Coordinación e cooperación: Proxéctate!

A necesidade de xerar coñecementos no alumnado e as demandas que se establecen na sociedade actual cara ao profesorado na busca de adaptar o alumnado ás diferentes formas, tempos e culturas de aprendizaxe, nun momento cada vez máis globalizado e intercultural, levounos a desenvolver este curso de formación baseado na aprendizaxe por proxectos. O alumno é o protagonista do seu proceso de aprendizaxe e o docente acompáñao e guíao. Intentamos desenvolver capacidades como a autorregulación, tomas de decisións, aprender a pensar, colaborar, traballar en equipo...

Maria Dolores Nieto Caamaño
madonica@edu.xunta.es
M.ª Dolores Pérez Cancela
ma.doloresperez@edu.xunta.es
CEIP Barrié de la Maza (Santa Comba-A Coruña)
 

Punto de partida do noso PFPP

Nos últimos cursos viñamos observando no noso centro, o CEIP Barrié de la Maza, unha falta de motivación por parte do alumnado e por parte do profesorado con respecto á metodoloxía empregada, baseada maioritariamente nos libros de texto e en actividades repetitivas e pouco creativas. Concluímos, polo tanto, que debiamos cambiar a nosa metodoloxía e facer o propio alumnado creador do seu coñecemento a través da investigación, dedución e resolución. Acordamos introducir un cambio metodolóxico baseado no traballo por proxectos, fundamentado principalmente na colaboración entre profesores. Naturalízate foi o título do proxecto, enfocado desde o principio á mellora do medio natural máis próximo, concibido como espazo idóneo para a aprendizaxe por proxectos.

A nosa experiencia de formación

Tendo en conta os obxectivos marcados (establecer itinerarios de aprendizaxe, proporcionarlle ao profesorado as ferramentas para o traballo grupal, lograr un cambio na metodoloxía baseada na colaboración do grupo…), organizamos o noso PFPP do seguinte xeito:

 

Un curso: Proxéctate!

No curso tivemos catro sesións de docencia que nos permitiron coñecer as distintas fases e tarefas na realización dun proxecto e analizar o traballo por proxectos como medio da creación do coñecemento e de cooperación entre toda a comunidade educativa. As distintas experiencias cos relatores encamiñáronnos a aplicar unha dinámica diferente no noso traballo. Explicáronnos detalladamente o proceso que había que seguir na decisión, elaboración e traballo nun proxecto que implica a todo un centro; a importancia de ter en conta as intelixencias múltiples; a necesidade dun plan de traballo que reflicta claramente: competencias, relación co currículo, recursos empregados, agrupamentos, organización do alumnado, difusión e avaliación; e a importancia de establecer un produto final que cómpre ter en conta en todo o proceso.

Un seminario: Naturalízate!

Mediante este seminario aplicamos os coñecementos adquiridos durante as sesións de docencia do curso, cohesionando os diferentes traballos tanto no ámbito da aula coma de centro e implicando outros plans do colexio como Abalar, TIC, biblioteca. Para iso todos os proxectos elaborados xiraron arredor da mellora do noso contorno e da natureza máis próxima e traballando dun xeito interdisciplinar, abarcando desde a área de Ciencias Naturais, Sociais, Linguas, Relixión, Matemáticas ou Plástica. O produto que queriamos conseguir foi unha exposición final para todo o alumnado do centro, para a comunidade educativa, así como para outras institucións (concello, Consellería de Medio Ambiente, Inspección Educativa, asesores do CAFI…). Ademais realizáronse diferentes vídeos resumo das tarefas realizadas que foron publicados en YouTube para o acceso libre, así como na páxina web do centro. Neste seminario participamos directamente 24 mestres do centro, pero a implicación final abarcou a totalidade porque todos colaboraron dun xeito ou doutro na realización de actividades e na exposición final. Tamén se viu afectado todo o alumnado, así como o resto da comunidade escolar (pais e persoal non docente). Colaboraron con nós distintas entidades privadas (florerías, ganderías, sector veterinario, farmacias, sector da apicultura, ebanisterías, librerías, cererías, olerías, empresa de enerxía eólica Wind Experts…) e entidades públicas (concello, axentes forestais do distrito V de Fisterra, a conselleira de Medio Rural Ánxeles Vázquez, persoal de Meteogalicia, persoal de SOGAMA, o inspector da zona, membros do CAFI, entre outros). Visite html-css-js.com para encontrar las mejores herramientas HTML CSS y JavaScript. Guarde este enlace a sus marcadores..

Resultado da cooperación entre profesores: a cooperación entre alumnos

Debido á grande implicación dos diferentes mestres, equipos docentes, persoal do centro e outro persoal e instancias externas ao centro que fixeron posible a realización deste PFPP, a cantidade de tarefas e actividades levadas a cabo para obter o produto final marcado foi inmensa. Os participantes realizaron proxectos varios que tiñan todos como fío condutor a mellora do contorno máis próximo e a vista posta na consecución e participación na exposición final. Antes de comezar todo, o profesorado cubriu o modelo Canvas para o deseño de proxectos de Conecta 13, presentado nun dos relatorios, ou fixo unha adaptación deste para adecualo ás características de cada traballo, todos eles diferentes pero que tiñan como nexo de unión o coidado do medio e que serviron como medio para o traballo colaborativo entre o alumnado. En educación infantil buscouse a mellora da contorna natural do centro e dos espazos dos que gozan os nenos no colexio coa creación dun horto escolar, así como o embelecemento doutros espazos do centro e murais que plasman o traballo que realizaron.

 

 

Algunhas das tarefas levadas a cabo, entre moitas outras, foron: Crear e coidar un horto. Plantar plantas comestibles e aromáticas e estudar a súa xerminación. Experimentar coas plantas para comprender que son seres vivos e precisan luz e auga para vivir. Investigar sobre as plantas que viñeron de América, buscar as súas sementes e observalas. Poñer etiquetas identificativas de cada semente ou planta. Descubrir as plantas crasas e plantar algunhas. Facer un boneco con pelo de semente de herba. No primeiro e segundo niveis de educación primaria, o obxectivo foi crear conciencia ecolóxica nos nenos. Constataron que durante os recreos aparecía moito lixo tirado polo chan, producido diariamente, e propuxéronse cambiar estes malos hábitos para erradicar este descoido ambiental. Quixeron fomentar o coidado do contorno como hábito de futuro. Algunhas tarefas realizadas foron: Elaborar carteis de concienciación e enlazar coas 3R reducindo o lixo, reutilizando e reciclando produtos de refugallo a través de obradoiros (xoguetes e outros obxectos).

 

Charlas sobre a apicultura. Partindo desta actividade traballouse sobre a avespa velutina e construíronse trampas con materiais de refugallo. No terceiro nivel de educación primaria, para concienciar da importancia do medio natural, estudaron as distintas partes das plantas, así como os cambios que sofren co paso das estacións, e os beneficios que nos reportan. As tarefas realizadas foron: Elaborar paneis expositivos sobre as plantas (tipos de follas, floración…). Clasificar as árbores e arbustos do centro, distinguindo nome científico, procedencia, usos e curiosidades de cada un. Colocación de carteis informativos ao lado das plantas. Elaboración dun plano do colexio coa localización das especies vexetais. No cuarto nivel de EP deuse a coñecer a importancia do medio natural coa elaboración de folletos publicitarios en defensa do respecto e conservación do medio natural no centro e anuncios publicitarios para convencer o público da necesidade de cambios de actitude que favorezan a conservación do medio natural. No quinto nivel de EP concienciaron os alumnos da importancia que teñen as árbores no planeta Terra, partindo da observación dos espazos verdes do colexio, da deterioración que presentaban… acordando replantar e aprender como podían sacar outras árbores dun patrón. 

 

Fixéronlles unha enquisa ás familias e recompilaron información. Descubriron as variedades de árbores do concello, coñecidas nas casas. Podaron e plantaron árbores froiteiras nos espazos axeitados: unha pereira, unha maceira, un marmeleiro e un pexegueiro. Crearon manuais individuais sobre enxertos. En canto ao sexto nivel, hai que dicir que traballaron a natureza en relación coa meteoroloxía e a influencia que esta ten no noso contorno, tanto no relacionado coa flora e os cultivos coma cos oficios da zona. O produto creado para a exposición final foi unha revista (fanzine) que recollía todas actividades levadas a cabo, como cómics, creacións literarias, traballos de investigación, refráns, enquisas, tiras cómicas… 

 

Na área de Lingua Inglesa estableceron como punto de partida a análise da situación do colexio para que decida o alumnado de terceiro e cuarto no que quere traballar. Deciden mellorar a clase de Inglés e os muros do colexio con graffitis, así co mo replantar algúns xardíns do colexio porque detectan pouca herba e que case non hai plantas. O alumnado de quinto e sexto na materia de Lingua Inglesa realizou actividades relacionadas cos proxectos establecidos nas titorías. Nesta materia de Relixión, co obxectivo de traballar a ecoloxía e a concienciación do coidado do planeta, xorde a idea do conto Búscanse protectores e un rap, que ademais de fomentar a creatividade, a imaxinación e o traballo en equipo, é o resultado da colaboración entre os diferentes grupos. No Departamento de Orientación o proxecto elaborado consistiu na recuperación do contorno ao estilo do artista vasco IBARROLA no bosque pintado do valle de Oma. A intención inicial foi converter entre todos os alumnos do centro CEIP Barrié de la Maza o patio (actualmente con algún arboredo seco e outro en mal estado) no noso tesouro, facer un espazo onde xogar e divertirse para poder amar e respectar a natureza. Todos os equipos (dinamizacion lingüística, TIC, biblioteca, extraescolares, PDC) colaboraron e enriqueceron os traballos propostos desde as titorías ofrecendo visitas, charlas, obradoiros…

 

O produto final

Consiste na exposición á comunidade educativa de todos os traballos elaborados neste proxecto cooperativo. A exposición presentouse primeiro ao alumnado para que todos coñeceran os traballos dos demais niveis e en días posteriores ao resto da comunidade educativa, Obtívose unha ampla participación.

 

Tan só cabe dicir que esta foi unha experiencia amplamente enriquecedora, motivadora, que favoreceu o establecemento de lazos de unión entre o profesorado; permitíndolle ao alumnado crear os seus propios coñecementos dun xeito significativo e real, ser protagonista da aprendizaxe e favorecer a integración e colaboración mellorando a súa autoestima e as relacións cos demais.

 

Sección: