O conflito como oportunidade

Mª Teresa López Fernández
ma.teresalopez@edu.xunta.es
IES da Terra Cha José Trapero Pardo

 

 

Un centro educativo é un espazo de convivencia, mellor dito, un conxunto de espazos de convivencia.

Ademais do obxectivo primordial de que o alumnado acade os mellores resultados desde un punto de vista curricular (iso é o que valoran as sucesivas probas ás que os sometemos), os centros educativos deberían contribuír en maior medida a desenvolver outras habilidades de vida que, en boa parte, determinarán o éxito no eido persoal e profesional.

Con base na nosa experiencia, podemos afirmar que o bo ambiente de traballo e/ou estudo se converten en axentes facilitadores destes logros. E, francamente, non pode haber bo ambiente se non hai bo trato. Ao igual que non existe bo trato se non hai respecto aos demais e ás nosas amplas diferenzas individuais.

O claustro do noso centro manifestouse no sentido de que o programa TEI podería ser unha boa ferramenta para a prevención do maltrato ou, cando menos, para mellorar o trato. Naceu así a necesidade de solicitar un plan de formación permanente do profesorado con dúas liñas: atención á diversidade e á convivencia, ambas constituídas por un curso e un grupo de traballo.

A liña de convivencia centrouse na implantación do programa TEI (titoría entre iguais) de Andrés González Bellido, a cargo de quen estivo a formación do profesorado na modalidade de curso.

Que se pretende conseguir co programa TEI?

Aínda que se define como un programa de prevención do acoso escolar, preferimos referirnos a el como un programa para o fomento do bo trato e de mellora da convivencia no sentido de facer do centro un lugar agradable e seguro e, como consecuencia, facilitador do proceso formativo no significado máis amplo.

A través da posta en marcha do programa abordáronse aspectos básicos e fundamentais da convivencia, habilidades sociais, educación emocional, responsabilidade, solución de conflitos, valoración e respecto das diferenzas individuais etc.

O programa TEI susténtase, daquela, na titoría emocional que exercerá o alumnado de terceiro de educación secundaria obrigatoria sobre o alumnado de primeiro desta etapa. Así pois, o alumnado de terceiro é axente activo na mellora do trato e na resolución de conflitos, fomentándose o rol de alumnado responsable da mellora da convivencia para o que se fornecerán as súas habilidades sociais e a súa competencia emocional. Mediante o desenvolvemento do programa, o alumnado convértese, polo tanto, en protagonista activo das súas achegas ao espazo de convivencia que é o instituto.

Descrición

O programa implantouse na educación secundaria obrigatoria, en concreto neste curso académico en primeiro (alumnado titorizado) e terceiro (alumnado titor). Para o vindeiro curso académico todo o alumnado de educación secundaria obrigatoria formará parte do programa. O profesorado recibiu a formación os días 22 e 23 de xaneiro. Desde esta data ata o 12 de febreiro, o profesorado realizou o labor de contextualizar os materiais e elaborar actividades para as titorías. Rematado o proceso formativo do profesorado, realizouse o proceso de información do alumnado de terceiro e primeiro e o proceso de formación inicial do alumnado de terceiro. Esta fase iniciouse o 12 de febreiro e rematou o 15 do mesmo mes coa presentación de titoras/es e titorizadas/os.

Presentación de titoras/es e titorizadas/os

 

A formación e as actividades conxuntas estenderanse ao longo de todo o curso escolar.

A parte formativa realízase nas titorías lectivas e trabállanse habilidades tales como escoita activa, autocoñecemento, empatía, asertividade etc. Así mesmo, realízanse actividades conxuntas de cohesión, consistentes en gran medida no ensaio dunha obra de teatro na que todo a alumnado participante no programa actuará. Na obra, as protagonistas son as plantas, e a través dos diálogos póñense de relevo aspectos relacionados coas distintas materias do currículo coa finalidade de artellar un proxecto multidisciplinar e aspectos relativos a valores, como solidariedade, cooperación, gozo da beleza etc.

Para tal fin, preveuse a coincidencia da hora de titoría lectiva de todos os grupos implicados, en total dous grupos de primeiro e tres grupos de terceiro de educación secundaria obrigatoria.

Acto de entrega de diplomas e carnés a titoras e titores

 

En paralelo co TEI, o noso centro participa noutros programas relacionados coa convivencia, igualdade e valores en xeral. Así, no marco do Plan Proxecta, o centro traballa ao abeiro de tres programas: Fitofaladoiro, Quérote+ e Por 365 de respecto e igualdade. Ademais dos obradoiros ou actividades en si, ofertados polos propios programas, proporciónanlle ao alumnado espazos de convivencia, intercomunicación e cooperación diferentes á aula ordinaria.

O centro organiza diferentes obradoiros con variadas temáticas ao abeiro dos Contratos Programa: intelixencia emocional en primeiro de educación secundaria obrigatoria, teatro en segundo, ioga en terceiro, toma de decisións e solución de problemas en cuarto e intelixencia emocional e habilidades sociais en formación profesional básica. A duración destes obradoiros oscila entre as seis horas, en primeiro, e as dez horas lectivas, en segundo de educación secundaria obrigatoria.

Alumnos de segundo no obradoiro de teatro

 

Aínda que algún destes obradoiros —véxase o teatro— está concibido coma unha medida para acadar a excelencia, resulta unha ferramenta moi útil para achegar estratexias e ferramentas dirixidas á mellora da cooperación, convivencia e, sobre todo, para experimentar unha forma de convivir diferente.

A maior parte destes obradoiros xa ten algo de tradición no centro. Non obstante, unha actividade de visibilidade do colectivo LGTBI, realizada pola biblioteca por petición do alumnado, foi novidade este curso e a súa organización xerou moita satisfacción.

Esta iniciativa concretouse nunha xornada completa dedicada a esta temática, co obxectivo fundamental de afondar no respecto ás diferenzas individuais tamén desde o punto de vista de identidade sexual. Durante esta xornada desenvolvéronse tres actividades. Nunha delas os artistas e activistas Davide Salvado e Daniel Pardo, ademais de compartir co alumnado a súa experiencia persoal, levaron a cabo unha dinámica de confianza (Espazo de iguais) para resaltar a igualdade.

Dinámica de Davide Salvado e Daniel Pardo, Espazo de iguais

 

Ademais, a psicóloga Ángeles Amor abordou nunha charla os aspectos psicolóxicos aos que se enfronta este colectivo.

Finalmente, a xornada completouse con cine: curtas, Fucking Amal ou La chica danesa, dependendo das idades do alumnado.

Todo o alumnado do centro participou nesta xornada. Foron rotando polas diferentes actividades en grupos de aproximadamente de cincuenta persoas.

Xunto con esta iniciativa, a biblioteca, como un importante elemento dinamizador, realiza outras achegas no eido da convivencia; desde clubs de lectura interculturais ou sobre emocións ata a promoción de actividades conxuntas de todo o alumnado en datas significativas.

Club de lectura sobre emocións organizado pola biblioteca

 

Reflexións sobre a práctica

O programa foi moi ben acollido polo alumnado. Existe unha gran motivación e son moitos os pequenos conflitos resoltos polas/os titoras/es. Hai moita máis consciencia do significado do bo trato e de que determinadas actitudes fan dano.

Dado que esta actividade formativa non foi posible implantala no inicio de curso, falta por ver o resultado cunha maior perspectiva temporal, ao longo dun curso completo.

Para a implantación do programa, o maior problema foi o derivado das dificultades de coordinación do profesorado implicado para afrontar unha carga de traballo adicional moi importante, así como a falta de experiencia para abordar unha situación para a que non había referencia previa.

Como incidiu na mellora da convivencia

No tempo que leva desenvolvéndose o programa, constatamos un importante compromiso do alumnado, tanto no referido ao seu labor como titoras/es coma de decatarse e pór en evidencia situacións que antes valoraban como "normais" e que, despois de recibiren a formación, perciben como non adecuadas. Déronse casos de actuacións de titoras e titores á marxe da súa responsabilidade, é dicir, que actuaron con alumnas e alumnos doutros cursos que este ano non están incluídos no programa. Así mesmo, o propio alumnado de primeiro acode a denunciar situacións problemáticas que se viñan producindo desde o inicio do curso e agora, unha vez sensibilizado tras a información recibida, é cando toma consciencia de que eran situacións reprobables.

Valoración

Por todo o exposto, non podemos máis que realizar unha valoración moi positiva do acontecido durante este percorrido. Mais consideramos que, cara ao futuro, estes resultados teñen que multiplicarse e ampliarse a todo o alumnado do centro, cando co paso dos anos (dous ou tres) non quede ninguén sen pasar pola experiencia de ser titorizado e titor.

Con todo, somos tamén conscientes de que estamos vivindo un momento moi emocionante por parte do alumnado xa que, ao feito de iniciarse como titor, se xunta a circunstancia de que é pioneiro do centro e, como moi ben manifesta, iso faille moita ilusión.

Así pois, temos ante nós o reto de seguir alimentando esa ilusión con formación continua, con actividades motivadoras e cos reforzos e recoñecementos ao seu labor como axentes fundamentais da boa convivencia no centro.

En definitiva, o programa TEI é un proxecto de centro e chegou para quedarse.

 

 

Sección: