativo de Escola Popular Galega do colectivo territorial Freinet. En calquera caso, as diferenzas entre a Revista Galega de Educación e a Revista Galega do Ensino son claras e, por conseguinte, as súas identidades tamén. A primeira é unha revista portavoz dun movemento de renovación pedagóxica e a segunda é unha revista institucional. Aínda así, hai seccións nelas que teñen certas similitudes, sobre todo se se comparan as últimas etapas de edición en papel de ambas, cando os seus formatos tamén presentan perceptibles semellanzas.

Volvendo á publicación que aquí nos ocupa, cando ao cabo do primeiro cuadrienio de andaina se evocaba a súa xénese, ao amentar os «Obxectivos» aurorais do novo medio engádese, cunha apreciable dose de posibilismo optimista e un inequívoco afán por plasmar coa indispensable cota de verosímil realismo as súas metas, que a revista aspira a «estreita-las relacións entre os profesores de Ensino Primario, Secundario e Universitario, excesivamente illados dentro dos seus respectivos sectores».(3) No «Limiar» correspondente ao número conmemorativo do seu décimo aniversario, asinado pola Dirección, reitéranse ou sublíñanse algunhas ideas programáticas que marcan a traxectoria e o sentido da publicación, poñendo o seu punto de mira non só nos docentes —como xa se fixera na declaración inicial— senón tamén nos discentes, ao manifestar:

Esta revista deriva do interese da Consellería de Educación por proporcionar ó profesorado unha vía de intercambio de coñecementos, pescudas, descubrimentos e novas que se pretenden útiles á hora de continuar coa formación persoal e académica, e trasladar os seus beneficios aos alumnos.(4)

3. Axentes promotores, cadros directivos e equipos editoriais

O primeiro director da revista, Constantino García González (1993-1994), e as dúas sucesivas directoras desta, Mercedes Brea López (1994-1996) e Ana Mª Platas Tasende (1996-2004) proceden do ámbito da filoloxía, o que coadxuvará a imprimirlles un marcado rumbo cara a esa área aos traballos que a través dela se difundan, en detrimento dos provenientes doutros ámbitos e dos de enfoque netamente pedagóxico ou didáctico que, por outra banda, como xa quedou dito, esta última tampouco constituía a orientación prevista para a publicación. Débese ter en conta, ademais, que Constantino García era tamén naquela altura o coordinador científico do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro (logo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades) dependente, coma a revista, da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. A Dirección da revista é asumida por un titulado superior en Pedagoxía a partir de 2004. Entre 2004 e 2006 está á fronte dela o catedrático de Teoría da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) José Manuel Touriñán López. De 2006 a 2011, a especialista en educación infantil e asesora técnico-pedagóxica no CEFOCOP da Coruña Genara Borrajo Borrajo. E entre 2011 e 2018 ocupa a dirección Juan Antonio Granados Loureda, catedrático de instituto da área de Xeografía e Historia e inspector de Educación, quen continúa pilotando o seu rumbo.

A Subdirección da revista é exercida por titulados superiores no ámbito das Ciencias da Educación a partir de 1998. Desde 1998 a 2000 ocupa o posto Mercedes González Sanmamed (Área de Didáctica da Universidade da Coruña [UdC]), e desde 2000 a 2004,  M.ª del Mar Lorenzo Moledo (Área de Teoría e Historia da Educación da USC). Á fronte da Secretaría de Redacción tamén houbo un experto no ámbito das Ciencias da Educación desde os comezos e, máis concretamente, entre 1993-1996, Celso Currás Fernández, quen logo sería conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria (1996-2005). Desde o número 45 (marzo de 2005) ata a actualidade todos os vogais do Comité de Redacción pertencen ao ámbito disciplinar da pedagoxía.

Os corpos directivos da revista evolucionaron da seguinte forma. No número inicial figuran: Comité de Redacción —composto por director, subdirector, secretario e corrector lingüístico— e Consello Asesor —formado por 12 persoas—. Este número irase incrementando lixeiramente co paso do tempo. Na actualidade consta de 20 membros e están representados no mesmo todos os niveis do sistema educativo, salvo Educación infantil. Tampouco teñen presenza nel os ensinos de réxime especial (Música, Danza, Artes Plásticas, Arte Dramática, Idiomas...), pero si están presentes membros da Consellería de Cultura e Educación, integrantes dos centros de formación e recursos, da Inspección, do Consello Escolar de Galicia e dos equipos de orientación. Predomina no conxunto o profesorado das universidades galegas (seis membros).

O Consello Editorial, que inicialmente non existía no equipo da revista, créase en maio de 2002 (número 35) e consta de 18 membros, principalmente profesorado das universidades españolas e do estranxeiro. Actualmente quedou reducido a cinco persoas: dous profesores e dúas profesoras de universidades españolas, a quen acompaña o pedagogo italiano Francesco Tonucci.

A revista editorializa algúns números, aínda que nas primeiras etapas non era habitual que o fixese. Rexístranse artigos que poden ser catalogados de editoriais nas seguintes entregas: o número 1, que contén unha «Presentación» a cargo do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Juan Piñeiro Permuy, o que acredita a condición da revista como publicación institucional dese departamento, seguida dun «Limiar» corporativo sen sinatura.  O número 44, de novembro de 2004, primeiro dirixido polo profesor Touriñán, tamén contén un editorial, exento de sinatura. Nel resúmese a traxectoria da publicación e faise balance dos seus contidos e da tipoloxía das colaboracións. A etapa que se abre co número 49 (xaneiro-abril de 2007) caracterízase pola incorporación dun artigo editorial en cada número, que nese inicial se duplica cun texto da conselleira de Educación e outro da directora da revista. Esa práctica de editorialización mantense ata o presente.

4. Periplos e épocas

Os corenta números iniciais da RGE (1993-2003) forman o que cabe considerar unha unidade fáctica de contido, que dá acubillo á súa primeira década de edición. Todos eles reuníronse en 2004 nun volume dixital co gallo dos dous lustros de singradura da publicación periódica. O número 41 (novembro de 2003), co que na práctica se conmemora o seu décimo aniversario, compila unha antoloxía de traballos que viron a luz nas súas páxinas ao longo do decenio percorrido ata entón e que comprende boa parte da súa primeira etapa, a cal formalmente remata un ano despois.
A partir do número 44 (novembro de 2004), a revista experimenta unha profunda remodelación interna, que afecta sobre todo aos contidos, pero tamén a aspectos formais, homologándoa a outras publicacións periódicas especializadas na difusión de traballos de investigación na contorna educativa e particularmente pedagóxica, destinadas aos docentes. Ese número contén un editorial no que se glosan as orixes e as persoas que impulsaran e dirixiran a publicación. Nel faise un balance dos 43 números publicados ata o momento. E agrégase que a RGE «continúa na súa tarefa de contribuír a crear cultura e pensamento pedagóxico».(5)

No número 45 (marzo de 2005), co que se abre unha nova etapa, a segunda, dise: «A RGE orienta a edición ao coñecemento da educación en calquera das súas áreas disciplinares e ao desenvolvemento profesional das funcións pedagóxicas».(6) Esta última idea, que non é nin moito menos superflua, salienta o enfoque substancialmente pedagóxico que se lle pretende conferir á publicación nesta nova etapa. Ponse, pois, o acento sobre todo na educación e non tanto nas áreas disciplinares nas que se implementa o ensino no seu dominio académico. Para iso, o peso dos colaboradores procedentes do mundo universitario e, particularmente, da área pedagóxica faise notar ao longo de catro números (45-48) de maneira moi acusada. O prisma educativo e pedagóxico que se incrementou na revista desde o número 44, mantívose a partir de entón con lixeiras e ás veces sensibles oscilacións. Pero a publicación xa non volveu recuperar o enfoque polarizado cara ás materias, as disciplinas ou as áreas culturais que a caracterizaran durante a súa primeira década de existencia.

Entre marzo de 2006 e abril de 2007 non se rexistra número ningún; isto é, estivo un ano sen aparecer, etapa que coincide co primeiro bienio dun goberno de distinto signo político ao daquel que se viña responsabilizando da Xunta de Galicia durante toda a traxectoria da publicación. A Consellería atópase agora rexida por unha representante do PSOE que substitúe o anterior titular do PP.

Un novo cambio radical en formato, contidos e ata na rúbrica de cabeceira prodúcese coa aparición do número 49 (xaneiro-abril de 2007), en que pasa a denominarse eduga [sic, en minúscula, aínda que flutuante, como acrónimo das palabras «educación Galicia»]. Revista Galega do Ensino. Este número ábrese cun artigo institucional, a modo de editorial, a cargo da nova conselleira, no que pode lerse: «Eduga nace coa idea de albergar unha diversidade de contidos relacionados con todas as etapas educativas, de xeito que chegue a todo o profesorado, dende a educación infantil ata a universidade».(8) Poucas novidades, pois, nesta breve declaración programática, pero si algunhas máis na produción final, que iremos debullando nas seguintes epígrafes.

O número 55 (xaneiro-abril de 2009) é o último co que se pecha a edición simultánea impresa e dixital.

5. Aspectos formais e materiais da RGE no seu percorrido

5.1 Perioricidade da Revista

Desde o principio, a revista ideouse como unha publicación periódica con tres números ordinarios ao ano. Aínda que o primeiro número apareceu en decembro de 1993, logo determinouse editala nos meses de febreiro, maio e novembro, por ser referentes da actividade académica regrada nos respectivos trimestres do curso, conforme xa sinalamos máis arriba. Acordouse tamén publicar cada ano un número especial baixo a dirección dun experto na materia tratada. Desde o número 45 (marzo de 2005) cámbianse os meses de aparición a marzo, xullo e novembro e consígnase na cabeceira dos créditos «2.ª época». Desde o número 49 (xaneiro-abril de 2007) a revista mantén a súa periodicidade cuadrimestral, pero en harmonía cos meses do ano natural e abarcando os respectivos números as franxas intermensuais: xaneiro-abril, maio-agosto e setembro-decembro. A partir de 2011 (núm. 61, xaneiro-xuño) a revista publica dous números ao ano, correspondentes a cada semestre. Adoita aparecer a finais de xuño e a finais de decembro.

5.2 Dimensións

Do número 1 ao 44 as dimensións da revista son 22 x 16 cm, e amplíanse a 24 x 17 cm nos números 45 ao 48. Entre os números 49 e 55 o formato é de 30 x 21cm. O cómputo de páxinas oscila considerablemente, situándose entre 170 e 500 por número entre os anos 1993 e 2006. E arredor do centenar a partir do número 49.

5.3 Tiraxe

No folleto Nacemento e breve historia (1997) indícase que a revista ten unha tirada de 6000 exemplares.(8) A subscrición é gratuíta. Distribúese a todos os establecementos de ensino de Galicia, a centros de formación do profesorado, bibliotecas, institucións e fundacións. Tamén se envía a máis de 400 entidades galegas diseminadas polo mundo e a moitas universidades do exterior, en particular a aquelas onde van aparecendo novos colaboradores e ás que teñen lectorados de galego. Actualmente, ao ser unha revista dixital en código aberto, está accesible de forma gratuíta para todos os públicos que a ela queiran acceder desde o seu portal (9) ou desde o repositorio biblio-hemerográfico Dialnet.(10)

6. Estrutura interna e contidos na súa singradura cronolóxica

6.1 Seccións

A revista veu contando desde os seus comezos coas seguintes seccións:

  • Colaboracións especiais: artigos de personalidades relevantes, especialistas en distintos campos científicos relacionados co ensino e o ámbito educativo.
  • Estudos: traballos divulgativos centrados nas materias do currículo escolar.
  • Prácticas: aplicacións didácticas efectivas e concretas, correspondentes a experiencias que se están desenvolvendo nos centros docentes.
  • Recensións: comentarios bibliográficos de producións impresas de temática moi variada.
  • Novidades editoriais: centradas en lingua e literatura ou en obras de filosofía, principalmente nos primeiros números, despois as temáticas irán diversificándose.
  • Noticias: informacións relativas ao mundo do ensino (cursos, congresos, lexislación, concursos, exposicións e outras novidades de interese para os docentes).

Esta estrutura vese alterada nos números extraordinarios, en consonancia coa temática de que se trate en cada ocasión. No número 12, de maio de 1996, ábrese unha nova sección titulada «O pracer de ler», dedicada a presentar «libros infantís e xuvenís de calidade». No número 19, de maio de 1998, incorpórase a sección «Lexislación» que xa se adiantaba como referente de contido no editorial programático. Desde o número 45 (marzo de 2005), co que se abre unha nova etapa como xa sabemos, ata o 48 (marzo de 2006), na que conclúe, a revista distribúese internamente nas seguintes seccións: «Colaboracións especiais», «Estudos e investigacións», «Informes e experiencias pedagóxicas», «Teses de doutoramento», «Recensións», «Noticias» e «Versión orixinal». O número 49 supón un cambio radical na publicación periódica, tanto no seu formato coma na súa estrutura interna e contidos, e mesmo, como xa dixemos, na súa mesma denominación, que pasa a ser: eduga. Revista Galega do Ensino. As dimensións do novo formato alongan a plana a 30 x 21 cm, espraiando o campo de lectura. Redúcese ostensiblemente o número de páxinas a arredor de 100. Cambia a periodicidade, secuenciada agora por cuadrimestres de ano natural (xaneiro-abril, maio-agosto e setembro-decembro). A cor imponse e  incorpórase ademais copiosa iconografía de xenerosas proporcións, tanto na portada coma no seu interior. E configúrase unha nova distribución dos contidos que se agrupan inicialmente nos bloques: «Foro», «Nomes propios», «Opinión», «Actualidade», «Entrevista», «A nosa escola», «Experiencias», «Investigación» e «Que é».

Nesta última etapa, a revista garda inequívocas analoxías con outras publicacións periódicas do ámbito educativo dirixidas ao profesorado e aos educadores en xeral, como Cuadernos de Pedagogía (convén ter en conta que a nova directora de eduga entre os números 49 e 61 é colaboradora de Cuadernos de Pedagogía), Participación Educativa  (revista do Consello Escolar do Estado, xa fenecida ou polo menos suspendida) ou coa mesma Revista Galega de Educación que edita Nova Escola Galega.

O número 51 (setembro-decembro de 2007) volve introducir lixeiras modificacións na súa estrutura que queda agora distribuída nas seguintes rúbricas: «Editorial», «Axenda», «Foro», «Nomes propios», «Opinión», «Actualidade», «Entrevista», «A nosa escola», «Experiencias», «Investigación», «Que é», «Mediateca» e «Lexislación». O número 54 (setembro-decembro de 2008) incorpora a sección «A catro bandas», onde se recolle a opinión de catro expertos sobre un tema, neste caso as ensinanzas artísticas.

Desde o número 62 (xuño-decembro de 2011) a revista vai manter periodicidade semestral —aparece a finais de xuño e de decembro— e ademais estabilízase na plataforma correspondente como unha publicación periódica integramente dixital e concibida en versión web. Conserva algunhas das seccións que tiña na etapa anterior e vaise enriquecendo con outras novas.  Deste xeito, acaban asentándose os seguintes módulos de contidos: «Bibliotecas», «Formación» (sección subdividida en tres bloques: «Enfoques», «Proxeccións» e «Ampliacións»), «Foro», «Innovación» (sección desagregada en tres rótulos: «Plan Proxecta», «Contidos educativos» e «Outros»), «Entrevista», «Experiencias», «Investigación», «A nosa escola» e «Que é». Estes módulos van precedidos do «Editorial», que non se xerarquiza no menú principal coas restantes seccións, senón que aparece nas pestanas situadas na parte superior da web e tamén figura no menú da esquerda da aplicación, cando se accede á propia hemeroteca, integrado —como se pode apreciar— dentro dos campos: «A revista Eduga», «Colabora», «Editorial», «Hemeroteca», «Axenda», «Mediateca» e «Novas».  Na versión actual obsérvase que decaeron de etapas anteriores as seccións «Nomes propios», «Opinión» e «Reportaxe», aínda que boa parte dos seus contidos atopan acollida nas seccións que se manteñen ou noutras novas que se abren. A edición en formato dixital posibilitou incrementar o número de seccións da revista e tamén a diversidade e o volume de colaboracións que se publican en cada entrega, aínda que estas, iso si, viron reducida correlativamente, polo regular, a súa extensión.

6.2 Números monográficos da Revista

No folleto publicitario da revista, editado en 1997, dise: «A Revista Galega do Ensino publica cada primavera un especial monográfico. O tema dese número escóllese segundo as efemérides do ano, aínda que non se rexeita tratar asuntos que, afastados de toda conmemoración, teñan unha notoria utilidade para os estudiantes e para os profesores».(11) A relación dos temas abordados nos números monográficos especiais da revista móstrase a continuación no cadro 1.

Cadro 1. Relación de números monográficos especiais da RGE

NÚMEROS

TEMA MONOGRÁFICO

COORDINADOR

Núm. 4 (maio 1994)

Familia. (Ano Internacional da Familia)

Manuel Regueiro Tenreiro, director xeral de Política Lingüística

Núm. 7 (abril 1995)

Titulacións universitarias (acompañado dun CD, xentileza da UdC)

M.ª Mercedes Brea López, directora da revista

Núm. 11 (maio 1996)

Gallaecia Fulget, dedicado ao V centenario da USC

M.ª del Pilar Rodríguez Suárez

Núm. 15 (abril 1997)

Sobre os valores

Manuel Regueiro Tenreiro, director xeral de Política Lingüística

Núm. 20 (set. 1998)

Formación profesional

José Luis Mira Lema

Núm. 24 (set. 1999)

A educación no século XX

Miguel A. Santos Rego

Núm. 28 (outubro 2000)

Balance dun século. Ciencias (vol. I)

Balance dun século. Humanidades (vol. II)

Vol. I: Carlos Pajares Vales

Vol. II: Ana M.ª Platas Tasende

Núm. 32 (outubro 2001)

Educación especial

José R. Alberte Castiñeiras e Mª del Mar Lorenzo Moledo

Núm. 36 (outubro 2002)

Especial artes

Javier Vilariño Pintos

Núm. 40 (nov. 2003)

Saúde nas aulas

Rafael Tojo Sierra

Fonte: RGE/eduga. Elaboración propia

 

Desde novembro de 2003 non se publicaron máis números monográficos especiais da revista. Con todo, xa a partir do número 44 (novembro de 2004) e de forma máis continuada desde o número 49 (xaneiro-abril de 2007), cada fascículo da revista aborda nas súas seccións «Opinión» e/ou «Foro», así como en ocasións tamén no coloquio «A tres/catro bandas», na «Entrevista», en «Nomes propios» e aínda na «Reportaxe» un tema monográfico que se presenta como tal xa na súa portada.

6.3 Temáticas

Os seguintes cadros e gráficos mostran a distribución das materias e o seu peso proporcional en cada unha das etapas da RGE.

Gráfico 1Distribución por materias da temática principal dos artigos publicados na RGE, núm. 1-16 (1993-1997)

Fonte: RGE/eduga. Elaboración propia

 

Gráfico 2: Distribución por materias da temática principal dos artigos, por bloques, publicados na RGE, núm. 17-44 (1997-2004)

Fonte: RGE/eduga. Elaboración propia

 

Gráfico 3: Distribución por materias da temática principal dos artigos publicados na RGE, núm. 45-48 (marzo 2005 a marzo 2006)

Fonte: RGE/eduga. Elaboración propia

 

Cadro 2: Temas dos monográficos, artigos editoriais e da sección «A nosa escola» dos números 49 a 74 da RGE

TEMAS MONOGRÁFICOS

ARTIGOS EDITORIAIS

SECCIÓN «A NOSA ESCOLA»

Calidade da educación

As TIC na escola

Educación e cidadanía

Equidade na educación

Competencia plurilingüe

Ensinanzas artísticas

Aprender fóra do horario

A nova FP

Espazo Europeo de Educación Superior

Educación infantil

Educar en competencias

A formación do profesorado

 

Eduga, unha nova canle de participación do profesorado

O valor dos recordos. (Papel do profesorado na formación do alumnado)

Educar nun mundo tecnolóxico. (Tecnoloxías da educación)

Ser ou ter. (Convivencia e normas)

Educación para todos. (Educación inclusiva, educación especial e diversidade)

Máis linguas non significa menos galego

A felicidade, ese sentimento alcanzable. (Contribución da arte na formación)

A educación como proxecto comunitario. (Educación non formal)

Novos tempos para a FP. (Sobre os novos modelos de FP)

A universidade das competencias

Necesidade ou moda. (Competencias)

O ensino: entre a tradición e a innovación

Formación para a integración. Accións educativas e formación do profesorado

Saúda do Conselleiro de Educación Xesús Vázquez Abad

Eduga: evolución e renovación

Intertextualidade en tempos de Internet

Edixgal: incorporación do libro dixital aos centros de ensino galegos

Con relación a Ferrol. (Unha aposta pola cidade e o seu peso na contemporaneidade)

Arte e diversidade

1012. (Novo profesorado)

Restrición e responsabilidade. (Creatividade e innovación, liberdade e permisión, cambio e apertura)

De raposas e ourizos. (Unha chamada á conciliación bipolar)

O segredo dos Huxley. (Unha saga de intelectuais ingleses)

O soño da escola pública

Lembranzas da infancia na escola de Meilide

As misións pedagóxicas.

As escolas da emigración.

Xosé Mª. Alvárez Blázquez. Diario escolar dun mestre republicano

A formación do maxisterio en Galicia. Perspectiva histórica

A cultura escolar popular e as escolas de ferrado

A universidade galega na segunda metade do século XX: do monopolio compostelán á descentralización

Preescolar na casa. Historia dunha atinada intuición.

Escola de Olimpio Arca: un modelo de convivencia veciñal

A Institución Libre de Ensinanza e a escola galega

Instituto Santiago Apóstolo de Buenos Aires: alicerce dunha cultura, progreso dun pobo

Os colexios rurais agrupados, outro modelo de educación rural en Galicia

Un museo etnográfico no colexio: o museo etnográfico do CPI Monte Caxado das Pontes de García Rodríguez

A radio escolar. Aprender de xeito divertido: a experiencia de Radio Escolar Sanguñeda

Traballo na escola de OMBRE. A experiencia dunha escola rural de Pontedeume

O Instituto da Coruña

A festa da árbore. Un canto escolar á natureza

As escolas da emigración. Un proxecto educativo de valorización do patrimonio

Unitarias: historia dun mestre galego (1961-1996)

A Escola de Imaxe e Son da Coruña (EIS)

O mundo nas mans (exposición temporal no MUPEGA)

Espazos de formación de Pablo Ruiz Picasso: o instituto da Guarda, 1891-1895

IES Fernando Blanco de Cee (A Coruña): 130 anos de historia educativa

CIFP Compostela, 50 aniversario

 

Fonte: RGE/eduga. Elaboración propia

 

6.4. Aspectos gráficos

Desde o primeiro número, boa parte dos artigos van acompañados de ilustracións alusivas aos temas que neles se tratan, o que axuda a facer máis agradable e relaxada a lectura. Cando a revista cambia de formato (núm. 49, 2007) e máis aínda cando se converte en publicación exclusivamente dixital, as ilustracións comezan a ocupar un espazo moi superior ao que tiñan reservado con anterioridade  e incrementan tamén notoriamente a súa policromía.

6.5. Idioma

A revista publica case a totalidade dos traballos en lingua galega e tradúcense ao galego aqueles que se reciben noutro idioma. Localizamos unha colaboración en portugués, que pensamos que é a única, e uns oito textos soamente en castelán. Débese ter en conta como factor adicional que nos números 45 a 48 se reproducen en galego e en castelán os artigos que na súa versión orixinal estaban redactados neste último idioma.

6.6. Avaliacións de orixinais

Xa no número 5 se informa aos potenciais candidatos a enviar orixinais de que as «colaboracións [...] serán avaliadas por especialistas na materia de que se trate».(12) Non se concreta se só por parte dos membros do Consello Asesor ou tamén doutros expertos alleos á revista, aínda que é ao Comité de Redacción a quen lle compete dirimir sobre o tema. De maneira máis expresa, en 1997 precísase que cada artigo recibido se somete a revisión de dous avaliadores externos, tras comprobar que se adecúa aos obxectivos e ás normas da publicación.(13) Esta mesma idea reitérase en números ulteriores, subliñando o carácter anónimo dos informantes.(14)

7. Da edición impresa á dixital

Entre os anos 1993 e 2009 (números 1-55), a RGE publicouse e distribuíuse inicial e preferentemente en soporte impreso, mantendo o mesmo formato e sobrio deseño externo entre os números 1 e 44, e variando os seus contidos e extensión nos catro seguintes, ata totalizar preto de 1500 páxinas de cobertura anual, unha cifra avultada que, con todo, xa se viu superada no ano 2000 cos cinco volumes editados que acadaron en conxunto as 1845 páxinas.

Pero os avances tecnolóxicos son trepidantes e incitan a facer cambios de maior calado tamén na publicación. Estes materialízanse e visibilízanse, como dixemos, na maqueta inaugurada co número 49 e que se mantén estable ata o 55. A partir de aí iníciase unha transición cara á edición e distribución exclusivamente en formato dixital. De feito, o número 55 é a última entrega que localizamos fisicamente nos repositorios das bibliotecas consultadas. Na Universitaria Compostelá (BUS) indícase de maneira expresa: «Cesada en 2009 a edición impresa. Dispoñible en liña en acceso libre». Cabe lembrar, consonte xa adiantamos máis arriba, que coincidindo co décimo aniversario da publicación (2003), acometeuse a dixitalización das entregas aparecidas ata aquela data (decembro de 1993- novembro de 2003) que suman 40 números con 41 volumes, e realizouse unha edición en formato PDF e soporte CD-ROM da produción global efectuada ata aquel momento, que máis tarde engrosaría cos números ulteriores o histórico da revista aloxado na súa hemeroteca.

A partir do número 56, de maio-agosto de 2009, pasa a editarse e distribuírse só electronicamente, en formato PDF, aínda que mantendo o patrón anterior propio da publicación en papel. A mediados de xuño de 2010 anúnciase que co número que entón se publica (59, correspondente a maio-agosto de 2010), baixo a dirección de Gena Borrajo, estréase o novo formato web da publicación. E adúcese entre a nostalxia polo que se perde e a confianza nas virtualidades que brindan as ferramentas tecnolóxicas das que se dota que «O troco se cadra significa renunciar á familiaridade que establecemos co papel ao longo destes anos. Non obstante, as posibilidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías son inmensas e compensan a perda, achegándolle á publicación un maior dinamismo e efectividade».(15)

Dous anos despois, o novo director Juan Granados informaba dos cambios que seguían operándose no medio e escribía nun editorial:

Na orde formal, queremos presentar unha revista remodelada, unha nova proposta estética que pretende adecuar o deseño orixinal de Eduga como revista dixital ás directrices e tendencias de maior actualidade. Non se trata dun restiling meramente cosmético; sobre iso, o equipo que conforma a revista procurou implantar as potencialidades do software de soporte, de forma que o usuario poida acceder a un sistema de consulta, navegación e recuperación de información máis racional e útil.(16)

A hemeroteca interactiva da revista está dispoñible desde o número 62 (xuño-decembro de 2011) ata o número 75 (xaneiro-xuño de 2018). Os restantes volumes da publicación poden consultarse desde a icona Histórico Revista Eduga en PDF. Desde o  número 1 ao 40 atópanse dispoñibles por número completo e a partir do número 41 están accesibles por unidades de contido e colaboracións ata o número 59. Non se conta cos números 58, 60 e 61.

Actualmente, o menú de navegación da hemeroteca entre os números 62 e 75 permite facer procuras por seccións, conforme o seguinte menú: «Calquera», «Bibliotecas», [«Biblioteca escolar», «Boas prácticas», «Hora de ler»], «Actualidade» [«Galicia», «España», «Europa», «Internacional», «Lexislación»], «Editorial», «Innovación» [«Plan Proxecta», «Contidos educativos», «Outros»], «Que é», «Opinión», «Formación» [«Enfoques», «Proxeccións», «Ampliacións»], «Experiencias», «Entrevista», «Foro», «Investigación», «Mediateca» e «A nosa escola».

A arquitectura versátil da web pon de relevo cales son as seccións que se potencian preferentemente desde ela en cada número, como acredita o seu despregamento. No penúltimo consultado (74, xullo-decembro de 2017) destacan: «Bibliotecas», «Formación» e «Innovación». Igualmente, na páxina principal da revista dese mesmo número sobresaen: «Bibliotecas», «Experiencias», «Innovación», «Investigación» e «Formación». Na seguinte entrega (75, xaneiro-xuño de 2018) despuntan: «Innovación», «Experiencias», «Entrevista», «Formación» e «Bibliotecas». E na mesma páxina principal, na columna da esquerda, encabezan: «Entrevista» e «Formación» e debaixo delas seguen «Bibliotecas», «Foro», «Investigación», «Experiencias», «A nosa Escola» e «Que é». Á súa dereita figuran: «Axenda», «Últimas noticias» e «Mediateca». Ao premer en cada un dos descritores accédese aos seus contidos máis recentes.
A web ofrece a posibilidade, ademais, de navegar ou facer consultas por números ou de combinar as opcións número e sección. Tamén permite realizar procuras no corpo dos artigos en vinculación cos outros dos menús (sección e número). E aínda é factible, así mesmo, executar consultas de texto libre.

Non cabe dúbida de que, ademais da evidente vantaxe do menor custo directo de edición e da mellora ecolóxica do aforro de papel, a dixitalización achéganos comodidade de uso, dispoñibilidade xeneralizada en todos os terminais informáticos (calquera pode xa consultar desde o seu teléfono intelixente) e facilidade para as procuras temáticas.

Con todo, a dixitalización ten os seus custos e crea as súas propias dependencias. Certos datos non impresos poden perderse. É posible que aínda esteamos a tempo de recuperar os números perdidos 58, 60 e 61 entre os gardados por algún usuario que lea estas liñas. Pero poderían ser máis as perdas se non se mantén e actualiza o soporte web que permite que estean dispoñibles. E tamén podería diminuír a accesibilidade se non se garante que os usuarios posúan (nos centros de traballo ou nos seus domicilios) a tecnoloxía actualizada para recuperar a información. Non todo é tan smart como parece no mundo dixital, pero saberemos facer fronte a moitos anos máis de transformacións necesarias. Longa vida á RGE/eduga.

 

 

*A primeira versión deste traballo presentouse no Congreso Internacional III Jornadas de estudio sobre prensa pedagógica: La prensa pedagógica de los profesores. Su contribución al patrimonio histórico-educativo, celebrado en Salamanca entre o 18 e o 20 de outubro de 2018.

 

 

Bibliografía: 

 

 

(1) Véxanse Revista Galega do Ensino [RGE]: «Nacemento e breve historia dunha nova publicación». [Santiago de Compostela], Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, [1997], pp. 3-4; Ídem: «Presentación». RGE, 1993-2003. Décimo aniversario. [Santiago de Compostela], Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, 2004. [CD-ROM]
(2) http://neg.gal/
(3) Véxase RGE: «Nacemento e breve historia…», citada na nota 1, p. 7.
(4) A Dirección: «Limiar». RGE, núm. 41, novembro de 2003, p. 19.
(5) «Editorial». RGE, núm. 44, novembro de 2004, p. 16.
(6) «Identidade e normas de colaboración. Revista Galega do Ensino». RGE, núm. 45, marzo de 2005, p. 473.
(7) SÁNCHEZ PIÑÓN, Laura: «Eduga, unha nova canle de participación do profesorado». Eduga-RGE, núm. 49, xaneiro-abril, 2007, p. 2.
(8) Véxase nota 1, p. 10
(9) http://www.edu.xunta.gal/eduga/
(10) https://dialnet.unirioja.es/servlet/revista?codigo=1555// https://dialnet.unirioja.es/servlet/revista?codigo=15195
(11) Véxase nota 1, p. 11.
(12) Comité de Redacción: «Normas para os autores». RGE, núm. 5, novembro, 1994, p. 255.
(13) RGE: «Nacemento e breve historia…». Citada, p. 5.
(14) Véxanse «Identidade e normas de colaboración…», citada, p. 475, e Revista Galega do Ensino/eduga, núm. 55, xaneiro-abril, 2009, p. 14.
(15) Mensaxe da revista do 16 de xuño de 2010.
(16) GRANADOS, Juan: «O ensino: entre a tradición e a innovación. Cambios e permanencias nun ensino de calidade». RGE/eduga, núm. 63, xaneiro-xuño de 2012. Recuperado de http://www.edu.xunta.gal/eduga/114/editorial/ou-ensino-entre-tradicion-i... [12-7-2018].

 

 

 

Sección: