Mellora da aprendizaxe a través da realidade aumentada

Rutas xeolocalizadas, audioguía e códigos QR. Proxecto intercentros
Proxecto intercentros de carácter interdisciplinar no que, a través da realidade aumentada, o alumnado confeccionou diversas rutas e unha audioguía para dar a coñecer os aspectos máis significativos da súa localidade. Como resultado final, a cidadanía pode deleitarse con 24 rutas xeolocalizadas na app GeoAumentaty, 1 audioguía do museo do traxe Juanjo Linares na app izi.TRAVEL e varias rutas a través de códigos QR.

Amparo Raviña Rosende (coord.)
IES Maruxa Mallo (Ordes-A Coruña)
arrosende@edu.xunta.es
 

Introdución

A realidade aumentada (RA) cada vez está máis presente en áreas relacionadas co turismo, a cultura e o ocio, entre outras. O noso proxecto intercentros, Mellora da aprendizaxe a través da realidade aumentada, aplicou esta tecnoloxía para coñecer e difundir os aspectos máis turísticos e significativos das contornas dos tres centros educativos participantes.

O uso desta tecnoloxía nos produtos finais deste proxecto permitiu enriquecer ou mellorar a realidade ao engadir contido virtual a escenas do noso contorno en tempo real. En función do dispositivo que se empregue (smartphone, tableta, PC...), pódese acceder a distintas aplicacións da RA e, en función do software, a información que se agregue pode ser textual, icónica, sonora ou multimedia.

O noso proxecto de realidade aumentada

Ao longo de dous anos, o noso centro, o IES Maruxa Mallo de Ordes (A Coruña), xunto a outros dous, o IES Castillo de Luna de La Puebla de Cazalla (Sevilla) e o IES Cardenal Pardo de Tavera de Toro (Zamora), formou parte dos PROMECE (Proxectos entre centros para a mellora da aprendizaxe), convocados polo Ministerio de Educación e Ciencia para a realización de actividades innovadoras que supuxesen un avance nos sistemas de ensinanza.

A través deste proxecto interdisciplinar, próximo á aprendizaxe-servizo, o alumnado converteuse en prosumidor ao ser o encargado de investigar, coñecer e aumentar a realidade que o rodea. Para iso, os discentes realizaron diversas investigacións sobre os principais puntos de interese da zona co fin de incorporalos a varias aplicacións de RA.

Imaxe dunha ruta coa app Geoaumentaty

 

O produto resultante do alumnado ordense consta de:

  • 24 rutas xeolocalizadas en varios idiomas (galego, castelán, inglés e francés) creadas coa app GeoAumentaty.
  • 1 audioguía para o museo do traxe Juanjo Linares realizada coa app izi.TRAVEL.
  • 4 rutas a través de carteis con códigos QR e realización dunha xincana coa información encriptada en códigos QR.

 

Audioguía do Museo do traxe Juanjo Linares

 

Participación

Neste proxecto interdisciplinar participou o 76,9% do claustro, o 85,7% dos departamentos e o 67% do alumnado (segundo, terceiro e cuarto da ESO). Ademais do apoio da comunidade educativa colaboraron tamén a Administración local, o director e persoal do museo do traxe de Juanjo Linares, a biblioteca municipal, a Mancomunidade de Ordes, TurGalicia e a oficina de turismo de Santiago de Compostela.

Obxectivos

OBXECTIVOS XERAIS

Este proxecto contribuíu á adquisición dos seguintes obxectivos da ESO:

  • Adquirir, desenvolver e consolidar hábitos de disciplina, estudo e traballo individual e en equipo como condición necesaria para unha realización eficaz das tarefas da aprendizaxe e como medio de desenvolvemento persoal.
  • Fomentar as súas capacidades afectivas en todos os ámbitos da personalidade e nas súas relacións cos demais, así como rexeitar a violencia, os prexuízos, os comportamentos sexistas e adquirir habilidades para a prevención e resolución pacífica.
  • Concibir o coñecemento científico como un saber integrado que se estrutura nas distintas disciplinas.
  • Desenvolver o espírito emprendedor e a confianza en si mesmo, a participación, o sentido crítico, a iniciativa persoal e a capacidade para aprender a aprender, para planificar, para tomar decisións e para asumir responsabilidades, valorando o esforzo coa finalidade de superar as dificultades.
  • Comprender e expresar con corrección mensaxes e textos complexos oralmente e por escrito, valorando as súas posibilidades comunicativas.
  • Comprender e expresarse oralmente e por escrito nunha o máis linguas estranxeiras.
  • Valorar os hábitos sociais relacionados coa saúde, o consumo, o coidado dos seres vivos e o medio ambiente, contribuíndo á súa conservación e mellora.
  • Coñecer, valorar e respectar os aspectos básicos da cultura e da historia.
  • Valorar a creación artística e comprender a linguaxe das distintas manifestacións artísticas, utilizando diversos medios de expresión e representación.
  • Coñecer a tradición lingüística, literaria e artística da cultura grecolatina e a súa persistencia no mundo contemporáneo.

OBXECTIVOS ESPECÍFICOS

Para o alumnado:

  • Coñecer mellor o patrimonio cultural, artístico e natural de Ordes e a súa comarca.
  • Investigar cales son os puntos de interese turístico de Ordes e súa comarca.
  • Desenvolver a capacidade de autonomía e iniciativa persoal.
  • Recompilar información usando tanto as TIC como outras ferramentas e fontes.
  • Ser capaces de elaborar rutas cos principais puntos de interese da localidade e participar activamente no desenvolvemento dun proxecto.
  • Mellorar as súas habilidades en comunicación oral ao explicar as rutas realizadas.
  • Aprender a traballar en grupo, a colaborar e a respectar o traballo dos demais, sendo capaces de mostrar actitudes asertivas para realizar as propostas e aceptar outras.
  • Desenvolver a capacidade de planificar accións para conseguir un obxectivo.
  • Comprender o concepto de RA, asumindo o seu valor para presentar informacións que poidan ser transformadas en coñecemento. Utilizar as apps de RA.
  • Aumentar a capacidade de uso das TIC e a súa competencia mediática.
  • Coñecer e recoñecer o valor do propio contexto, sendo conscientes da necesidade de lle transmitir ese coñecemento á sociedade.
  • Desenvolver a capacidade de adaptarse a outros contextos e a outras situacións.
  • Coñecer e recoñecer o valor doutros pobos e doutras culturas.

Para o profesorado:

  • Comprender o concepto de RA e as posibilidades de uso no ámbito da educación.
  • Aumentar a capacidade de uso das TIC.
  • Comprender o concepto de alfabetización dixital.
  • Desenvolver estratexias sinxelas e útiles para potenciar o traballo interdisciplinar e a metodoloxía de traballo por proxectos, como ferramentas válidas para desenvolver as competencias básicas do alumnado.
  • Aproveitar as oportunidades didácticas que ofrecen as aplicacións de RA para atender adecuadamente o alumnado con NEAE.

 

Contidos

  • Apps: busca, reflexión e selección. No proxecto utilizouse: GeoAumentaty, Izi.Travel, Aurasma, creadores e lectores de códigos QR.
  • Editores de vídeo: videoLab, Pinacle.
  • Ferramentas para crear e compartir documentos: Google-drive, Libre Office.
  • Uso de gravadoras dixitais e edición do audio: Audacity.
  • Presentacións con PowerPoint ou Impress.
  • Medios de comunicación: prensa, radio e televisión (incluídos medios dixitais).  Notas de prensa, entrevistas escritas e orais. Redacción e difusión. Análise.
  • Publicidade: en medios de comunicación, pola rede e a través de folletos.
  • Rutas e audioguías: tipoloxías e información transmitida.
  • Solicitudes e peticións: tipoloxías e estrutura. Realización.
  • Historia: monumentos da nosa contorna. Aspectos históricos e prehistóricos.
  • O número pi e os ríos de Ordes. A arte urbana en Ordes.
  • O Camiño de Santiago polo noso concello: o Camiño Inglés.
  • O xogo de vida de John Conway e a súa relación cos edificios de Ordes.
  • Biodiversidade en Ordes: fauna e flora do noso concello.
  • Deportistas e música popular urbana en Ordes.

 

Metodoloxía

A aplicación na aula centrouse na aprendizaxe baseada nas competencias, próxima á aprendizaxe-servizo, a través dun traballo multidisciplinar a través das seguintes áreas: xeografía e historia, ciencias, matemáticas, educación física, música, EPAV, tecnoloxía e linguas (galega, castelá, inglesa e francesa).

Este proxecto supuxo a creación dunha serie de rutas e dunha audioguía para o cal o alumnado traballou de forma construtiva e cooperativa en distintas materias e niveis. A través desta metodoloxía activa e moi participativa eles mesmos foron quen de coñecer o seu contorno e dárllelo a coñecer a outras persoas. O alumnado foi o encargado de buscar e analizar a información, valorar a fiabilidade dos medios e apps que había que empregar, así como de elaborar o produto final. O papel do profesorado durante este proceso foi o de guía ou acompañante, asesorándoos e dotándoos de técnicas e estratexias.

Desenvolvemento do proxecto

PLANIFICACIÓN

Ao decidirnos por un proxecto interdisciplinar entre varios departamentos, precisabamos unha moi boa coordinación polo que chegamos aos seguintes acordos:

  • Traballo na aula, non un extra para a casa. O alumnado debía realizar as tarefas no horario lectivo e non ser un traballo adicional.
  • Apoio á aprendizaxe curricular de cada materia: o traballo que se ía realizar en cada materia debía estar relacionado co seu currículo. Aprendizaxe dos contidos curriculares a través do proxecto e non un traballo desvinculado do currículo.
  • Traballo cooperativo a través dunha aprendizaxe baseada nas competencias. Priorizamos como finalidade favorecer a mellora das competencias clave.

Antes de comezar a programar, os/as profesores/as formámonos en RA e nas diferentes ferramentas e apps que se podían empregar. A seguir cada docente formulou que tipo de ruta e contidos lle conviña traballar na súa materia e decidiuse a seguinte organización do traballo:

 

Para unificar e xestionar o traballo realizáronse os seguintes documentos:

  • Normas para a entrega da información e material gráfico coa finalidade de axilizar o proceso de subida do material ás apps.
  • Información para realizar as citas das fontes e imaxes ou vídeos empregados.
  • Un cronograma coa distribución do traballo por niveis e materias para conseguir maior produtividade, rapidez e eficacia. Con esta distribución o alumnado tamén comprobou os beneficios dun traballo cooperativo e a importancia que teñen todas as áreas para elaborar un bo produto final.

EXECUCIÓN

A posta en marcha levouse a cabo en catro fases seguindo o antedito cronograma:

1.- Investigación

O alumnado debía realizar a busca de información dos puntos de interese da ruta adxudicada a través de diferentes fontes. A maiores debía recompilar ou crear o material gráfico para engadir na app ou na ferramenta de RA empregada. Cada docente estruturou o traballo como mellor lle conviña á temática da súa ruta. Houbo rutas nas que se lle especificaban ao alumnado os puntos que debía investigar e noutras tiñan que pescudar cales podían ser os máis significativos que se incluísen.

Como fontes de información empregaron tanto as dixitais como as impresas, a observación directa e diversas entrevistas. Destacan as entrevistas realizadas aos deportistas e grupos musicais, así como ao director do museo do traxe Juanjo Linares e persoas vinculadas ao seu funcionamento. O propio alumnado foi o encargado de documentarse sobre os entrevistados e confeccionar as preguntas. O alumnado foi o autor das fotografías dos monumentos e lugares de moitas das rutas, coma a do percorrido pola vila de Ordes, a dos castros, a dos muíños ou das rutas matemáticas. Ampliaron o material gráfico con imaxes e vídeos de Google Earth, Street View ou dos propios interesados (museo, deportistas e músicos).

 

Exemplo contido da audioguía

 

2.- Redacción

Unha vez obtida a información e o material preciso, redactaron os textos que se ían inserir nas materias de Lingua Castelá e Lingua Galega. Ademais tiveron que crear os documentos e compartilos por Google Drive. Nalgunhas horas de titoría elaboraron as presentacións e exposicións destinadas a formar o resto do alumnado, e nas horas de exención de francés confeccionaron as preguntas para as xincanas da ruta musical e dos deportistas, despois de ler a información elaborada polos compañeiros.

 

Imaxe dun punto de interese dunha ruta

 

3.- Tradución e transformación en RA

Nesta fase leváronse a cabo dúas tarefas simultaneamente: tradución dos textos ao resto das linguas (francés, inglés e castelán ou galego) e subida do material ás apps, é dicir, transformar o material en RA. Para iso, realizaron as seguintes tarefas:

  • Creación das rutas e subida dos textos e audios xa finalizados a Geoaumentaty.
  • Confección da audioguía coa app Izi.TRAVEL sobre o museo do traxe Juanjo Linares.

Ruta deportiva e musical polo concello de Ordes a través de códigos QR

 

  • Elaboración de vídeos, presentacións e boletíns dixitais coa información das entrevistas dos deportistas e músicos, ademais das rutas de natureza.
  • Deseño dos carteis e códigos QR coa información e os enlaces ás rutas que non podían xeolocalizarse: natureza, deportivas e grupos musicais.

Ruta polo concello con Geoaumentaty

 

Ademais confeccionaron códigos QR para:

  • Material formativo sobre Geoaumentaty e Códigos QR.
  • Enlace aos Códigos QR da audioguía para visitar o museo.
  • Programa da visita a Ordes dos outros centros participantes.

4.- Práctica

A fase final do proxecto era comprobar se as rutas eran viables e se as ferramentas de RA funcionaban sen problemas. Isto levouse a cabo a través de viaxes ás localidades dos tres centros para realizar as rutas e manter intercambios culturais entre o alumnado.

 

 Exposicións orais das rutas      

 

Cincuenta discentes de Ordes valoraron as de Sevilla e Zamora, e os encargados de comprobar a eficacia e utilidade dos nosos produtos foi o alumnado de Toro e Puebla de Cazalla. Durante catro días o noso alumnado exerceu de anfitrión guiando e realizando exposicións orais das diversas rutas.

 

Ximkana visualizando códigos QR

 

En cada viaxe tan só podían participar 25 alumnos/as polo que o proceso de selección non foi fácil. Elaborouse unha rúbrica cos criterios de selección para valorar do 1 ao 4 o traballo realizado dentro do proxecto e a traxectoria durante o curso. Na valoración do traballo o profesorado debía puntuar a cada alumno: o compromiso e interese, a calidade do traballo e a creatividade. Para iso cada docente especificou que valorar e como graduar a valoración dos ítems citados do 1 ao 4.

A traxectoria durante o curso foi valorada polos titores e puntuaban a mellora nos resultados académicos, o comportamento, o esforzo e o traballo diario. Unha vez sumadas as puntuacións do profesorado e dos titores os 25 con maior puntuación eran os elixidos para viaxar. Non se lle permitía viaxar dúas veces a un mesmo alumno para aproveitar que viaxase o maior número posible de alumnado.

Durante a ruta de arte urbana

 

AVALIACIÓN

Aínda que o proceso de avaliación foi continuo, ao final do proxecto intentouse cuantificar e verificar o posible impacto no proceso de aprendizaxe do alumnado, os aspectos que fallaron, as melloras que cómpren, o grao de cumprimento das expectativas iniciais e a coincidencia do traballo realizado co programado. Recolléronse avaliacións da mellora da aprendizaxe, do propio proxecto e da opinión do alumnado. Nos seguintes enlaces visualízanse os aspectos valorados:

DIFUSIÓN

Este labor tamén foi realizado polo alumnado, non só redactando e enviando aos medios de comunicación e ao concello as notas e comunicados de prensa, senón coa elaboración das entradas do blog no que se recolle o proxecto e a formación entre iguais (charlas ao resto do alumnado explicándolle os produtos elaborados e o funcionamento).

 

 Formación entre iguais

 

VALORACIÓN FINAL

O proxecto de RA propiciou que o alumnado adquirise os coñecementos a través da participación activa en prácticas sociais tanto nun contexto educativo formal como nos non formais. Unha vez finalizado, podemos afirmar que este tipo de ensinanza-aprendizaxe favoreceu o proceso de aprendizaxe, as capacidades do pensamento abstracto, as habilidades para a investigación e a motivación por aprender desde todas as áreas e coa implicación da comunidade educativa.

Outro aspecto que cómpre resaltar é o afianzamento de actitudes de asertividade, iniciativa, responsabilidade e traballo en equipo. O feito de que o produto final sexa unha obra pública e accesible a calquera persoa provocou no alumnado un sentido da responsabilidade e o desexo de realizar un traballo de calidade.

 

Sección: