A participación do alumnado na mellora da convivencia

Berta Dolores López Álvarez
blalvarez@edu.xunta.es
IES Leiras Pulpeiro (Lugo)

 

A implantación de alumnado axudante e equipos de mediación nos centros educativos forma parte dunha estratexia de participación e de axuda para aqueles que teñen conflitos interpersoais. Ao mesmo tempo favorece a oportunidade de resolvelo entre eles sen a intervención dos adultos.

O centro escolar é á vez centro de aprendizaxe e convivencia e é difícil separar ambos os dous termos. O alumnado aprende coñecementos e destrezas, pero tamén aprende a convivir. Gran parte da súa aprendizaxe ten lugar a través do grupo ao que pertence. O tipo de interacción existente é clave para o desenvolvemento de determinadas actitudes básicas para a aprendizaxe e para a convivencia. É necesario, polo tanto, ter en conta esta dobre dimensión: o instituto como centro de aprendizaxe e o instituto como centro de convivencia. Así pois, os conflitos que xorden dentro do centro hai que velos tamén en relación con estas dúas dimensións.

Está claro que nos centros escolares hai conflitos, de maior ou menor importancia, pero hainos. E é normal que os haxa porque a comunidade educativa está composta por alumnado, familias, profesorado e persoal non docente; un grupo humano que en ocasións ten dispares crenzas, opinións e percepcións sobre case todo o que sucede no día a día.

A pregunta que se debe formular a comunidade educativa é que podemos facer para mellorar a situación?

Cada curso dámoslles a benvida a cento e pico rapaces e rapazas que empezarán primeiro de educación secundaria obrigatoria, e xa temos a información necesaria para distribuír o alumnado en grupos da maneira menos conflitiva posible. Xogar con datos previos sobre a súa conduta é altamente positivo para distribuír os grupos. O equipo directivo busca este tipo de información coa colaboración dos centros adscritos antes de empezar o curso académico e así poder detectar as necesidades do alumnado que se incorpora en setembro.

En primeiro de educación secundaria obrigatoria prestamos especial atención a como se desenvolven as clases durante o inicio do curso. De feito, entregámoslles un resumo das normas coa matrícula e puxemos en marcha a seguinte iniciativa: entregámoslle dúas copias das normas do centro a cada alumno, un exemplar é devolto ao centro asinado pola familia e polo alumno e quedará custodiado polo titor correspondente. Este documento será unha especie de contrato ou acordo e ninguén pode esgrimir o argumento de ignorar as normas de convivencia.

As primeiras semanas aprovéitanse para asentar as bases que regularán a clase a través da redacción das normas de aula. Ademais, os equipos docentes han de crear clima de aprendizaxe. Desde a titoría é esencial crear estrutura de grupo e de pertenza e así propiciar, a través de diversas dinámicas, un clima de aula eficaz para unha relación interpersoal axeitada.

O próximo curso poñeremos en marcha un novo documento da aula de convivencia que estamos a elaborar no marco do Plan de formación permanente do profesorado en materia de convivencia. Vimos observando que certo alumnado provoca deliberadamente a súa expulsión da aula porque non quere estar en determinadas materias. Para evitar estas situacións, o alumnado que non poida permanecer na aula pola razón que sexa, deberá ser acompañado á xefatura de estudos polo profesorado de garda e con algún traballo para realizar. No caso de que haxa unha expulsión por tres días, a aula de convivencia será o espazo onde cumprirá a sanción.

Potenciar a participación do alumnado é, en opinión de quen escribe este artigo, a estratexia que axuda a que a vida do centro mellore. Darlle protagonismo ao noso alumnado permite que se sinta parte do centro e que se comprometa e responsabilice en todas aquelas actuacións das que forma parte.

Por unha banda, distinguiremos a participación do alumnado nos órganos de representación como delegados, xunta de delegados, representantes no consello escolar. Promover a participación nestes órganos constitúe unha preparación para a vida en democracia á que se terá que enfrontar cando abandone o centro educativo e estea preparado para exercer a súa cidadanía.

Por outra, está o que denomino participación directa en actividades que varían en cada centro. No noso caso podemos mencionar distintas actividades ao longo dos anos:

• Ligas internas en diferentes deportes como baloncesto, fútbol, bádminton ou tenis de mesa.

• Concurso de máscaras que se organiza cada Entroido e no que o xurado está formado por un representante de cada curso. Presenta o acto alumnado de bacharelato e hai unha brigada de orde que mantén o público no seu sitio e unha brigada de obras que realiza os preparativos do desfile.

• Correo de San Valentín

• Concurso de caixas de correo

• Campañas de sensibilización contra o maltrato

• Recital poético

• Karaoke fin de curso

Hai participación directa do alumnado no coidado da aula e do centro: campañas de sensibilización para manter a aula e o centro limpo e co lixo clasificado, nas que o alumnado se implica con ideas e deseños.

A elaboración de normas de aula é outro dos aspectos nos que o alumnado ten unha intervención directa. Se o profesorado impón as normas, pode contribuír a que o alumnado nos as respecte. No Plan de acción titorial establécese un apartado de traballo das normas de convivencia no ámbito do grupo que nos parece o punto de partida. Se desde a titoría se propón a elaboración de normas e consecuencias no caso de incumprimento, para logo sometelas á aprobación dos equipos docentes, a probabilidade de éxito aumenta xa que eles formaron parte da súa elaboración. Ademais, temos que ter en conta que o alumnado é moi crítico á hora de impoñer sancións no caso de incumprimento das normas de aula.

En última instancia, cómpre incidir na intervención do alumnado na resolución pacífica de conflitos. No Leiras Pulpeiro o alumnado axudante recibe o nome de RAS (Rede de alumnado solidario). Este equipo está composto por 18 alumnos, aproximadamente, de primeiro e segundo de educación secundaria obrigatoria, que reciben un curso de formación de 12 horas, no que se abordan aspectos como a empatía, as emocións, o conflito, as distintas formas de resolver problemas, a escoita activa e as fases do proceso de axuda. Ademais está coordinado por un adulto, que se reúne con eles para tratar os temas propios do seu traballo.

Este curso desenvólvese en horario lectivo, co permiso dos equipos docentes implicados. Tamén aproveitamos algunha hora de titoría para continuar a formación ou para reunións. Para iso, cando se organizan os horarios ao principio do curso, facemos coincidir as titorías de primeiro e segundo de educación secundaria obrigatoria á mesma hora, un detalle que nos facilita moito o traballo.

Entre as súas funcións destaca prestar axuda a outros compañeiros e compañeiras cando se senten illados, tristes, cando se incorporan ao centro unha vez comezado o curso, cando hai conflitos de baixa intensidade... Por conseguinte, o alumnado RAS é moi importante porque é o primeiro en percibir as dificultades que xorden nas aulas ou noutras dependencias e que pasan desapercibidas para o profesorado.

É tradición do Leiras convidar o alumnado RAS a participar ao ano seguinte na formación para ser parte do equipo de mediación. Reciben formación nun obradoiro de 12 horas, que pode ser en horario lectivo ou nun curso que o programa municipal Vivir Xuntos, Convivir pon en marcha para todos os centros educativos de Lugo capital. A formación consta de tres módulos: concepto de mediación, os pasos dun proceso de mediación, organizar a posta en marcha do servicio de mediación no centro escolar.

O ideal sería que todos os colectivos que formamos parte da comunidade do centro teñamos persoas capaces de mediar. Estamos a valorar a posibilidade de aproveitar a formación de alumnado mediador para ofrecerlles ao profesorado e ás familias a oportunidade de que se formen con eles.

Pero o traballo non remata aquí, cara ao vindeiro curso poñeremos en marcha un proxecto para concienciar o alumnado sobre o acoso escolar. A iniciativa consiste en facer unha campaña de sensibilización coa axuda do alumnado a través dun concurso de ideas.

 

Bibliografía: 

 

 

TORREGO, J. C.(coord.) (2205): Mediación de conflictos en instituciones educativas. Manual para la formación de mediadores. Ed. Narcea.

BOQUÉ, C. (2007): Tiempo de mediación. Taller de formación de mediadores y mediadoras en el ámbito educativo. Barcelona: Ed. CEAC Paradummies.

Sección: