Borges e o falso prólogo

 

Hai algún tempo xa, Raúl Rivero facíase eco no diario El Mundo dun vello sucedido, a polémica suscitada con respecto ao soado prólogo falso de Jorge Luís Borges que o poeta colombiano Harold Alvarado Tenorio introducira como separata no seu poemario Pensamientos de un hombre llegado al invierno. A casualidade quixo que, case á vez, os meus amigos de «La web de la poesía» me remitisen un documento excepcional, a fotocopia dunha páxina da revista Panorama, datada o 28 de setembro de 1972, na que se dá conta da investigación que o xornalista Jorge Di Paula realizou sobre aquel curioso asunto.

Contan que foi Álvaro Bajarano, un escuro columnista do diario El País de Cali, quen lle solicitou á redacción de Panorama unha investigación, pois, de natural suspicaz, facíaselle raro que un poeta por entón descoñecido gozase do privilexio que supoñía recibir o apoio de Borges, máis aínda cando a editorial, que sospeitosamente fora bautizada “Piraña” polos seus propietarios, tomara a prevención de editar en separata o prólogo, no canto de situalo ao comezo do poemario como sería o esperable. Sabían ben o que facían, lograron vender da obra de Harold Alvarado Tenorio 70 prólogos e tan só 12 poemarios.

O caso é que a redacción de Panorama decidiu enviar a Jorge Di Paola visitar ao porteño inmortal na súa gorida da Biblioteca Nacional de Buenos Aires. Seguramente, o xornalista esperaría atoparse ante un enfadadísimo Borges que, informado do asunto, tomaría terribles medidas legais contra o autor de semellante impostura literaria.

Pois ben, nada diso, atopouse ante un amable ancián cego que se entretivo en xogar co xornalista ás adiviñas co fin de dilucidar se o texto do prólogo podería ser ou non da súa autoría. A extensa entrevista non ten desperdicio, resulta en si unha xoia literaria, como todo o que tocaba Borges por moi tanxencialmente que fose. Véxanse senón algunhas das preguntas e respostas que en longa batería se reproducen na reportaxe de Panorama, mentres Jorge Di Paula ía léndolle lentamente o prólogo ao autor de El Aleph:

Di Paola (le) —«Algunha vez eu esbocei a historia dun home portentosamente dotado dunha perfecta percepción do mundo sensible e dunha perfecta memoria».

JLB —É verdade. Non teño por que desdicirme disto. Siga.

Di Paola (le) —«Se o dotase de auroras o ocular vizconde de Chateubriand…» Disto, Borges, tampouco ten que desdicirse?

JLB —O «ocular vizconde» sorpréndeme, pero non é imposible que eu perpetrase esa frase, tan allea aos meus hábitos literarios.

Di Paola  —Pero… E ao poeta Harold Alvarado Tenorio, coñéceo?

JLB  —Non o lembro, pero Harold foi un rei teutón que…

Di Paola  —E Tenorio?

JLB  —Tamén é raro que a miña memoria deixase caer un nome tan singular como Harold Alvarado Tenorio, pero aos 73 anos o esquecemento é moi accesible. Penso que o «prólogo» é unha afortunada parodia, que debo agradecer.

Di Paola (le) —«A Góngora gústanlle as palabras que denotan cores, pero é tan desdeñoso do visible que adoita equiparar a muller espida á neve, pola razón verbal de que ás dúas as podemos cualificar de brancas».

JLB —Eu diría que para os saxóns hai unha soa cor, que é o da terra labrada. Pero non, non anote isto. Vou escribir unha declaración.

Tras algunhas disquisicións, este é o texto da declaración final que Borges quixo asinar:

Os pareceres e o estilo concordan co que eu podería escribir. Así mesmo, as autoridades que alega o texto corresponden ás miñas preferencias. O «ocular vizconde» sorpréndeme, pero non é imposible que eu perpetrase esa frase, tan allea aos meus hábitos literarios. Tamén é raro que a miña memoria deixase caer un nome tan singular como Harold Alvarado Tenorio, pero aos 73 anos o esquecemento é moi accesible. Penso que o «prólogo» é unha afortunada parodia que debo agradecer.

   P/D Xuraría que non escribín “Pero tamén a choiva interior”.

   Jorge Luis Borges

Conta Raúl Rivero que anos despois Harold Alvarado Tenorio quixo visitar en Madrid a Borges para agradecerlle a súa xenerosidade. María Kodama atendeu a súa chamada, en canto Borges soubo de que se trataba, convidou o poeta a visitalo na habitación que mantiña no Ritz. Logo foron xantar a unha tasca do Arco de Cuchilleros e pasearon longo tempo polo centro de Madrid. Desde entón Harold Alvarado Tenorio puido presumir con toda liberdade de ser o primeiro colombiano prologado por Borges.

A ensinanza, de habela, é sinxela: só os grandes, aqueles que regresan do áspero e solitario camiño da fama e da soberbia, aqueles que recuperaron a serena quietude do que se sabe pleno e completo, son capaces de mostrar xenerosidade cos talentos ocultos. Nada sabemos do que lle ocorreu ao triste gaceteiro Álvaro Bejarano tras a súa denuncia, coa que pedía o linchamento cultural dun novo poeta de Cali que se atreveu a vender 70 prólogos falsos. Ao contrario, hoxe, por supremo favor dos clementes deuses, sabémolo todo do poeta chamado Harold Alvarado Tenorio, talvez por graza e apoio de Borges, capaz do sublime, de dicir, por exemplo:

Non comprendiches as palabras/ Aqueles que coñeceron a loucura/ xamais  medraron en brazos dos deuses/ xamais cantaron contra o infinito.

 

Juan Granados
Director de Eduga.RGE

Sección: