Avaliación dunha experiencia de uso de webquest en formación profesional

Neste traballo preséntase unha experiencia de utilización dunha webquest no ciclo de grao medio de Técnico Auxiliar de Coidados de Enfermería, consistente nunha proposta dirixida á elaboración dunha dieta equilibrada. Os resultados da avaliación permítennos concluír que, para o alumnado participante, a webquest se converteu nun elemento útil, motivador, que promove o traballo en equipo, así como unha forma entretida e amena de aprender.

M.ª Carmen Sarceda-Gorgoso
carmen.sarceda@usc.es
Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Pedagoxía e Didáctica Facultade de Formación do Profesorado
Sara Martín Saiz
sara_msaiz89@hotmail.com

 


1. Introdución

1.1. As TIC na educación

As TIC cada vez son máis importantes tanto na vida cotiá como na educación. O alumnado de hoxe en día é diferente do de xeracións pasadas, a súa maneira de aprender, comunicarse, realizar unha tarefa… variou substantivamente. Están afeitos a usar as novas tecnoloxías na súa vida diaria e por este motivo debemos integralas na súa educación, para que coñezan como usalas correctamente, e así conseguir un maior aproveitamento destas ferramentas, unha mellor adquisición de coñecementos e a realización dunha aprendizaxe significativa.

Os beneficios de usar as TIC no ensino sitúanse en diferentes dimensións: un maior acceso á información e ao seu intercambio, a simulación de contornas para a realización de clases prácticas, a opción de ser usadas en diferentes contextos e situacións grazas á súa flexibilidade, a posibilidade de romper barreiras espazo-tempo, ou promover que os estudantes sexan suxeitos activos na súa educación e non simplemente receptores do coñecemento. Con relación á vantaxe de aforro de tempo por parte do docente, diferentes autores non comparten esta idea, xa que o uso das TIC implica estar ao día nas novas tecnoloxías mediante cursos, revisar o correo electrónico habitualmente, procura de información e iso, ao final, leva máis tempo ca un ensino tradicional (Ferro, Martínez e Otero, 2009).

Por outra banda, no contexto que nos situamos da formación profesional, hai que considerar que cada vez se valora máis no mundo laboral o saber traballar en equipo. Por este motivo é importante que na contorna escolar se empece a formar neste aspecto, para conseguir que os alumnos, que serán profesionais nun futuro, saiban traballar en contornas colaborativas (Sosa, 2009), nas que todos os membros do grupo son útiles, necesarios e cada membro desempeña unha función dentro do equipo, todo isto mantendo un bo clima de traballo (Martín, Domínguez e Paralera, 2011). Nun recente estudo realizado a través de entrevistas a docentes de centros educativos de primaria e secundaria con altas prestacións tecnolóxicas de Castela e León, obtiveron unhas conclusións que avalan a importancia do uso das TIC e da aprendizaxe colaborativa nas aulas (García-Valcárcel, Basilotta e López, 2014). Os docentes deses centros aseguran que con esta aprendizaxe se consegue unha maior motivación do alumnado, se facilita a integración de alumnos con dificultades, permite unha adaptación á sociedade actual, e fomenta a interacción e comunicación, entre outras moitas. Nun dos centros que participou neste estudo, propoñíase unha webquest como un método para usar as TIC e a aprendizaxe colaborativa conxuntamente.

Por todo iso, pódese afirmar (Sarceda-Gorgoso e Martín, 2015) que a educación tradicional, baseada en metodoloxías tradicionais e esencialmente expositiva, xa non é válida para a sociedade actual, que se necesita un cambio e as TIC son unha ferramenta importante para a consecución deste obxectivo.

1.2. As webquest

As webquest son actividades de ensino-aprendizaxe sustentadas no uso das novas tecnoloxías. Presentan a vantaxe de usar Internet pero sen os seus inconvenientes (Adell, 2004), como son a cantidade de información sobre calquera tema que se pode atopar na rede, non saber que páxinas web son fiables, se a información atopada é errónea etc. Coas webquest é o profesor quen se encarga de buscar as páxinas web que serán de utilidade para resolver a tarefa encomendada, mentres que o alumnado se encargará de procesar esa información.

O seu creador defíneas como unha actividade de investigación guiada na que a información utilizada polo alumnado provén total ou parcialmente de recursos de Internet (Dogde, 2012). Están deseñadas para aproveitar o tempo dos estudantes, centrarse en usar a información máis ca en buscala, permitindo que sexan os propios estudantes os que organicen o seu traballo co fin de producir algo do que se sintan satisfeitos. Con todo isto o que se consegue é a recreación de situacións que se poden dar na vida real e no ámbito laboral, o cal fai que se prepare o alumnado para este tipo de situacións, aspectos estes claves da educación hoxe día.

Doutra banda, tamén é gratificante para o profesorado no sentido de que lle permite constatar unha evolución da aprendizaxe do alumnado baseado en principios de actividade e autonomía.

2. Obxectivos

O obxectivo xeral da experiencia é deseñar, desenvolver e avaliar unha proposta de webquest para traballar o tema de nutrientes co alumnado do ciclo medio de Técnico Auxiliar de Coidados de Enfermería do CIFP Politécnico de Lugo. Como obxectivos específicos, propóñense os seguintes:

  • Comprobar se a webquest é axeitada para fomentar o traballo en equipo, conseguir unha aprendizaxe cooperativa, fomentar a interacción entre o alumnado e a interdependencia positiva.
  • Pescudar se o mencionado alumnado considera este método como unha forma atractiva e entretida de aprender e se é un elemento motivador da aprendizaxe.
  • Coñecer o grao de satisfacción que obtivo o alumnado coa actividade e se lles gustaría repetir a experiencia.
  • Valorar a calidade técnica e didáctica da webquest deseñada.

 

3. Descrición da experiencia

Elaborouse unha webquest específica para a unidade didáctica de Nutrición e tipos de dietas, da materia Técnicas Básicas de Enfermería, consistente na elaboración dunha dieta equilibrada para un día. Nela, os estudantes tiñan que crear un produto que acade un obxectivo predeterminado e que funcione dentro duns límites especificados. Ademais, sería de curta duración, xa que se planificou para realizala en tres sesións de clase.

3.1. Participantes

Participan un total de 23 alumnos e alumnas cunha idade comprendida entre os 17 e os 51 anos, predominando os de 28 anos en diante. Os estudos dos que proveñen son moi diversos: ESO, segundo de bacharelato, ciclo superior, licenciados, diplomados e unha persoa mediante proba de acceso. En canto á experiencia profesional, a maioría carecen dela.

3.2. Procedemento

Antes de levar á práctica na aula a webquest, realizouse unha proba piloto para comprobar que, mediante os datos e recursos achegados, se podía realizar a tarefa proposta. Para iso contouse cunha voluntaria con coñecementos básicos de dietética e nutrición. Sen apenas explicacións, só dicindo como acceder á webquest e que podía atopar en cada apartado, a nosa voluntaria puido realizar a tarefa con éxito. Neste proceso, pedíuselle tamén que realizase aquelas observacións sobre a webquest que considerase útiles para mellorala e que foron incorporadas á versión definitiva, quedando conformada da maneira que se pode ver en Martín (2015).

Para realizar o traballo, a clase dividiuse en oito grupos de tres persoas cada un, excepto un que é de dúas alumnas.

3.3. A nosa webquest

A webquest proposta organizouse nos seguintes apartados que seguen a estrutura sinalada por Dodge (2012): introdución, tarefa, proceso, recursos e avaliación.

3.3.1. Introdución

Neste apartado explícase brevemente en que vai consistir o traballo que o alumnado ten que realizar, o que permite poñelo en situación e espertar o seu interese. Isto faise presentando unha paciente que quere adelgazar, para o que terán que elaborar unha dieta equilibrada.

Introdución da webquest

 

3.3.2. Tarefa

Detállase como será o traballo que hai que realizar, márcanse unhas pautas xerais, como quilocalorías que ha de ter, distribución das comidas e algún consello; pero dáselle liberdade ao alumnado de escoller e distribuír os alimentos da forma que mellor considere.

 

Tarefa da webquest

 

3.3.3. Proceso

Explícanse os pasos que teñen que seguir para elaborar o traballo e as recomendacións para facelo: porcentaxes de nutrientes que ten que ter a dieta, que eses nutrientes teñen que pasalos de quilocalorías a gramos, deberán incluír tamén algunha recomendación e información adicional para que a dieta sexa máis efectiva. Ademais danse indicacións de como ten que ir presentado o traballo (neste caso será en formato Word), sinalando que se terá en conta o esforzo, a creatividade e a boa distribución dos alimentos.

 Proceso da webquest

 

3.3.4. Recursos

Neste apartado dispoñen de ligazóns web cunha breve descrición do que poden atopar en cada un para realizar o traballo.

Recursos da webquest

 

3.3.5. Avaliación

Mediante unha rúbrica expóñense os aspectos que se terán en conta á hora de avaliar os traballos. Isto permitiralles enfocar a súa aprendizaxe na liña das aprendizaxes pretendidas.

Avaliación da webquest

 

4. Resultados

Para a avaliación da experiencia deseñouse unha enquisa tipo Likert de cinco graos (nada, pouco, bastante, moito e total) estruturada en tres bloques: deseño, contido e valoración global da webquest.

4.1. Valoración do deseño

Cinco aspectos foron avaliados con respecto ao deseño en canto á súa adecuación: cores da webquest, tamaño de letra, facilidade na navegación, facilidade no acceso aos recursos web e presentación dos recursos. As respostas dos participantes (táboa 1) amosan como as maiores porcentaxes de resposta se sitúan nas valoracións máis positivas, chegando a acadar o 65,3 % na categoría “totalmente axeitado” con relación á facilidade no acceso aos recursos. Pola contra, ningún participante opta pola valoración “nada axeitado” e só un 4,3 % considera que as decisións foron “pouco axeitadas” con relación ás cores e no que respecta á facilidade no acceso aos recursos.

 

4.2. Valoración do contido

No que atinxe ao contido, propúxoselle ao alumnado a valoración da adecuación de nove aspectos: a información da introdución, a descrición da actividade que había que realizar na tarefa, se o proceso permitiu coñecer os pasos que había que seguir para realizar a actividade, calidade e cantidade dos recursos facilitados, oportunidade das páxinas web proporcionadas como fonte de información, o modelo de avaliación e capacidade da conclusión para inducir á reflexión.

Tal e como se constata na táboa 2, de novo as maiores porcentaxes de resposta se sitúan nas categorías “bastante axeitado” e “totalmente axeitado”, que chegan a acadar o 56,5 % (con relación ao modelo de avaliación) e o 47,8 % (nos ítems o proceso permitiu coñecer os pasos que había que seguir e oportunidade das páxinas web), respectivamente. Por outra banda, no ítem calidade e cantidade dos recursos preséntase o número máis elevado de respostas na valoración “pouco axeitado” (17,4 %).

4.3. Valoración global

Os resultados obtidos con relación á valoración global da webquest (táboa 3) acadan, en liñas xerais, as maiores porcentaxes na categoría “totalmente de acordo”, que se sitúa no 60,9 % con relación a valorar positivamente a participación nesta actividade. Non obstante, cabe destacar que máis da metade dos participantes coincide en sinalar que a webquest resulta complicada polos coñecementos informáticos que require (o 39,1 % e o 21,7 % optan por estar “bastante” ou “totalmente de acordo” con esta afirmación).

5. Conclusións

Unha vez exposta a análise dos datos, cómpre retomar os obxectivos que orientaron esta experiencia e ver en que medida foron acadados.

En primeiro lugar, as manifestacións dos participantes indican que a introdución de webquest nas aulas como recurso TIC é unha opción axeitada para fomentar o traballo en equipo, conseguir unha aprendizaxe cooperativa, fomentar a interacción entre o alumnado e a interdependencia positiva. Así se desprende das valoración realizadas e presentadas na táboa 3, onde as maiores porcentaxes de resposta con relación a esta variable se recollían na categoría “totalmente de acordo”.

Complementariamente, interesaba pescudar se os participantes consideran este método como unha forma atractiva e entretida de aprender e se é un elemento motivador da aprendizaxe. Neste sentido, as respostas obtidas así o parecen indicar, xa que logo os ítems relativos a este aspecto acadan as porcentaxes máis elevadas nas valoracións “bastante de acordo” e “totalmente de acordo” (táboa 3). En consecuencia, pódese afirmar que o grao de satisfacción e moi elevado e que lles agradaría repetir a experiencia.

Por último, estableciamos como obxectivo neste traballo valorar a calidade técnica e didáctica da webquest deseñada. Os resultados presentados na táboa 1 indican que, en liñas xerais, a percepción dos participantes sobre a calidade técnica é alta, ao presentarse o maior número de respostas (sempre por riba do 50 %) con relación a quen considera que é “totalmente axeitado”. Atendendo á calidade didáctica (táboa 2), aínda que con menores porcentaxes, a tónica segue a ser a mesma, posto que as dúas valoracións máis positivas acadan máis do 90 % das respostas, excepto nos ítems relativos á calidade e cantidade dos recursos e capacidade da conclusión para inducir á reflexión, nos que un 17,4 % e 13 %, respectivamente, consideran que é “pouco axeitada”.

Como resultado destes datos, referendamos a nosa opción por introducir metodoloxías e recursos innovadores nos procesos de ensino-aprendizaxe, de maneira que os alumnos e alumnas se sitúen no centro do proceso e se convertan en axentes activos del.

 

 

Bibliografía: 

 

 

ADELL, J. (2004). Internet en el aula: las webquest.

DODGE, B. (2012). Entrevista realizada por “Education World”.

FERRO, C.; MARTÍNEZ, A. I. e OTERO, M. C. (2009). Ventajas del uso de las TIC en el proceso de enseñanza‐aprendizaje desde la óptica de los docentes universitarios españoles. EDUTEC, Revista Electrónica de Tecnología Educativa (29) 1-11.

GARCÍA-VALCÁRCEL, A.; BASILOTTA, V. e LÓPEZ, C. (2014). Las TIC en el aprendizaje colaborativo en el aula de Primaria y Secundaria. Comunicar (21:42) 65-74.

MARTÍN, A. M.; DOMÍNGUEZ, M. e PARALERA, C. (2011). El entorno virtual: un espacio para el aprendizaje colaborativo. EDUTEC, Revista Electrónica de Tecnología Educativa (35) 1-11.

MARTÍN. S. (2015). Elaboración de una dieta equilibrada.

SARCEDA-GORGOSO, M. C. e MARTÍN, S. (2015). Las webquest en formación profesional: análisis de una experiencia. En JACINTO ESCOLA, J.J, RAPOSO-RIVAS, M.; MARTÍNEZ FIGUEIRA, E. e FLORENCIO AIRES, A. P. Investigaçao e inovaçao no domínio das TIC no ensino. Ourense, Auria, pp. 311-321.

SOSA, M. J. (2009). La webquest: ventajas e inconvenientes como recurso educativo.

Sección: