O traballo por proxectos nunha escola rural

Neste artigo preténdese analizar cales son as especiais vantaxes do traballo por proxectos nunha escola rural particular, pero que consideramos transferibles a escolas de similares características, por suposto, máis alá das vantaxes xerais demostradas deste tipo de dinámicas en todo tipo de contextos.

Alicia Nimo Liboreiro
Mestra de educación primaria e coordinadora da biblioteca escolar
CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña. Santa Comba
alicia_nl@edu.xunta.es

A nosa escola

O CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña está situado na parroquia de Castriz. Recibe 83 nenos e nenas de educación infantil e primaria dalgunha das parroquias de ámbito rural do concello de Santa Comba. De feito, o alumnado da nosa escola provén, na súa maioría, de familias que traballan no sector primario.

No centro están destinados doce mestres e mestras, dos cales só sete teñen destino definitivo. A pesar da gran mobilidade do profesorado, posúe unha ampla traxectoria en dinámicas de aprendizaxe activa, concretamente en traballo por proxectos, onde a biblioteca xoga un importante papel como dinamizadora e centro de recursos.

 Biblioteca do CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña

 

O traballo por proxectos e a súa contribución ao desenvolvemento das competencias básicas

Educamos nun momento no que a introdución das competencias no currículo obriga, como reflicte a propia lexislación, ao deseño de actividades de aprendizaxe integradas que lle permitan ao alumnado avanzar no desenvolvemento de máis dunha competencia ao mesmo tempo; no que a aprendizaxe debe ser funcional e xeneralizable, e a metodoloxía didáctica comunicativa, inclusiva, activa e participativa.

Así mesmo, educamos nun momento no que os medios teñen un inmensa influencia na opinión pública, no que a información da que dispoñemos alcanza tal magnitude que é a nosa obriga ensinarlle ao noso alumnado a xestionala. Iso implica selección, comprensión e contraste desta, o que por outro lado redunda na educación de consumidores críticos. É tamén un momento no que a evolución dos medios nos permite ter canles de participación activa da nova cidadanía e comunicación co mundo que nunca antes estiveron á nosa disposición, polo que é necesario, así mesmo, ensinar como e de que xeito podemos aproveitalas.

Para que o noso alumnado sexa competente en todos estes aspectos, e ademais poida ser cada vez máis autónomo aprendendo a aprender, ten que estar desde o inicio da súa escolarización en contacto con diferentes tipoloxías textuais e levar a cabo procesos reais de investigación, nos que teña a oportunidade de practicar unha e outra vez o proceso necesario para a consecución de tan ambiciosos e precisos obxectivos.

Isto é xeneralizable a calquera contexto, pero no noso ámbito adquire especial relevancia debido a diversos factores. Por un lado, o noso alumnado consome información en moitas ocasións sen a supervisión e a intervención precisas para facer unha xestión eficaz desta. Por outro lado, o rural nunca estivo tan conectado co resto do mundo coma hoxe en día, xa non é preciso vivir nun lugar onde os recursos culturais estean fisicamente, senón que podemos ser consumidores e produtores a través das redes. É importante facer chegar esa idea e educar nese novo contexto de gran relevancia nos contornos rurais para evitar a brecha dixital e polo cambio de vida que pode chegar a supoñer. É aquí onde a escola ten o compromiso de traballar en contra das novas formas de exclusión social:

O empoderamento das persoas a través da alfabetización mediática e informacional (MIL) é un dos requisitos máis importantes para fomentar o acceso equitativo á información e ao coñecemento e para promover medios de comunicación e sistemas de información libres, independentes e pluralistas. UNESCO

A aprendizaxe baseada en proxectos sitúa o alumnado como protagonista da súa propia aprendizaxe e promove a alfabetización mediática e informacional, á vez que contribúe ao desenvolvemento de practicamente todas as competencias básicas. É ese marco no que o alumnado ten a posibilidade de poñer en práctica o consumo responsable, crítico e rigoroso de información, a súa reelaboración e posterior difusión a través dos produtos pactados. Ademais, ofrece a oportunidade de traballar distintas temáticas e de diversificar distintos procesos en función do produto escollido, de xeito que se poidan abordar tamén as súas propiedades reais.

No noso centro cremos niso e por este motivo levamos a cabo un proxecto didáctico integrado por curso escolar, no que seguimos o mesmo proceso de investigación e tratamento da información, pero no que diversificamos tanto en temática como no produto final.

Pensamos que nos proxectos hai dous procesos de investigación paralelos, o que ten que ver coa temática de estudo e o que atinxe as propiedades do produto, de tal xeito que se enriquecen mutuamente e favorecen a inclusión de moitos máis elementos prescritivos do currículo.

No curso 2014/15, levamos a cabo o proxecto A volta ao mundo II: climas e hábitats, no que o produto final foi un museo. Interiorizamos a diferenza froito da diversidade territorial existente no noso planeta e aprendemos a querela e respectala, pero ademais estudamos cales eran as características propias dos museos, na rigorosa esixencia de crear un.

Proxecto A volta ao mundo II. Hábitats

 

No curso 2015/16, o centro facía 25 anos da súa existencia, polo que puxemos en marcha o proxecto 25 anos de Pepe de Xan Baña, unha investigación histórica na que a comunidade escolar se converteu en fonte oral do proxecto. Como produto final elaboramos un documental, polo que foi necesario traballar o proceso de creación audiovisual e as propiedades do cinema documental.

Proxecto 25 anos de Pepe de Xan Baña. O documental

 

Neste curso 2016/17 estamos desenvolvendo o proxecto Traba, universo vexetal, co que pretendemos estudar distintos aspectos das plantas en xeral e da nosa contorna en particular. O produto final será unha feira e os beneficios que se obteñan serán destinados a unha ONG colaboradora co programa Vacacións en paz, que trae a nenos saharauís a España nos meses de verán. A pretensión é iniciarnos nalgúns procedementos de márketing e texto publicitario, xa que crearemos tanto a publicidade da feira como paneis divulgativos de temas relacionados coa ecoloxía. Con este proxecto quixemos ir un pouco máis alá e comezamos a dar os primeiros pasos no campo da aprendizaxe servizo, na que tamén incluímos a mellora da nosa contorna vexetal máis próxima, o noso patio.

Proxecto Traba, universo vexetal

 

Por suposto, a posta en práctica de procesos de investigación e alfabetización informacional é transversal a todos estes proxectos, polo que ademais se contribúe ao desenvolvemento de competencias como as mencionadas no cadro.

Cadro extraído de Arias Correa, A.;  Arias Correa, D.;  Navaza Blanco, M.ª V.;  Rial Fernández, M.ª D. (2009): O traballo por proxectos en infantil, primaria e secundaria. Xunta de Galicia.

 

A biblioteca como centro de recursos

A biblioteca é un dos axentes dinamizadores do proxecto e faino en estreita colaboración cos outros equipos existentes no centro: Dinamización da Lingua Galega, Actividades Complementarias e Extraescolares, e TIC. O proxecto de investigación lévase a cabo nas aulas e, no ámbito do centro, páctase a temática, produtos e características destes, organízanse actividades e saídas relacionadas, e tráense especialistas nos temas abordados.

A biblioteca é o centro de recursos da escola, todo está centralizado nela. Todos os recursos adquiridos se rexistran na biblioteca e as bibliotecas de aula nútrense de lotes de libros en préstamo, tanto para lectura de lecer como de base científica. Isto ten tres grandes vantaxes: optimízase o orzamento e evítase duplicar títulos (obviamente si se duplican aqueles con máis demanda ou no caso de precisar lotes de libros, por exemplo, para a posta en marcha de clubs de lectura); as bibliotecas de aula renóvanse periodicamente para dar resposta ás necesidades educativas específicas das secuencias e proxectos que se levan a cabo; e os fondos están localizados en todo momento.

Este aspecto vese reflectido nos criterios para a adquisición de fondos, onde o principal é dotar de bibliografía os distintos proxectos levados a cabo tanto no ámbito de centro como nas aulas. Por suposto, cada curso escolar, o primeiro que se ten en conta é o propio proxecto de centro.

Queremos resaltar neste punto a necesidade de ser rigorosos coa calidade dos fondos adquiridos, xa que estes deben cumprir coas propiedades que cada tipo de texto debe ter. De tal xeito, se estamos a falar de textos científicos/expositivos, os propios para estudar no traballo por proxectos non deberían incluír imaxes ficticias (por exemplo, de animais humanizados), algo moi habitual na tendencia a infantilizar os textos científicos.

Motivación do alumnado

A motivación do alumnado vén dada por diversos factores, algúns espirais, nos que se perde de vista que foi antes, como co ovo e a galiña. O traballo que se formula segue un proceso rigoroso, que se repite e serve de modelo ano tras ano. Isto vai dotando os nenos e nenas de maior autonomía, o que redunda necesariamente en mellores resultados e nunha maior satisfacción propia. Seguindo a metáfora en espiral, esta satisfacción redunda nun maior nivel de esforzo e implicación do alumnado e, pola súa vez, na adquisición de ferramentas que os dotan de maior autonomía. É así como conformamos a espiral triádica: implicación, motivación, autonomía.

Outro factor importante é que o alumnado de todo o centro sente que está a traballar para un fin común de centro que, por ser así, gaña en entidade e importancia. As charlas de expertos e expertas, actividades e saídas relacionadas son un complemento excepcional no proceso de inmersión na materia, producindo unha maior motivación e aprendizaxe no alumnado e incentivando as ganas de aprender máis sobre ela.

Implicación das familias e persoal non docente

Consideramos a implicación de toda a comunidade necesaria. Pretendemos que toda as persoas que a conforman (alumnado, familias, profesorado, persoal non docente, e mesmo outros veciños) atopen o seu oco e acheguen a súa riqueza persoal. No centro aproveitámonos diso en diversos sentidos.

As familias, como parte do proceso, acompañando os seus fillos e fillas a facer pequenas investigacións, achegando fotografías, sendo, en ocasións, as fontes orais necesarias, coma no caso do proxecto documental. Noutros momentos os maiores expertos, coma este ano, en aspectos relacionados coa horta, a poda….

Por outro lado, nunha relación bidireccional son tamén os receptores da difusión que facemos dos nosos proxectos, conseguindo un público máis que significativo para o noso alumnado e facendo divulgación científica entre a comunidade (caso do museo ou deste ano cos paneis de concienciación sobre temas relacionados coa ecoloxía).

Ademais tratamos de poñer en valor as distintas profesións que conforman a estrutura laboral da nosa comunidade, convidando a pais, nais, avós e avoas a ensinarnos o que fan e a liderar “talleres”. Recibimos nais costureiras que veñen colaborar na confección dos disfraces de Entroido e que ensinan a facer patróns, coser etc., avó cesteiro, nais que viñeron axudarnos coa horta, un avó que veu falarnos da poda e dos enxertos…

O persoal non docente colabora tamén en todo o que pode, dando apoio, e mesmo, no caso da cociña, elaborando menús relacionados. Algúns exemplos son os menús de diversas culturas elaborados no marco do proxecto de A volta ao mundo ou a inclusión de produtos derivados da horta, plantados e coidados polo alumnado, nos menús diarios que cociñan.

Conclusións

O traballo por proxectos contribúe de xeito interdisciplinar, significativo e motivador ao desenvolvemento das competencias clave. Neste sentido, ademais, é un dos xeitos de traballar máis acordes co que sinala a lei. Este é un feito probado en contextos diversos e, polo tanto, neste tamén.

Debido ás características sociodemográficas da contorna, convértese en centros coma este nunha metodoloxía no só compensadora, senón naquela que consegue dar importancia e visibilidade ao traballo levado a cabo no centro polos nenos e nenas. Unha metodoloxía que empodera non só o alumnado senón a toda a comunidade escolar pola  extensión e pola implicación que neste traballo teñen as familias.

 

 

Sección: