O segredo dos Huxley

 

Arranca este novo número de EDUGA cunha entrevista que, moi xentilmente, nos concedeu o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes. A conversa que aquí se reflicte é émula doutra que mantivemos no contexto do recentemente realizado Foro da Cultura Galega, no que houbo ocasión de escoitar as reflexións dun amplo abano de expertos do mundo cultural galego, desde editores, autores literarios e musicais, actores e periodistas ata representantes das empresas que poñen cada día en valor a cultura e a educación en Galicia.

Certamente, percibíase alí certo pesimismo antropolóxico e, naturalmente, non é para menos. Os tempos cambiaron abruptamente en case todos os aspectos propios da industria cultural. Así, se tomamos como exemplo a produción editorial, temos que recoñecer que a revolución dixital case terminou con aquela secular cadencia de porcentaxes de beneficio para o autor, o editor, a imprenta e a furgoneta; pois stricto sensu case nada disto cómpre para verter na rede un novo produto cultural. Desde logo unha boa nova para empresas afortunadas como Amazon, de grande éxito, pero isto significa tamén a morte civil de boa parte da produción tradicional e, en moitos casos, a perda da calidade propia da edición profesional.

Se a isto lle engadimos o fenómeno tan habitual neste país das descargas ilegais tanto de literatura coma de música ou o feito de que boa parte da nosa expresión cultural sexa practicamente de balde para o consumidor, ben porque se subvenciona con fondos públicos ou ben porque simplemente se paga de forma moi deficitaria aos artífices da creación, impedindo así que a produción cultural represente un verdadeiro e digno medio de vida, o panorama xeral non resulta desde logo prometedor.

No obstante, e aquí aparece a valente e lúcida contribución de Víctor F. Freixanes ao debate, non está nada perdido. É posible, afirma, adaptarse aos novos retos tecnolóxicos e facelo con éxito. A cuestión devén da calidade do produto e da súa permanencia no tempo. Un pouco seguindo a estela da teoría da Long Tail (cola longa) de Cris Anderson, o que aquí importa é manter o produto vixente na media e longa duración, nun “goteo” de consumo que ao final resulta verdadeiramente significativo. É, á fin, cuestión de educación no valor da cultura e das súas significacións, cuestión de oportunidade, adaptación e acerto nas decisións. Nada disto debe ser alleo á nosa escola, pois aí comeza en boa medida o aprecio da cidadanía por unha industria cultural digna e merecedora de tal nome.

E, así, falando de pesimismo antropolóxico e batallas culturais, como non lembrar os Huxley, aquela saga de intelectuais ingleses que cultivaron con éxito a ciencia, a medicina, a arte e a literatura. Desde o patriarca familiar, Thomas Henry Huxley, coñecido como “o bulldog de Darwin” pola valente defensa das teorías evolucionistas fronte a Carlyle e o bispo de Oxford, o Premio Nobel de medicina Andrew Huxley a Julian Huxley, primeiro director da UNESCO ou, desde logo, o lúcido autor de Un mundo feliz, Aldoux Huxley. De todos eles dicía Jorge L. Borges nun célebre artigo que semellaban ser o mesmo home facetado no tempo: “á maneira desas fotografías xenéricas que fabricaba por superposición Francis Galton, concentrando os diversos Huxley nun só individuo intemporal”. Tamén dicía Borges, e con razón, que existía en todos eles un trazo marcadamente familiar, o seu pesimismo á hora de xulgar a evolución e o futuro da humanidade. Non hai máis que lembrar certos inflamados asertos do patriarca Thomas Henry Huxley sobre o desatino esencial da evolución: “O home vertical (insinuou) recaerá no oblicuo mono, a voz articulada no rudo grito, o xardín na selva ou no deserto, o paxaro na árbore encadeada, o planeta na estrela, a estrela na vasta nebulosa, a nebulosa na improbable divindade.”

Non obstante, nada disto lle impediu a ningún deles traballar ata a extenuación en favor dos valores humanos. Velaí o seu segredo, loitar sen desmaio en favor da racionalidade e do verdadeiro progreso aínda a sabendas dos perigos que permanentemente os espreitaban. En palabras de Aldoux Huxley: "A educación para a liberdade debe comezar expoñendo feitos e anunciando valores e debe continuar creando adecuadas técnicas para a realización dos valores e para combater a quen decide descoñecer os feitos e negar os valores por unha razón calquera."

Amigos e amigas, felices e merecidas vacacións e, coma sempre, un novo ano cheo de éxitos.

Juan Granados
Director de Eduga

 

 

 

 

Sección: