As outras cen linguaxes na infancia

Deseño dunha proposta educativa de accións colaborativas
Esta publicación presenta o deseño dunha experiencia educativa interdisciplinar co obxectivo principal de achegar recursos sinxelos para familias e docentes baseados na multiplicidade de linguaxes e medios de expresión dos nenos e nenas. Trátase de potenciar o traballo na aula da danza tradicional, da narración oral e das regueifas, da música tradicional e da expresión artística en xeral como recursos motores para desenvolver unha aprendizaxe significativa.

Estella L. Freire Pérez
Especialidade: Educación e Artes Plásticas
estelafreireperez@gmail.com

 

1. Contextualización

As outras cen linguaxes na infancia do título fan referencia ao poema «Los cien lenguajes del niño» de Loris Magaluzzi (fundador das escolas Reggio Emilia), poema do cal se extraen os seguintes versos:

El niño está hecho de cien,
El niño tiene cien lenguajes,
cien manos, cien pensamientos,
cien maneras de pensar,
de jugar y de hablar.
Cien, siempre cien
maneras de escuchar,
de maravillarse, de amar,
cien alegrías
para cantar y entender,
cien mundos que descubrir,
cien mundos que inventar,
que soñar.

(Malaguzzi, 2005, p. 2).

Como a infancia, a educación artística ten múltiples linguaxes, expresións, formas de facer, de entender, de dar solución. A educación artística favorece a exploración, o descubrimento, fomenta a indagación e a reflexión, a experimentación baseada na experiencia. A educación artística é a canle para a consolidación da identidade.

1.1. A educación en comunidade. O Centro de Ensino Galego Semente e as Escolas Reggio Emilia

As persoas que deseñaron a proposta e cada un dos obradoiros están ligadas e comprometidas, ademais de coa profesión como educadoras e educadores, co proxecto do Centro de Ensino en Galego Semente Compostela. Esta proposta didáctica procura a integración da comunidade educativa, trasladando a obradoiros estruturados experiencias persoais de participación activa das familias na escola, ofrecendo diferentes recursos educativos que poñen en valor a identidade, a cultura e o contexto social das crianzas e que moitas veces quedan fóra do currículo.

As Escolas de Ensino Galego Semente son unha iniciativa social sen ánimo de lucro que toman o seu nome das Escolas de Ensino Galego, creadas a comezos do século XX polas Irmandades da Fala. Este proxecto educativo é un espazo onde a coeducación, a laicidade, o asemblearismo, o feminismo, a interacción coa natureza, o respecto pola autorregulación das crianzas e o fomento da integración no contexto do seu barrio e cidade son as liñas pedagóxicas principais a partir das cales se desenvolve o proceso de ensinanza-aprendizaxe.

Os principios pedagóxicos destas escolas entroncan coas directrices de Malaguzzi nas Escolas Reggio Emilia e discorren de forma paralela. «A carta con tres dereitos» escrita por Loris Malaguzzi en xaneiro de 1993 e publicada no libro Los cien lenguajes del niño (Malaguzzi, 2005, p. 215) fai referencia aos tres piares clave para o funcionamento da comunidade educativa. Os dereitos da infancia, os dereitos das persoas educadoras e os dereitos das familias son unha tríade indisoluble a partir da cal se conforma todo un proxecto educativo baseado no respecto e na sensibilización cara á identidade e contexto cultural onde se enmarcan. Son, pois, escolas coidadoras, onde a comunidade educativa ao completo está entregada ao labor de educar e coeducar as nenas e nenos. «Os dereitos dos nenos a ser recoñecidos persoas (...) portadoras e construtoras de culturas propias e participantes activas das organizacións das súas identidades (...) a través das relacións (...) e dos imaxinarios de mundos comunicantes.» (Malaguzzi, 2005, p. 214).

Neste punto nace a proposta educativa eixe central deste traballo, unha proposta interdisciplinar de accións colaborativas, deseñada en comunidade e para a comunidade.

1.2. Propostas de transformación. A creación desde a identidade

O enfoque do proceso de ensinanza-aprendizaxe proposto ten como principal obxectivo educar para o desenvolvemento persoal e o autocoñecemento, formar persoas comprometidas e sensibilizadas co noso contexto cultural e lingüístico e formar futuros axentes transformadores de realidades.

A educación artística e o proceso creativo son ferramentas clave para materializar estas experiencias e manter viva a herdanza cultural a través de novas propostas e recursos creativos baseados na tradición e na identidade que nos é común e nos define.

Neste sentido, a arte, e en concreto a arte contemporánea, o artivismo e as novas producións do noso contexto cultural e social semellan as formas máis idóneas de acceder ás orixes das propias producións (Bosh, 1998). Entender manifestacións do pasado leva implícito traelas ao presente para analizalas desde o aquí e o agora. É a única forma de conservar no tempo a historia, as historias de vida, os contos e as producións propias da nosa cultura.

Como se explicou en parágrafos anteriores, esta experiencia procura a integración da comunidade educativa, ofrecendo recursos sinxelos para familias e docentes de xeito que se produza un achegamento entre escola, familia e contexto social e cultural. Esta idea de comunidade traballa en diferentes liñas que conectan patrimonio cultural e inmaterial, identidade e comunidade entendida como grupo de aprendizaxe, como lugar, como tribo na procura do beneficio social común a través da creación e da experiencia artística (Villeneuve e Sheppard, 2009). Apóstase pola posta en valor da experiencia didáctica como acto de transformación que defende valores en relación co medio ambiente e a sustentabilidade natural, pero tamén social e cultural.

 

2. Descrición da proposta

2.1. Introdución

Da necesidade de enfocar a aprendizaxe como un proceso, como un fío de investigación e descubrimento que abre portas a moitas disciplinas que conflúen, xorde o deseño da proposta. Trátase dunha proposta aberta, onde profesionais de diferentes campos amosan recursos educativos desde unha postura común: aprender facendo e traballar desde a identidade, recuperando moitos dos recursos que parten da tradición oral, do sentir cultural e da importancia da transmisión do coñecemento a través das persoas e da identidade propia e colectiva.

A proposta foi deseñada para a convocatoria dos Cursos de Verán 17-18, en colaboración coa USC e a Universidade de Verán, a Área de Didáctica da Expresión Plástica e varias das familias que pertencen á comunidade educativa do Centro de Ensino Semente Compostela. Desenvólvese, pois, un programa piloto dunhas xornadas de quince horas lectivas divididas en tres sesións de catro, oito e tres horas, respectivamente. As diferentes propostas e obradoiros que conforman esta experiencia son unha mostra do facer nestas escolas no día a día, e de como interactúan coa vida das familias facéndoas formar parte activa na aprendizaxe das crianzas. As persoas que desenvolveron todas e cada unha das actividades propostas están ligadas activamente a estas escolas e a esta forma de facer, achegan a súa experiencia vivencial e profesional transformándoa en situacións de aprendizaxe.

Trátase de deseñar propostas de aprendizaxe a través do xogo e a educación artística, de fomentar o proceso creativo como fío condutor da experiencia, de abordar moitas outras linguaxes identitarias como a danza tradicional, a narración oral e as regueifas, a música tradicional e a expresión artística ligada ao contexto.

2.2. Obxectivos

Os obxectivos principais da batería de obradoiros e experiencias que compoñen a formación deseñada son os seguintes:

- Achegar recursos sinxelos para familias e educadoras baseadas na multiplicidade de linguaxes e medios de expresión das crianzas.

- Promover a aprendizaxe inserida na cultura e no medio galego que emprega como recursos fundamentais a lingua galega e as diferentes manifestacións artísticas do contexto tradicional e actual da cultura galega.

- Empregar a educación artística e as diferentes disciplinas artísticas como ferramentas principais para dotar as nenas e nenos de experiencias transcendentes que desenvolvan a súa capacidade para seren en comunidade aprendendo - a crear, transformar.

- Potenciar o traballo na aula da danza tradicional galega, recurso motor para desenvolver, entre outras, a expresión corporal e a relación corpo-espazo-comunidade.

- Potenciar o traballo na aula a través da narración oral e das súas diferentes variantes na cultura tradicional galega (contos, lendas, regueifas...). A narración como xerador principal das situacións de aprendizaxe.

- Potenciar o traballo na aula a través da linguaxe musical e das producións tradicionais galegas, dinamizadoras da autoexpresión (arrolos, cantigas...).

2.3. Metodoloxía

Nos proxectos de aprendizaxe prima o traslado da experiencia vivencial ao proceso de creación, consolidando un modo de facer que parte da reflexión e indagación na propia identidade para desenvolverse na comunidade.

Podemos resumir o deseño metodolóxico da proposta segundo diferentes modos de aprendizaxe (Eisner, 1995) que nela se desenvolven, trazando unha liña metodolóxica que responde aos seguintes puntos:

1. Aprendizaxe significativa: teñen prioridade por enriba de calquera outro aqueles contidos cos que as persoas en formación poden conectar cos seus coñecementos e experiencias previas. Elementos do noso contorno e vida cotiá como detonantes da acción.

2. Transferencia: potenciación dos contidos aprendidos e transferidos a outras aprendizaxes. Subida de escala e reflexión desde a autoexpresión.

3. Experimentación: posta en práctica dos contidos, ensaio e deseño de propostas.

4. Realidade: posta en valor da experiencia mediante a experimentación nun contexto real e público de forma que todos poidamos participar, concluír, avaliar...

A metodoloxía procesual é determinante neste tipo de accións, formuladas desde unha concepción construtivista da aprendizaxe, favorecendo aprendizaxes activas e significativas que parten da experiencia vivencial da persoa como elemento determinante do propio proceso.

O deseño de actuacións, a observación e a análise das realidades tanxibles experimentadas serán os instrumentos empregados para a elaboración da discusión final que liga obxectivos e resultados. Como método complementario á recollida das reflexións persoais e das achegas feitas de forma individual e colectiva en cada un dos obradoiros, farase unha entrevista grupal e individual ás persoas ás que vai dedicada a formación, de xeito que se presenten as fortalezas e debilidades do deseño proposto co obxectivo de implementalo e melloralo para a súa aplicación práctica.

A proposta poderase e deberase axustar en todo momento ás necesidades do grupo. A programación que se propón responde á metodoloxía procesual descrita, pero deixa abertas liñas de desenvolvemento variables.

 

3. Deseño e presentación da proposta

3.1. Programa das xornadas. Presentación

Na primeira asemblea grupal presentouse o programa da formación xunto coa metodoloxía de acción proposta. O programa responde ás diferentes xornadas nas que se estrutura, combinando obradoiros, experiencias e actividades nunha formación dinámica e aberta. A estrutura base é a seguinte:

 

XORNADA 1 (4 h)

- Presentación das xornadas

- As outras 100 linguaxes na infancia. De Malaguzzi a Semente

- O Centro de Ensino Semente. Unha iniciativa social de pedagoxía transformadora

- Contar. Obradoiro de Narración Oral

- Bailar. Medrar bailando. O ensino do baile con nenos

 

XORNADA 2 (3 h)

- Cantar. Arrolos e outras músicas tradicionais

- Propostas e máis accións educativas. Experiencias realizadas no Centro de Ensino Semente

 

XORNADA 3 (8 h)

- O desenvolvemento de situacións de aprendizaxe baseadas nas diferentes formas de expresión artística

- Espazos de creación e experimentación. Escenografías e xogo simbólico

- O motor infantil da regueifa. Un xogo para mudar as persoas e o mundo

- Realización de microexperiencias grupais. Educación, arte e natureza

 

A continuación expóñense unhas liñas sobre cada unha das propostas presentadas, incidindo nos tres bloques principais que desembocan nunha explosión de linguaxes e modos de facer que, combinados entre si, dan lugar a un feixe de recursos educativos baseados na simplicidade do sentido común e que teñen como nexo común a concepción lúdica do proceso de ensinanza-aprendizaxe.

 

3.2. Bloques de contidos principais

 

CONTAR. Obradoiro de narración oral. Vero Rilo

O noso xeito de falar, as nosas maneiras de conversar e as formas nas que nos expresamos son os elementos principais que definen o punto de partida destes obradoiros de narración oral. Son un punto de partida que, en definitiva, non reside noutro lugar que non sexa a nosa propia técnica de oralidade. Se devecemos por contarlles narracións aos nosos nenos ou se desexamos contar desde a reinvención das máis diversas fontes e en calquera circunstancia, a mecha ha de estar na nosa manifestación oral.

 

CANTAR. Arrolos galegos e cantos tradicionais adaptados. Guadi Galego

Arrolos galegos e cantos tradicionais adaptados. O obxectivo do curso non é outro que achegarlle un feixe de arrolos e cantos tradicionais ao alumnado, mudando o léxico sexista e desde unha óptica pedagóxica e didáctica.

 

BAILAR. Corpo en movemento. Medrar bailando. Marta Otero

Obradoiro de danza tradicional. Coñeceremos diferentes estruturas e puntos da danza tradicional e a súa adaptación no espazo da aula. Primeiro farase un percorrido polas principais danzas arraigadas no noso contexto para entender os ritmos e as estruturas que as compoñen. Como proposta grupal deseñaremos a nosa propia xota ou muiñeira e coñeceremos diferentes experiencias levadas a cabo por nenos.

 

AS OUTRAS CEN LINGUAXES NA INFANCIA

Espazos de creación e experimentación. Mirari Urruzola

Este conxunto de obradoiros trata de ofrecer ferramentas prácticas para crear espazos e soportes tridimensionais detonantes de situacións de aprendizaxe, con materiais moi sinxelos e de baixo custo. Trátase de empregar o espazo como recurso educativo, de exploración e experimentación, nun proceso que liga acción e pensamento.

Deseñando espazos

Fonte: Estella Freire

 

Un xogo para mudar as persoas e o mundo. O motor infantil da regueifa. Sechu Sende

As experiencias do Club de Regueifa da Semente, da Regueifesta ou da introdución da materia de Regueifa e improvisación oral en verso no noso sistema escolar está a abrir camiños inéditos no desenvolvemento dos nenos e da xente nova. Coñeceremos a enerxía transformadora do repentismo.

Acumular, clasificar, identificar. Recursos e xogo. Marta Santos

Abordar o ámbito da lóxica e da linguaxe matemática a través do xogo, empregando materiais non estruturados de uso cotiá (noces, fabas, cordas...). Existen sistemas de comunicación alternativos e aumentativos (linguaxe de signos, pictogramas, bimodal...) que serven de estratexia de intervención e exploran as outras 100 linguaxes que a infancia desenvolve de xeito natural (non limitándose exclusivamente á oralidade).

Arte e contexto. O xogo e os procesos artísticos de aprendizaxe. Estella Freire

A intervención proposta parte do entendemento do contexto como soporte de aprendizaxe, dos materiais naturais como medio, para así profundar nos límites entre arte e vida, entre arte e natureza, entre o natural e o construído. O xogo como motor da aprendizaxe e a importancia do inicio do proceso artístico onde a persoa educadora se presenta como guía.

3.3. Transferencia da acción. Obradoiros de experimentación

Esta batería de recursos ten a súa materialización nunha segunda batería de accións de intervención directa sobre o contexto. Segundo o especificado no programa e de acordo coa última fase da aprendizaxe ligada á transferencia ao real, preséntanse o último bloque da formación: Realización de microexperiencias grupais. Educación, arte e natureza.

 

Estes obradoiros de experimentación están pensados para desenvolvelos en contacto directo coa contorna, ao aire libre, fóra das paredes da aula, de forma que se leve a cabo a transferencia ao real nun contexto determinado e se visibilice a materialización das propostas. Será así como da palabra pasaremos ao conto, do conto ao canto, do canto á danza, da danza ao xogo, do xogo á regueifa... e así sucesivamente nun xira xira de micropropostas artísticas que falan da aventura de vivir, da reformulación de historias e experiencias e da reinvención a partir da rutina e dos elementos cotiás do día a día.

 

A realización das experiencias de aprendizaxe nun contexto determinado fai que o propio contexto sexa o soporte da acción. O espazo no que se actúa é un recurso educativo de primeira orde, é a canle coa contorna social. Trasladar a importancia que ten traballar desde o contexto, o barrio, a rúa onde se localizan os centros educativos é fundamental para xerar persoas comprometidas cívica e socialmente coa contorna e a comunidade.

 

O obxectivo desta última batería de propostas non é outro que incidir no proceso co-labor-activo, no traballo en grupo e na transferencia das accións educativas ao resto da comunidade. Unha mostra aberta e pública do proceso de aprendizaxe pon en valor as producións individuais e colectivas apoderando o colectivo no seu poder transformador de realidades.

 

Realizáronse catro propostas simultáneas en grupos reducidos de catro ou cinco persoas, coa intención de poder rotar e experimentar varias das actividades ao longo da tarde. Comezamos cunha ruta polo río Sarela onde se recolleu material (follas, paus, pedras...) e se presentaron os diferentes obradoiros. As accións propostas, ligadas ao landart e á experimentación e composición con elementos vexetais, desenvolvéronse na parte posterior da horta de Semente baixo as árbores, o obradoiro de linguaxe e expresión a través do xogo no areeiro situado no espazo central e un último obradoiro de humanización e deseño de espazos educativos exteriores levouse a cabo na aula que ten acceso directo á horta. Deste xeito, todos os obradoiros estaban conectados espacial e visualmente e as persoas participantes podían documentar e moverse dunha a outra actividade.

As seguintes imaxes reflicten parte das experiencias realizadas nesta última propostas de acción artística en relación directa coa contorna.

 

Composicións vexetais

Fonte: Estella Freire

 

Ditados na area

 Fonte: Estella Freire

 

 Ruta polo Sarela

Fonte: Estella Freire

 

4. Discusión

Todas as propostas están deseñadas e estruturadas como procesos-proxectos educativos, cun esquema de programación que permite levalas na aula, e sempre tendo como premisas de partida a identidade como soporte, a arte como medio e a aprendizaxe e experimentación colaborativa como fin.

Esta proposta non ten máis que o obxectivo de lles dar continuidade ás inquedanzas coas que convivimos diariamente no eido da educación, comprometéndose en formular desde a coeducación e o feminismo, do compromiso social co contexto cultural que nos define. A programación proposta para estas xornadas é un esquema extrapolable á aula e a diferentes contextos educativos. Un esquema interdisciplinar e aberto que xungue moitas disciplinas e aprendizaxes, que podería inserirse no currículo educativo actual para afondar en cuestións de identidade e comunidade, diversidade e aprendizaxes significativas ligadas ao xogo e ao desenvolvemento da autoexpresión na infancia.

Unha vez finalizadas as xornadas, fíxose unha asemblea xeral onde as participantes e as perspas relatoras puidemos intercambiar diferentes aspectos sobre as experiencias realizadas.

A continuación cítase unha pequena mostra das opinións, unha mostra de autocrítica que dá proba da importancia do diálogo, de contrastar opinións e maneiras de facer, de pensar nos nenos, nas persoas educadoras, nas familias e en todas as axentes da comunidade educativa.

Todos e cada un dos obradoiros foron plenamente do meu gusto e vanme ser de grande utilidade na miña formación como futura mestra. Moitas veces temos esa obsesión con mercar cousas cando, en realidade, algo que temos pola casa pode ser de moita máis utilidade e mesmo resultar moito máis útil ca calquera cousa que poidamos atopar no mercado. Ademais, tamén me serviu para aprender que, a pesar de que pensemos que non se nos dá ben cantar, bailar ou contar, en realidade estas son cousas que facemos desde que os nenos son moi pequechos xa que son actividades que eles valoran e aprecian en gran medida. (Fernández, M., comunicación persoal, 26 de xuño de 2018)

As ideas innovadoras para non quedarnos simplemente co libro ilustrado e a motivación e pulo para comezar a contar, a conversa sobre a música actual e como tratala na aula e a motivación para comezar a cantar e inventar novas cancións para contos ou a vida cotiá. As ideas para crear novas experiencias para os nenos. A sinxeleza e, ao mesmo tempo, o divertimento. (Otero, N., comunicación persoal, 26 de xuño de 2018)

Grazas polas referencias e por todos e cada un dos obradoiros que xa non só ensinaron senón que inspiraron. (Montero, A. comunicación persoal, 26 de xuño de 2018)

Ademais, e para levar a cabo esta primeira avaliación sobre o acontecido, realizouse unha enquisa en liña na que, para cada un dos obradoiros e palestras, se pedía un comentario individual que debería incluír tamén unha proposta de mellora. Algúns dos comentarios recibidos foron os seguintes:

O meu único desexo é que para o ano estas xornadas sigan estando presentes e que duren un chisco máis. (Fernández, M., comunicación persoal, 26 de xuño de 2018)
    
Aprender máis sobre como levalos a cabo nos diferentes grupos de idade. (Montero, A., comunicación persoal, 26 de xuño de 2018)
    
Algúns dos obradoiros fixéronse curtos para todo o que queriamos facer, así que talvez se podería ver de organizar cursos máis específicos (aínda que, como un primeiro achegamento, penso que así estivo ben). (Otero, N. comunicación persoal, 26 de xuño de 2018)

Como constatan estas achegas e mesmo desde a organización, concordamos en que o tempo establecido para cada un dos bloques foi escaso. Malia que o propio título aludía ás Cen linguaxes na infancia e que con isto o que se pretendía era presentar un amplo abano de posibilidades e recursos para o inicio de procesos e proxectos na aula, hora e media de obradoiro non é suficiente para sentar unhas liñas de acción en cada un dos temas que se trataron. Neste senso e tal e como indicaban as compañeiras, preténdese ampliar este marco e propoñer monográficos que amplíen os contidos presentados. Para suplir este inconveniente completouse a formación mediante a achega de documentación gráfica e visual presentada por cada unha das persoas relatoras e que se anexou en formato dixital. Recollemos, pois, esas ganas de seguir coa formación e de mellorar naqueles aspectos identificados a través da posta en práctica da proposta.

Porque todas contamos, cantamos, creamos e bailamos, todos podemos chegar a contar, cantar crear e bailar vivenciando unha experiencia artística. Contar, cantar, crear e bailar forman parte do noso día a día, da nosa experiencia cotiá, da nosa identidade e da nosa forma de expresarnos.

 

 

Bibliografía: 

 

 

AALTO, A. (1982): La humanización de la arquitectura. Barcelona: Tusquets.

ABAD, J. (2011): El juego simbólico. Barcelona: Grao.

ACASO, M. (2012): Pedagogías invisibles: el espacio del aula como discurso. Madrid: Los Libros de la Catarata.

ASHILD, K. (2016): El museo de tronquito. Madrid: Nórdica Libros.

AUCOUTURIER, B. (2004): Los fantasmas de acción y la práctica psicomotriz. Barcelona: Grao.

AUCOUTURIER, B. (2018): Actuar, jugar, pensar. Puntos de apoyo para la práctica psicomotriz educativa. Barcelona: Grao.

BOSCH, E. (1998): El placer de mirar. Barcelona: Actar.

CABANILLAS, R. (1995): Cancioneiro popular galego. Vigo: Galaxia.

CASTAGNETTI, M. (2005): El zapato y el metro: los niños y la medida, primera aproximación al descubrimiento, a la función y al uso de la medida. Barcelona: Octaedro.

CEPI, G. e ZINI, M. (2003): Children, spaces, relations: metaproject for an environment for young children. Reggio Emilia, Reggio Children.

COSTA, A. (2004): Historia da educación e da cultura en Galicia (s. IV-XX). Vigo: Xerais.

DEWEY, J. (2008): El arte como experiencia. Barcelona: Paidós.

DÍAZ, A. (2014): Teoría de la improvisación poética. Almería: Scripta Manent.

EISNER, E. (1995): Educar la visión artística. Barcelona: Paidós.

EISNER, E. (2004): El arte y la creación de la mente: el papel de las artes visuales en la transformación de la conciencia. Barcelona: Paidós.

NEPERUD, R. (1995): Texture of Community: An Environmental Design Education. Virginia: Naea.

LORENZO, X.(1983): Os Oficios. Vigo: Galaxia.

LOWENFELD, V. (2008): Desarrollo de la capacidad intelectual y creativa. Madrid: Síntesis.

MALAGUZZI, L. (2005): Els cent llenguatges dels Infants. Barcelona: Rosa Sensat.

MALAGUZZI, L. (2001): La educación infantil en Reggio Emilia. Barcelona: Octaedro.

MARTÍNEZ, A. (1997): Historia e evolución da danza en Galicia. Santiago de Compostela: Museo do Pobo Galego, Ed.

PINHEIRO, R. (2016): Repente galego. Pontevedra: Deputación de Pontevedra.

RICO, M. (1996): Vente vindo, ven cantando. Cancioneiro escolar galego. A Coruña: Fontel.

RODARI, G. (2010): Gramática da fantasía. Pontevedra: Kalandraka.

RODRÍGUEZ, A. (2017): Regueifa en Bergantiños. Santiago de Compostela: A Central Folque.

TANIZAKI, J. (2010): El elogio de la sombra. Madrid: Siruela.

VILLENEUVE, P. e SHEPPARD, D. (2009): «Close to home; Studying art and your community». En Art Education, núm. 1, xaneiro 2009, pp. 6-13.

VARIOS (2001): Descubrir jugando. Barcelona: Octaedro.

 

 

 

Sección: