Todas e todos contamos

Hai máis de 10 cursos académicos, comezamos un proceso de cambio na nosa escola: converter a educación en valores, a convivencia e a inclusión na nosa filosofía e cultura de centro. Fomentamos valores como a igualdade, a solidariedade, o respecto e a responsabilidade, aprendendo con accións concretas de apoio e acompañamento. Desexamos que o noso alumnado considere a súa escola, e as persoas que forman parte dela, como algo importante na súa vida, favorecendo as relacións, a convivencia e a aprendizaxe.

M.ª Amparo López Romalde
Directora e orientadora do CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira (Ferrol - A Coruña)
m.amparolopez66@gmail.com
 

 

Contextualización

O CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira abriu as súas portas hai 35 anos no extrarradio da cidade de Ferrol. Está situado na parte noroeste da cidade, nunha parroquia coñecida como San Xoán de Filgueira. O seu contorno é suburbano, no que o número de edificacións é moi pequeno e a maioría das existentes son vivendas unifamiliares rodeadas de terreos de cultivo.

O noso centro escolariza un total de 197 alumnos/as nun total de 11 aulas: tres de educación infantil (41 alumnos/as) e oito de educación primaria (156 alumnos/as), onde cada nivel ten unha liña (excepto cuarto e sexto de educación primaria). A media de alumnos/as por aula en educación infantil é de 14 e en educación primaria de 20. O nivel socioeconómico e cultural dunha parte importante do noso alumnado é moi baixo.

É un centro cunha alta porcentaxe de alumnado que presenta características socioculturais moi particulares, un 30 % do alumnado é de etnia xitana, proveniente de catro asentamentos existentes na zona, e un 3 % é estranxeiro, tamén temos alumnado procedente dunha barriada marxinal próxima ao colexio. Todo isto provoca que contemos cunha cantidade elevada de nenas e nenos con necesidades de atención educativa (39,9 %) e moitos deles en situación desfavorable e de exclusión social (48 %). Por situación desfavorable entendemos aquelas familias que, pola súa problemática económica, sociocultural e familiar, se encontran en desvantaxe dentro da comunidade. Intentamos intervir de forma responsable, con compromiso e eficacia en dar resposta a problemas e necesidades tanto do alumnado como das súas familias para intentar compensar desigualdades e mellorar, dentro das nosas posibilidades, as súas condicións de vida.

Fomentamos valores como a igualdade, a solidariedade, o respecto e a responsabilidade, aprendendo con accións concretas de apoio e acompañamento no aspecto humano e material. Desexamos que o noso alumnado considere a súa escola, e as persoas que forman parte dela, como algo importante na súa vida favorecendo as relacións, a convivencia e a aprendizaxe. Desta maneira atraemos o alumno á escola e evitamos o absentismo que ás veces vai acompañado de condutas delituosas e, no caso de moitas das nosas alumnas, dun matrimonio precoz e da asunción da maternidade a idades moi temperás.

O colexio sempre traballou os valores de forma esporádica, aproveitando a realización de eventos puntuais ou o traballo individual por parte do profesorado concienciado con estes temas. Vimos a necesidade, tendo en conta a variedade de culturas escolarizadas no noso centro e a situación de desigualdade que se vive na nosa sociedade, e nos centros como reflexo desta (incluída a de xénero), de comezar a ensinar e aprender (todas e todos) dentro dun clima de convivencia e respecto de todos para todos.

Este proxecto de igualdade forma parte do proxecto global do centro de Convivencia e educación en valores, titulado este curso 2016/17 Luces, cámara e canción, onde utilizamos o cine e a música como ferramenta para traballar os valores. Comezamos a levar a cabo este proxecto hai doce cursos académicos e continuamos traballando coa mesma filosofía de centro durante os anos sucesivos, pero cambiando os nosos centros de interese e as ferramentas para levalo á práctica.

Desde o noso centro levamos moito tempo sensibilizados co tema da igualdade de xénero, conscientes de que os centros educativos somos responsables de lle ofrecer ao noso alumnado modelos de comportamento que faciliten unha aprendizaxe que redunde na creación de relacións equitativas e satisfactorias, que axuden a construír personalidades únicas na súa diversidade e socialmente responsables.

Metodoloxía

Todo o profesorado do centro está distribuído polos distintos equipos de dinamización que se reúnen unha vez cada quince días. Os coordinadores destes equipos reúnense unha vez á semana e nestas xuntanzas xéranse, esbózanse e planifícanse os contidos e as temáticas que se van traballar mensualmente. Estes lévanllelas aos diferentes equipos, onde se desenvolverán e posteriormente volven ao equipo de coordinadores onde se lles dará un enfoque globalizador. O equipo directivo e a orientadora do centro tamén forman parte do equipo de coordinadores.

Unha vez organizado o traballo mensual, poñerano en práctica os diferentes titores e os mestres especialistas con todo o alumnado do centro. En ocasións, e con motivo dalgunha celebración, serán os compoñentes dos distintos equipos os que realicen as actividades co alumnado directamente.

Obxectivos

Os obxectivos que intentamos acadar son os seguintes:

  • Educar o noso alumnado nos valores de igualdade, tolerancia e convivencia a través do coñecemento doutras culturas presentes na nosa escola.
  • Facerlles sentir aos nosos alumnos e ás súas familias que a nosa escola é o seu fogar e, ao sentírense arroupados por toda a comunidade educativa, poder facer fronte a situacións adversas.
  • Formar o alumnado nun ambiente de igualdade e xustiza, para que no futuro se constrúa unha sociedade máis xusta, equitativa e pacífica.
  • Desenvolver programas de intelixencia emocional e habilidades sociais cara á resolución de conflitos de maneira pacífica e ao avance da autoestima.
  • Desenvolver unha organización de centro favorable á inclusión de todos os seus membros, con responsabilidades igualitarias sen distincións de ningún tipo.
  • Sensibilizar a comunidade educativa nos valores de igualdade que favorezan a vida nun ambiente pacífico e de respecto.
  • Levar a cabo proxectos conxuntos coa ANPA e outras entidades para intercambiar e difundir materiais e experiencias de convivencia.
  • Erradicar os prexuízos sexistas no centro e calquera outro comportamento machista (art. 10 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes).
  • Adoptar as medidas que conduzan a unha educación para a igualdade entre ambos os sexos, como obxectivo de especial atención reflectido en todos os aspectos do currículo (art. 9 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes; arts. 1, 2, 17, 102, 126 e 127 da LOE), e fomentar comportamentos non sexistas e o recoñecemento da diversidade afectivo-sexual.

 

Accións e recursos empregados

Traballamos transversalmente a igualdade entre ambos os sexos e a erradicación dos prexuízos sexistas, dous meses no curso dedicámolos monograficamente á igualdade de xénero e á violencia de xénero, concretamente novembro e marzo, facéndoos coincidir co día 25 de novembro,  Día Internacional contra a Violencia de Xénero, e co 8 de marzo, Día da Muller.

Como o facemos?

A través das titorías directas co alumnado, afondamos nas temáticas sobre intelixencia emocional, habilidades sociais e resolución pacífica de conflitos (o recuncho do diálogo). É un proxecto global que incide na organización total do centro e das aulas. Cada mes dedicámolo a unha temática. Utilizamos o cine, a literatura e a música para traballar os contidos programados. Non existe sirena de entrada nin de saída, substituímola pola música seleccionada nas reunións de coordinadores. Desta maneira, enfocamos dunha maneira significativa o tema do mes e sensibilizamos o noso alumnado aprendendo a escoitar música (sobre todo tradicional e clásica). Dentro do horario lectivo, reservamos os martes e mércores de 11:55 a 12:20 para realizar as actividades relacionadas coa temática do mes en cuestión, á parte doutros momentos programados da xornada escolar.

SETEMBRO: Normas. Fórmulas de cortesía. Aprendemos a coñecernos. As miñas amigas e os meus amigos. Actividades: Consensuamos as normas da aula (partindo das normas do cole) e buscamos as súas razóns. Aprendemos a coñecernos con xogos coeducativos de cohesión grupal. Confeccionamos as nosas normas de aula.

OUTUBRO: Intelixencia emocional. Coñecemos os nosos sentimentos e os dos demais (alegría, tristeza, ira, vergoña, aburrimento, asombro...). Regulación emocional. A amizade.

NOVEMBRO. Violencia machista, resolución pacífica de conflitos. Análise dos conflitos da escola, as estratexias que se deben utilizar para chegar a unha resolución pacífica (o recuncho para o diálogo). Análise e reflexión sobre a violencia machista a través de LIM, obras de teatro, curtas...

O recuncho para o diálogo: hai catro distribuídos polo centro. As nenas e nenos acoden a el cando xorde un conflito. Nas titorías proporciónanselles as ferramentas necesarias para que, a través do diálogo, poidan resolver o conflito: escoitar e ser escoitado, respectar as quendas de palabra, empatía, propor solucións, chegar a acordos, ceder, asumir que nun problema as dúas partes son responsables en maior ou menor medida...

DECEMBRO: O Nadal. Consumo responsable. É importante facer reflexionar o noso alumnado sobre a realidade na que vivimos inmersos, un mundo superficial onde o que menos preocupa son os sentimentos. Vivimos nunha cultura consumista e é fundamental analizar o efecto nocivo da especie humana sobre o seu contorno e o materialismo.

XANEIRO. Mes da Paz. Traballamos sobre as consecuencias das guerras e a repercusión que teñen para as persoas e estudamos o papel de personaxes que traballaron en prol da paz como Rigoberta Menchú, Malala (visualizando as mulleres). Incidimos na importancia da resolución dos conflitos de forma pacífica.

FEBREIRO. Hábitos saudables. Alimentación saudable.

MARZO. Mes da Muller. Igualdade. Autoconcepto e autoestima.

ABRIL: Mes da Multiculturalidade e do Libro. Traballamos o respecto ás  distintas etnias, razas e culturas. Todos iguais, todos diferentes.

MAIO:  Mes das Letras Galegas. Emocións da nosa terra.

XUÑO: Repaso do curso.

Descrición das distintas actividades

- Campaña de vacinación contra a violencia (25 de novembro). Por quendas, o profesorado vai pasando polas aulas (caracterizado de médicos) e fálalles ás nenas e aos nenos sobre a violencia e o significado dese día. Simbolicamente póñenlles unha vacina contra a violencia cunha xiringa de xoguete e danlles un diploma.

- Semana das Apertas.  O Dr. Sorriso e a Dra. Apertas están preocupados pola violencia, analizan un informe de urxencias do colexio e, para tratar de poñer remedio a semellante conflito, idearon unha pílula máxica —o Apertazol—, cuns efectos secundarios moi peculiares: dar apertas a eito. Tiñan un vale que cuñaban os mestres para conseguir un número determinado de apertas.

- Charla de dúas mulleres con profesións vinculadas a estereotipos masculinos (armadora de buques e técnica medioambiental de Navantia e cabo primeira de Infantería de Mariña e técnica en radiodiagnóstico). As nenas e nenos participaron nun interesante debate. Tamén deu unha charla unha rapaza de etnia xitana que comezou a carreira de Dereito, a cal nos contou o que tivo que loitar contra a súa cultura para conseguir que os seus estudos e o seu futuro fosen o prioritario na súa vida.

- LIM (libro interactivo multimedia) titulado A outra María sobre a curta Érase una vez otra María da Dra. Patricia Zamudio (Veracruz), que trata da igualdade, e Unha cidade de igualdade, dunha versión en vídeo da presentación elaborada como parte da actividade Tanto cuenta, cuenta Tanto 2009 en Rivas Vaciamadrid, sobre a igualdade de xénero (pódense atopar na nosa páxina web).

- Xaroapertas xenérico: Obra de teatro onde a Dra. Dame leva radiografías sobre como a violencia afecta os distintos órganos e quere inxectar (leva unha xiringa) unha medicina que cure desta tremenda enfermidade. Para dar solucións, chegou un novo persoal sanitario, os doutores Apertas e Xoaneiras que afirman que posúen un infalible xarope (feito con tang). Os doutores danlles aos nenos este xarope e fanos formar parte do seu equipo Dame Apertas Xoaneiras.

- Visualización de partes da película Sólo mía e realización dunha presentación ppt onde se intentaba reflexionar sobre a película contestando cuestións que versaban sobre ela.

- Visualización de partes das películas Mulán, Mary Poppins, Billy Elliot e Brave e realización de LIM sobre elas.

- IMV (inspección médica contra a violencia). Ao centro médico Filgueiras acoden, coma todos os anos, o Dr. Apertas e a Dra. Sorriso coa tradicional campaña de vacinación contra a violencia. Quixeron deixar de lado a xiringa, o Apertazol e a Xaroapertas porque se lles une unha prestixiosa e innovadora especialista: a Dra. Recuncho. Os tres crean unha enquisa e as nenas e nenos que non a superen pasan directamente á UCI (unidade de cambio inmediato), aos que si superan a enquisa, pónselles un adhesivo.

- O equipo de mestres de dinamización da lingua galega representaron unha obra adaptada, Xoán. Nela analizan os estereotipos de condutas tipicamente masculinas (machistas) e femininas nas relacións de parella.

- Obra de teatro Mulleres na sociedade, nenas na escola. O grupo de teatro Atalaia Social realizou un percorrido pola situación da muller na sociedade co paso do tempo, atendendo á evolución dos dereitos das mulleres, co fin de suprimir as desigualdades e discriminación de xénero, a educación sexista... a prol dunha igualdade real en todos os ámbitos da vida. Actividade promovida pola área de Igualdade do Concello de Ferrol.

- LIM onde analizamos a obra anterior.

- Diferentes obras de teatro realizadas polas nenas e nenos sobre a violencia tituladas: Respecta aos demais e Valorarte, non á violencia.

- Elaboración de murais colectivos sobre a temática Mulleres traballadoras.

- Gravación de audiovisuais polo propio alumnado (tanto de primaria como de infantil) sobre a igualdade: Somos iguais, Coeducación e Igualdade de infantil.

- LIM sobre a actividade de elaboración do cartel sobre o Día da Muller Traballadora e sobre o libro titulado Iriña bailarina de Cristina Justo e Paloma Rodríguez sobre igualdade. Visita da escritora Paloma Rodríguez para profundar na súa análise.

- Obra de teatro Os contos do revés, realizada por todo o alumnado do colexio. Cada aula representou un conto clásico pero dándolle a volta. Os papeis realizados polos personaxes femininos pasaban a ser masculinos, e viceversa.

- Lectura do libro O país dos mandóns e actividade de análise e reflexión sobre o libro. Realizado no mes de novembro do 2015.

- Exposición fotográfica onde aparece o profesorado do centro exercendo a súa profesión e tamén desenvolvendo actividades cotiás, sen diferencialas por estereotipos de xénero. O alumnado de todo o centro analiza as fotografías cos mestres en actividade de titoría; previamente visualizaron un vídeo feito polo profesorado sobre o mesmo tema.

- Todos os cursos dedicamos o mes de marzo enteiro a homenaxear as nosas mulleres, as nosas nais, as nosas irmás, as nosas avoas, as nosas amigas, as nosas... Este curso, o último día do mes de marzo, non nos queriamos esquecer daquelas mulleres que xa non están con nós, esas mulleres que tiveron a mala sorte de atoparse con "alguén" que non tivo ningún escrúpulo en acabar coa súa vida. As nosas nenas e os nosos nenos participaron nun acto onde escribían os motivos polos que rexeitaban a violencia nas súas vidas e poñíaselles unha pulseira negra como símbolo de apoio a esas mulleres e en sinal de dó: "A miña pulseira contra a violencia machista porque...".

- Outra actividade onde queremos focalizar a visualización das mulleres nos distintos ámbitos profesionais é a denominada Mullernaxe. Cada curso nos meses de novembro e marzo intentaremos traer ao centro a dúas mulleres relevantes da nosa cultura, comezando pola nosa contorna. As nosas aulas irán recibindo estas mulleres. Comezamos este mes de marzo inaugurando a biblioteca. Foi un pracer contar con Ánxela Loureiro, mestra, escritora, cantante... e ferrolá que participou xunto co noso alumnado, facéndonos gozar coas súas poesías musicalizadas. Neste acto, as nosas nenas e nenos tamén lle renderon homenaxe a Gloria Fuertes, xa que este ano se celebra o centenario do seu nacemento.

Todos os LIM (libros multimedia interactivos) son elaborados por membros do equipo de coordinadores.

Plan de avaliación

Unha vez que comezamos a desenvolver o proxecto, imos realizando unha avaliación continua (CCP, reunións da avaliación do proceso de E-A, seguimento da PXA), que nos proporcionará información suficiente para saber que axustes e modificacións temos que ir facendo co paso do tempo. No mes de xuño de cada un dos cursos reúnense os equipos de dinamización para realizar o seu seguimento, así como para avalialo, atendendo aos seguintes parámetros:

  • Acollida por parte do alumnado, profesorado e familias.
  • Implicación e traballo do alumnado, profesorado e familias.
  • Logros obtidos.

Os instrumentos utilizados son actas realizadas a profesores, familias, alumnado, reunións semanais da Comisión de Coordinación Pedagóxica, coordinadores dos equipos de dinamización e equipo directivo, onde se analizan as distintas actividades e nivel de satisfacción por parte do profesorado, alumnado e familias.

Conclusións

  • O noso PEC está enfocado a unha educación en valores, esa filosofía é pola que a comunidade educativa traballa dunha forma sistemática e continuada no tempo. O noso grao de satisfacción é moi grande, xa que observamos curso tras curso os resultados gratificantes e de enriquecemento emocional e persoal dos axentes implicados nel. É indicativo que, despois de tantos anos, todo o profesorado siga participando de forma activa e que as familias se involucrasen con este proxecto.Este traballo é un punto de encontro para o debate entre o profesorado: permite reflexionar e afondar sobre a realidade das nosas escolas e dar resposta ás necesidades educativas derivadas tamén das necesidades da sociedade.
  • É un colexio de valores (paz, tolerancia, igualdade, solidariedade...), onde o noso alumnado convive harmonicamente. Isto non é casual, é froito do traballo consciente do profesorado.
  • A diversidade debe presentarse como un ben a toda a comunidade educativa e á que hai que darlle resposta.
  • As actividades concretas desenvolvidas desde a aula en titorías seguiron afianzando no noso alumnado o comportamento democrático e tolerante, cooperativo e participativo de igualdade á hora de realizar os traballos propostos.

Por todo isto, continuaremos co noso traballo, convencidos de que a educación en valores é necesaria e resulta imprescindible impartila desde os centros comprometidos coa sociedade actual, pois o noso deber é converter o noso alumnado en cidadáns responsables, solidarios e respectuosos.

 

 

Sección: