Un centro preocupado pola convivencia

Desde o curso 2016/17 as prácticas restaurativas son parte importante no traballo diario do IES do Barral. Neste artigo relatamos a nosa andaina particular e o que estas estratexias nos ofrecen en relación coa mellora da convivencia no centro. Falamos así de educación emocional, habilidades sociais, educación en valores, resolución pacífica de conflitos, e tamén de participación efectiva, de diálogo e escoita activa, de inclusión... Acompáñasnos?

Mirian Garabal Montes
miryamgm@edu.xunta.es
María Iglesias Carrera
micepv@gmail.com
IES do Barral (Ponteareas-Pontevedra)

 

 

No hay posibilidad de vivir sin convivir. El primer cometido por el que debemos interrogarnos es por el tipo de convivencia en el que aspiramos a vivir y para el que pretendemos educar, conscientes de que en ambos envites nos jugamos buena parte de nuestro futuro. Xesús R. Jares

Un centro preocupado pola convivencia

Desde case o seu nacemento, no curso 2009/10, no IES do Barral (Ponteareas) vimos traballando sobre temas de convivencia a través de distintos proxectos de formación na procura de crear un centro comprometido coa mellora das relacións entre os membros da comunidade educativa, un espazo seguro e agradable onde o alumnado poida desenvolver as súas competencias, forxar amizades, aprender a ser cos outros...

Así puxéronse en marcha diversas estratexias que foron construíndo un modelo de escola que atende ao aspecto socioemocional do alumnado, sen esquecer o seu desenvolvemento académico e como impulso del.

Nunha xornada sobre o reto do acoso escolar, organizada pola Asociación Arela, coñecemos da man de Jean Schmitz (instrutor do Instituto Internacional de Prácticas Restaurativas) unha nova forma de abordaxe do acoso escolar: as prácticas restaurativas.

Saímos daquel curso con moita curiosidade e ganas de continuar investigando, así que en setembro do curso 2016/17 solicitamos un PFPP da liña de convivencia no que participamos 14 profesores dun claustro de 33, o que dá mostra do interese existente por mellorar a nosa realidade educativa.

Coñecendo as prácticas restaurativas

Nesta formación, impartida polos profesionais de Arela, aprendemos que as prácticas restaurativas son “unha serie de estratexias que nos permiten previr, detectar, xestionar e resolver as situacións de conflito, reforzando os vínculos afectivos entre as persoas afectadas, e creando un clima favorable para a convivencia”. A partir desta definición podemos intuír que as prácticas restaurativas teñen dous enfoques. Por unha banda, existe un enfoque proactivo, que se centra en crear comunidade buscando aumentar o sentido de pertenza ao grupo, por outra, serven como medida reactiva, posto que facilitan a restauración das relacións entre as persoas implicadas nun conflito e aumentan a implicación persoal e o grao de satisfacción xeral dos afectados por este. Ao longo da formación recibida, aprendemos tamén que dentro do espectro das prácticas restaurativas existen diferentes tipos de estratexias. Nesta formación obtivemos a capacitación para pór en marcha as catro primeiras: Declaracións afectivas, manifestando as nosas emocións nas mensaxes que lle enviamos ao alumnado en relación coas súas condutas negativas ou positivas, dicindo, por exemplo, “Cando interrompes na clase, síntome decepcionada” en lugar de “Cala xa, por favor!”. A súa importancia radica no impacto acumulativo que provocan ao poder empregarse a diario, animando a que o alumnado tamén identifique e exprese as súas emocións, sempre de maneira asertiva. Preguntas afectivas, secuenciadas, que podemos formular para promover a reflexión e a expresión de sentimentos ante un conflito. Pequenas reunións espontáneas, sen planificación previa, empregando as preguntas afectivas cando existe un conflito entre dúas persoas. Círculos restaurativos, a práctica restaurativa máis versátil e a nosa estratexia estrela. Trátase de xerar un espazo de comunicación entre o grupo, para o cal nos dispoñemos en forma circular, establecemos as normas para participar (que responden aos principios do comportamento asertivo) contando cun obxecto do diálogo que axudará a respectar as quendas de palabra, e poñemos en común respostas a diversas preguntas que o facilitador vai realizando, e que son previamente seleccionadas en función dos obxectivos que pretendemos acadar. A formación que recibimos baseouse en gran parte na práctica destes círculos, axudándonos a adquirir as ferramentas necesarias para ser bos facilitadores destes e motivándonos para levalos a cabo a través da comprensión da súa utilidade.

Os dous sábados que investimos en formarnos tamén nos deron a oportunidade de comunicarnos entre nós doutro xeito, dándonos espazo para compartir as nosas inquedanzas en relación coa educación, cuestionándonos o porqué de ser educadores, sentíndonos un equipo que traballaba por un obxectivo común, e así animámonos a levar a teoría á práctica das aulas.

Da teoría á práctica

Os primeiros días despois da formación sucedéronse moitas reunións espontáneas entre nós para planificar os obxectivos dos círculos, buscando oportunidades de traballo nas aulas e asesoramento entre os nosos compañeiros, nun traballo colaborativo. Tiñamos claro que podiamos empregar os círculos proactivos para coñecernos mellor, para tomar decisións se queriamos negociar co alumnado as normas da aula etc. Así, aproveitando que parte deses 14 participantes eran titores da ESO, empregamos as horas de titorías para desenvolver os contidos do Plan de acción titorial con estas estratexias.

Esta estratexia, semellante ás asembleas que diariamente se realizan en educación infantil, bríndanos a oportunidade de falar e escoitarnos nun clima de seguridade onde todos somos iguais. Mellora a comunicación, a participación e a colaboración entre os membros da comunidade educativa, e axuda a establecer conexións entre a xente e construír así unha rede de relacións (capital social). Algúns docentes aproveitaron estes círculos para facer presentacións sobre contidos específicos das súas materias, por exemplo, para avaliar os coñecementos previos do alumnado antes de abordar un novo tema. Pouco a pouco, foron xurdindo conflitos nos que viamos a oportunidade de aplicar e avaliar a eficacia destas prácticas como círculos reactivos. Así, continuaban os pequenos encontros entre nós poñendo en común o que nos servise a uns e a outros, as experiencias de cadaquén, a preocupación real por facelo e facelo ben. Tiñamos unha situación complicada nun grupo-clase onde estaban escolarizados algúns alumnos que presentaban problemas de comportamento tanto cara aos estudos e ao profesorado coma co resto dos seus compañeiros, impedindo en moitas ocasións que se puidesen impartir as clases. Realizáronse varios círculos con este grupo e, malia que os conflitos non cesaron, atopamos unha vía para establecer unha comunicación positiva con eles e promover a reflexión sobre as condutas que dificultaban a convivencia, contando coa implicación do resto de compañeiros que se vían afectados por estas. Cando esta estratexia se emprega como medio de resolución dun conflito, non se sinala a ninguén como culpable senón como protagonista dunha conduta negativa, e iso, a súa conduta, é o que é cuestionado. Serven tamén para que as persoas se fagan conscientes das responsabilidades derivadas dos seus comportamentos e teñan a oportunidade de reparar o dano ocasionado, así como para que todo o grupo tome parte na resolución do conflito, dando voz a ese colectivo de espectadores que tanto poden facer por mellorar o clima escolar. Isto supón unha diferenza en relación coa mediación escolar, da que participan só as persoas directamente implicadas no conflito e os mediadores.

Noutra ocasión, orixinouse un conflito entre unha profesora e o alumnado dun grupo-clase, que se queixaban de aspectos relativos á metodoloxía e, ante a... incapacidade? (falta de adestramento, de espazos, de oportunidades, de tradición, escasas expectativas na resolución) de comunicar o que lles sucedía, o malestar acrecentábase ata que foron quen de comentalo coa titora. Tanto a titora coma a profesora participaban no proxecto posto en marcha, polo que a titora ensaiou con eles a través dun círculo o xeito de lle transmitir o seu sentir á profesora e logo realizouse un círculo onde se traballou o conflito a través dunhas preguntas planificadas e da xeración de propostas para mellorar a situación. Todos valoraron positivamente esta experiencia, que lles ofreceu a posibilidade de dialogar, comprender outros puntos de vista, mellorar as súas interaccións na aula e, polo tanto, de mellorar o proceso de ensino/aprendizaxe.

Avaliando a experiencia...

  • Comprobamos moitas das fortalezas das prácticas restaurativas:
  • Melloran o clima escolar, impulsando un modelo de convivencia baseado no respecto e no diálogo.
  • Axudan a construír grupo, a través do coñecemento e recoñecemento do outro.
  • Todos os alumnos falan e participan, animando a aqueles que non o adoitan facer.
  • Favorecen a escoita activa.
  • Ante o conflito xulgase o feito, non a persoa.
  • O alumnado séntese parte de algo importante. Séntense escoitados e valorados como seres emocionais.

E tamén algunhas debilidades que dificultan o camiño:

  • Aulas masificadas e espazo físico limitado nas aulas para compoñer os círculos.
  • Limitacións con respecto á estruturación temporal da actividade docente (clases de 50 minutos) e importancia concedida aos contidos do currículo, que en ocasións fai que nos esqueza que o obxectivo da educación é o desenvolvemento integral da persoa. • Falta de hábito entre o profesorado e o alumnado na identificación e expresión de emocións de xeito apropiado.
  • Certas situacións difíciles de resolver /alumnos que non queren participar etc.).

A pesar destas pedras no camiño, a valoración global da experiencia é tan positiva que neste curso 2017/18 hai 29 docentes participando no PFPP dun total de 52 (o noso claustro medrou ao incorporar segundo de bacharelato), grazas tamén ao labor de sensibilización levada a cabo nas reunións de claustro e ao impulso do equipo directivo, fundamental na creación dun proxecto de convivencia de centro. Neste curso, o novo profesorado recibiu a formación inicial, fíxose unha presentación dos círculos en todos os grupos-clase (ESO, bacharelato e FP básica), formouse o alumnado mediador como facilitador e lévanse á práctica estas estratexias, rexistrando o seu desenvolvemento e analizándoo a través de reunións de coordinación e avaliación, nas que se recollen logros, dificultades e propostas de mellora para continuar o camiño. Nestas sesións contamos coa mentorización dos formadores da Asociación Arela e, tamén, co seu asesoramento na resolución de situacións conflitivas graves, estudando cada caso de xeito individual para aplicar o procedemento corrector complementado coas prácticas restaurativas.

Un proxecto común para seguir construíndo comunidade

O vindeiro curso está previsto que continuemos coa formación, ampliándoa ás reunións restaurativas formais, que se poden empregar en substitución de procesos correctores formais ou como complemento a estes, para así darlle outra volta ás nosas normas de organización e funcionamento. Tamén desexamos estender a formación ás familias, de xeito que as prácticas restaurativas estean inseridas na dinámica cotiá do centro incluíndo a todos os membros da nosa comunidade. As prácticas restaurativas non son a solución a todos os problemas que existen ao redor da convivencia nos centros educativos, pero si constitúen unha estratexia máis, un punto de partida para repensar as nosas actuacións como educadores e, dentro dun marco máis amplo coma o Plan de convivencia, promoven cambios significativos no clima escolar. Estas estratexias enganchan o alumnado e non soamente porque “perdan” uns minutos de clase senón porque entenden que se lle está prestando atención ao seu desenvolvemento socioemocional —aspecto central na adolescencia— e, en definitiva, ao seu benestar. Ás veces chega con parar uns minutos e dedicarlle tempo a como se senten para que todo mellore. Agardamos que fósemos capaces de transmitirvos a nosa ilusión por este proxecto e tamén que axudásemos a espertar a curiosidade precisa para espallar as prácticas restaurativas nos centros nos que exercedes o voso labor docente.

 

 

Sección: