Que lles ocorre aos birrios e aos cogomelos?

Un proxecto sobre o cambio climático na educación primaria
Preséntase un proxecto sobre o cambio climático para primeiro de educación primaria. Dado que as maiores dificultades para comprender esta problemática se atopan en diferenciar as causas das consecuencias, no proxecto que aquí se presenta propóñense actividades para que o alumnado comprenda cal é a orixe do cambio climático, as súas consecuencias no contorno próximo e cales poderían ser algunhas das solucións. Finalmente, detállanse algúns dos resultados atopados durante a posta en práctica deste proxecto.

Roberto Garrido Díaz
CPR Fingoi (Lugo)
roberto.gd85@gmail.com
Paloma Blanco Anaya
Facultade de Formación do Profesorado (USC), Lugo
paloma.blanco@usc.es
Carmen Carricoba Armesto
CPR Fingoi (Lugo)
ccarricoba@fingoi.com

 

Introdución

O cambio climático é a problemática ambiental por excelencia, a cal se aborda en varios niveis educativos da educación formal e tamén na educación non formal. Esta problemática caracterízase por ser moi complexa no ámbito científico, pois presenta diferentes causas, na súa maioría moi abstractas, así como un carácter diferido no tempo, o cal dificulta que a cidadanía comprenda os impactos que ocasiona no ámbito global (Meira Cartea, 2013). As ideas alternativas dos estudantes sobre esta temática abórdanse neste traballo e son o punto de partida para traballar o problema nas idades temperás con propostas didácticas como a que aquí se detalla.

O grande impacto do cambio climático na biosfera fai que algúns científicos opten por denominalo cambio global (Duarte et al., 2006) ao consideráreno un problema que afecta ao clima e altera os ecosistemas por mor dun aumento das temperaturas no globo terráqueo. Esta complexidade reforza que teñamos que adaptalo ao nivel educativo en cuestión, por iso, dada a multicausalidade que o ocasiona, optamos por deseñar un proxecto que nos permita abordalo desde varios puntos de vista e adaptalo aos tempos requiridos polo alumnado, realizando cambios á hora de executar as actividades, como indica Vizcaíno Timón (2008).

Este proxecto está deseñado para o primeiro curso de educación primaria sobre o cambio climático. Ao longo do proxecto a implicación do alumnado é esencial, pois é quen propón actividades de forma que o proceso de aprendizaxe sobre o cambio climático sexa do seu interese, o que facilita que cheguen a comprender algunhas das súas causas e consecuencias, tomando conciencia e propoñendo solucións de ámbito local.

 

O traballo por proxectos para abordar os problemas ambientais na escola

O deseño da proposta didáctica parte da metodoloxía do traballo por proxectos impulsada por Dewey e que continuou Kilpratrick:

O seu método —de Kilpatrick— baseábase na liberdade polo desenvolvemento natural, no interese e motivación polo traballo, nas experiencias e vivencias como forma de aprender de xeito non fragmentario, nas necesidades do alumnado, na fuxida do ensino formalista e libresco afastado da vida do alumnado (Arias Correa, Navaza Blanco e Rial Fernández, 2009, p.13).


No proxecto que aquí se presenta, pártese das consecuencias do cambio climático na contorna próxima ao alumnado, é dicir, o atraso da aparición dos birrios na muralla lucense. A metodoloxía do traballo por proxectos presenta como principal vantaxe que é un método de aprendizaxe adaptable ás necesidades e intereses do alumnado o que contribúe á súa motivación intrínseca (García-Valcárcel e Basilotta, 2017). Como se extrae da anterior definición, o traballo por proxectos caracterízase por darlle autonomía ao alumnado para decidir sobre que quere aprender relacionado co tema en cuestión. Así mesmo, ao tratarse dunha problemática ambiental, consideramos que esta metodoloxía encaixa harmonicamente coa estratexia da resolución de problemas ambientais que, segundo López Domínguez (2003), se caracteriza por catro fases: 1) a proposta do problema, que no noso caso parte do docente, 2) a investigación do problema por parte do alumnado para buscar información do seu interese relacionada co cambio climático, 3) a proposta de solucións ante o problema ambiental, o cal se abordou desde dúas actividades que tiveron repercusión na contorna escolar, e 4) os mecanismos de avaliación cos que, como docentes, poidamos avaliar a pertinencia desas solucións en función da adecuación e da súa viabilidade ante o cambio climático.

 

Dificultades asociadas á aprendizaxe do cambio climático

A falta de rigor científico no tratamento desta problemática nos medios de comunicación, discursos dos gobernos e nos principais organismos internacionais (Pedrinaci, 2008) reforza as ideas alternativas que a poboación en xeral, e os estudantes en particular, manifestan sobre o tema.

Na educación primaria, destacan os estudos de Boyes e Stanisstreet (1993), os cales analizaron as ideas asociadas a este tema con 811 estudantes do Reino Unido entre 11 e 16 anos mediante cuestionarios con preguntas abertas e pechadas. Os resultados amosan que entre o 70 % e 80 % dos participantes afirma que o efecto invernadoiro é consecuencia do burato na capa de ozono. Isto aparece tamén recollido noutros estudos con participantes de niveis superiores, como Punter et al. (2011) e García-Rodeja Gayoso e Lima de Oliveira (2012). Nos niveis superiores, o estudo de García-Rodeja Gayoso e Lima de Oliveira (2012) pon de manifesto que os estudantes soamente perciben que o efecto invernadoiro é o resultado dun mecanismo natural vinculado a un problema ambiental. Pero sobre todo estas autoras destacan que existe confusión entre as causas, as consecuencias e as solucións dos problemas que producen o cambio climático. Relacionado coa orixe do problema, Meira Cartea (2013) descubriu que estudantes universitarios descoñecían os gases que ocasionan o cambio climático e entre as accións humanas que o favorecen sinalaron as industrias e os coches, o aumento da corta de árbores, aerosois e os depósitos de lixo, é dicir, non son capaces de discriminar os causantes do cambio climático da orixe do burato na capa de ozono, principalmente polos aerosois.

 

Deseño do proxecto e participantes

O propósito do proxecto consiste en que o alumnado comprenda a problemática do cambio climático, identificando as causas, as consecuencias e as posibles solucións no eido local.
O proxecto deseñouse para primeiro curso de educación primaria. Dábase resposta ao bloque de contidos 1: Iniciación á actividade científica (Xunta de Galicia, 2014). Así, os obxectivos didácticos do proxecto son:
    1) Analizar as causas e as consecuencias do cambio climático.
    2) Diferenciar accións positivas e prexudiciais para deter o cambio climático.
    3) Desenvolver capacidades críticas na proposta de solucións que contribúan a deter o cambio climático.
Levouse a cabo durante o primeiro trimestre do curso escolar 2016-17 nun centro educativo no que os estudantes están afeitos a traballar mediante proxectos. Os participantes foron 18 estudantes.

 

Desenvolvemento do proxecto e resultados da posta en práctica

O proxecto comeza coa noticia de prensa publicada o 25 de setembro do 2016 en La Voz de Galicia que trata sobre o atraso migratorio dos birrios, o que afecta á súa presenza na muralla de Lugo, como consecuencia do cambio climático. Esta noticia de prensa (figura 1) afirma que “este ano os birrios atrasaron a marcha varias semanas. A vaga de calor do mes de agosto fíxolles crer que o verán de Lugo sería eterno e non se foron ata comezos de setembro.

Imaxe da noticia que aborda o efecto do cambio climático no ciclo dos birrios

 

Tras a lectura desta noticia, ábrese o debate na aula preguntando: “Por que pensades que tardaron en marchar os birrios?”. Dado que ningunha das respostas incluía como causa o cambio climático, decidiuse preguntar explicitamente: “Que credes que é iso do cambio climático?”. Nas respostas a ambas as cuestións apréciase un descoñecemento das causas deste problema, pois a maioría responde con referencias a cuestións meteorolóxicas. Algunhas destas respostas amósanse na táboa 1.

Respostas de tres estudantes ás preguntas propostas

 

Tras esta introdución, pídeselles que realicen unha busca de información sobre o cambio climático, co que se elabora o “caderno viaxeiro”. A información recompilada por cada estudante expoñerana diante dos seus compañeiros. Así mesmo, a partir desta información e intereses que xorden deseñouse o resto de actividades que se amosan no organigrama da figura 2.

Organigrama que amosa a consecución de actividades do proxecto

 

A continuación, realizouse unha exploración de conceptos para coñecer as ideas que presentan sobre o cambio climático nese momento, o cal serviu como avaliación continua para poñer en práctica o resto de actividades. Os resultados desta exploración de conceptos sintetízase na táboa 2. Vemos que algúns deles aludiron ás causas do cambio climático indicando “efecto invernadoiro”, “contaminación/fábricas”; outros ás consecuencias, “derrétense os polos” ou “inundacións”; e algúns mencionaron posibles solucións ante esta problemática como “plantar máis árbores” ou “empregar a bicicleta”. Con todo, destacan tamén ideas curiosas como os “cigarros” ou o “fume de foguete”.

Frecuencias das respostas dadas polo estudantado

 

Un alumno trouxo unha revista de Greenpeace na que se amosaba o pianista Ludovico Euinaudi tocando no Ártico para amosar o desxeo nos polos. Visualizamos o vídeo co alumnado e a continuación pídeselles que realicen slogans nos que se presenten solucións ao cambio climático (actividade 5). Estes slogans categorizáronse segundo a súa significatividade ambiental (López Domínguez, 2003) en tres niveis: baixo, medio e alto (táboa 3). Observamos que a metade do alumnado amosa unha significación ambiental media-alta, pois ofrece solucións para deter o cambio climático explicitamente. A figura 3 mostra un exemplo. A outra metade do alumnado soamente expresa o visualizado no vídeo.

Categorización dos slogans segundo a súa significatividade ambiental

Exemplo dun slogan pertencente á categoría alta

 

Dado que varios estudantes fan mención das enerxías renovables, decídese convidar a nai dun alumno experta no tema a dar unha charla sobre estas enerxías. Ademais, aprovéitase para facer unha actividade conxunta co alumnado de terceiro da ESO (que estaba desenvolvendo un proxecto sobre sustentabilidade) de intercambio de información sobre as enerxías renovables e bos hábitos para minimizar o cambio climático. Como parte final desta actividade, os estudantes de terceiro propuxéronlles aos escolares de primeiro a realización dunhas caixas de reciclaxe de papel e cartón para o centro escolar. Debido á elaboración destas caixas, decidiuse abordar de forma específica cal é a relación entre a reciclaxe e o cambio climático.

A relación á que se alude no parágrafo anterior é complexa, pois non existe unha vinculación directa nin evidente entre as vantaxes de reciclar e a redución do cambio climático. Por iso, quixemos avaliar como o alumnado percibe esa relación mediante a actividade “Reciclaxe e cambio climático” na que se lles pide que plasmen nun papel a relación entre as dúas imaxes que se lles representan (figura 5). Esta actividade, como era de esperar, resultou complexa para os estudantes pois manifestaron dificultades para comprender os beneficios da reciclaxe para diminuír o quecemento global. Tamén se percibiron dificultades para comprender a relación entre cortar menos árbores e a redución dunha das causas do cambio climático (aumento do CO2 atmosférico). Para que o alumnado comprendese de forma sinxela os beneficios da reciclaxe, centrámonos en tres ideas básicas: 1) aforrar enerxía, 2) reducir a corta de árbores e 3) reducir  o gasto enerxético, o cal reduce a contaminación. Un exemplo de resposta amósase na figura 4.

Exemplo de resposta que recolle as tres ideas principais da relación entre reciclaxe e cambio climático

 

Para que a concienciación tivese repercusión no ámbito do centro escolar, deseñáronse carteis para zonas comúns nos cales se fai mención da necesidade de aforrar enerxía, luz e papel a través da actividade “Melloramos a nosa comunidade educativa”.
Para rematar co proxecto, empregouse de novo a publicación dunha noticia de prensa (17/10/16) que aborda o atraso na aparición dos cogomelos como consecuencia do cambio climático.


Titular da noticia que aborda o atraso na tempada de cogomelos


Tras ler a noticia, preguntámoslles as causas no atraso dos cogomelos. Nesta ocasión as respostas tiñan en consideración o cambio climático e as súas consecuencias. Así, na táboa 4 amósase a comparativa entre as respostas de tres alumnos para a actividade 1 e as súas respostas para a actividade 11, é dicir, comparando as respostas ante o atraso na migración dos birrios e o atraso na aparición dos cogomelos. Apréciase unha mellora no coñecemento das causas e consecuencias do cambio climático para os seres vivos.



 Comparativa entre as respostas de tres alumnos ás actividades 1 e 11

 

A modo de avaliación do proxecto realizouse un mapa conceptual (actividade 12) formado por tres niveis: causas, consecuencias e solucións ante o cambio climático. Durante esta actividade, apreciouse que o alumnado tiña facilidades para relacionar conceptos como “calor-desxeo-polos-inundacións”; en cambio, resultoulles complicado relacionar “calor-seca”. En liñas xerais, consideramos o resultado positivo e, malia manifestaren dificultades para relacionar os conceptos de causas, consecuencias e solucións como no estudo de García-Rodeja e Lima de Oliveira (2012), os estudantes foron quen de avaliar os seus erros e corrixir entre todos o mapa conceptual para que o resultado final amosase as relacións axeitadamente (figura 6). Consideramos importante resaltar a posibilidade que nos ofrece o mapa conceptual para coñecer os conceptos mellor asimilados por parte do alumnado, así como coñecer as ideas que deben ser reforzadas (Novak e Gowin, 1988).

Resultado final do mapa conceptual elaborado polos estudantes

 

 

Reflexións finais e implicacións educativas

Da implementación deste proxecto xorden as seguintes reflexións:

  • O cambio climático é unha temática que crea interese no alumnado, o que debe aproveitarse para mellorar a súa comprensión. Ademais, esta temática pódese traballar desde idades temperás pois, como se puido observar neste proxecto, os estudantes son quen de comprender que o cambio climático afecta ás temperaturas (“frío” e “calor”), interpretando como iso repercute nos ciclos de vida dos seres vivos. Así mesmo, foron capaces de discernir entre as causas do cambio climático e as súas consecuencias, así como de propoñer algunhas solucións sinxelas de ámbito local, que lles axudan a entender as repercusións das nosas accións diarias no medio ambiente.
  • Por outro lado, a metodoloxía do traballo por proxectos facilitou que se abordase  esta problemática con varios enfoques e involucrando outros membros da comunidade educativa e as familias, para que tamén tomen conciencia das súas accións e se vexan implicadas na aprendizaxe dos seus fillos.
  • Por último, hai que destacar a necesidade de achegar os resultados da investigación ás aulas para coñecer os aspectos que deben tratarse con especial atención, pois para este proxecto ter información previa sobre cales son as dificultades vinculadas ao cambio climático foi fundamental no deseño de actividades e a interpretación das respostas dos escolares.

 

Agradecementos

Ao participantes do estudo
Ao proxecto EDU2015-66643-C2-2-P, do Ministerio de Economía e Competitividade de España.

 

Bibliografía: 

 

 

ARIAS CORREA, A.; ARIAS CORREA, D.; NAVAZA BLANCO, M.ª V. e RIAL FERNÁNDEZ, M.ª D. (2009): O traballo por proxectos en infantil, primaria e secundaria. Editorial: Xunta de Galicia.

BOYES, E. e STANISSTREET, M. (1993): “The «greenhouse effect»: Children’s perception of causes, consequences and cures”. International Journal of Science Education ,15 (5), pp. 531-552.

DÍAZ PEREA, M. D. R. e MUÑOZ MUÑOZ, A. (2009): “Metodología por proyectos en el área de conocimiento del medio”. Revista Docencia e Investigación, 1 (9), pp. 101-126.

DUARTE, C. (coord.); ALONSO, S.; BENITO, G.; DACHS, J.; MONTES, C.; PARDO, M.; RÍOS, A.; SIMÓ, R. e VALLADARES, F. (2006): Cambio global. Impacto de la actividad humana sobre el sistema Tierra. Madrid: CSIC.

GALEANA DE LA O., L. (2006): “Aprendizaje basado en proyectos”. México: Universidad de Colima.

GARCÍA-RODEJA GAYOSO, I. e LIMA DE OLIVEIRA, G. (2012): Sobre el cambio climático y el cambio de los modelos de pensamiento de los alumnos sección investigación didáctica. Enseñanza de las Ciencias30 (3), pp. 195-218.

GARCÍA-VARCÁLCEL MUÑOZ-REPISO, A. e BASILOTTA GÓMEZ-PABLOS, V. (2017): “Aprendizaje basado en proyectos (ABP): evaluación desde la perspectiva de alumnos de educación primaria”. Revista de Investigación Educativa, 35 (1), pp. 113-131.

IZQUIERDO LILLO, P. (2014): Enseñanza directa y tradicional vs Aprendizaje basado en proyectos. Extraído o 24/01/2017 de https://ididac.wordpress.com/2014/04/04/ensenanza-directa-y-tradicional-vs-aprendizaje-basado-en-proyectos-abp/

LÓPEZ RODRÍGUEZ, R. (2003): Educación ambiental y su didáctica. Lugo: Deputación de Lugo.

MEIRA CARTEA, P. Á. (2013): “Problemas ambientales globales y educación ambiental: Una aproximación desde las representaciones sociales del cambio climático”. Revista Integra Educativa6 (3), pp. 29-64.

NOVAK, J. e GOWIN, B. (1988): Aprendiendo a aprender. Barcelona: Martínez Roca.

PEDRINACI, E. (2008): “El cambio global: un riesgo y una oportunidad”. Alambique: Didáctica de las ciencias experimentales14 (55), pp. 56-67.

PUNTER, P.; OCHANDO-PARDO, M. e GARCIA, J. (2011): “Spanish secondary school students' notions on the causes and consequences of climate change”. International Journal of Science Education33 (3), pp. 447-464.

VIZCAÍNO TIMÓN, I. M.ª (2008): Guía fácil para programar en educación infantil. Trabajar por proyectos. Madrid: Wolters Kluwer.

XUNTA DE GALICIA (2014): Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia. Diario Oficial de Galicia, martes 9 de setembro (171), pp. 37406-38087.

Sección: