Formando persoas para un mercado laboral globalizado

No IES Montecelo impártense ensinanzas de todos os ciclos de FP, cunha elevada porcentaxe de alumnado de FP básica. Nos últimos anos, como resultado dunha liña de formación en convivencia, estase a aplicar no centro unha eficaz estratexia integrada para favorecer a convivencia desde diferentes frontes: colaboración docente, labor titorial, cambios metodolóxicos, mediación...

Juan Miguel Carballa González
juan.miguelcarballa@edu.xunta.es
 IES Montecelo (Pontevedra)

 

O punto de partida

O IES Montecelo é, dalgunha maneira, un centro singular. A pesar de ser un instituto de ensino secundario, na súa oferta formativa non aparecen nin a educación secundaria obrigatoria nin o bacharelato, xa que só imparte ciclos de formación profesional de grao superior, medio e básico. A FP básica ten unha influencia especial sobre a vida do centro, xa que 140 dos 350 alumnos do centro pertencen a este nivel educativo. O alumnado deste nivel sempre procede doutros centros e, ao non ter traxectoria no noso, descoñecemos inicialmente moitos datos significativos. Con moita frecuencia foi derivado prematuramente (a excepción da que se fala na norma, alumnado de 15 anos que cursou segundo da ESO, resulta na práctica a normalidade) e unha porcentaxe significativa ten baixa autoestima e/ou variables condicionantes da contorna familiar e social… e ademais non sempre realiza a especialidade elixida. A estes factores hai que engadir a inestabilidade do claustro, froito da provisionalidade xerada porque as prazas do profesorado implicado (12) non se cobren a través do concurso de traslados.

Así as cousas, cando asumimos a dirección do centro en 2012, fixemos unha matriz DAFO, na que introducimos esas debilidades e da que concluímos que podiamos ter as seguintes oportunidades: • Promover cambios organizativos metodolóxicos e didácticos adecuándoos ás necesidades.

  • Que a fortaleza do conxunto lle permita crecer ao individuo mediante proxectos interciclos/interdepartamentos. 
  • Transmitir de forma rápida e sistemática a experiencia acadada ao profesorado novo. 
  •  Recuperar alumnado para o sistema educativo/produtivo.
  • Estabilizar o claustro porque o profesorado provisional se encontra satisfeito.

Tiñamos claro que debiamos crear unha liña de traballo definida e con continuidade: que o profesorado novo se adaptase ao perfil da FP básica e que non se repetisen patróns ou métodos utilizados habitualmente na ESO. Este alumnado estaba aquí por algún motivo e, como dicía Einstein: «Se queres resultados diferentes, usa métodos diferentes».

Con base nestas reflexións, entendemos que había que traballar en tres grandes bloques de factores:

  •  Deseño de actividades de aula que favorezan a convivencia, como resultado da reflexión sobre o papel do docente e da aplicación de técnicas colaborativas, traballo por proxectos e aprendizaxe servizo.
  •  Labor titorial, traballando no perfil das persoas titoras, no coñecemento do alumnado, na empatía co alumnado e o profesorado e na coordinación co equipo docente.
  •  Normas de convivencia que establezan uns mínimos definidos, acordados, claros e concisos, con protocolos definidos e alternativas de mediación.

 

O complemento da formación

Con estes obxectivos, nos últimos anos incluímos nos nosos PFPP varios seminarios coas seguintes temáticas:

- Aprendendo a convivir

- Educación en convivencia e para a convivencia

- Intervención nos conflitos de convivencia: transformación e mediación •

- Intervención en condutas disruptivas e de acoso escolar

- Educación das emocións

- Aprender para cooperar e cooperar para aprender

- Dinámicas de cohesión de grupo 

- Estruturas cooperativas. Plans de equipo

- Acollida do novo profesorado de FPB

No marco destes seminarios contamos con relatores como Juan Vaello Orts, quen nos guiou en aspectos como o control da aula (límites, advertencias, compromisos e sancións), rol do profesorado e cohesión do equipo docente, estratexias para interactuar no marco do respecto mutuo e para coñecer o funcionamento do grupo... As relatoras Carmen Loureiro, Eloísa Teijeira e Cristina González, pola súa banda, transmitíronnos a importancia de coñecer o contexto do alumnado (modelos familiares, necesidades de Maslow...) e déronnos estratexias para cohesionar o grupo (escoita activa, regras, xogos cooperativos, dinámicas grupais...) e para organizar actividades de aprender a pensar, educación emocional, habilidades sociais e educación en valores.

O impacto no centro

Os resultados destas accións formativas pódense observar actualmente en catro grandes ámbitos:

A acollida do profesorado

Cando o profesorado chega por primeira vez, facemos unha sesión de acollida, na que lle explicamos as características do centro e a nosa liña de traballo, e lle entregamos dous documentos: un máis formal (A guía do profesorado), con todos os documentos que pode necesitar (normas básicas, protocolos, modelos de documentos para os trámites cotiáns...), e outro máis informal (Manual de supervivencia), froito dun dos seminarios mencionados, que dá resposta a todas as necesidades e preguntas básicas coas que se pode atopar un que acaba de chegar. Nesa sesión facemos ver tamén a importancia da xestión emocional da aula, da motivación do alumnado, da cohesión do equipo docente e da comunicación e intercambio de información útil.

A metodoloxía docente

Ademais do traballo específico coa convivencia, tamén é importante a formación e a reflexión metodolóxica. Unha metodoloxía dinámica, que teña o alumnado sempre como protagonista principal, proporciona unha motivación que non só facilita a aprendizaxe, senón que tamén mellora a convivencia. Por iso, no noso centro procuramos que esa aprendizaxe atenda ao saber facer e ao saber estar, mediante actividades nas que os rapaces e rapazas vexan a utilidade e finalidade dos coñecementos adquiridos, que fomenten o traballo en equipo cara a un obxectivo común, sempre tendo en conta que no noso perfil docente prevalece a xestión de emocións sobre a simple transmisión de coñecemento.

Estes son algúns dos proxectos que traballamos estes anos:

  • Aprendizaxe proxectos funcionais. Co alumnado de Mecánica no módulo de Mecanizado e soldadura convertemos o que en moitos centros é un traballo rutineiro en proxectos de elaboración de distinto mobiliario que se está a usar e ver no propio centro.
  • Proxecto da horta á túa saúde. Ao abeiro do programa Voz Natura, levamos a cabo este proxecto. O alumnado de FPB de Agroxardinería encargouse de recuperar unha ladeira moi degradada, na que construíron bancais con distintas plantas medicinais, coas que o alumnado do ciclo medio de Farmacia realizaba produtos que aplicaban na FPB de Peiteado e Estética, e todo quedaba recollido nunha guía de propiedades que elaboraba a FPB de Artes Gráficas. 
  • Proxectos de aprendizaxe e servizo. En 2015, o alumnado de FPB de Mantemento de Vehículos restaurou bicicletas que foron entregadas á Fundación Meniños. Partindo do éxito desa iniciativa, o alumnado de FPB de Agroxardinería asesorou a Asociación de Síndrome de Down Xuntos para montar un horto urbano. Na actualidade estamos a traballar en dous proxectos máis, co CEE Pontevedra e coa Área de Pediatría Oncolóxica do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

  • Galicia Skills. Queriamos, por unha banda, facer visible o traballo do alumnado de FPB e, por outra, fortalecer a súa autoestima e capacidade de superación. O noso equipo de Xardinería competía en 2016 contra alumnado de ciclos medios e superiores e foron medalla de prata.
  • Proxectos de innovación. No ano 2017 o proxecto Climóbil Solar foi premiado nos Premios FP Innova da Consellería de educación. A primeira vez que alumnado de FPB era recoñecido con este galardón.

 

A convivencia e o labor titorial

• Se te respecto, respéctasme

• Se te atendo, aténdesme

• Non me fales como non queres que che fale

• Non me trates como non queres que te trate

• Dimo doutro modo se queres que te escoite

Estes son os principios básicos que resumen a filosofía da nosa convivencia e aparecen reflectidos nas paredes de todas as aulas. Non obstante, non sempre evitan que poidan xurdir situacións de disrupción e para iso prestamos atención ás estratexias que debe adoptar o profesorado (autocontrol, serenidade, evitar discusións dentro da aula con alumnado que se pode sentir apoiado polo grupo, a reflexión sobre o sucedido en privado e en frío...). É importante tamén que o equipo docente permaneza unido, coordinado e permanentemente informado das incidencias anteriores (no centro e na casa), para poder dar respostas conxuntas a esta situación. Por iso, no IES Montecelo fanse moitas microrreunións entre o equipo docente dun grupo, o Departamento de Orientación e a Xefatura de Estudos cada vez que se detecta un problema ou a posibilidade de que poida xurdir un. No mesmo sentido, prestamos especial atención ao perfil da persoa titora, ao coñecemento do alumnado e a empatía con este e co profesorado, pero sobre todo consideramos importantísima a coordinación das titorías dende o Departamento de Orientación e a Xefatura de Estudos.

 

Resolución de conflitos e mediación

Para a intervención na resolución de conflitos estamos totalmente na liña que proclama Vaello de definir unha serie de diques: primeiro dique, o profesorado; segundo, a persoa titora; e terceiro, xefatura e dirección. Ademais, desde 2012 contamos cun equipo de mediación entre o alumnado do centro que realiza un labor importante na resolución de conflitos. Estamos moi satisfeitos con este, pero temos o problema (ou pode que oportunidade) de ter que renovalo cada ano, xa que a estancia media do alumnado do IES Montecelo no centro é de dous anos. Para terminar un par de citas que ilustran a nosa aprendizaxe:

As actitudes son máis importantes cas aptitudes

Winston Churchill

A utopía está no horizonte.

Camiño dous pasos, ela afástase dous pasos e o horizonte desprázase dez pasos máis aló.

Daquela, para que serve a utopía?

Para iso, serve para camiñar.

Eduardo Galeano

 

 

Sección: