Iguais....Eu vou ser.....Educando en igualdade

María do Mar Sobrín Sueiras
msobrin@edu.xunta.es
 IES Ricardo Carballo Calero

 

Non hai que xustificar a enorme importancia de abordar desde todos os ámbitos o fomento da igualdade de xénero, a loita contra estereotipos sexistas ou a prevención da violencia de xénero, especialmente desde o centro escolar. Igualmente, a aplicación de metodoloxías activas, a aprendizaxe baseada en proxectos e o obxectivo de conseguir aulas inclusivas a través da innovación son eixes que consideramos vertebradores da educación.

A xestación do proxecto parte dos intereses de dúas nais e un pai, integrantes do Consello Escolar do CEIP Cruceiro de Canido (Ferrol). Baséase nunha proposta de actividade para conmemorar o Día Internacional das Mulleres, abordando os prexuízos sexistas cunha exposición fotográfica onde se fixesen visibles a través de imaxes de homes e mulleres con profesións tipicamente vinculadas ao sexo contrario. Afortunadamente, ese pai mencionado, fotógrafo de profesión, elaborou ese traballo fotográfico contando coa colaboración de persoas como unha condutora de autobús, un matrón, unha adestradora dun equipo masculino de baloncesto, unha policía, un home que fai labores de encaixe...

A iniciativa das familias trasládase ao CFR de Ferrol para elaborar un proxecto educativo máis amplo e darlle difusión entre os centros de ensino. As grandes posibilidades de aplicación nas aulas determinan que o CFR busque a colaboración de docentes que deseñen un proxecto con fundamento curricular, a partir de diferentes actividades aplicables aos distintos niveis educativos. Son os centros CPI de Atios (Valdoviño), IES Ricardo Carballo Calero e IES Leixa (ambos de Ferrol). Un dos elementos máis destacables deste traballo foi que, partindo dunha iniciativa das familias, e coa colaboración de docentes de infantil, primaria, secundaria, bacharelato e FP, se acadou un proxecto posto en práctica inicialmente nos centros participantes e con moita difusión e aplicación posterior. Para favorecer a difusión do proxecto e a aplicación nas aulas, o CFR deseña unhas xornadas de formación O proxecto iguais, unha ferramenta coeducativa para toda a comunidade escolar, que, ante a demanda do profesorado, se impartiu en tres edicións.

Os obxectivos xerais do proxecto son os seguintes:

Respecto do alumnado:

• Favorecer a construción dunha identidade non sexista e non violenta promovendo a adquisición de recursos persoais que fomenten as relacións igualitarias.

• Educar en valores de tolerancia, respecto e convivencia, que lle permitan á poboación infantil e adolescente tomar conciencia do seu proceso de desenvolvemento e construción persoal, libres de estereotipos de xénero, co fin de prever actitudes sexistas que perpetúen a violencia de xénero.

• Educar a intelixencia emocional e social co obxectivo de establecer relacións baseadas na empatía, diálogo, negociación, cooperación e resolución de conflitos de xeito construtivo, capacidade de iniciativa e pensamento crítico.

Respecto do profesorado:

• Fomentar a participación na coordinación, preparación, difusión e execución da actividade.

• Xerar conciencia crítica con respecto á relación entre o sexismo e a violencia de xénero.

• Integrar o uso dunha linguaxe inclusiva, xenérica e non sexista.

• Normalizar nas aulas referencias á diversidade sexual e a diferentes maneiras de entender a feminidade e a masculinidade

• Formar e capacitar o profesorado como axente activo en materia coeducativa.

Respecto das familias:

• Implicalas no proxecto como modelos de conduta, potentes reforzadores e adestradores en novas competencias sociais e emocionais, imprescindibles para adquirir patróns de comportamento positivos na infancia e adolescencia.

• Formalas e capacitalas como axente activo en materia coeducativa.

Trátase dun proxecto de centro, conformado por diferentes tarefas integradas, con actividades e exercicios deseñados para as etapas de educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato e FP. Tanto o material gráfico, elaborado polo alumnado de Artes Gráficas do IES Leixa (Ferrol), coma a proposta didáctica son facilitados a través do CFR a todos os centros educativos interesados en abordar a igualdade e a prevención da violencia de xénero, desde un punto de vista curricular a través dunha tarefa integrada ou proxecto. Pero pode abordarse de xeito máis concreto, e mesmo fóra do contorno escolar: asociacións, centros culturais e veciñais...

Descrición

Inicialmente, nunha parte visible do centro colócase a exposición fotográfica das persoas protagonistas na súa vida diaria xunto con carteis coas descricións das profesións. O alumnado ten que facer unha asociación persoa-profesión. Posteriormente enriquécese a exposición coas fotografías desas mesmas persoas desempeñando o seu traballo ou afección e unha frase que resume os motivos polos cales elixiron ese traballo.

A continuación, organízase un debate de reflexión guiado con perspectiva de xénero, en pequenos grupos, onde se analizan os resultados da asociación. Este debate é peza clave no proxecto, pois nel detéctanse opinións, crenzas e afirmacións que evidencian os estereotipos de xénero que reflicte o alumnado e nos que deberemos incidir coas nosas tarefas.

Tras o debate comezaba o traballo curricular na aula, organizado para os distintos niveis e etapas educativas (a investigación).

Na proposta curricular, que loxicamente pode adaptarse a cada centro en función do seu alumnado, das áreas que cómpre traballar e das necesidades detectadas faise unha achega xenérica de estándares de avaliación relacionados con cada actividade nas diferentes etapas.

No noso proxecto trabállanse diferentes ámbitos directamente relacionados con estereotipos sexistas:

Educación infantil, primaria e secundaria (CPI Atios):

Educación infantil: xoguetes; primeiro e segundo de educación primaria: profesións; terceiro e cuarto: tarefas domésticas; quinto e sexto: presenza das mulleres na historia, ciencia, tecnoloxía.

ESO: linguaxe sexista.

En cada nivel leváronse a cabo diversas tarefas que consistiron na elaboración de diferentes materiais (carteis, imaxes, fichas…) que reflectían a análise e documentación realizada. Aquí é importantísimo reflectir o papel activo do alumnado en todo o proceso.

No CPI de Atios a tarefa final ou produto social relevante do proxecto, ademais da participación activa na campaña Iguais. Eu vou ser..., consistiu nunha exposición elaborada por todo o alumnado do centro coas diferentes producións, coa que se compartiu o aprendido con toda a comunidade educativa.

ESO, bacharelato e ciclos formativos (IES Ricardo Carballo Calero):

Análise estatística e elaboración de gráficas a partir das respostas da asociación persoa-profesión; linguaxe sexista no centro, na publicidade e nos programas de TV; traballos sobre sufraxismo, feminismo, LGTBI, presenza feminina nas diferentes etapas da historia; entrevista a unha das mulleres policía; elaboración dun vídeo contra a desigualdade; análise de estereotipos na cosmética...

No IES Ricardo Carballo Calero o produto final da aplicación nas aulas do noso proxecto foi a elaboración dun blog que recolleu todos os traballos do alumnado. Este proxecto estaría inacabado se non se avaliase a consecución dos estándares traballados, así como o nivel de desempeño en cada un deles polo alumnado. Como instrumentos de avaliación inclúense rúbricas, que poden complementarse coa observación, probas escritas, portafolios, demostracións...

No desenvolvemento das actividades, é fundamental o papel da persoa docente como mediadora nos debates e reflexións do alumnado. No caso do CPI Atios, resultou esencial na xestión dos debates a colaboración da educadora social do Concello de Valdoviño, que permitiu visibilizar estereotipos e reflexionar sobre a necesidade de eliminalos. Unha mostra deste desempeño pode verse na canle educativa do CPI de Atios:

Resultaría esencial que o profesorado implicado no proxecto teña formación explícita no ámbito da igualdade. Esta premisa foi tomada en consideración polo CFR, para deseñar as xornadas formativas sobre o proxecto. Neste sentido, na proposta didáctica inclúense orientacións que sirvan de guía aos docentes:

  •  Linguaxe inclusiva: integrar construcións xenéricas que non empreguen o masculino como termo xeral: alumnado, infancia... É importante transformar a nosa linguaxe para que o alumnado a normalice no seu axeitado uso.
  • Diversidade persoal: amosar as diferenzas persoais como elemento enriquecedor, que dependen dos intereses das persoas con independencia do seu sexo.
  • Premisa básica: manter a idea de que a única diferenza entre homes/mulleres é física; que as actitudes, complementos, cores, profesións… están abertas á liberdade de cada persoa. Non introducir previamente o estereotipo para despois argumentar a igualdade. Se dicimos «cos xoguetes de nena tamén poden xogar os nenos», estamos transmitindo unha estrutura previa negativa para intercambiar os roles. Unha proposta sería «gústannos os xoguetes e cada persoa pode escoller o que queira».
  • Diversidade sexual: expresar verbalmente que cada persoa pode sentirse neno ou nena, con independencia do seu corpo, e que pode formar parella con quen queira. Nos cursos máis elevados é conveniente abordar que a identidade/orientación sexual non está relacionada con xogos, cores e outros estereotipos.
  • Crenzas previas: guiar as conversas para que expresen os motivos polos que lles atribúen diferenzas estereotipadas a ambos os sexos, para poder reconducir os seus pensamentos de xeito que integren unha idea máis positiva e respectuosa. A transcendencia deste traballo superou o ámbito escolar, converténdose nunha ferramenta para fomentar a igualdade en asociacións culturais e veciñais, concellos, e mesmo no complexo hospitalario comarcal.

Desde o CFR séguese formando o profesorado e compartindo o material que acompaña o proxecto con todas as persoas que así o soliciten. Nas seguintes ligazóns pódese acceder á información. O proxecto resultou finalista nacional no premio Acción Magistral 2016, finalista autonómico no 2017 e tivo unha importante repercusión mediática.

Finalmente, queremos destacar o traballo colaborativo de moitas persoas que deu como resultado unha proposta didáctica, aberta a medrar con actividades que nos permitan acadar os nosos obxectivos. Trátase dun «proxecto coral», onde destaca a participación de persoas que prestaron a súa imaxe: nais, pais, docentes e CFR. Tratándose da loita pola igualdade, todas as mans son poucas e a colaboración entre familia, sociedade e escola é imprescindible.

 

Sección: