A igualdade no currículo e o seu traslado ás aulas

Este artigo analiza o tratamento da igualdade na normativa educativa, a súa aplicación nas aulas e a influencia que tivo na sociedade. Faise unha proposta de como traballar a igualdade e os valores necesarios para que o alumnado desenvolva actitudes de respecto e convivencia que permitan ter unha sociedade na que a violencia de xénero sexa erradicada e a igualdade de sexos sexa unha realidade. A proposta trata de explicar como traballar na aula a igualdade respectando e aproveitando os requirimentos que fixa a normativa.

José María Alén de la Torre
Inspector de Educación
jose.maria.alen.torre@xunta.gal

Introdución

As diferentes leis educativas vixentes en diferentes momentos durante o período dos trinta e dous últimos anos establecen os seguintes principios e fins:
A LODE (Lei orgánica 5/1985) establece (1) entre os seus fins (artigo 2):

b) A formación no respecto dos dereitos e liberdades fundamentais, da igualdade entre homes e mulleres e no exercicio da tolerancia e da liberdade dentro dos principios democráticos de convivencia.
g) A formación para a paz, a cooperación e a solidariedade entre os pobos e para a prevención de conflitos e para a súa resolución pacífica e non violencia en todos os ámbitos da vida persoal, familiar e social.

A LOXSE (Lei orgánica 1/1990) sinalaba entre os fins que se debían acadar (artigo 1):

b) A formación no respecto dos dereitos e liberdades fundamentais e no exercicio da tolerancia e da liberdades dentro dos principios democráticos de convivencia.

E entre os principios (artigo 2) citaba:

c) A efectiva igualdade de dereitos entre os sexos, o rexeitamento a todo tipo de discriminación e o respecto a todas as culturas.

A LOCE (Lei orgánica 10/2002) marcaba entre os principios (artigo 1):

b) A capacidade de transmitir valores que favorezan a liberdade persoal, a responsabilidade social, a cohesión e mellora das sociedades, e a igualdade de dereitos entre os sexos, que axuden a superar calquera tipo de discriminación, así como a práctica da solidariedade, mediante o impulso á participación cívica do alumnado en actividades de voluntariado.

A LOE (Lei orgánica 2/2006) modificada pola LOMCE (Lei orgánica 8/2013) establece entre os seus principios (artigo 1):

b) A equidade, que garanta a igualdade de oportunidades para o pleno desenvolvemento da personalidade a través da educación, a inclusión educativa, a igualdade de dereitos e oportunidades que axuden a superar calquera discriminación e a accesibilidades universal á educación, e que actúe como elemento compensador das desigualdades persoais, culturais, económicas e sociais, con especial atención ás que deriven de calquera tipo de discapacidade.
c) A transmisión e posta en práctica de valores que favorezan a liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza, así como que axuden a superar calquera tipo de discriminación.
k) A educación para a prevención de conflitos e para a súa resolución pacífica, así como a non-violencia en todos os ámbitos da vida persoal, familiar e social, e en especial no do acoso escolar.
l) O desenvolvemento, na escola, dos valores que fomenten a igualdade efectiva entre homes e mulleres, así como a prevención da violencia de xénero.

E no seu artigo 2 cando determina os fins da lei:

b) A educación no respecto dos dereitos e liberdades fundamentais, na igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres e na igualdade de trato e non discriminación das persoas con discapacidade.
c) A educación no exercicio da tolerancia e da liberdade dentro dos principios democráticos de convivencia, así como na prevención de conflitos e a súa resolución pacífica.

A conclusión é clara:
Todas as leis educativas da democracia establecen entre os seus principios e fins:
    1) A igualdade efectiva entre homes e mulleres
    2) A tolerancia
    3) A liberdade persoal
    4) A prevención de conflitos e a súa resolución pacífica
    5) A convivencia
Resulta importante deterse nesta cuestión, xa que todas estas leis educativas introducen un cambio importante con respecto á Lei xeral de educación (Lei 14/1970, LXE) onde, se lésemos os fins que describe no seu artigo primeiro, non atoparemos nada relacionado con «igualdade». Por este motivo resulta importante que reflexionemos sobre este feito, porque se os fins das leis posteriores á LXE son diferentes, a práctica docente nas aulas, que emana da normativa que desenvolve esa lei, tamén debe cambiar e ir dirixida á consecución dos fins establecidos nela.
O último boletín mensual da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero recolle o número de denuncias ata setembro de 2017, que se poden ver na táboa 1 e na gráfica 1:

 

 

A conclusión é que o número de denuncias por violencia de xénero en Galicia se mantén estable ao longo do temp.
A pregunta é lóxica, se levamos máis de trinta anos lexislando en educación para a igualdade, a convivencia, a tolerancia e a non-violencia, como podemos explicar que a influencia destas leis na sociedade non sexa algo que poidamos constatar? Pódese facer algo desde a escola? Se é así, por que non se logrou o obxectivo?

Desde o noso punto de vista, o problema radica en que eses principios e fins que estaban nas leis non foron trasladados ás aulas. Non se trata de buscar responsables, xa que todos os colectivos seguramente teñan parte de responsabilidade. Por unha banda, os poderes públicos non foron quen de explicar como levar eses principios ás aulas e tamén puido faltarlles determinación para facelo e, por outra, os docentes puideron sentirse inseguros de como traballar estes valores na aula dunha forma sistemática e acorde coa normativa, o que provocou que as súas intervencións fosen anecdóticas e illadas. Con todo, e polo reiterado do argumento, si que nos parece importante destacar que, na nosa opinión, os numerosos cambios normativos non foron determinantes porque todas as reformas educativas defendían estes principios e as diferentes reformas moitas veces limitáronse a cambiar outro tipo de cuestións máis significativas desde un punto de vista dos medios de comunicación ca desde un punto de vista curricular.

Pola contra, si que paga a pena abordar o punto onde o sistema puido romper e facer unha proposta para corrixir ese aspecto e conseguir que todo o sistema estea conectado. Se nos fixamos na estrutura educativa, vemos que responde ao seguinte esquema: as leis concrétanse en currículos, os cales deben responder non só aos contidos que hai que impartir en cada materia senón que tamén deben responder aos principios e fins que se indican nas leis, e estes deben aprenderse de forma simultánea. Despois, eses currículos deben ser levados ás aulas acorde co contido do currículo e coa metodoloxía que marca o currículo e, finalmente, ese currículo debe ser avaliado para medir a súa aprendizaxe por parte do alumnado.
Pois ben, por diferentes motivos esta cadea rompeu e eses principios e fins cos que todos estamos de acordo convertéronse en cuestións illadas que, ao longo do curso, algúns docentes traballaban pero, na nosa opinión, dunha forma desconectada do currículo, non sistemática e sen unha avaliación obxectiva.

Tendo en conta todo o anterior, a pregunta é como podemos traballar os valores de igualdade, respecto, tolerancia e resolución pacífica de conflitos nas aulas coa normativa actual.

Seguidamente trasladaremos unha proposta que lle permita ao profesorado traballar estes valores na aula ao tempo que cumpra cos requirimentos da normativa actual. Para explicar a proposta exporemos, en primeiro lugar, a filosofía do que se pretende facer e logo explicaremos como se traslada esa filosofía á aula coa normativa actual.

Se analizamos a causa que desde un punto de vista humano provocan a violencia de xénero e a desigualdade entre homes e mulleres, quizais cheguemos á conclusión de que é un problema de falta de respecto, de asumir que outro compañeiro ou compañeira poida pensar diferente, ter gustos diferentes, tomar decisións diferentes ás nosas e mesmo ter gustos distintos aos nosos. É a falta de tolerancia e de respecto a que leva a comportarnos de forma violenta, a non saber resolver eses conflitos, a non respectar a liberdade do próximo e, en definitiva, a querer que todos opinen coma nós. Se lle ensinamos ao alumnado a interiorizar os valores de respecto, tolerancia e resolución pacífica de conflitos, estaremos ensinándolle a crear unha sociedade onde exista igualdade de sexos.

Quizais poida sorprender nesta exposición que esteamos a falar non directamente de igualdade nin de violencia de xénero. Os motivos son claros. As mensaxes directas non son tan efectivas coma o traballo indirecto. Ademais, abordar os valores de respecto, tolerancia e convivencia, e traballar a resolución pacífica de conflitos redundará non só en crear unha sociedade onde exista igualdade senón que será unha sociedade menos violenta en todas as vertentes en que esta poida manifestarse. Vivimos nunha sociedade onde falamos de integración pero separamos, onde falamos de liberdade e illamos o que non segue os canons vixentes nese momento, onde seleccionamos e clasificamos... En definitiva, estamos nun grupo, pero non somos un grupo. Ser un grupo significa pensar no outro e facernos a pregunta máis importante da convivencia: como cres que se sentiu a túa amiga cando os seus compañeiros a as súas compañeiras lle fixeron aquilo?

Este é o motivo polo que resulta necesario poñer o alumnado en situacións reais de convivencia, onde ao tempo que traballan aspectos curriculares vinculados cos contidos de cada materia xurdan encontros e conflitos que teñamos que aprender a resolver. Para aprender a convivir resulta necesario facelo e desa forma poderemos aprender a xestionalos. Como van aprender a resolver conflitos se nunca os poñemos en situacións onde se poidan producir eses conflitos?

Seguramente poidamos ter inseguridade e ao comezo poidamos pensar que non nos funciona. Isto é normal e isto posiblemente suceda, pero debemos pensar que, cando un neno ou nena aprende a ler ou a falar, ao comezo tampouco o fai igual ca co paso do tempo. Non obstante, asumímolo como algo normal. Pois o mesmo debemos aplicarnos cando estamos comezando a traballar dun xeito distinto. Os cambios necesitan tempo, paciencia e reflexión sobre o que necesito mellorar.

En conclusión, a nosa proposta consiste en crear espazos de aprendizaxe onde o alumnado experimente situacións de convivencia nas que teña que resolver conflitos, teña que demostrar respecto, tolerancia e convivencia a través dos valores democráticos.
Analizada a filosofía, como se leva a práctica coa normativa actual? Para explicar este apartado centrarémonos en tres aspectos:
    1) Análise e comprensión dos currículos fixados polo Decreto 105/2014 para primaria e polo Decreto 86/2015 para secundaria. Identificaremos onde aparecen eses valores no currículo e como hai que abordalos na aula.
    2) Distribución espacial da aula. A forma de dispor o alumnado na aula é fundamental para crear espazos onde a convivencia poida provocar conflitos e o alumnado teña a oportunidade de practicar a súa resolución pacífica.
    3) Avaliación. Para saber se os obxectivos marcados se conseguiron é necesario medilos. Non podemos quedarnos en traballar estes valores senón que necesitamos medir a súa interiorización, a aprendizaxe do noso alumnado.

Análise e comprensión do currículo

A primeira cuestión é identificar onde están os valores citados anteriormente no currículo. Se o analizamos, atoparemos como está cheo de estándares de aprendizaxe (EA) vinculados co respecto e coa tolerancia. Temos que ter en conta que o respecto e a tolerancia son os piares necesarios para ser capaces de cambiar unha sociedade onde exista igualdade e convivencia pacífica.

Estes «estándares de aprendizaxe» e os «criterios de avaliación» cos que se relacionan son tan currículo coma os «contidos» tradicionais que podemos asociar cos contidos que formaban parte do currículo que existía na Lei xeral de educación (LXE) do ano 1970. A LXE non tiña dun xeito explícito entre os seus fins a igualdade e a tolerancia, e o ensino nas aulas ía enfocado á aprendizaxe duns contidos que, tal como dicía nos seus fins, a lei pretendía: «A adquisición de hábitos de estudo e traballo e a capacitación para o exercicio de actividades profesionais que permitan impulsar e acrecentar o desenvolvemento social, cultural, científico e económico do país».

A situación desde a Lei 8/1985 mudou e introduciu entre os seus fins «a formación no respecto dos dereitos e liberdades fundamentais, da igualdade ente homes e mulleres e no exercicio da tolerancia e da liberdade dentro dos principios democráticos de convivencia». Todos os EA que están no currículo son igual de importantes e todos deben ser traballados e avaliados co fin de ser aprendidos. Non poden prevalecer uns sobre outros. Se a formación máis cultural e científica é importante, non o é menos a formación como individuo que vive nunha sociedade onde cada un dos individuos que forman esa sociedade ten as súas ideas e sensibilidades, persoas coas que nos relacionamos tanto na nosa vida persoal coma na nosa vida laboral, onde resulta necesario ter un equipo para que unha empresa poida levar a cabo un produto.

Neste punto atopamos as seguintes queixas:
    1) Se na LXE non me daba tempo a dar o currículo, como me vai dar tempo agora?
    2) Como avalío estes EA non tradicionais?

Para responder á primeira pregunta propoñemos cambiar a metodoloxía. Necesitamos crear espazos onde traballo os contidos tradicionais ao tempo que os alumnos interactúan entre si traballando xuntos. Moitas das aulas de hoxe en día son fotos das clases de hai máis dun século. Non obstante, o mundo mudou. O acceso á información é a gran revolución que nos tocou vivir, só comparable co invento da imprenta no século XV. Non é que os recursos que temos á nosa disposición sexan moi tecnolóxicos, senón que o máis importante é que a gran revolución da educación se produciu na década de 1990. En palabras de Gonzalo Frasca (3):

Hasta hai poucos anos o noso ben cultural máis prezado era a información, era o que non había, o sabio era o que tiña os datos, o que os recordaba, e cando Gutenberg inventou a imprenta permitiu crear lugares onde gardar información, iso mellorou moitísimo, democratizou moitísimo o acceso aos datos. Non obstante, os libros hai que editalos, imprimilos, traducilos e reimprimilos, e todo iso cambiou agora, nestes anos, con Google e con Internet. Agora calquera neno ou nena e literalmente calquera neno ou nena da escola pública de Uruguai, calquera ten acceso a máis información da que soñou xamais calquera sabio da nosa historia. A escola foi deseñada para ese mundo, un mundo con escasa información, ese mundo acabouse, o mundo avanzou e a nosa idea de educación quedou ancorada nun mundo onde no había información.

Por iso xorden as metodoloxías de tipo cooperativo (4) ou the flipped classroom (5) que nos permiten traballar de formas distintas, onde o profesor xa non é o centro da clase senón o seu dinamizador. Estas metodoloxías deben ser aproveitadas para traballar o currículo máis «tradicional» ao tempo que os alumnos aprenden a traballar xuntos, a resolver os conflitos que xorden coa convivencia e a respectar o outro. En definitiva, a convivir con respecto e tolerancia.

Non se trata de escoller que currículo quero impartir, teño que impartilo todo e isto so é posible cambiando a metodoloxía das clases de forma que o alumnado traballe en equipo. Non se trata de desenvolver de cando en vez actividades de aula onde o alumnado traballa dese xeito senón ao contrario, algunhas veces o alumnado non traballa así.

Para levar a cabo estas metodoloxías, resulta necesario deseñar as actividades que imos desenvolver na clase. Estas actividades deben de ter en conta os contidos e estándares de aprendizaxe máis tradicionais que queremos traballar e, por outra parte, temos que determinar o número de persoas que integrarán cada grupo e sobre todo o rol que desempeñará cada unha delas nese grupo. Nas metodoloxías de tipo cooperativo, todos os membros teñen un rol concreto e resulta necesario o traballo de todos e todas para obter o produto. Por este motivo, a selección dos membros do equipo non é algo aleatorio, senón algo previamente pensado. Isto desenvolve compromisos entre os membros do grupo e incrementa a súa cohesión. Ademais, é un mecanismo de integración do alumnado con neae e do alumnado non motivado que moitas veces ten comportamentos diruptivos, o que incrementa a aprendizaxe destes alumnos e alumnas. As metodoloxías tradicionais moitas veces levan a deseñar actividades para o alumnado neae, que este realiza á marxe, sen que se integre no grupo. Por outra parte, o alumnado non motivado moitas veces presenta este comportamento debido ao aburrimento e desconexión coas actividades que se están a realizar na aula; desta forma, o propio mecanismo que lle asigna un rol a este alumno ou alumna e a repercusión do seu traballo no grupo fai que ese alumno incremente o seu traballo e, como consecuencia, a súa aprendizaxe.

Todo isto, ademais, está en consonancia cos principios metodolóxicos fixados no artigo 15 do Decreto 105/2014 polo que se establece o currículo de educación primaria, e co artigo 11 do Decreto 86/2015 polo que se establece o currículo de educación secundaria.

 

Distribución espacial da aula

Tal como indicamos no apartado anterior, o traballo en equipo permite traballar a convivencia, a tolerancia e o respecto ao compañeiro ou compañeira. Agora ben, cantos membros deben ter eses grupos?

O número de membros de cada grupo debe estar entre 4 e 6 persoas por grupo. O número vén determinado polo número de alumnos e alumnas que temos na clase, o que nos leva a crear grupos de máis persoas cando temos moito alumnado co obxectivo de non ter tantos grupos. Ademais, hai que ter en conta que os grupos numerosos poden ter dificultades para comunicarse debido á distancia física que hai entre algúns membros do grupo.

Tamén merece unha reflexión a decisión sobre se o grupo debe ter un número par ou impar de membros. Evidentemente, a decisión vén determinada pola actividade, pero, no caso de ser unha actividade na que o grupo teña que chegar a un consenso, resulta máis doado chegar a acordos en grupos cun número impar de membros ca no caso contrario.

Evidentemente, a distribución do alumnado por sexos dentro dos grupos ten que ser tal que o número de alumnos e alumnas en cada grupo sexa o máis similar posible. Traballar a convivencia, a tolerancia, o respecto ao próximo que se traballa en grupos onde hai alumnos e alumnas é traballar a igualdade. A distribución das mesas debe permitir que os membros do equipo estean o máis próximos entre eles, sen que ningún alumno ou alumna quede fisicamente afastado.

Avaliación

O currículo é claro neste aspecto. Se a convivencia, a tolerancia, a igualdade, o respecto son valores que forman parte dos EA, é evidente que temos que avalialos. Así como resulta doado avaliar EA asociados aos contidos «tradicionais», si que temos dificultadas para avaliar os EA asociados cos valores citados ao longo deste artigo. De novo, se o alumnado se encontra en situacións onde están traballando xuntos, o profesorado poderá avaliar o respecto ao resto dos compañeiros e compañeiras, a integración das opinións dos demais e o desenvolvemento de habilidades necesarias para o traballo en equipo. O profesorado como observador externo que deseñou as actividades que está a levar a cabo o alumnado está en disposición de avaliar o alumnado que forma un determinado grupo. Non se trata de que o profesorado avalíe a toda a clase un determinado día, senón que cada día se pode avaliar un grupo concreto. É importante aclarar esta cuestión porque con frecuencia provoca estrés entre o profesorado, o cal pensa que ten que avaliar a toda a clase ao mesmo tempo.

Unha vez determinado como e cando avaliar, temos que falar de que criterios empregamos para avaliar. Aquí é onde entran en xogo os instrumentos de avaliación que se citan na Orde ECD/65/2015, é dicir, estamos a falar das rúbricas e escalas de valoración. Estas deben estar claras para o alumnado, e mesmo poderían ser empregadas polo propio alumnado non para substituír a valoración do profesorado senón como forma de interiorizar cales son os aspectos nos que necesito concentrarme, traballar e mellorar para acadar este EA. A observación que fan entre eles permítelles interiorizar os criterios de valoración que se emprega posteriormente con eles mesmos.

Outras ferramentas para traballar a igualdade

Non quixeramos rematar esta proposta sen facer referencia a dúas grandes ferramentas das que dispoñemos para traballar o respecto, a tolerancia e a igualdade. Estamos a falar dos contos e dos debates.

En relación cos contos, hai que indicar que son unha ferramenta para traballar estes valores. En educación infantil suxerimos en xeral a colección de Contos para sentir de Begoña Ibarrola, colección de contos con ilustracións —publicados en diferentes idiomas, entre os que se encontra o galego e o castelán— que se centran nun valor. Son contos deseñados para os máis pequenos que a psicóloga e terapeuta infantil Begoña Ibarrola emprega maxistralmente para facer reflexionar os máis cativos sobre a influencia que o noso comportamento pode ter sobre como se senten os demais. Por suposto, hai moitos outros títulos como Monstruo Rosa ou Pájaro amarillo de Olga de Dios, ou Pequeno azul, pequeno amarelo de Leo Lionni.

En educación primaria tamén temos numerosos exemplos dos que destacariamos 80 valores y virtudes que te gustará conocer de Violeta Monreal, El gran libro de los cuentos con valores de Esteve Pujol I Pons, ou Ratones, dragones y seres humanos auténticos de Manuel García Pérez e Ánxela Magaz Lago.

Finalmente, en secundaria recomendamos Cuentos para crecer y curar de Michel Dufour, Intervención psicológica con adolescentes. Un programa para el desarrollo de la personalidad y la educación en derechos humanos de Maite Garaigordobil ou Nunca seré tu héroe de María Menéndez-Ponte.

Evidentemente, o traballo da igualdade e do respecto a través de contos non é aplicable a todas as materias nin clases, pero é un recurso que pode ser empregado nalgunhas ocasións aínda que a forma de traballo sexa máis individual.

Tampouco queremos rematar esta proposta sen falar do «debate». Poucas ferramentas tan poderosas existen para facer comprender as ideas do outro como cando temos que defendelas. A composición dos equipos ten varios roles: «introdutor», «primeiro refutador», «segundo refutador», «conclusor». Os debates son novamente unha ferramenta que desenvolve a capacidade de oratoria, a escoita e pensamento crítico, a estruturación de ideas, ao tempo que é un medio magnífico para acadar a «pluralización» en canto a ideas. Nos últimos anos incrementáronse os torneos de debates cuxos regulamentos se poden atopar facilmente en Internet.

De novo, o emprego de debates non se adapta a todas as materias, pero non por iso resulta ser unha das mellores ferramentas que existen para traballar a igualdade e a tolerancia.

Conclusións

Ao longo deste artigo, presentamos a relevancia que tivo a igualdade ao longo das leis educativas posteriores á Lei xeral de educación do ano 1970. Nesa comparativa vemos como todas as leis posteriores á Lei xeral de educación teñen entre os seus principios e fins a igualdade. Os principios dunha lei son os motivos polos que se lexisla e os fins o que se pretende con esa lei, e tanto os currículos coma o que sucede nas aulas debe ter estes obxectivos presentes. Non obstante, a repercusión destes principios na sociedade non é significativa e, tres décadas despois da publicación da LODE, a realidade evidencia que eses fins non se acadaron. É certo que a sensibilización da sociedade se incrementou progresivamente ata os nosos tempos, pero non existiu unha actuación sistemática e avaliada do desenvolvemento das habilidades para crear unha sociedade con igualdade que nacese a partir da educación recibida nos centros educativos. Fanse moitas análises que evidencian estas desigualdades, pero estas análises non van acompañadas de cambios que fagan cambiar esas análises. É certo que se fixeron e fan puntualmente actividades por parte do profesorado sensibilizado que traballan a igualdade, pero normalmente son actividades puntuais e non continuas no tempo nin avaliadas como se avalían outras cuestións. Os motivos polos que non se traballa dunha forma sistemática son numerosos, pero quizais o fundamental é que nin os poderes públicos foron quen de formar o profesorado a traballar de forma sistemática e avaliativa a igualdade, nin o profesorado se atreveu, quizais por inseguridade, a traballar desta forma a igualdade nas aulas. Por iso, presentamos unha proposta que nace a partir do currículo e que pretende combinar o ensino dos contidos «tradicionais» que xa existían na LXE cos valores de tolerancia, respecto e resolución pacífica de conflitos que tamén se atopan no currículo e que como tal deben ser aprendidos e avaliados da mesma forma ca os que xa existían na LXE. Cremos que, para acadar a igualdade, resulta necesario traballar os valores de respecto, de tolerancia e de resolución pacífica de conflitos. Se o alumnado fai propios estes valores, non só estaremos creando unha sociedade con igualdade entre sexos senón unha sociedade con maior cohesión, máis democrática e tolerante, que permita erradicar moitos dos problemas que a diario se ven na rúa, nos campos de fútbol, na televisión e, en xeral, en calquera ámbito da vida diaria. Resulta necesario traballar estes valores e para a súa aprendizaxe é mester xuntar o alumnado para traballar en equipo. Isto permítelle aprender a resolver conflitos, a respectarse e sitúao nun punto onde pensa máis no grupo ca en si mesmo, pensa nos demais e como se senten estes; en definitiva, desenvolve a empatía do alumnado. Moito profesorado indica que ás veces organiza o alumnado en grupos e a nosa proposta é facelo á inversa. Pero para que isto funcione, o esforzo do profesorado é importante, porque obriga a planificar as actividades que se van desenvolver moi minuciosamente, chegando incluso a estudar a composición dos grupos. Estas metodoloxías deben permitir ensinarlle ao alumnado os contidos «tradicionais» da escola e aprender estas habilidades necesarias para a súa relación persoal co resto do mundo, e permite avaliar esta aprendizaxe ao ter o alumnado en plena posta en práctica destas habilidades. Somos conscientes de que toda nova metodoloxía leva o seu tempo aplicala para obter bos resultados e o profesorado debe ser consciente de que este cambio require de decisión, perseveranza e análise. Nas metodoloxías propostas resulta relativamente doado acadar que o alumnado neae e o alumnado non interesado no ensino se integren e traballen co resto dos compañeiros e compañeiras nun proxecto común onde todos traballen, pero a aprendizaxe do currículo non é tan doada, xa que precisa de máis tempo de implantación, pero o premio levaranos a acadar unha sociedade onde as persoas que a integran non actúen de xeito individual senón colectivo e onde a igualdade entre sexos sexa unha realidade.

NOTAS:

(1) Modificada pola Lei orgánica 1/2004, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.
(2) Fonte: Boletín estatístico mensual. Marzo 2018. Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero. Secretaría de Estado de Servizos Sociais e Igualdade. Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. Goberno de España.
(3) Gonzalo Frasca: Los videojuegos enseñan mejor que la escuela (TEDxMontevideo 2012) https://www.youtube.com/watch?v=TbTm1Lkm18o
(4) Véxanse traballos de Pujolás (1949-2015) da Universidade de Vic e de Maite Garaigordobil da Universidade do País Vasco.
(5) https://www.theflippedclassroom.es/ e o libro The flipped classroom: cómo convertir la escuela en un espacio de aprendizaje (Innovación educativa), Javier Tourón e outros.

 

Sección: